Krasznahorkai en galego: arquitectura novelada

_MG_2956Normalmente titulo as críticas empezando co título da obra pero neste caso se poño Ao norte unha montaña, ao sur un lago, ao oeste uns camiños, ao leste un río, desfago a maqueta da revista. De feito, esta será a última vez que poña o título da novela.

Esta obra escrita polo húngaro László Krasznahorkai publicouse orixinalmente no 2003 e encaixa á perfección na filosofía editorial do selo que a acolle en galego: Rinoceronte. Literatura de alta calidade, refrendada con traducións a varios idiomas mais pertencente a sistemas culturais diversos, neste caso o maxiar, cunha escasísima presenza na biblioteca galega.

É escusado falar de argumento nesta novela. Non hai necesidade de trama, a narración non responde a un modelo predefinido ou clásico ou pactado entre unha tradición literaria e os seus receptores. Krasznahorkai compón un texto onde o importante é a linguaxe e a capacidade da palabra para recrear e enriquecer a experiencia sensorial. Esta novela ábrelles aos lectores a posibilidade de estimular a súa imaxinación non en base a clixés máis ou menos automáticos (o recurso máis habitual nas malas novelas) mais tampouco a través dun fío que nos serve de amparo páxina tras páxina. O autor proclámase libre: o lector ten que admitir esa imprevisibilidade e asumir a lectura como un camiño sen varandas, sen cartaces indicadores, que en determinados momentos nos vai obrigar a facer equilibrios para non desistir e pousar o libro e que a cambio nos vai proporcionar amplos planos, paisaxes narrativas tan poderosas e reconfortantes que sentimos coma o noso cerebro senta e contempla.

O autor proclámase libre: o lector ten que admitir esa imprevisibilidade e asumir a lectura como un camiño sen varandas.

9788492866663_00_640x640A ambientación do libro lévanos ao Xapón dos grandes templos budistas a través de personaxes exóticos, extremorientais, preocupados de aspectos da vida que son extraterrestres para a nosa idea da vida e do mundo. O escritor húngaro mergúllase nesa maneira de ver a vida e sen mimetizarse, sen deixar de ser intérprete da visión europea, opta por poñer a expresión á altura das expectativas culturais que retrata. O resultado é orixinal, moderno, contracorrente. A lectura provoca en nós pura sinestesia. Hai momentos nos que temos que asegurarnos de que o papel non está deitando aromas de esencias e plantas asiáticas.

A narrativa actual está nun momento de transición. Xa non pode conformarse simplemente cun argumento, cun esquema unicamente narrativo porque perdeu desde hai un século o seu monopolio como transmisor útil da ficción que quere simular ou representar a realidade. As propostas para superar ese modelo son moitas e nin todas teñen éxito. A que propón o escritor húngaro é a comuñón da arte literaria con outras artes. Neste caso a asociación dáse con unha que comparte coa narrativa o risco de contaminación entre utilidade/artesanía e arte/investigación: a arquitectura. Esta novela é arquitectura novelada. O tratamento de factores como o espazo físico, a distancia, a visión, os materiais, as proporcións dos obxectos, as cerimonias, os hábitos… Estou convencido de que autores como Alvar Aalto desfrutarían moito da forma literaria deste libro.

Esta novela é arquitectura novelada. O tratamento de factores como o espazo físico, a distancia, a visión, os materiais, as proporcións dos obxectos, as cerimonias, os hábitos…

No plano técnico, Krasznahorkai propón unha revolta contra a linguaxe audiovisual. E faino da maneira máis espectacular: as frases son meticulosas, longas, por veces eternas, pendentes dos detalles mediante un barroquismo de perífrases que só ten éxito porque el é un grande escritor. Nos tempos nos que a descrición se fixo inútil en gran parte da literatura (e a narrativa que non se decatou xa malamente se atura), este autor dinos que el é capaz de sofisticar tanto a sintaxe que o resultado final xa non nos lembra á literatura do século XIX senón, e velaí o toque xenial, ao cinema da contramontaxe. Eses planos amplos dos que falaba parecen tirados desas películas onde a cámara percorre a vida, en silencio, sen cortes, a través de longos planos secuencia que procuran unha conexión artística coa creación. Velaí o que consegue este libro: por momentos sénteste como quen observa a demora do traballo dun artesán da xoiaría ou da madeira, pasos e máis pasos até lograr o momento final no que todos os vectores se unen nun resultado perfecto e sinxelo.

E é que a novela de Krasznahorkai non é complexa. Ben ao contrario, é esta obra balsámica, construída para transmitir harmonía, para nos tirar do balbordo da vida. É agasallo ou recomendación ideal para admiradores das tradicións nipoas e para quen considera que é a contemplación, incluída a que se consegue mediante a mente, o meirande achado da arte.

♦ Ao norte unha montaña, ao sur un lago, ao oeste uns camiños, ao leste un río, de László Krasznahorkai. Tradución de Sergio de la Ossa e Veronika Gergely, Rinoceronte, 2014. 149 páxinas. ♠16€

César Lorenzo Gil.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s