Diálogos críticos. Primeiro acto

Unha pequena conversa. CHIARA ABBATE/FLICKR

Unha pequena conversa. CHIARA ABBATE/FLICKR

O autor repasa algunhas obras galegas premiadas recentemente cun método diferente de crítica literaria: os diálogos. Velaquí o primeiro acto da conversa, unha introdución e exposición do método crítico empregado.

Xesús González Gómez.

Setembro, 2015. Dous vellos amigos encóntranse, como cada ano, despois das vacacións. Logo de se abrazaren en silencio e comentaren vicisitudes familiares, comeza o diálogo:

Amigo 1: Que, como vai todo?

Amigo 2: Ben, non nos podemos queixar, malia a calor. E ti?

1: Perfectamente. Á espera da xubilación total.

2: Para cando?

1: O quince deste mes [setembro].

2: E por Galicia?

1: Imaxínao. Mais ou menos coma ti.

2: É dicir, comer ben e barato, non papar calor e ler a mancheas.

1: Resposta científica, como todas as túas.

2 : Vai pró carallo.

1: Xa empezas. Ben, va, falemos doutras cousas.

2: Si, eu quería preguntarche se fixeches como o ano pasado, se te ateigaches de literatura galega até os escasos pelos que tes na cabeza.

1: Máis ou menos. Lin, penso, menos libros galegos de tempos idos mais non pasados que o verán anterior. E ti, que liches?

2: De todo un pouco, e seguindo o teu exemplo do ano pasado dediquei un pouco máis do meu tempo de lecturas á narrativa galega, de tempos idos, coma ti.

1: Eu, toda a narrativa galega que lin, menos un, que era unha tradución, foron libros galardoados nun ou outro concurso.

2: Home, curioso método, ti, que sempre estás a afirmar que no canto de novelas escríbense «premios literarios».

1: Por iso o fixen, a ver se cambiaba de opinión.

2: E…?

1: Xa falaremos.

2: E á parte dos galegos?

1: Unhas novelas policiais que vendía El País, abondo malas, dúas cousas da Hannah Arendt, unha de Joseph de Maistre, unha novela de Malamud, outra de Bufalino e algunha cousas máis que non lembro. Ah si, e Vida de Henry Brulard e Memorias do egotismo, de Stendhal.

2: Stendhal; lembro o que di sobre a lectura de Stendhal Leonardo Sciascia en Negro sobre Negro, que relín este verán. Lémbralo?

1: Mais ou menos, o siciliano afirma que en Italia a lectura de Stendhal sempre coincidiu con momentos de, digamos, rebelión da mocidade. A primeira vez non sei cando, a segundo, a que lembro, en 1934, cando se inicia a resistencia e rebelión contra o fascismo en Italia.

2: Exactamente.

1: Esperemos que, de ser así, a mocidade comece a ler a Stendhal.

2: Esperémolo. E que tal esas “memorias” de Stendhal?

2: A min interesáronme en moitos aspectos. Por certo, hai pouco saíu unha versión galega do seu Diario, feita por Olga Novo, se mal non lembro: espero conseguila un día destes.

2: Xa ma pasarás.

1: Faltaría plus. E falando de Stendhal e destes dous libros de “recordos”, é curioso (sic) constatar que cando Beyle lía unha recensión crítica adversa ao que escribira el, preguntábase quen podía ter razón, se el ou se o comentarista.

2 : Home, un bo exemplo, para tantos autores e autoras que argallan textos de ínfima calidade e pensan que fixeron unha obra mestra e que superaron, co seu primeiro libro, a Faulkner, a Borges ou a Dashiel Hammett.

1: E non só para estes de que falas ti, senón tamén para aqueles outros e outras que cando se topan cunha crítica adversa, acusan o crítico ou comentarista, non só de incompetente, senón de antinacionalista, antisocialista, antipopular, antigalego, ou, por outros vieiros, de paternalista, agresor, machista, paternal, por non subir de adxectivos e substantivos.

2: Bah, esa sempre será a defensa do ou da inútil. Non digo que non poidan existir esa clase de recensións, pero curiosamente talvez as recensións máis antigalegas, antipopulares, antisocialistas, patriarcais, machistas, etcétera, sexan aquelas que, mediante subterfuxios máis ou menos lingüísticos, intentan salvar o insalvábel, recensións que acaban por non dicir nada, ou case nada, agás algún que outro adxectivo máis ou menos encomiástico sobre o artefacto que comentan e se dedican a falar da posíbel recepción da obra. Por exemplo, non hai moito que un comentarista, ao falar da novela dunha autora que non vén ao caso defendía a súa publicación porque esa autora gozaba de ou tiña detrás “unha comunidade lectora”.

1: Unha comunidade lectora? Agora a teórica comunidade lector vai por parcelas?

2: Seica si. O comentarista debeu falar de club de fans, ou de clan de lectores/as, pero debeulle parecer pouco científica (sic) a expresión. Ou politicamente incorrecta, vai saber ti.

2: Cousas.

2: Efectivamente. Cousas. Mais pasemos precisamente outras cousas e fálame das túas lecturas.

1: Alá vamos.

2: Para; antes de continuarmos, mellor vaiamos a un bar a tomar uns viños.

1: Vaiamos.

Sentados a á mesa dun bar, toman os dous amigos uns viños.

2: Antes de iniciar a túa perorata, explícame ese método que escolliches. Ese dos premios literarios.

1: Doado é de explicar. Dous días despois de chegar a M., fun á biblioteca, repasei os libros dos andeis e, finalmente, collín o primeiro. Dun autor do que nada sabía, Ignacio Silva. Deste autor collín un libro, o único que había alí, non sei se publicou máis: Cara B, editado por Xerais no 2011. Vin que constaba de tres novelas curtas ou noveletas e que as tres foran premiadas, así que naquel mesmo momento decidín que só lería libros narrativos que tivesen un ou outro galardón. Ante ou post.

2: Que queres dicir con iso de ante ou post.

1: Simplemente se foi galardoado porque se presentou a un premio ou foi galardoado cun premio despois de ser publicado.

2: Aclarado ese punto, continúas, despois desas lecturas agosteñas, a manter que literatura e premios literarios están rifados, ou que só se escriben premios literarios?

1: Non che vou dicir nin que si nin que non senón todo o contrario. Vas telo que deducir ti despois do que eu che vou dicir, por algo les tanto a dona Agatha.

2: E será moito?

1: Home, ti mesmo.

2: En fin, aturarei a túa charlatanaría.

1: Se pensas así… En fin, serei breve.

2: Iso está ben, porque o malo se breve, non é que se converta en bo, pero pode ser aturábel. E agora é o momento de que me fales das túas lecturas narrativas galegas do pasado agosto. E dos libros galegos que liches, se é que os liches ou só falas deles polo que visionaches nas lapelas ou nas contracapas.

1: Linos. E falar de libros que non se leron, dar unha opinión axeitada sobre eles, non é cousa tan difícil, segundo Pierre Bayard. Lembra, porque liches o libro deste, que o estudoso francés argalla un divertido traballo sobre o discurso de recepción de Paul Valéry na Academia francesa. Ben, máis que sobre o discurso de recepción, Bayard traballa sobre a parte do discurso dedicada a loar ao escritor morto do que o novo académico, neste caso Valéry, ocupa o lugar. Lembras quen era o escritor morto?

2: Si, Valéry ocupou a vacante deixada por Anatole France.

1: Exactamente. O autor de Monsieur Teste fai, teoricamente, a loa do académico morto… sen citar o seu nome unha soa vez. E é unha gran loa (sic) a contrapelo; ademais, eu teño lido longas recensións de novelas, poemarios, ensaios, etc, publicadas en xornais ou revistas, e mesmo na rede, que dan a impresión de que o autor non leu o libro ou, cando menos, non leu o mesmo libro que lin eu…

2: Ou eu. Ás veces leo recensións de libros de poemas e semella que o comentarista acaba de ler a Baudelaire, Mallarmé, Pound ou Emily Dickinson, etc…

1: Ben, acabemos esta discusión, que nos levaría moi lonxe e paso a falarche dos libros narrativos galegos que lin este verán.

2: Foron moitos?

1: Os suficientes. Iso si, menos que os do pasado agosto do ano 2014. E é que un cada ano se fai máis vello e coa vellez perde un punto en paciencia en dous en aguante.

2: Como case todo cristo ou pensas que es exclusivo?

1: Non penso nada, sobre o tema. E para xa, que debo ir ao que teño que ir, se queres, e se non queres, como dicía a cantiga, eu voume.

2: Bo, empeza dunha vez.

1: Alá vamos!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s