Anxo Lugilde: “Beiras rendibilizará o resultado das xerais, sexa cal for”

foto libro

Anxo Lugilde. ÓSCAR CORRAL

César Lorenzo Gil.

Anxo Lugilde (Lugo, 1970) é o máis ambicioso, documentado e rigoroso analista político de Galicia. Doutor en Historia, politicólogo e xornalista, traballa para La Vanguardia e o Grupo Progreso. No seu libro De Beiras a Podemos (Praza Pública/Meubook) analizou a xenealoxía galega da nova política española. Nesta entrevista, ademais, comenta a previa das eleccións xerais españolas do 20 de decembro do 2015.

Cando publicou De Beiras a Podemos Pablo Iglesias parecía chamado a ser moi relevante no novo goberno central. Hoxe as enquisas colócano na cuarta posición. Vivimos unha aceleración da historia, como di Erri de Luca. Non sei como viven isto os analistas políticos.

Esa aceleración, no meu caso, non me permitiu intuír a seguinte fase no movemento político español. Eu no libro digo que si me parece que o fenómeno Podemos, naquela magnitude de partido maioritario ou moi relevante, podía ser efémera, pero non vin o fenómeno Ciudadanos. No libro digo que Podemos foi unha evolución da AGE que ben puido sepultala. Ciudadanos ben pode ser o equivalente para Podemos.

No seu libro, un dos aspectos máis interesantes para os lectores é a súa análise da casta en termos galegos.

O concepto de casta é un dos grandes acertos de Podemos. Conseguiu sintetizar, facer usable e elocuente unha preocupación que cada vez aparece máis arriba nos estudos sobre Opinión Pública do CIS. Explícome: entre os españois, hai tres temas complementarios que aparecen entre as súas máximas preocupacións: a corrupción, os partidos políticos e os seus membros e a actividade do goberno e do partido que o sustenta. Pois ben, os políticos, en xeral, como problema, é unha preocupación que medrou espectacularmente nos últimos anos. Podemos recolle ese malestar e patenta o de casta. Pero claro, en galego casta ten dous significados. Por unha banda, en efecto, define ese grupo de elite, inaccesible, pechado e influente que quere describir Podemos. Mais por outro tamén define unha liñaxe, unha xenealoxía familiar. Eses dous aspectos quíxenos representar no libro a través de exemplos galegos.

Así é. No libro toma como exemplos de políticos profesionais, que case non fixeron outra cousa na vida, das catro principais forzas políticas. Empezamos polo PP: Arsenio Fernández de Mesa.

Non vai ir nas listas do 20 de decembro. Disque é pola importancia de manter os directores xerais da Policía (Ignacio Cosidó) e da Garda Civil, o propio Mesa, nun momento tan sensible como o de agora, coa tensión con Catalunya. Mesa é o prototipo de político de sempre. A súa experiencia profesional, a súa formación, non tivo que demostrala antes de chegar aos altos cargos. Son eses altos cargos o máis importante do seu currículo.

Xosé Blanco, polo PSOE.

Eis o caso de político que comeza moi novo a militar e vai pasiño a pasiño facéndose co propio aparato do partido. Blanco controlou o PSOE durante oito anos. O seu caso é un exemplo de como o PSOE, a pesar de que o sistema electoral se deseñou para evitar que gobernase, acabou adaptándose a el, e conseguiu converterse no gran partido sistémico de España, grazas entre outras cousas a un deseño estrutural obra de Alfonso Guerra do que Blanco foi un digno herdeiro.

Xoán Fajardo, de Esquerda Unida (AGE).

Neste caso, nel coinciden os dous significados de casta. Ocupou cargos en Comisións Obreiras, igual ca o pai, que foi un dos fundadores e viviu sempre da política ou da actividade sindical. 

Por último, Bieito Lobeira, do BNG.

Lobeira e Blanco son dos que eu denomino políticos profesionais con complexo de culpa. Sempre están a ameazar con que en calquera momento deixan a política e volven á vida laboral. Pero que vida laboral? Lobeira, cando deixou o Parlamento, dixo nunha das fantásticas entrevistas de Nacho Mirás (e non só llo dixo a el) que estaba a pensar en embarcarse. Embarcarse? No único barco no que está é na alta dirección do Bloque. En realidade, desde o seu posto de secretario de Organización controla o BNG e a UPG. E nótase. En moitos outros casos vense os mesmos padróns: militancia xuvenil, falta de atención ao currículo formativo propio, é dicir, estudos deixados a medias, dedicación plena aos aparatos partidarios e encadeamento de cargos públicos ou nas súas propias organizacións.

A sucesión na Deputación de Ourense é clásica do Antigo Réxime, é dicir, da Europa anterior á Revolución francesa.

Xa me adiantaba que Fajardo forma parte tamén da casta no sentido de liñaxe política. Hai máis lugares onde os cargos se herdan mais en Galicia dáse moito e ademais en todos os partidos.

O caso máis destacable é o dos Baltar, do PP, na Deputación de Ourense. Xosé Luís Baltar Pumar é escollido presidente da Deputación tras as municipais do 2011 e en xaneiro do 2012 abandona e deixa no posto o seu fillo Manuel Baltar. É unha sucesión clásica no Antigo Réxime, é dicir, da Europa anterior á Revolución francesa do 1789. Hai máis casos, especialmente nas alcaldías, que pasan de pais a fillos ou cédense entre irmáns. E ocorre en todos os partidos pero máis no PP, que é o que ten máis para repartir e transmitir. A política non se toma coma un servizo público senón como un oficio ou a xestión dun patrimonio familiar. Nalgunhas famillias os negocios pasan de xeración a xeración; os cargos públicos trátanse coa mesma consideración. Familia e política entremestúranse. Nas xerarquías dos partidos ocorre tamén. O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, é xenro de Camilo Nogueira, que liderou Esquerda Galega e foi eurodeputado co Bloque. A muller do primeiro e filla do segundo, Alba Nogueira, forma parte do Consello Nacional da fronte.

No libro, vostede aventuraba unha futura confrontación polo mesmo electorado entre a AGE e Podemos. Ao final, ambos proxectos conflúen na coalición En Marea.

É certo. Vendo a evolución das cousas, é lóxico. A AGE quedara moi tocada tras os problemas internos destes anos e os resultados das europeas e Podemos non podía dar o paso por libre nas municipais de maio. O experimento da confluencia produciuse coas Mareas. O éxito nas capitais da provincia da Coruña facía inevitable repetir a fórmula. Até colleron o nome! De todos os xeitos, paréceme moi interesante a crítica de Beiras a Pablo Iglesias sobre o seu cesarismo e a resposta do madrileño: “He aprendido de él lo que no he aprendido de nadie”. Quen queira entender, que entenda.

Beiras, malia os anuncios de que podería dar o salto ao Congreso dos Deputados, dá a sensación de que se retira polo momento da primeira liña do proxecto de En Marea.

Beiras rendibilizará o resultado das xerais, sexa cal for. Pensemos na campaña das municipais. El apenas estivo na primeira liña. Participou unicamente nun par de mitins en Santiago e dixo que se dedicaría ás candidaturas puramente de Anova. Iso pasou porque el non acababa de verlles xeito ás Mareas. Pois ben, logo do éxito foi o primeiro non só en aparecer nas fotos da vitoria senón que se converteu, para certa xente e para certa prensa, no inspirador da estratexia.

“Nós-Candidatura Galega é unha operación de maquillaxe mal feita”

Así sen querer metemos na conversa as eleccións do 20 de decembro. Falabamos de En Marea. A candidatura de Yolanda Díaz pode converterse nun misterio case á altura do da Trindade. Líder de EU, que pertence a IU, preséntase xunto a Podemos mais seguramente conservará a súa adscrición como deputada á coalición que lidera, polo que pode acabar votando xunto con Izquierda Unida. Coido que me perdín…

Ese labirinto é un dos puntos atractivos da campaña, si. A presenza de Díaz é unha estratexia de IU para asegurar algúns deputados porque o ten moi difícil. Mais tamén é certo que ela ten unha forte simpatía cara a Iglesias.

O sistema electoral español en realidade son tres sistemas.

Por primeira vez fálase de que os dous partidos do sistema (PSOE-PP) poden atinxir menos do 50% dos votos.

Son as primeiras eleccións nas que os denominados terceiros partidos estatais poden ter relevancia. Pensemos en que desde a desaparición do CDS non houbo un partido realmente representativo desa terceira vía no centro-dereita. Intentouno UPyD pero desapareceu antes de ser realmente decisivo. A razón está no sistema electoral.

Explíquese.

Un dos creadores do sistema, o catedrático de Dereito Constitucional e dirixente da UCD, Óscar Alzaga, definiuno con grande acerto: “O sistema electoral español é absolutamente peculiar, infinitamente máis orixinal do que semella a primeira vista e bastante maquiavélico”. E é que en realidade España ten tres sistemas electorais malia que polo xeral se pense que só existe o sistema proporcional baseado en D’Hondt. Nas provincias nas que se escollen máis de dez deputados en efecto temos un sistema proporcional D’Hondt bastante xusto. É o das grandes provincias: Madrid, Barcelona, Sevilla, Valencia. En segundo lugar, naquelas circunscricións que escollen entre seis e nove escanos, o sistema é mixto. É dicir, existe proporcionalidade pero a lista máis votada xa conta cunha prima (premio de representación por acabar en primeiro lugar que non é proporcional ao número de votos). E por último, nas provincias onde se escollen até cinco deputados o sistema é claramente maioritario.

Este sistema “peculiar” creouse para favorecer a UCD e prexudicar o PCE. O que pasa é que logo o PSOE soubo tirarlle partido e máis tarde fíxoo o PP. Foi o sistema o que fortaleceu o bipartidismo porque se encargou de eliminar as terceiras opcións. CDS, IU, UPyD non foron quen de competir a pesar de ter unhas cifras de voto globais nada desprezables. Esa desvantaxe segue presente pero de cara ao 20D intúese que o desgaste dos dous primeiros partidos sexa tal que si poida haber un relevo até certo punto.

A estrela que máis brilla arestora é Ciudadanos. Son realistas as enquisas en Galicia? Triunfará esa mensaxe de nostalxia do estado das cousas previo ao 2008? Superará os límites que tivo UPyD?

Se as enquisas se cumpren, Ciudadanos (Cs) obtería representación nas provincias da Coruña e de Pontevedra. É un éxito moi grande. O normal é que os resultados sexan peores pero é certo que Ciudadanos ten algo que nunca tivo UPyD: a súa mensaxe cala nas bases do PP. Hai unha parte de votantes tipo da dereita que xa non conecta cos populares e que si pensa que Cs é unha opción que casa cos seus ideais. Con todo, si hai relación directa entre as mensaxes de UPyD e Cs e UPyD sempre fracasou en Galicia. Cs conseguiu concelleiros en tres cidades galegas pero a súa porcentaxe de voto non foi tan grande coma noutros lugares. O que ocorre é que o resultado das catalás mudounos de órbita e hoxe Albert Rivera é unha figura coñecida entre o electorado e hai quen pensa talvez non que poida gañar pero si ser decisivo. Eu sempre digo que de todas as maneiras, o fenómeno de Cs non é tan novo. Leva asentándose desde as europeas. Naquelas eleccións o grandísimo resultado de Podemos ocultou o magnífico resultado de Cs. Por certo, quen queira saber como é realmente Cs que lea o que ocorreu no seu congreso fundacional de Bellaterra, no 2006, cando Rivera foi escollido por orde alfabética. Unha curiosa orde alfabética, por nomes, non por apelidos. O seguinte alto cargo foi Antonio Robles.

Rivera é un nacionalista no sentido ideolóxico clásico coma era Rosa Díez pero a oportunidade da súa mensaxe de rexeneración de centro-dereita é meirande agora. Penso que para Galicia, a experiencia máis decisiva para coñecer o seu alcance e as súas políticas é o Concello de Ribeira, onde apoian o PP.

Gómez-Reino procede en efecto dese círculo que domina Podemos sen discusión.

Volvamos a En Marea. Vostede consideraba obvio que Antonio Gómez-Reino, Tone, sería o candidato mellor colocado para ir a Madrid, xa que ademais de formar parte do círculo de amizades de Iglesias, saíra escollido naquelas primarias centralizadas.

Nas provincias nas que a coalición ten posibilidade de conseguir representación, Podemos ten dous nomes, o propio Tone na Coruña e Ánxela Rodríguez en Pontevedra, onde vai de número 2.

Chama a atención que Anova colocase no posto con maiores posibilidades unha persoa moi nova, sen experiencia nin nome, tanto na propia organización coma na propia sociedade: Alexandra Fernández. Non estamos a falar de Lidia Senra (candidata de Anova nas europeas), por facer unha comparación.

Quizais buscaron xusto o perfil contrario a Senra, vendo como lles foi antes e despois das eleccións. É unha moza que encaixa máis nesa idea de nova política. Simbolicamente ten forza, é coherente con outros acenos sociais.

Coherente coas Mareas.

Exacto. Cando o BNG chegou ao poder municipal, eran tempos nos que cumpría a homoxeneización, facerse homologables. Lembro que Xaime Bello (alcalde do Bloque por Ferrol entre o 1999 e o 2003) foi con diferenza o edil máis fotografado entre curas e militares da historia da cidade. As Mareas apostan por diferenciarse, por comunicar que son algo novo. Teñen unha boa estratexia ao redor do simbólico. Por exemplo, xogan con habelencia cos conceptos de liderado e asemblearismo: Xulio Ferreiro e o seu equipo parecían máis asemblearios na campaña e agora o seu mandato é máis personalista. Martiño Noriega parecía máis líder único na campaña e agora vemos que o seu goberno é bastante máis coral.

O BNG foi en realidade o primeiro que empezou a precampaña para as xerais. Decidiu prescindir das siglas, propuxo un movemento de unión do nacionalismo… Ao final o resultado é Nós-Candidatura Galega. Pensa que é un cambio importante no nacionalismo galego?

Nós-Candidatura Galega é unha operación de maquillaxe mal feita. Só sería crible se as súas cabezas de lista non formasen parte activa do partido, se nas primarias houbese opcións diferentes con posibilidades reais de éxito. Este proceso é unha das consecuencias de ter a Bieito Lobeira ao mando. Para presentar a Carlos Callón e a Carme Adán, quizais era mellor ter mantido as siglas BNG, que moita xente identifica con defensa dos intereses de Galicia. Pero tamén entendo que é unha reacción contra o desgaste da marca e nos tempos “acelerados” de hoxe quizais é máis doado “normalizar” novas marcas e se cadra xa dentro de pouco hai unha clara identificación do que significa Nós.

Con este movemento corta o BNG a sangría de votos?

Non o sei. O BNG en efecto necesita para moverse correctivos nas urnas e por outro lado está a pagar a crise do sistema sen ter sido protagonista del mais por causa desa homologación que intentou antes xusto da crise do 2008. Quedou cunha perna no institucional cando a terra se abriu e é lóxico que pase mal para manterse en equilibrio.

A chave do nacionalismo do século XXI tívoa Xosé Manuel Beiras, cando no 1997, tras o mellor resultado do Bloque en toda a súa historia, non aproveitou o bo vento para aproximar ao BNG nova xente que non estivese nas coordenadas da UPG e polo tanto vencela desde dentro.

“Feixoo só se presentará a un terceiro mandato se ten claras expectativas de gañar”

Vostede ten dito que Feixoo sempre quixo liderar o PP estatal pero que as súas posibilidades remataron de vez o día que El País publicou as súas fotos a carón do narcotraficante Marcial Dorado. Segue a pensar o mesmo?

Hai unha hipótese política que afirma que de darse a aritmética parlamentaria que o propicie, Cs faralle a Raxoi o que lle fixo a Pedro Sanz en La Rioja, é dicir: apoiará un goberno do PP coa condición de que presida o goberno unha persoa nova, allea ao clima de corrupción do aznarismo. E aí soa Feixoo. Mais eu teño para min que a amizade cun narco inhabilítao para tal operación. O único que pode branquear a Feixoo é unha terceira maioría absoluta en Galicia. Entón, igual que ocorreu no 2009, o PP galego pode ser de novo motor de recuperación para o partido en todo o país xa que a día de hoxe os populares non manteñen ningún goberno autónomo con maioría parlamentaria.

Daquela, Feixoo necesita presentarse en Galicia si ou si.

Ou non. Porque se fracasa, pérdeo todo. Eu penso que Alberte Núñez Feixoo só se presentará a un terceiro mandato se ten claras expectativas de gañar. Lerá os resultados do 20 de decembro e deseñará a axenda electoral galega do 2016 en base ao que ocorra. Se o PP volve gobernar, teremos eleccións moi pronto. Se perde, é quen de atrasalas o máximo, até novembro ou así. Tamén se pode dar unha terceira posibilidade: que as xerais deixen un congreso ingobernable e haxa que repetir as eleccións en marzo. Nese caso, pode ser que Feixoo faga coincidir os dous calendarios.

Hai que subliñar que o PP vive hoxe un momento electoral moi duro. Nas dúas últimas convocatorias electorais non superou o 35% dos votos e perdeu unha gran parte do seu poder institucional. Nas cidades, só goberna, cunha minoría de dez concelleiros sobre 27, en Ourense. Das catro deputacións, en tres gobernan PSOE máis BNG e na de Ourense, goberna unha familia.

E se non hai pacto en Catalunya, podería haber unhas terceiras eleccións no Estado e xa sería a repanocha.

Total!

Unha das características do poder de Feixoo desde o 2009 é o seu hiperliderado. Hai quen lle chama o Eucalipto porque ao redor del non medra ningún poder alternativo. Zuga todo o sustento político.

Esa é a cerna do seu modelo de facer política. É unha estratexia fantástica se as cousas van ben pero moi perigosa para o partido se van mal porque os liderados non se fabrican da nada, nin sequera nun partido coma o PP. Se Feixoo non se presenta ou perde no 2016, fálase da posibilidade de que tome o control Ana Pastor pero a súa opción non acaba de convencer. Un dato: na última xuntanza do PP estatal en Soutomaior, o alcalde dese Concello, o popular Agustín Reguera, laiouse do dura que fora a campaña das municipais e cun discurso eufemístico culpou o PP de pensar en grandes obras e non darlle a xente o apoio, o cariño que necesita no día a día. É dicir, máis política de proximidade e menos infraestruturas. Nese contexto hai que entender os cambios no gabinete Feixoo, onde se volve á política da repartición de fondos para engraxar as bases territoriais. Nese contexto a figura que máis convencía para substituír o actual presidente galego era o ex alcalde da Coruña Carlos Negreira. Pero Negreira xa está descartado. Sempre queda aí a alternativa “galeguista” de Xosé Manuel Barreiro… pero sempre me pareceu feble.

Antes falabamos da familia Baltar. Malia que Manuel Baltar presume da súa capacidade de resistencia, os resultados foron malos: a vila máis importante que goberna o PP é Xinzo (con dez mil habitantes). Ademais, circulan unhas gravacións nas que o presidente confesa que manipula oposicións, confesa que a Deputación está chea de enchufados… do seu pai e admite intercambiar sexo polo menos por promesas de postos funcionariais.

O tema é gravísimo. O curioso é o silencio do PP, que ampara tacitamente este comportamento. Persoalmente, coido que se a denuncia da ex traballadora da Deputación ten percorrido xudicial, Baltar está acabado e terá que demitir.

 

Advertisements

3 comentarios en “Anxo Lugilde: “Beiras rendibilizará o resultado das xerais, sexa cal for”

  1. As miñas felicitacións ao entrevistado. Creo que aporta perspectiva e independencia, algo do que está moi falta a análise política en GZ.
    Penso que Luxilde coincide en virtudes con E. Juliana, o gran analista de LV e un dos que mellor se poden ler no Estado.
    Por outra parte, creo que a politoloxía está sempre coxa sen a economía. De aí, en parte, o erro habitual nos vaticinios. Para evitalo, Luxilde nesta entrevista di que todo pode ocorrir así ou pode suceder doutra maneira.
    O que me sorprende na súa boca é esa consideración de que a UPG representa o único “aparato” que ao parecer hai na política mundial. É como dicir que un edificio en concreto non gusta porque está construido con cemento. Pero, vamos a ver, todas as casas que non se caen levan cemento!
    Moitas felicitacións e grazas. Leo sempre con gusto as túas opinións.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s