‘Cara B’, exercicios literarios de Ignacio Silva

DIÁLOGOS CRÍTICOS (II).

Xesús González Gómez.

Os dous amigos continúan sentados á mesa dun bar a tomaren uns viños.

9788499141541Amigo 1: Como che dixen, só falarei de libros galardoados. O primeiro deles é, xa o mencionei, Cara B, de Ignacio Silva. [Tira un pequeno bloc do bolso] O libro consta de tres narracións que queren ser novelas curtas ou noveletas. A primeira, Cela aberta, a máis curta, foi galardoada co VII Premio Valle-Inclán da Asociación amigos do Museu Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, que tan ben coñeces.

Amigo 2: Nin que o digas!

1: Cela aberta é un intento de novela, con tema, digamos, duro: un home está na cadea, leva non sabe se dez ou doce anos, illado, torturado, non lle dan case de comer, mallan nel, etc. Un día, métenlle unha muller máis nova que el na cela. A muller non fala, el míraa, etc. Aos poucos días, os carcereiros comezan a alimentalos aos dous. Recuperan forzas, engordan. El quere falar con ela, ela nunca responde. Xa completamente recuperado, empezan a virlle os desexos sexuais que consideraba, senón mortos, completamente durmidos. Acaba por violala en diversas ocasións. Logo, deixan de alimentalos e ao cabo duns poucos días, son liberados. O réxime ditatorial que o encerrara (era un líder da oposición) caeu. Volve a casa, recupérase. Mais comezan os remorsos e é incapaz de facer o amor coa súa muller. Un día, vendo un programa de TV dedicado á represión, represión que todo o mundo quere esquecer, escoita unha voz de muller, e sabe que é ela e quen é ela, a pesar de que non se lle vexa o rostro. Ao día seguinte vai directo a un enderezo dos arrabaldes. Ábrelle a porta a muller violada… que é a súa filla maior, que tivera coa primeira muller e á que non coñecía case. Teñen unhas palabras máis ou menos explicativas e el decátase de que os seus inimigos, aínda que estean no exilio, o derrotaron.

2: O tema é bo…

1: Si, mais falla a escrita e o “climax”, as estratexias narrativas e a creación lingüística (“Foi precisamente nunha das duchas da segunda semana cando me decatei de dúas cousas que denotaban unha melloría notoria”; “ía pouco a pouco, sen querer forzar a morte do seu silencio; “A sensación de baleiro no exercicio do poder quedou tapada polas intencións democráticas dos novos amigos do país”, etc.)

2: Semella unha mestura de prosa máis ou menos burocrática, procura de palabras que soen diferentes e redacción de exercicio literario perpetrado por un rapaz de 15 anos.

1: Ti o dis. Penso que o problema é que Silva non escribiu a súa narración, simplemente redactou como se fose un exercicio escolar que debía “abraiar” os seus compañeiros e, se é posíbel, o mestre cualificador. Por outra parte, como escribe en diversas ocasións Stendhal en Vida de Henri Brulard, cando acomete a narración dun feito e entende que a súa narración dese feito é pobre, o tema supera o escritor. Velaí o problema. Silva dá cun tema que semella, por outra banda, tirado duns «anais» da represión dun país sudamericano, e achégase a este tema, cuxo tratamento esixe un rigor lingüístico que infelizmente, de momento, non posúe o narrador, como se se tratase dunha crónica, novelada, de sucesos. O tema, por tanto, aquí, supera o narrador. Dese rigor lingüístico carecía naquel tempo Silva, hoxe, non sei se continúa a escribir e se publicou algo máis, talvez o alcanzou. Tamén, no entanto, debería afinar o seu dominio das técnicas e tácticas narrativas.

2: E as outras dúas novelas curtas?

1: Vai amodiño. Para acabarmos, o que puido ser unha boa narración longa, a media entre o conto e a novela curta ou noveleta, xa que usa das técnicas expresivas das dúas: estupor, no conto; preparación na novela curta, queda nunha narración falida, iso si, de tema «brillante». A segunda narración ou noveleta [bota de novo unha ollada ao bloc] titúlase Vertixes, II Premio Cidade Centenario de Riveira (sic) 2009, é a máis longa das tres. A historia é unha historia de amor cun final casual de, outra vez, crónica de sucesos. Aquí Silva intenta introducir “modernidades”: correos electrónicos, mensaxes de móbil (esas cousas que fixo tan ben o austríaco Daniel Glattauer en Contra o vento do norte), etc. Mais como no caso anterior, fallan as técnicas e estratexias narrativas (un uso inmoderado do flash-back, mesmo flash-backs dentro do flash-back, como introducindo unha especie de técnica en abismo medio truncada, uso do diálogo telefónico, e mesmo intento de estilo indirecto libre, etc.), e as técnicas verbais volven fallar flagrantemente, talvez pola teima de colocar adxectivos onde non son necesarios e unha redacción que continúa a ser escolar, de aprendizaxe. Ademais, dá a impresión de que o concurso demandaba un certo número de páxinas e o autor debeu “estirar” o que estaba a narrar para encher un determinado número de folios, etc.; e o tema: nada novo baixo o sol, a non ser un intento un pouco pedestre de manter en suspense o lector durante demasiadas páxinas e que se resolve de maneira un pouco infantiloide ao botar man dun feito case inverosímil de crónica, como che dixen, de sucesos. Con respecto á anterior, a pesar do intento de despregamento de técnicas narrativas, un paso atrás.

2: E na terceira mellora?

1: Non sexas impaciente. A terceira titúlase Escintileos e foi II Premio de Micronovela do Concello de Soutomaior.

2: De micro que?

1: De mi-cro-no-ve-la.

2: E que significa iso? As novelas, que eu saiba, non se “definen” pola súa extensión, senón –calidades á parte– pola posición que adopta o escritor perante a, digamos, materia narrábel. No relato, no clásico, hoxe xa non é así, o escritor adoptaba a posición de sorprender mediante o estupor o lector, na novela curta ou noveleta, como dis ti, mediante unha conveniente preparación, é dicir, unha excitación progresiva da curiosidade; e na novela, iluminando un feito, ou varios, dentro dun mundo que crea o propio escritor, o propio novelista. E perdoa que reduza tanto, mais non quero agora recitar aquí un tratado sobre a narración. A que vén, xa que logo, iso de micronovela?

1: A min mo preguntas? Procura as bases de tal premio e envíalle unha carta a quen as redactou e ao mellor acláraste e aclárasmo, porque micronovela, se se entende esta por novela curta, pode selo A metamorfose, de Kafka, Cambio en tres, de Casares, Pedro Páramo, de Rulfo, Pantelas home libre, de Otero e milleiros e milleiros de novelas de todas as literaturas do mundo. Non estás de acordo?

2: Completamente. Ora, pode que os organizadores e redactores das bases de tal premio quixesen pórse en plan posmoderno e no canto de novela curta inventaron iso de “micronovela”. Postos así, para cando un premio de micropoemas, porque estes tamén existen: dun só verso, ou de dous…

1: Boh, deixemos teorizacións e caralladas e volvamos, ou mellor dito, volvo ao noso, porque aquí, ao cabo, o único que se está á a mollar son eu.

2: A culpa é túa, se dedicases o tempo a outras lecturas…

1: De cando en vez hai que ler os nosos contemporáneos, saber o que din, e durante moitos anos non o fixen, así que agora debo recuperar o tempo perdido durante aqueles anos, case vinte. Así que continúo. Como che dicía, a terceira novela, ou micronovela, se queres, titúlase, como che dixen, Escintileos. Trata da historia dun rapaz que despois dun golpe ou shock esquece todo sobre el, mesmo o seu nome. Nesta novela desprega outra vez unha serie de flash-backs que en certos momentos poden despistar o lector, mais supera, en certa maneira, ese perigo resolvendo eses flash-backs nun “fundido” demasiado claro. Polo demais, existe unha acción central, asasinato, morte dun garda civil e do dono dun bar que non queda nada clara. Tamén se suceden demasiadas “casualidades”, e a pesar desas inverosimilitudes, a pesar de que o tema non sexa tan interesante (sic) como na primeira narración, lingüisticamente é a noveleta mellor resolta das tres. E os flash-backs…

2: Ou analepses..

1: Vai para… os flash-backs, e non me cortes, a pesar dos erros, adoitan dar unha boa configuración do tempo. En fin, que un pouco máis traballada, e un algo de sentido do humor (que o tema que desenvolve merecíao, mellor dito, demandábao), teriamos unha mellor micronovela que a presente. Aquí o tema non supera o autor, talvez o superaron as técnicas verbais e a estratexia narrativa. E aquí acabo.

2: Que queres dicir con “e aquí acabo”. Non liches máis novelas galegas, ou é que non queres falar máis?

1: Simplemente que por hoxe acabo. Se queres saber máis das miñas lecturas de narrativa galega ante-actual e case-actual, teremos que quedar para mañá. Estou canso e teño a gorxa irritada de tanto falar e podo acabar dicindo o que non quero dicir.

2: De acordo, quedamos para mañá, a mesma hora e no mesmo sitio. Chao, como din en Galicia.

1: Adeus.

Advertisements

Un comentario en “‘Cara B’, exercicios literarios de Ignacio Silva

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s