Libros Kalaiki: a revolución das tiraxes de un só exemplar

expresso book machineCésar Lorenzo Gil.

Kalaiki é un proxecto galego que leva dous anos revolucionando o modelo de produción editorial. Contra o sistema tradicional de tiraxes de centos ou incluso miles de exemplares, esta novidosa proposta é quen de imprimir unicamente tiraxes de un só exemplar. É o que se chama impresión baixo demanda e de xeneralizarse o seu uso entre as editoriais poderían cambiar conceptos como “ditadura das novidades”, “obra descatalogada” ou “reciclaxe masiva de libros”.

A plataforma Kalaiki baséase en catro pasos sinxelos: unha base de datos de pdfs (o adn do libro), imprentas con tecnoloxía dixital capaz de imprimir e encadernar os libros un por un e unha rede de distribución que coloca o libro impreso para nós na libraría da nosa confianza en tres días. Kalaiki é unha iniciativa de Arnoia, unha das principais distribuidoras de libros do Estado e coma esta, ten a súa base de operacións en Galicia aínda que serve en todo o mundo e serve libros de todo o mundo.

“Con este sistema, un lector galego, por exemplo, pode ter na casa un libro editado no Brasil moitísimo antes e a un moi menor prezo que se o solicitase por correo ordinario”, explica Xosé Manuel Figueiras, un dos responsables da empresa distribuidora. “Kalaiki o que fai é poñer en contacto editoras con lectores facilitando a infraestrutura necesaria: a impresión e a distribución. Aproveitamos a nosa experiencia e a ampla rede de librarías que traballan connosco”.

O lector busca o libro que desexa nas bases de datos desa rede de librarías e simplemente solicita un exemplar. É nese momento cando a maquinaria se pon en marcha para logo que pasen tres días ter o libro na man e con recendo a novo. “Consideramos que o modelo actual é insustentable desde o punto de vista económico e ecolóxico”, subliña Figueiras. “Tiraxes de centos de libros que non se venden, percorren almacéns, obrigan a un transporte continuo e en moitos casos non poden evitar a reciclaxe”.

A dinámica comercial do libro no Estado ten como motor a novidade editorial. As empresas editoras subministran os seus últimos títulos ás librarías, que os teñen en depósito á espera de vendelos. Se venden efectivamente, pagan por ese produto; se non se vende, as editoriais recollen os exemplares “sobrantes” e almacénanos. No caso de libros de fondo ou long-sellers unha vez que un título deixa de ser novidade, volve producirse o envío desde o almacén á libraría. Se o libro esgota a edición a moi longo prazo ou deixa de venderse de vez, o máis normal é que ese título desapareza do catálogo. A partir de entón é unha especie en vías de extinción. Durará o que duren os exemplares que posúen as bibliotecas. Logo esvaece até que alguén rescata o proxecto e o edita de novo. “Co sistema de impresión baixo demanda non hai necesidade diso. As editoriais só gardan o pdf e imprimen só cando é necesario, sen gastos de almacén nin “hipotecas” cos libreiros. A libraría só pide os libros que sabe que vai vender e de feito cando solicita unha impresión xa o ten pago; non o pode devolver”.

O sistema de impresión baixo demanda permite algo que até agora só parecía ao alcance do libro dixital. O pdf é un arquivo informático que se pode enviar a calquera parte do mundo polo que non hai fronteiras para convertelo en libro. No catálogo de Kalaiki participan editoriais brasileiras, cubanas, arxentinas, chilenas, alemás, belgas… tamén galegas. “Algúns títulos galegos véndense fóra. De repente temos unha solicitude de Chile ou de Cuba dun libro en galego, que se hai imprimir alá. É algo emocionante”, conta Figueiras. A respecto da competencia co libro electrónico, o distribuidor, especializado en exportación, teno claro. “Son públicos diferentes. Conviven sen problema. A pesar de que nos pareza que no libro dixital non hai fronteiras, si que as hai e nin sempre se pode acceder a un catálogo estranxeiro”.

En Galicia hai varios selos que utilizan o servizo de Kalaiki. Toxosoutos, Meubook e Laiovento, por exemplo. “Estas editoras ou outras non necesitan almacenar exemplares que non saben se van vender nunha segunda edición pero tampouco renuncian ao fondo que foron construíndo ao longo dos anos”, explica Figueiras. “En casos de libros libres de dereitos de autor, por exemplo, a proposta é moi interesante. Son clásicos que adoitan ter unha demanda baixa pero continuada, pinga tras pinga. Deste xeito, o esforzo editorial é sostible e incluso máis accesible a editores que nunca poderían asumir a carga de estocar centos de exemplares de cada título que publican”. Tamén publican con este procedemento en Galicia Baía, Andavira, Dumbrio, o IGADI, Do Cumio, Trymar e Azeta.

Figueiras salienta que esta vía é tamén moi interesante para autores que queren autoeditar as súas obras. “Para que imprimir centos de libros? Unicamente cunha campaña de marketing para colocar o exemplar naquelas librarías que nos interesan, un só exemplar, e o compromiso de servir en tres días cada novo libro físico, é suficiente. O aforro é grande”. No catálogo de Kalaiki hai máis de dous mil títulos. Moitos deles nacen da autoedición.

É factible crear unha editora pequena con este sistema? Figueiras é realista. “O ideal sería un modelo mixto. Poder facer tiraxes algo máis amplas aproveitando a flexibilidade da impresión dixital e evitar o stock cun sistema de impresión baixo demanda que manteña sempre vivo o catálogo. Porque ao final o importante dun selo editorial é o seu catálogo e a capacidade de mantelo vivo. Hoxe os usos e relacións entre libros e lectores mudaron e aínda que a maioría da xente compra logo de ver o libro na libraría hai outra moita xente que fai unha compra máis repousada, logo de coñecer o título ou o autor por canles como a internet”.

Os libros de Kalaiki aínda así teñen certas características que incompatiblizan determinados formatos con este sistema. Os libros han ser de tapa branda, teren unha capa sinxela a nivel gráfico e outros condicionantes a nivel de pegado e de composición da maqueta. “En realidade non hai diferenza entre un libro impreso de un e un e calquera outro que se imprime coa tecnoloxía dixital. Pódense escoller papeis de boa calidade e os acabados permiten unha boa lectura e a durabilidade do produto”. Con todo, non é o mellor método para libros de luxo, con fotografías, moitas cores ou papeis especiais. Neses casos, a impresión offset segue a ser a máis axeitada.

En realidade non son libros

A tecnoloxía Kalaiki ten outra capacidade: esquivar as férreas fronteiras que existen para os libros no mundo actual. Un libro tradicional editado no Brasil ten moitas dificultades para se vender directamente en Portugal, por exemplo. Alfaguara ou Random House manteñen independentes as súas coleccións de narrativa en España, México ou a Arxentina. A impresión baixo demanda creba estas limitacións. Viaxan con maior tranquilidade por todo o planeta por unha cuestión ben simple: non son libros de verdade.

Como é iso? Revélanos Xosé Manuel Figueiras o misterio: “É que en realidade son pdfs impresos, polo tanto non están suxeitos ás ríxidas normas de importación-exportación dos libros tradicionais”. Segundo o distribuidor, que sexan “sucedáneos” de libros non prexudica en nada a recepción do lector nin a confianza que se poida dar entre comprador e editor. “Teñen todas as características dos libros, a única diferenza é que a produción final faise no lugar onde moran os lectores, non os editores.

O catálogo de obras do sistema de impresión baixo demanda pode consultarse na web de Arnoia. “A nosa nómina de editores aumenta mes a mes. Intentamos mellorar a oferta para que cada lector atope aquilo que busque e que até agora parecía exótico ou imposible de conseguir”.

 

Advertisements

2 comentarios en “Libros Kalaiki: a revolución das tiraxes de un só exemplar

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s