Dise que morreu Carlos Oroza

Retrato inédito de Carlos Oroza. XULIO GIL

Retrato inédito de Carlos Oroza. XULIO GIL

Xosé Enrique Acuña.

Morre a unha idade na que os poetas malditos poucas veces morren. Vaise en compactos 92 anos e agora quedamos á espera de que lle aparezan noventa e dous biógrafos. Agardan por el desde hai moito tempo. O poeta que tanto camiñou morreu pois de vello e á idade que tratou de merecer tras deixar arrastrada e escrita unha enorme entrevista coa vida. Oroza foi galego en Madrid, viaxeiro no mundo e cidadán insultante nunha Galicia que el atravesou desde o peor Franco até caer súbdito dos que gobernaron en democracia con vicios do franquismo. Quen xa non pode contalo era dos que discutía un día sobre quen insultaba mellor; se Carlos Oroza ou a súa amiga pintora Mercedes Ruibal. Os “son uns fillos de puta” expulsados por Oroza eran todo un recital de entoacións que nos últimos anos dedicou repetidos a eses alcaldes de Vigo, todos, que na cidade onde á fin desapareceu lle retiraron as vistas ao mar. Oroza odiábaos.

Contou que na súa casa paterna existían pianos e violíns, que de pequeno acreditaba en Deus e outros queren lembralo nunha casa con horta do Lugo vello a escribir sentado no oco dunha fiestra desde a que nun día ferroviario viaxou e asentou en Madrid. Memorizaba o Cyrano de Bergerac de Edmond Rostand con doce anos, andou aos recados, fixo de extra cando chegou a televisión e antes, á altura de 1945, Oroza e tres máis pronunciaban “conferencias escenificadas” no Teatro Reina Victoria daquel Madrid onde non deixaban de chegar outros tantos que andaban á rebusca social e vital. Así que se arrimou a artistas, estudantes conspiradores contra a ditadura, a galeguistas vellos e novos e, espelido e á vez necesitado, aos colocados e favorecidos en destinos do réxime ditatorial. O punto de contacto podían ser pensións, casas de comidas ou cafés. Nos anos cincuenta nun deles, o Café Castilla, paraba co novelista Carlos Rivero e tamén viaxeiro do mesmo tren expreso Galicia-Madrid no que se dicía que o poeta nunca era detectado polos interventores: “Non o vían do delgado que estaba”. Rivero soltaba esta historia e escribiu que Oroza, desde a adolescencia, traballara a perfección do seu esqueleto até convertelo nun mudo e desafiante testemuño de que os ósos non se renden. Dera con el certo día que o poeta estaba no medio da rúa con aire de penitente insomne e “a afiar os seus ombros, os cóbados e xeonllos até asomalos por un traxe rompido”.

Unha rebusca madrileña

Un galego en Madrid como Oroza non tardou en frecuentar e procurar os galegos que en serios ou indefinidos oficios alí residían. Tino Grandio e Francisco Otero Besteiro, artistas os dous, lucenses como el, e cos que cruzou rupturas e conciliacións no proceso de buscar pan, traballo e gloria, serían dos primeiros. E a trompazos e a medias co poeta Adolfo Castaños Barrofé, achegouse tamén a Jaime, o fillo pintor de Valle Inclán. Recitou en mostras de Ánxel Sevillano e cadrou cun grupo de mozos polos que Oroza soubo da existencia dun novo nacionalismo galego. Na pensión da rúa Infantas onde hospedaban deixounos parvos ao contarlles en 1962 as súa viaxes por Estocolmo, París e Viena e no parladoiro que eles e Oroza armaron no Café Los Mariscos, Vicente Vázquez Diéguez, Raimundo Patiño e Manolo Coia intercambiaban aventuras artísticas de A Gadaña con poesías de Oroza e mais dun Uxío Novoneyra co que abre amizade tamén lucense e fraternal. Para todos era o momento no que Oroza era o poeta dos semáforos, dos letreiros luminosos e da noite, e o que se lles poñía a recitar que tiña perdida a memoria da súa nai e “escupía… y el alma se me va en la saliva”. Por moitos anos falou o xusto das súas mulleres (mesmo de se casou ou non, dos asuntos amorosos cunha aristócrata andaluza de sonoro apelido inglés ou mesmo da súa paternidade) e de cando en vez, nas entrevistas xa de vello, dáballe por sentenciar: “Haber tenido a un individuo como yo dentro de un vientre… supongo que habrían deseado expulsarme urgentemente. Nunca he entendido a las mujeres, sólo las he sospechado”.

Por un tempo, Oroza imaxinou poder vivir da pintura e no café Castilla procurou do fillo do pintor Chicharro aprendizaxes de pintura e debuxo. A cousa quedará en nada e xa dotado de maña para a escritura, intentou ser un ensaísta e crítico de arte que chega a escribir en 1952 un ensaio sobre a obra dun pintor dominicano de apelido Cabral. Desde aquela máis e máis pintores. En Eivissa recóllese con Eduardo Úrculo e en Madrid escribe de Cristino de Vera, asóciase en proxectos artísticos con Antonio Blardony, plasma o seu “Évame” o pintor Jardiel, con Celis recita na Galeria Kreisler, firma serigrafías en 1973 e antes, en clave pop-art, actúa xunto a Manolo Quejido e Carlos Gonzalo en 1966. Despois chegarán —no tempo que o seu amigo tamén poeta Antonio Hernández, daquela no PCE, escribía que Oroza vivía “el sueño del bocadillo de jamón”— posibilidades, frustradas, de publicar en francés na editorial Maspero, actuacións nas Facultades de Dereito e Políticas ante centos de estudantes, saídas a ombros no Ateneo de La Laguna en Canarias, recitais con Gloria Fuertes e Umbral en rexistro de poeta, “aquelarres” poéticos masivos en La Ballena Alegre en 1968 e, inserido por certa crítica dentro dunha suposta “xeración canalla” da poesía en español —sempre citado xunto a Carlos Edmundo de Ory— meterse a vender, a estranxeiras cultas en Madrid ou a hippies en Eivissa, casetes por el autogravados cos seus poemas.

Oroza provocaba entusiasmos en auditorios xuvenís con poemas que contiñan versos do estilo “un niño me pregunta por el Norte de Vietnam…”.

Oroza tamén recibiu premios e houbo quen con cinismo elevou unha socorrida pregunta: “Non serán un perigo para el?”. Nun conflitivo 1968 referíanse a un premio de “poesía protesta” outorgado por La Boîte e ao que certa prensa quixo caracterizar en ánimo despectivo con algo así como “vinte e cinco mil pesetas por un poema-protesta a un poeta autodidacta”. Afirmación que Oroza podería contestar con outra frase da súa colleita: “os poetas españois falan e escriben como se fosen profesores de Dereito”. O certo é que mentres algúns aínda recitaban como se o fixesen en autos sacramentais, Oroza provocaba entusiasmos en auditorios xuvenís con poemas que contiñan versos do estilo “un niño me pregunta por el Norte de Vietnam…”. Dalgúns dos seus colegas poetas, e xa era raro, tamén logrou certas solidariedades. Fóra do santoral oficial, a Carlos Oroza escríbenlle ou dedicáronlle poemas Emilio Sola, Rafael Talavera e Manuel Ríos. Antonio Hernández ofreceulle a súa “Oda a Carlos Oroza en el Café Gijón” e bastantes empeñáronse en definilo como un poeta maldicido de quen admiraban a súa procura da “vida y el suicidio al tempo”. Rei dos apartamentos prestados, con outra figura que sempre se relaciona co Café Gijón —aquela Sandra, muller asturiana-chilena, beatnik indefinible que coñecera a Cortázar e a Neruda— que certificou da súa voz que “só Oroza e eu poderiamos dicir que as rúas de Madrid nos pertencen” foi fonte para todos os que escribiron do ambiente cultural madrileño dos anos sesenta do pasado século e que, a pingas, restauran parte dos pasos do poeta. Entre eles aquel polo que a crítica española non oficialista e desde os “Premios da Nueva Crítica”, lle concede en 1975 a Carlos Oroza unha distinción polo “valor da súa experiencia poética total”.

Viaxeiro e poeta sen casa

Tempo tamén de recitais en espazos universitarios de Madrid, Santiago e xa en 1964 un no Mercantil de Vigo onde declama moi no seu estilo “En un lugar de Europa”. Ese día unha xornalista describirá que co seu anorak azul Oroza —“que en Madrid, é tomado por un poeta maldito”— semellaba un mozo andaluz, e sen el, un europeo de Estocolmo. Son por actos deste tipo polos que a poesía de Oroza comeza e logra ser memorizada e usada en reunións estudantís e mais tamén, como era de recibo, a ser vítima da vixilancia policial. Neses mesmos días, Miguel Cuña, fillo do poeta Cuña Novás, sufrirá unha reclamación da Brigada político-social franquista despois de declamar un poema de Oroza nunha facultade de Santiago. O castigo chegaralle a xeito dun mes sen poder asistir á universidade. Anos máis tarde Oroza escribía en Litoral: “Mis poemas nacieron oralmente / y no los transcribo al papel sino con verdadera repugnancia / me llamo Carlos Oroza y estuve en los mapas de los precios clandestinos…”. A procurar presenza, andou tras a revista “Tropos”, con Víctor Lizárraga e Victoria Paniagua, publícanlle en Poesía Española, Manantial, Estafeta Literaria, Índice, Rocamador e Anué. Admiraba a Luis Cernuda, dixo crer “fundamentalmente” no Lorca de Poeta en Nueva York e “constantemente” en César Vallejo, mais ao tempo, provocador, afirmaba que “non tiña nada en contra da poesía”. Falaba mal de Gabriel Celaya (e Amparitxu), cambiaba conversas polo baixo con Gerardo Diego (pero dicía del que habería que borralo do canon), con directo ánimo de epatar. Repetía que el non lía nunca a Vicente Alexandre porque tiña medo de influír nel e, desde Miguel Hernández, sabía o que facían os de dereitas cos poetas.

Cando en 1993 Francisco Umbral abandonou un xornal e escolleu unha nova cabeceira, quixo inaugurar as súas novas columnas coa que titulou “Carlos Oroza”. Alí reunía entre non poucas admiracións unha mínima parte do anecdotario, tan de vocación canalla, que circulaba dun Oroza que tratara, en tempos peores para Umbral, a diario no Café Gijón. Tense dito que Oroza roubaba as escasas medicinas que podían conter os botiquíns dos cafés, que non pagaba nunca ou case nunca e que chegara a escribir de si mesmo que era poeta “por que estuve en los manicomios y he sido cliente del hambre”. Tamén que arrimaba aos xornalistas Cuco Cerecedo, Raul del Pozo e Jesús Quintero (antes de que se convertese en “El loco de la colina”) con propósitos de subsistencia. Que lle facía as beiras ás estudantes estranxeiras para namoralas e vivir por un tempo delas, que lle caeu en graza e foi mantido da actriz italiana Lucía Bosé, que sentía atracción por Terele Pávez —sen que transcendese que Oroza soubese ou non que o pai desta actriz fora daqueles que decidiu en Granada a morte do seu admirado Lorca— e deixábase ver con mozas trosquistas na clandestinidade vinte anos máis novas ca el como a despois escritora Nativel Preciado. Amigo de toureiros como Lorca —mesmo existira un matador de nome Carlos Oroza— preparou un frustrado recital no coso taurino de Carabanchel, foi compañeiro de enredos do toureiro Diego Bardón e quixo estar non se sabe a conta de que no enterro de Antonio Bienvenida. Ou tal contaba nos faladoiros nos que alternaba. Tanto nos que pasaban por ser de elite ou nos que se movían nas tebras da noite madrileña. A cova de Sésamo, o Lyon, no Café Comercial ou os abertas no Oliver e no Gambrinus para que se concretase neles iso de que Oroza sempre “chegaba sen saber de onde, recitaba o seu poema e desaparecía”.

Oroza, logo de coquetear co beat e o folk-song cedendo voz e poemas, embarcouse co grupo Eclipse na gravación dun disco, hoxe perseguido polos coleccionistas de vinilos.

A poucos días de que morrese o xeneral Franco, Oroza sentiuse músico por medio dun grupo que apostaba pola daquela chamada ”música progresiva”. Amigo e colaborador do jazz-man Pedro Ruy-Blas e mais tamén do cantante protesta canario Julio Fajardo, Oroza logo de coquetear co beat e o folk-song cedendo voz e poemas, embarcouse co grupo Eclipse na gravación dun disco, hoxe perseguido polos coleccionistas de vinilos que para parte da crítica actual sería todo un antecedente da música rap. Antes, en 1969, Carlos Oroza acada un mínimo papel cinematográfico da man do director de cine Manuel Summers, que o convida a participar nun filme supostamente beat pero que en realidade se baseaba nun reseso argumento de Wenceslao Fernández Flórez. De título ¿Por qué te engaña tu marido?, a aparición de Oroza é toda unha representación da súa propia figura desde un mitineiro e mínimo recitado dun poema de Walt Whitman. Tempos dun Oroza ambulante e desta vez xa residente en Eivissa que serven para poñer enriba da mesa aspectos biográficos de complicado contraste. Desde os seus supostos contactos na illa balear cos compoñentes do grupo Pink Floyd ou aquilo, que tantas veces contou, sobre unha estancia en Nova York para recoller un premio de poesía underground. Presenza americana na que, teno narrado el mesmo en entrevistas, o faría coincidir en privilexiados escenarios con Andy Warhol e coa Velvet Underground de Lou Reed e Nico. Episodios por confirmar e hipotéticas noites de gloria que, coma se fose un ídolo pop, Carlos Oroza si ten vivido, e varias veces, en momentos escollidos da súa vida. De lembrar, cando emocionou no Festival Internacional de Poesía no Palau da Música de Barcelona en 2004 ou no día que emocionado actuou á par do cantante Paco Ibáñez en Vigo.

Mais non todo era música, poesía, recitais ou carencias na súa vida. Oroza asinou manifestos da oposición política antifranquista contra a censura do ministro Fraga (a maiores de Franco, a quen máis veces insultou Oroza ao longo da súa vida foi a Fraga Iribarne), e que puntualmente eran recollidos en Mundo Obrero. Tamén será dos que en 1966 se sumou ao manifesto que os intelectuais galegos se atreveron a firmar contra a construción do encoro de Castrelo de Miño. O poeta nas súas estancias en Galicia fora cadrando con boa parte deles en cafeterías nas que sempre aproveitou para escribir —ou finxir escribir— e facer contactos que lle resolvesen o día a día. O Goya en Vigo, o Galicia da Coruña, o Derby en Santiago, Carabela de Pontevedra e mais dunha taberna do Morrazo, convertéronse en espazos onde a visibilidade tan característica de Oroza non pasaría tampouco desapercibida para unha emerxente xeración lectora que, afianzada no novo nacionalismo, non poucas veces lle ten reclamado en público, e en ocasións de malas maneiras, un seu suposto desprezo polo idioma galego. As respostas de Oroza, sempre entre conciliadoras e provocadoras, remataban sempre acudindo ao seu respecto e paixón por Rosalía de Castro: “Ela é a máis grande. A primeira en facer poesía social”.

O Oroza máis galego

Por conta e convite de Uxío Novoneyra, pasou longo tempo acollido no Courel, e moitos veráns Oroza usaba Pontevedra como territorio. A súa amizade co doutor Barros Malvar permitíalle infraestrutura na cidade e, instalado, sempre xiraba a primeira visita e conversa co poeta Manuel Cuña Novás. Morto Franco, (“Franco non era de dereitas por que non era loiro”, pontificaba Oroza) asentou en Pontevedra por anos e a vivir no estudo do pintor Manuel Ruibal. Desaparecido o ditador vivirá un dos seus momentos máis comprometidos e que xa foi contado de mil maneiras e con distintos nomes e protagonistas. Nun recital organizado para escoller a raíña das festas pontevedresas, e ao que foran convidados varios poetas, no momento no que Oroza estaba a declamar, ben en alto e no seu estilo, un dos seus poemas máis sonoros e coñecidos, un falanxista de nome Telesforo Morales, interrompeu o seu recitado aos berros de Arriba España!, Viva Franco! Creada unha enorme tensión e violencia no patio de butacas e a temer o peor ante a presenza de máis público plenamente franquista no Teatro Malvar, os máis achegados apresuráronse a retirar a Carlos Oroza do palco, que moi nervioso e máis ca asustado, sacou folgos para lle berrar a Celso Emilio Ferreiro, presente tamén no recital, un recriminatorio “Celso, solidarízate cabrón!”. Esa mesma noite, Manuel Cuña Novás fixo por que Oroza durmise en Portugal xa en cama segura e afastado dun perigo certo. Nesta etapa pontevedresa, medio avellentado e sempre cultivando pose poética, Oroza mostrouse como un humano máis que frecuentaba a discoteca Shiva, sacaba a bailar nas verbenas de barrio e desmaiábase, ben se sabe por que, naquel pub Los Escudos onde compartía barra e enfáticas conversas co poeta anarquista Jorge Cuña.

O poeta aparece como personaxe en dúas novelas, unha de Domingos Villar e outra de Rei Núñez.

Respectado e defendido por Méndez Ferrín, cantado por Manuel Forcadela e sempre coas portas abertas nas páxinas do semanario nacionalista A Nosa Terra, Oroza —un poeta empeñado na musicalidade dun castelán que mamara— serviuse pola contra dun editor galeguista, Isaac Díaz Pardo, para publicar por vez primeira algo que se puidese chamar libro. Cabalum, modesto volume que contou con palabras previas de Chichi Campos, aportou éxitos renovados a Oroza e o recoñecemento sincero de representantes sinalados da nova poesía en galego. Miles de persoas o aplaudiron cando en 1979 participa —así che era— na grande homenaxe nacional a Celso Emilio Ferreiro, Ramiro Fonte dedícalle poesías (e Oroza traduce poemas de Fonte ao castelán), Xela Arias acompañouno polos institutos neses recitais que o apartaban da fame certa. Manuel Rivas gustaba do seu anecdotario vital e o poeta e escritor Luís Rei Núñez, neste caso como editor, publícalle e cóidalle no ano 2000 a edición do que se converterá no seu libro máis compacto e antolóxico. Aquel En el norte hay un mar que es más alto que el cielo que xunta tantos poemas dos que celebrara Xavier Costa Clavell na revista Hora de poesía ou Antonio Domínguez Rey en ensaio académico. Laxeiro coidou del e dos seus problemas físicos, o pintor Xosé Guillermo e a fotógrafa Marta Filgueira, que tanto o retratou, outro tanto, con Lodeiro medio se entendía e artistas como Antón Patiño, Lamazares, Ánxel Huete e Manuel Moldes sufriron ou gozaron dos seus tempos e etapas de amizade. O pulso vital de Carlos Oroza penetra igualmente en novelas de ficción e o seu porte literario queda asentado en obras como A praia dos afogados, de Domingos Villar e por parte de Luís Rei Núñez na novela O señor Lugrís e a negra sombra.

Todo por un Oroza xa imbuído de Vigo e, instalado en idade vella, a estar acompañado por xente nova e benfeitores e mecenas de última hora. Cando aquela trapallada de “Madrid se escribe con V de Vigo”, Oroza recitaba en 1986 na Pasarela Cibeles en pases de moda de María Moreira e, baseado nun dos seus poemas, un espectáculo encheu a praza principal do Vigo vello con 116 monicreques pendurados das alturas. Despois tocou envellecer se cabe máis e recibir recoñecementos a xeito de medallas, documentais de televisión e, á fin, edicións de altura dos seus poemas por man amiga de Xavier Romero e a Editorial Elvira. Polo camiño, repetidas invitación nos bares, novas camas cedidas e agres acusacións dos que non deixaron de insistir en que Oroza era dos que insultaba até os amigos mortos e os que lle deron ou daban alimento e pensión. Forcadela titulouno, desde a tenrura, como “bandido errante” e Oroza queixábase, con amargura comprensible, daqueles profesores de instituto que, despois de contratalo para dar un recital —tantas veces non lle pagaron—, o agasallaban cunha simple e recorrente figura de Sargadelos.

Un misterio final?

Un pequeno misterio queda por resolver (ou se cadra alguén xa o ten resolto). Cando os do grupo Brais Pinto no número cero dos Cadernos da Gadaña lle publican a Luís Seoane en 1979 os seus “Textos encol da arte galega”, un cartafol de debuxos alí recollidos presentábanse coa seguinte lenda explicativa: “Damos ao prelo cinco debuxos inéditos deste grande pintor. Nun principio ían dedicados a ilustrar un libro en galego de Carlos Oroza”. Afirmación ante a que se poden formular preguntas: Realidade?, desexo incumprido de Raimundo Patiño?, intento de Oroza nunca consumado? Os biógrafos futuros ou en trámite deberán resolvelo. E a falar de biografías, no canto de escoller calidade e excelencia, debérase sen dúbida apostar polo estilo que o escritor e xornalista galego J. Benito Fernández desbordou sobre figuras tan malditas, madrileñas —e contemporáneas de Oroza— como foron Eduardo Haro Ibars e Leopoldo María Panero (Los pasos del abismo). En Eduardo Haro Ibars: los pasos del caído, Fernández fixa certos medos do poeta e ensaísta, que morrerá vítima da sida en 1988, retratados nun pensamento defensivo, confesado a un amigo, por conta da situación de risco que adquirira pola adicción á heroína: “Se non temo que acabarei como Carlos Oroza. Que medo!”. Equivocouse. Vinte e sete anos foi a diferenza. Que é moito.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s