Neira Vilas, brillo e arte da Galicia rural

neira 2005bXan Carballa.

Na década do 1980 coñecín a Xosé Neira Vilas e a Anisia Miranda. Traian noticias directas de Cuba, onde aínda vivían e traballaban elaborando a revista para nenos Zunzún, que tiraba cada mes 250.000 exemplares. Entrevisteino por primeira vez para A Nosa Terra e despois en diversas ocasións xa instalado en Gres, na súa Fundación. Quizais sexa o escritor máis lido de Galicia, cunha obra extensa, na que o fulgor de Memorias dun neno labrego non debería eclipsar outros traballos de gran relevo nos que sempre foron corcosidas a emoción e os datos, como no sempre recomendábel Galegos no Golfo de México. Moitos galegos leron os seus libros e gozaron da súa bondade e os seus coñecementos. Con eses dous ronseis presentes reconstruímos unha parte central das nosas vidas e da identidade de Galicia. Velaquí algunhas das súas reflexións nos anos 2001, 2005 e 2012.

Que representou o regreso despois de máis de 40 anos na emigración?

Vivín doce anos na Arxentina e trinta e un en Cuba. Corenta e tres anos é moito tempo e no comezo resulta difícil a reinserción. Desde 1972 vin aquí unhas catorce veces, con Anísia, e entre esas viaxes e máis o contacto permanente con amigos, parentes, colegas, e a relación epistolar con editoriais e institucións culturais, estaba informado sobre o acontecer do país. Por outra banda, desde que “descubrín” Galiza, no comezo da década dos cincuenta, en Buenos Aires, en contacto con grandes mestres da nosa cultura (Seoane, Dieste, Lorenzo Varela, Alonso Ríos, Suárez Picallo…), desenvolvín un constante activismo, que podo denominar patriótico, ao longo de catro décadas. Parafraseando a Castelao vivín “Sempre en Galiza”. Cando se vive tantos anos lonxe xa un non é dun só lugar. Eu son esencialmente galego, pero tamén son algo arxentino e bastante cubano. En 1992 Anísia e eu, xa xubilados ambos, radicámonos aquí, onde seguimos traballando. Nos primeiros anos visitamos ducias de escolas e institutos, e mantivemos coloquios con milleiros de estudantes. Era unha boa maneira de pulsar o país. Ademais, conferencias, congresos, xornalismo, creación literaria. Comparto a idea de Chaplin de que o traballo é a mellor medicina para orientar a existencia… cando é un traballo que nos agrada. Nos últimos tempos temos unha ocupación adicional: atender o Centro Cultural de Gres, o único do seu tipo en toda Galiza no rural. Aínda que só fose polos nenos e as nenas que veñen á biblioteca xa estaría xustificada esta dedicación.

Memorias dun neno labrego segue a ser un dos grandes éxitos de venda do libro galego. O libro recrea a vida na aldea, como variou esa vida hoxe? A luz da actualidade pódese comprender da mesma maneira aquela obra? Que din os nenos de hoxe cando dialoga sobre a obra con eles?

Os rapaces de hoxe viven de xeito moi distinto aos dos anos corenta, poño por caso. Pero ás veces sorpréndeme atopar aínda nas nosas aldeas algúns Balbinos, algúns Lelos… mellor alimentados, mellor vestidos, con asistencia médica, con auga corrente na casa, asistindo a mellores escolas, pero perduran certos signos, certas claves, certos costumes, certa maneira de ver a vida. Moitos rapaces de arestora seguen identificándose co que acontece nas “Memorias” e coas súas personaxes. Comprobámolo nas escolas que visitamos, e poida que non só os rapaces senón tamén os adultos que viviron a mesma peripecia do Balbino.  Quería contar como é esa vida de neno discriminado por pobre, por labrego e por rapaz. Despois redondeei ese retrato nun libro posterior, Xente no rodicio, onde procurei rematar con esa teima de idealizar a aldea como se non fose tamén un espazo de conflito e drama, tanto na loita pola subsistencia dunha natureza que non era aliada, como das dificultades de saír adiante no día a día do campesiño de minifundio. Máis adiante a Balbino quixen alivialo con Cartas a Lelo, tamén para rapaces pero xa nas facetas menos dramáticas.

Captura de pantalla 2015-11-27 a las 16.10.52O seu traballo dirixiuse moitas veces aos nenos, mesmo nas experiencias cubanas, cal é a recepción que teñen? Cal e a conexión cos máis novos e que se precisa nunha civilización marcada pola cultura urbana e televisiva?

Eu publicara en Buenos Aires Memorias dun neno labrego (que non e un libro para nenos, aínda que é un neno o protagonista) pero foi en Cuba onde me acheguei ao mundo infantil, influído por Anísia, que dedicou case todo o seu amplo facer literario a nenas e nenos. Ela foi coordinadora nacional de edicións de libros para nenos e máis tarde foi cofundadora e xefa de redacción das revistas Zunzún e Bijirita. Escrebín daquela varios libros para os nenos galegos. Pasei en 1983 a traballar como xefe de redacción de Zunzún (nun momento en que Anísia prefería ser só redactora) e escribín algo tamén para os nenos cubanos. Foi unha fermosa experiencia. Anísia tivo un camiño á inversa, ou sexa que puxo en galego varios dos seus libros editados en Cuba, e tiveron moi boa acollida entre rapazas e rapaces de Galiza. Traballar cos nenos e para os nenos e moi gratificante. Calquera tema vale, sempre que se trate axeitadamente e se deixe de ter aos cativos como “tolos ananos”. Á nena ou ao neno que lle gusta ler non lle estorba a televisión como medio, nin importa demasiado se vive no rural ou nunha cidade. Certo que hai uns temas máis atractivos que outros, de acordo co mundo no que o neno se mova, pero basicamente o que se require é calidade, tenrura e respecto polo pequeno lector.

A psicoloxía dos rapaces foi o centro de moitas das súas angueiras literarias.

Moitos dos meus libros séguenos pondo nas escolas e, polas moitas veces que me reunín cos meus lectores, coido que deben tocarse mecanismos da psicoloxía dos máis novos que permanecen no tempo, independentemente das circunstancias vitais, tan diferentes ás do rural galego de hai 60 anos. Aínda dentro das carencias da época que retratei, o afán de facerse a un propio, de divertirse, de formar un grupo con afinidades… todo iso traspasa o tempo e as circunstancias.

Máis da metade da súa vida transcorreu no medio de dúas das grandes urbes americanas, Bos Aires e A Habana, e ao escribir Memorias sabía ben cal era a nova vida urbana.

Cando me preguntan por que a miña literatura non é máis urbana digo que fixen unha escolla. Non me faltou experiencia porque aquelas son urbes de moitos millóns de habitantes, non as pequenas cidades galegas. O que quería era seguir denunciando a vida no rural porque a coñecía desde dentro. Teño moitos libros e esa outra experiencia urbana latexa en obras como Remuíño de sombras ou Tempo novo e máis recentemente Home de pau, no que satirizo os problemas ambientais das cidades.

O outro gran nervio da súa obra é o xornalismo, sobre todo pensando na emigración. Desde Galegos no Golfo de México até o apuntamento breve para posterior desenvolvemento das múltiplas entregas de Historias da emigración.

Na maior parte dos 12 anos que botei na Arxentina e 31 en Cuba, o meu medio de gañarme vida foi investigar sobre a presenza e o labor dos galegos. Por iso na Habana creamos posibelmente o centro de documentación máis importante de América sobre a nosa emigración, no Instituto de Literatura e Lingüística, onde dirixín durante 22 anos a sección galega. Ademais de Arxentina e Cuba estudei indirectamente outros lugares, como México ou Uruguai, que son aqueles onde máis galegos foron dar. Teño publicado unha manchea de libros e o centenario do Himno Galego vivino con coñecemento directo do escenario onde se cantou por primeira vez, onde está a partitura que se utilizou naquel acto de 1907.

Foi emigrante máis que exiliado?

Marchei por razóns económicas e tamén culturais. Aos 16 anos estaba traballando na oficina dun serradoiro, cun salario decente, pero quería seguir estudando e cando procurei traballo en cidades galegas non o atopei. Marchei coa idea de traballar de día e estudar de noite. Funme en 1949. Son parte daquela riada que marchou despois da II Guerra Mundial. Estudei unha chea de cousas e rematei Xornalismo. Ademais de todo iso na emigración descubro Galicia, e alí tiven mestres e amigos como Seoane, Suárez Picallo, Dieste, Lorenzo Varela ou Ramón de Valenzuela. Achegueime a eles tamén por coincidencia política, porque realmente non era facer cartos o meu obxectivo primeiro e con eles traballei nas editoriais, nas revistas, nas audicións radiais …

neira vilas e anisia lecer 1985

Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no 1985.

Memorias dun neno labrego, historia dun libro galego que vendeu 400.000 exemplares

Sentado na biblioteca da fermosa sede da fundación que leva o seu nome en Gres (Vila de Cruces), Xosé Neira Vilas debullaba lembranzas sobre o seu máis famoso libro,  Memorias dun neno labrego, editado por primeira vez en 1961.

“Eu só publicara un libro de poemas, Dende lonxe, e levaba un tempo a escribir este libro que desde o principio estaba concibido como un relato memorial, onde todo é ficción, pero que nace dunha experiencia de neno labrego que coñecín directamente. O primeiro lector que tivo foi un camareiro ourensán que miraba por riba do meu ombreiro nun daqueles grandes bares de Buenos Aires, onde escribín moitas das páxinas. Daquela traballaba nunha empresa de importación de madeiras e cando rematei o libro deillo a ler a Anisia, a Rafael Dieste e a Luís Seoane que me animaron moito a publicalo .

Seoane ofreceuse decontado a ilustralo, Dieste gabou o ben que reflexaba a psicoloxía do adolescente galego do rural e a editorial encargada foi Follas Novas, un selo que era tamén distribuidora de libros galegos na emigración. “Axiña lle mandamos uns 200 exemplares a Paco del Riego, que foi toda a distribución que tivo na Galiza. A edición esgotouse e así até 1968.

Houbo un intento de publicalo anterior ao de Díaz Pardo, en Ediciós do Castro. Encabeceuno Arturo Reguera, que nos pediu permiso para que fose o libro inaugural dunha editorial, Rúa Nova, que non chegou a nacer. Como Isaac xa prepara unhas ilustracións para esa edición, foron as que serviron para a primeira de 1968 no Castro”.

Daquela foron ilustradores de prestixio (Seoane, Díaz Pardo) os que foron deixando a súa pegada nas diferentes impresións de Memorias dun neno labrego, pero entre outros que poderían servir para unha exposición están os debuxos da edición catalá de Alfonso Costa ou os realizados para a cubana por Xosé Luis Posada, fillo dun artilleiro republicano exiliado na illa, na que Neira Vilas viviu máis de trinta anos.

Unha visión diferente

“A miña idea era facer a contracara da imaxe de libros como Aturuxo de Roxelio Rivero, nos que o labrego era obxecto de burla, pero ao tempo se amosaba inxenuo e feliz. Quería contar a situación dos anos 40, a partir da miña experiencia, aínda que non é unha obra autobiográfica. O que tiro moito da experiencia miña é o ámbito xeográfico e social, as relacións de pais e fillos, coa Igrexa, os traballos ou os xogos. Son costumes que son extensíbeis a toda Galiza. Esa teima contra o retrato falso da vida campesiña sempre a tiven, e reflectino noutros libros como n Xente no rodicio”.

Para Neira o éxito de Memorias pode vir de que nese realismo directo se recoñeceu moita xente, “fun o primeiro sorprendido do éxito, porque contra o que alguén poda pensar, non é un libro pensado para a xuventude, senón para adultos cun protagonista que é rapaz. Quizais situou a moita xente naqueles tempos do pan de broa, da luz de gas, na que se comezaba a traballar aos 6 anos levando o gando ao monte… A crítica en Arxentina foi boa, non só dos medios galegos que daquela funcionaban, como a emisión radial de Galicia emigrante”.

En seis meses a edición de Follas Novas, que chegou ás comunidades emigradas de México, Uruguai ou Venezuela, esgotouse. A editora-distribuidora tiña a representación de Galaxia para América e tiña unha vitrina na que se renovaban as novidades en diferentes sociedades de emigrantes de Bos Aires, “mercábanse e líanse libros. Del Riego chegoume a dicir que se pedíamos tanto ían ter que tirar licencia de exportación. Cando marchei para Cuba, a mediados dese ano 1961, Follas Novas seguiu mantendo a súa actividade, quedando Elsa Fernández ao cargo. Pero aos poucos anos ela morreu, moi nova, e o proxecto esmoreceu”.

Hai que sinalar que a actividade editorial na emigración era enorme, pero que a ditadura impedía a circulación deses libros no Estado español. Nese sentido, Memorias é tamén un libro do exilio, que conseguiu traspasar o pano censor da Ditadura, “o antes citado Arturo Reguera e máis Xesús Alonso Montero, foron dos que máis empeño puxeron en que saíse Memorias, e de feito este último prologouno en varias ocasións”.

En máis de 50 anos Memorias foi sometido a estudos e ensaios, como o da profesora Corinne Son tamén tradutora do libro ao francés, porque Memoria é tamén unha das obras galegas contemporáneas que máis interese despertou para ser traducida a outras linguas. Ás diversas edicións en castellano, en versióndo propio Neira Vilas e publicadas por Akal e Júcar, hai que engadir a de Jan-chen-jao ao chinés, Oleg Strovski ao ruso, Miloslav Pluhar ao checo, Viale Moutinho ao portugués, Dimítir Anguelov ao búlgaro, Gudrun Hohl ao alemán, Andrés Urrutia Badiola ao euskera, Marc Ferrer ao catalán, Xandru Fernández ao asturiano, Camilo Ogando ao inglés co título de “Memoirs of a peasant boy”. Tamén hai capítulos versionados ao ucraniano,a ONCE editou unha versión en braille e en México fíxose unha adaptación á lingua maia.

Segundo contaba Neira, en 2001 botou números  dos libros de Memorias vendidos no mundo até fins de 1998, e saíanlle 312.000. Sumando as edicións posteriores é posíbel que neste 2015 supere os 400.000.

Advertisements

2 comentarios en “Neira Vilas, brillo e arte da Galicia rural

  1. Pingback: Neira Vilas | Editorial Trymar

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s