‘Hai que matalos a todos’: O papel é o celuloide dos pobres

Héctor Carré, en primeiro plano, durante a rodaxe do seu último filme, 'Personal Movie', 2011.

Héctor Carré, en primeiro plano, durante a rodaxe do seu último filme, ‘Personal Movie’, 2011.

Hai que matalos a todos, de Héctor Carré, editado por Xerais, é un thriller de papel. A trama cómpre resumila con cautela para non a destripar (si, así se dicía spoilear na prehistoria): un xornalista en crise de identidade e un férreo axente do CNI van coincidir mercé a unha parella de mozos madrileños que unha noite, ao voltaren de saír de marcha, gravan co móbil unha escena que pode poñer en cuestión a orde do Estado español. Aventuras, moitos escenarios (Escocia, Madrid, A Coruña, Rianxo, Buenos Aires, Casablanca), poucos pero carismáticos personaxes, algo de acción, xiros de guión e demais ingredientes do xénero.

thriller é a forma anglosaxoa para definir o que en galego sería suspense. Aínda que define un modelo narrativo, o certo é que se popularizou grazas ao cinema, que nos últimos anos especializou o termo: xa non é simplemente un filme que mantén sen alento o espectador senón unha combinación de efectismos no guión e na posta en escena que garante á parte de emoción, espectacularidade, sexa a través de persecucións, graves perigos para os protagonistas ou riscos varios.

Na narrativa, o suspense ten que prescindir deses compangos visuais ou ben, como fai Carré, simulalos a través de palabras. O autor coruñés, non en van, é guionista e director de cinema. De feito, até a publicación de Diario dun impostor (Xerais, 2007) o seu labor máis recoñecido era o de cineasta. Desde aquela, gañou o Premio Jules Verne 2011 de Narrativa Xuvenil con Febre (Xerais) e publica agora esta obra coa que proba noutro xénero.

Héctor Carré convértese nun dos máis eficaces narradores do xénero negro en galego.

En realidade, Carré é un autor moi vinculado ao cinema. En Diario dun impostor vascullaba nas voces baixas do mundo do cinema español e compuña un interesante percorrido (ás veces caricatura) dunha industria coxa que amosa demasiadas debilidades. Agora, con Hai que matalos a todos ensaia outro elo: facer cine con papel. Nun país como Galicia quizais é a única maneira na que se pode facer.

Á espera de que este libro se converta en película (debería), Héctor Carré convértese nun dos máis eficaces narradores do xénero negro en galego. Hai que matalos a todos non é literatura, é narrativa non literaria de ficción, unha historia de xénero fiel ás regras do thriller que xustamente deixa de brillar cando ao autor se lle dá por “literaturizar” o texto. É neses poucos momentos nos que se deixa levar pola narración decimonónica, os cualificativos de máis e as metáforas tristes que perde interese o lector. No resto da obra, ben ao contrario, engancha.

Por que consegue enganchar este libro? Principalmente porque ofrece aquilo que promete, nin máis nin menos. Personaxes máis ou menos clásicos: o mozo idealista, a rapaza sensible e intelixente, o funcionario fiel ao Estado, o veterano escéptico que malia todo é quen dun sacrificio, o mal como ente colectivo, despersonalizado, que vive nas alturas sobre boas moquetas… A priori parece un material doado de traballar porque o esquema está ensaiado desde hai polo menos cento corenta anos. Pero día tras día vemos como autores galegos recentes fracasan ao modelalo. Carré acerta. Usa con mestría o cambio do punto de vista, define ben os rexistros diferentes de cada personaxe, logra que o lector se identifique cos sensabores dos protagonistas e consegue contextualizar o texto no tempo no que vivimos. Hai que matalos a todos é unha novela de suspense da crise. É imposible de entender sen os cambios na mentalidade social que trouxo consigo o crack do 2008.

A documentación da novela é un dos seus grandes acertos. Carré gaña o favor do lector porque se nota que sabe do que fala.

Tal e como di a profesora Dolores Vilavedra, unha das razóns do éxito da novela negra é o feito de que substitúe, hoxe en día, a novela realista e social. Eis o caso desta obra de Carré. É un texto verosímil, documentado, sen apenas licenzas narrativas que a levanten do ríxido chan do noso tempo. Incluso cando cómpre acción cóidase moito o autor de botar a imaxinación a voar ou de traizoar o raccord.

A documentación da novela é un dos seus grandes acertos. Carré gaña o favor do lector porque se nota que sabe do que fala, porque non se deixou levar pola suposta familiaridade co xénero senón que investigou para escribir. Cando fala do sistema de escoitas telefónicas SITEL, non está a inventar. Ese sistema existe, é de orixe estadounidense e chegou a España mercé á vontade de José María Aznar de dispor de novas tecnoloxías no combate contra a ETA, tal e como conta o xornalista Anxo Lugilde, quen sinala tamén que este sistema foi básico para iniciar a Operación Pokemon.

Ese labor de investigación brilla especialmente no caso das descricións dos ambientes urbanos. Parece que un camiña por Buenos Aires aínda que nunca estivésemos alí. Dun xeito práctico e moi moderno, Carré vainos conducindo polas diferentes cidades con detallismo, consciente de que todas hoxe se parecen e que en todas hai cousas diferentes. Glosa as descricións con sutís datos históricos ou sociolóxicos que aduban moi ben as descricións. É dos que entenderon que a chegada da Wikipedia e do Google Maps fai necesario maior esforzo dos escritores por contar o mundo que nos arrodea. O coruñés opta pola erudición discreta e acerta.

Hai que matalos a todos é unha novela popular, moi entretida.

A novela ten algúns pecados. Os diálogos ás veces son demasiado ríxidos. Fáltalles frescura. Non sabemos se foi decisión do autor determinado vocabulario galego estándar que entupe a expresividade dos personaxes e dos momentos. Precisaban maior coloquialismo, incluso no caso dos personaxes que son “traducidos ao galego”, é dicir, que son de expresión estranxeira mais que na novela aparecen falando na nosa lingua.

Algunhas veces tamén padece dun exceso de clixés: “Salvador berra coma un porco no San Martiño” (páxina 83). E falta por untar dun xeito máis conveniente a personalidade dos personaxes a través de todo o libro. Hai algúns casos nos que o autor nos presenta un esquema das súas motivacións, o que lles resta autonomía e brillo.

Hai que matalos a todos é unha novela popular, moi entretida, composta con solvencia desde o principio ao fin e atenta ao tempo no que vivimos: a crise do Estado e dos medios de comunicación, as novas posibilidades e riscos das novas tecnoloxías ou a tensión entre democracia e seguridade están tratados con seriedade e sempre ao servizo da ficción.

♦ Hai que matalos a todos, de Héctor Carré, Xerais, 2015. 309 páxinas. ♠18€

César Lorenzo Gil.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s