O galego Morenza, a revista ‘La Cruz del Sur’ e José Carlos Mariátegui

Jaime Morenza, á esquerda, e Xulio Sigüenza nunha fotografía tomada no Uruguay.

Jaime Morenza, á esquerda, e Xulio Sigüenza nunha
fotografía tomada no Uruguay.

Xosé Enrique Acuña.

Pouco se sabe del ou se queremos ser rigorosos nada se quixo saber. Aqueles, poucos, que en América tentaron volver á vida de Jaime Morenza bateron cun valo de esquecemento que omisións, datas erradas e noticias falsas axudaron a edificar. A vida e mais a obra de Jaime L. Morenza, critico, xornalista, tamén editor, que, nunha etapa decisiva foino todo na vida cultural uruguaia, mantéñense hoxe aínda abatidas pola desmemoria malia que algún dos seus pasos se ven citados con reverencia, por veces non máis que en simples notas a rodapé, por autores que estudan e tentan restaurar as distintas orixes das vangardas latinoamericanas. Mais o certo é que, aquí, nun afastado día de 1946, soubemos que Francisco Fernández del Riego, ao se laiar nun artigo da ausencia de verdadeiros críticos en Galicia —os anos eran certamente complicados—, recoñecía con amargura que os verdadeiros críticos galegos radicaban en América. E en exclusiva citaba só dúas referencias: as de Eduardo Blanco Amor e a de Jaime L. Morenza. Despois desta mínima cita sobre o seu perfil intelectual, o máis semellante a un deserto.

Avánzase cando se confirma que nacera nunha provincia como Ourense na que, nos dous últimos séculos, o apelido Morenza foi ostentado por avogados, xuíces, caciques bugallalistas —presidente da Deputación, incluído—, xentes do común e de orde, e mesmo por algún malfeitor que outro. Mínimas fontes sen maior concreción queren situar o nacemento de Jaime Morenza á altura de 1895 e outras apuntan, tamén sen precisión, que sen superar a adolescencia o noso protagonista chega á República Oriental do Uruguay en proxecto emigrante e familiar. Mais o que si se pode contrastar é que un tal Jaime L. Morenza na compaña de quen podería ser a súa dona viaxa por Galicia en xaneiro de 1920. E pola contra, nada se sabe se el e o que era a súa familia, como ás veces así acontecía, foron dos que alá xa chegaron ricos ou se a fortuna da que co tempo se dotou foi amasada en negocios propios de indiano. Por testemuño do xornalista e poeta Xulio Sigüenza —que nos consta como un dos seus amigos máis achegados e fieis— Morenza, xa adulto, en termos económicos e de linguaxe propios daqueles anos, era un home “acadalado”. Dos que gozaba de envexable posición cando a súa figura, nome e apelidos aparecen socializados en Montevideo con cargo representativo no Centro Gallego da capital.

Asiduo dinamizador de actividades culturais na colonia galega organizada, chegou a ser xurado de premios literarios convocados polo Centro Gallego de Montevideo e abre desde a amizade con Eduardo Blanco Amor os contactos precisos para que artistas galegos poidan expoñer no Uruguay.

Páxina da andadura vital de Jaime Morenza decidida en clave e disposición patriótica e que, saudoso dunha terra que sempre tiña presente, aínda acadará maior compromiso cando se converte en 1929 nun dos fundadores da “Asociación Protectora de la Cultura Gallega” creada na capital uruguaia para apoiar —en complicidade con activistas uruguaio-galegos como Constantino Sánchez Mosquera ou os poetas Ángel Aller e Alfredo Mario Ferreiro— un proxecto solidario coa Real Academia Gallega. Por conta da presidencia que exercía nesta asociación, Morenza abre correpondencia con Eladio Rodríguez González, presidente da RAG, e mais con Salvador Cabeza de León e Ricardo Carballo Calero, os dous directivos do Seminario de Estudos Galegos, dentro dun intercambio de misivas polas que se concretaba un apoio económico da “protectora” a cada unha das institucións. Cincocentas pesetas achegadas para cada unha delas como donativo e que foron reflectidas na publicación que o grupo de Morenza crea na capital uruguaia para expandir o seu galeguismo cultural. Entre 1929 e 1930 editan a revista Arazua, de curta vida e composición, onde xa participa o poeta Xulio Sigüenza, chegado desde Buenos Aires despois dunha primeira formación en La Habana, e na que Jaime Morenza asina xunto co seu novo compañeiro —Sigüenza exercía de secretario da “protectora”e mais tamén do Centro Gallego— un manifesto de nidia feitura galeguista á vez que os dous, como responsables da publicación, se atreven a inserir en Arazua unha máis radical e republicana proclama dos nacionalistas galegos (Suárez Picallo, Blanco Amor, Campos Couceiro ou Alonso Ríos) actuantes na veciña capital arxentina.

Estes esforzos desde os que Morenza se implica na defensa do seu país de orixe non foron nin serán os únicos. Asiduo dinamizador de actividades culturais na colonia galega organizada, chegou a ser xurado de premios literarios convocados polo Centro Gallego de Montevideo e abre desde a amizade con Eduardo Blanco Amor os contactos precisos para que artistas galegos poidan expoñer no Uruguay. Lector obsesivo e atento a calquera novidade literaria ou artística, a súa personalidade era das que frecuentaban en Montevideo un café —o mítico Tupi-Nambá, fundado polo anarquista galego Casiano San Román— no que en faladoiro se axuntaba un escolleito grupo de intelectuais galegos emigrados ou xa nacidos no Uruguay. Froito de tantas conversas e ilusións alí abrollarán colaboracións, intercambios de lecturas e proxectos para que, chegado o día e a ocasión, Jaime Morenza puidese á fin cumprir un papel central e decisivo.

Morenza en La Cruz del Sur

“Fundei La Cruz del Sur, revista de artes e ideas, a mediados de 1924”. Son palabras de Alberto Desplaces o fundador da revista La Cruz del Sur a revivir por encargo de La Gaceta Literaria (1/6/1929) os momentos fundacionais dunha publicación que se convertería en referencia para unha boa parte da cultura uruguaia e sudamericana. Nas páxinas madrileñas desta revista dirixida por Ernesto Gimenez Caballero e dentro da súa sección “Gaceta Americana”, ao cargo de Guillermo de Torre e Benjamín Jarnés, explicaba Desplaces: “En Europa e en América, a xuventude agrupábase para se abrir paso en ruidosos e indisciplinados batallóns, fundaban cenáculos, editaban revistas, daban conferencias, escandalizaban, epataban. Entre nós, absolutamente nada”. O propio Desplaces lembraba que ante tal baleiro ”só un fato de artistas, case todos pintores, se axuntaban cada noite baixo o lema de Teseo, arredor das mesa do Tupi-Nambá, e de cando en vez, Eduardo Dieste nos agasallaba algún Boletín, preto, denso, pesado”. Foi entón, remarcaba Desplaces, “que, a xulgar que no Uruguay existía un núcleo ben selecto de escritores novos quen de prestixiar o nome do país baixo calquera latitude, e desexando dar unha impresión dese conxunto anarquizado, disgregado, lanceime á penosa aventura de fundar unha revista que puidese dar idea do que o noso país posúe…”.

E Jaime L. Morenza vai ser dos quedará situado neste comezo narrado por Desplaces, con forte presenza galega, que vai dar lugar á aparición da revista La Cruz del Sur e que podemos seguir coas lembranzas fundacionais dunha primeira andaina da que “saíron sen interrupción até seis números naquel período de 1924, modestos cadernos de dez e seis páxinas en papel pluma”. A publicación sufriría un pequeno guadiana por conta dunha enfermidade de Lasplaces e en 1925 un novo equipo de dirección encabezado polos irmáns Álvaro e Gervasio Guillot que de seguido terán que lle facer fronte a un novo parón por conta dunha viaxe de Lasplaces a Europa. Con todo, estando o director propietario ausente, conseguiron tirar novas entregas cun corpo de redacción no que, fixos, xa figuraban, como directores literarios, a maiores dos Guillot, o noso Jaime L. Morenza, o antigo editor de Alfar na Coruña Julio J. Casal e, recomendado por Morenza para a dirección artística, un pintor e gravador, Melchor Méndez Magariños, orixinario de Pontevedra.

Definida como ecléctica polo propio Lasplaces, La Cruz del Sur quedou retratada tamén no testemuño de La Gaceta Literaria como unha revista que tentou estar “aberta ás grandes discusións filosóficas, sociais, continentais e mundiais do noso tempo, profesando os seus directores a máis avanzada relixión democrática, abominando todas as tiranías, e a sentírense soldados dese grande exército que prepara, co levantamento da nova cidade fraternal, diís mellores para a humanidade”. Con Morenza en papel decisorio, a revista trataba de evitar a tentación de editar non mais que un produto con recortes doutras publicacións xa que —fala de novo Desplaces— ”estas revistas non poderán ser consideradas senón como catálogos promiscuos elaborados con materiais usados ou de refugallo”. Cando así opinaba non se estaba a referir a proxectos como os dirixidos por Julio J. Casal que puxera en marcha en Montevideo unha nova xeira daquela Alfar que fundara na Coruña nin o que Alberto Zun Felde, que tamén escribiría en La Cruz del Sur, dirixirá baixo o nome de La Pluma ou a que o propio Xulio Sigüenza creará en 1929 xunto a Alfredo Mario Ferreiro baixo o nome de Cartel. Panorama mensual de literatura y arte.

No que toca á pegada galega, nas páxinas da revista de Morenza dáselle voz a Eduardo Dieste, recóllese a morte do “Viejo Pancho” e preséntase a Francisco Luis Bernárdez.

Os contidos de La Cruz del Sur estaban atentos a todos os debates críticos que arrodeaban tanto o mundo literario como as disciplinas artísticas. Dispostos os seus redactores a fortalecer a creatividade dos autores latinoamericanos, cos uruguaios en particular, mostráronse abertos e a esculca de todas as literaturas. Nas súas páxinas repárase con insistencia en autores franceses con orixe directa no Uruguay como Guillaume Apollinaire e Jules Supervielle, fálase de Marcel Proust e recupérase a obra de Pierre Louys, Rimbaud e Lautréamont. Podían estar tan cativados por Borges e Alfonsina Storni, como abrir polémicas sobre Marinetti, publicar a visión de Perre Picon sobre a revolución surrealista, recensionar obras de Trostky, darlle espazo ao comunista español César M. Arconada ou rexistrar o impacto do filme Metrópolis por man de de J. M. Podesta, crítico que anos máis tarde tamén escribirá sobre a obra do fotógrafo galego José Suárez. No que toca á pegada galega, nas páxinas da revista de Morenza dáselle voz a Eduardo Dieste, recóllese a morte do “Viejo Pancho”, preséntase a Francisco Luis Bernárdez e, desde a lectura de Manhattan Transfer, Sigüenza escribe sobre John dos Passos. E todo dentro dunha disposición gráfica na que se reparten debuxos de Barradas e Norah Borges xunto aos achegados, número tras número, por Melchor Méndez Magariños. Entre eles, un no que o aquí esquecido artista pontevedrés retrata a Morenza en técnica xilográfica, e outro que, literariamente, quixo titular “Augurio del paso que no se dio Xulio Sigüenza”.

De que escribe Morenza?

Nunha revista que perdurou case oito anos, a maiores de inserir numerosas notas e recepcións sen asinar, Jaime L. Morenza escribe en La Cruz del Sur sobre política internacional, analiza o ascenso das esquerdas en Francia, a situación política italiana baixo o fascismo e identifica e caracteriza o imperialismo norteamericano a quen, con dureza, lle critica duramente a invasión perpetrada en Nicaragua. Morenza ocupouse de libros que estudaban o período colonial español, das novidades do panorama cultural e centra as súas opinións na aparición de obras do cubano Juan Marinello e do vangardista peruano Enrique Bustamante y Ballivián e, nun momento de auxe do “latinoamericanismo” máis progresista, dos arxentinos Arturo Orzabal Quintana e José Ingenieros. Publica, desde traducións que el mesmo realiza, poemas de autoras brasileiras —casos de Cecília Meirelles e Gilka Machado— e todas elas froito dunha viaxe que realiza ao Brasil en 1927 co ánimo de estudar e comprender o mundo cultural dun país que deixará reflectido nunha sorte de entrevista-diario que publica en La Cruz del Sur coa que logra xerar polémicas e intercambios que foron estudados en 2007 pola investigadora Marilda de Sousa Castro que exhumou as colaboracións do intelectual galego na revista Festa. Mensário de pensamento e de arte editada no Rio de Janeiro.

Con todo, a contribución máis sinalada do crítico e editor galego pasa pola experiencia en rede compartida cunha publicación fundamental na historia das esquerdas latinoamericanas. O pensador marxista peruano José Carlos Mariátegui fundara en 1926 a mítica revista Amauta e desde Lima procurou unha malla de difusión desde a que logra contactar con La Cruz del Sur e especialmente con Jaime L. Morenza. Mariátegui envíalle puntualmente as súas obras e Morenza facilítalle non poucos contactos con intelectuais que, por indicación súa, acabarán publicando en Amauta. O poeta español Guillermo de Torre, cuñado de Jorge Luis Borges, foi dos que recoñeceu que chegou a Mariátegui por conta de Morenza, como a poeta chilena Blanca Luz Brum, tan ligada ao activismo de Amauta, afirmou outro tanto do papel de La Cruz del Sur e dun Morenza que preparou na súa revista unha recensión crítica da principal obra do peruano e que, no parecer da investigación académica, sería decisiva para dar a coñecer a obra de Mariátegui en Arxentina e no Uruguay. O escrito por Morenza sobre os textos teóricos de Mariátegui —redactado desde un recoñecemento do marxismo como instrumento de análise da realidade— non quedou desposuído de certa crítica por conta da particular reinterpretación dos conceptos marxistas por parte do pensador peruano ao respecto do papel que as comunidades indíxenas, e o uso dos seus “mitos”, cumprirían na instalación da futura sociedade socialista. O crítico galego non confiaba na súa viabilidade xa que, opinaba Morenza, “significaría descartar a idea máis dinámica da concepción marxista” á vez que, suxería, lembraban ás ideas de George Sorel. Mais a resumir, Morenza, concretaba: “A maiores do reparo que vimos de lle facer, o libro, considerado desde o punto de vista marxista, é sinxelamente admirable. Fainos lembrar outro moi interesante de Gueorgui Plejánov sobre a historia social de Rusia”. Intercambio de opinións —Morenza tamén publicou en Labor, un xornal obreirista animado en Lima polo peruano— que igualmente se reflicten na conservada correspondencia propia dunha amizade aberta por eses anos entre Mariátegui e Jaime L. Morenza que, infelizmente, non chegaron a coincidir en persoa ao se frustrar por enfermidade a visita que Mariátegui, para asistir ao Congreso Sindical Latinoamericano, tiña previsto realizar a Montevideo en 1929.

Un perfil amistoso e directo de Morenza

Aínda que nacido en 1899 en Montevideo, o poeta uruguaio Alfredo Mario Ferreiro foi compañeiro de Morenza en activismo cultural relacionado con Galicia. Amigos en conversas de café e tamén en gustos estéticos, Ferreiro, amais de ser un dos homes que se implica en La Cruz del Sur, tiña un coñecemento directo da vida de Morenza como Morenza a tiña da súa. Cando en 1927 publica o poemario El hombre que se comió un autobús (Poemas con olor a nafta) que edita o propio selo editorial La Cruz del Sur creado en paralelo á revista e no que Morenza actúa como un selecto e rigoroso editor. A firma de Jaime L. Morenza será a que prologue este libro que pasa a ser para a literatura uruguaia o primeiro que se dota de aires futuristas e plenamente bebedor dun Marinetti que os dous coñeceran cando o poeta italiano visita Uruguay en 1926.

“E outra vez vai ao café. Alí  está uns intres como a meditar. De seguido bótase a ler e le, le, le sen tregua. Este home pasa a vida a atesourar erudición. De cando e vez escribe un artigo con moito miolo. E segue a ler, a ler, a ler….”.

Por Alfredo Mario Ferreiro é posible achegarnos ao día a día de Jaime Morenza con comezo nun momento no que “o Tupi-Nambá non sabe que facer con tanto perfume de café”. Ferreiro lánzase a escribir: “Son as nove menos cuarto. Morenza descende a escaleiriña do café. Dá un rexo bos días. Nas facianas que o observan (os camareiros, o caixeiro, o xerente, os parroquiáns, o dono mesmo do café) hai un trinque de simpatía. Don Jaime pousa sobre unha cadeiriña que baixo a súa persoa semella feble sen selo. Un camareiro —saúde, amable Manuel Prieto!— achégalle os xornais e déixaos sobre a pía de libros e revistas que da preñez do Apartado de Correos (364, non o esquecer) saca a man ávida de Morenza”.

Ferreiro avanza no perfil do emigrado e intelectual galego: “As nove e media. Morenza terminou o seu café con leite: comeu as súas tostadas. Folleou nos libros; abriu a correspondencia; despregou as revistas; repasa as anchas planas dos xornais. O café perfúmase co olor a tinta de imprenta e a papel novo. De súpeto don Jaime toma o seu caxato e volta á rúa. Morenza está ben afeitado. Ten a cara redonda. Camiña a pasos elásticos. De golpe unha forza estraña vai cravalo na beirarrúa. Camiña a pasos elásticos. As repentinas paradas de Morenza son clásicas; xa non espertan curiosidade nos seus acompañantes. De seguido, cando todos se volven cara el, don Jaime bota a andar de novo. Vai as librarías; compra libros, págaos de contado; saúda os amigos; segue até a imprenta; vixía a impresión de La Cruz del Sur; volve pola rúa Sarandí (Mercaderes en Lima) até a praza. E outra vez vai ao café. Alí  está uns intres como a meditar. De seguido bótase a ler e le, le, le sen tregua. Este home pasa a vida a atesourar erudición. De cando e vez escribe un artigo con moito miolo. E segue a ler, a ler, a ler….”.

Neste testemuño de Ferreiro tamén hai lugar para unha pregunta que semella un desexo non cumprido ou unha crítica amable: “Cando sae o seu libro, Morenza? A resposta chegoulle despois dunha gargallada: “Eu non preparo nada. Demasiado tempo váiseme en ler o que outros escriben”. E Morenza seguía a camiñar á par de Ferreiro e a entrar no seu mundo de librarías sen que o amigable interrogatorio resolvese a existencia ou non dun volume que certo día se anunciou como “Inquietudes del momento” e título do que non se ten concretado a súa existencia en papel.

O pensador marxista peruano José Carlos Mariátegui e debuxo de Xulio Sigüenza realizado polo pintor galego Melchor Méndez Magariños, amigos os dous de Jaime Morenza e colaboradores en 'La Cruz del Sur'.

O pensador marxista peruano José Carlos Mariátegui e debuxo
de Xulio Sigüenza realizado polo pintor galego Melchor Méndez Magariños, amigos os dous de Jaime Morenza e colaboradores en ‘La Cruz del Sur’.

Unha rápida visita a Galicia, a guerra e a morte

En setembro de 1929 o xornal editado en Vigo El Pueblo Gallego publica que Morenza comezaría a colaborar desde Montevideo co periódico. De feito aparece un primeiro artigo sobre a pintura do artista ourensán Julio Prieto Nespereira que, sen que se saiban as causas, non terá continuidade. Meses despois, xuño de 1930, Morenza realiza unha visita a Galicia, a onde chega vía Portugal, e acode á redacción de El Pueblo Gallego para saudar os seus compañeiros frustrados e alí anúncialles que cedo retornará ao Uruguay despois de percorrer varias cidades galegas e españolas. Xusto o contrario do que ben pouco despois fará Xulio Sigüenza logo de se instalar nunha Galicia xa republicana, Jaime L. Morenza continuará baténdose en Montevideo co seu día a día de crítico e editor. Colabora en Cartel. Panorama mensual de literatura y arte unha revista que na capital uruguaia fundaran conxuntamente e dirixían Sigüenza e Alfredo Mario Ferreiro e mantén aberto o seu privilexiado papel en La Cruz del Sur previo ao peche definitivo da publicación en setembro de 1931.

O impacto da Guerra do 36 e as noticias do terror en Galicia bateron duro entre unha colonia galega asentada na capital uruguaia que non se mostrou unánime no apoio aos valores democráticos da república. Cun sector de galegos emigrados, mesmo do mundo cultural, a mostrar o seu entusiasmo cos militares golpistas, Morenza tivo a valentía de se implicar con decisión nun activismo antifranquista que despregou dentro da sección galega da Casa de España de Montevideo onde vai actuar como integrante dunha comisión de cultura que organiza repetidos actos de apoio ao goberno leal así como de recolecta de fondos con destino ás vítimas da represión. Jaime Morenza, que tamén se viu inmerso en agres polémicas avivadas en Uruguay por partidarios do PCE, servíase tamén dos actos do Día de Galicia para manter aceso o seu compromiso antifascista e de solidariedade cos exiliados en Francia. De feito será el quen presente en Montevideo en maio de 1940 unha multitudinaria charla de Mario Ayerra, un cura navarro famoso polas súas denuncias dos crimes falanxistas e que, morto no exilio, a súa vida foi levada ao cine na película La buena nueva (Helena Taberna, 2008).

Noticias sobre unha implicación antifascista que é preciso recuperar por conta de certas notas biográficas que situaron a Morenza viaxando a España para se incorporar ao réxime franquista. Non foi o seu caso malia que el si soportou como antigos compañeiros da “Asociación Protectora de la Cultura Gallega” si apoiaran a Franco. O poeta Ángel Aller convertido en “joseantoniano” en Montevideo —mesmo será condecorado polo ditador— e mais tamén o seu íntimo amigo Xulio Sigüenza que firma un poemario franquista, escrito a ben seguro como salvoconduto, naquel Vigo tomado polos militares alzados e que, co tempo, sempre tentou esquecer. Sigüenza foi o que tamén lembrou como en Montevideo, case todos os xoves, visitaban a Juana de Ibarbourou no seu domicilio. A poeta que nos tempos de La Cruz del Sur chegou a dedicarlle a Morenza un dos seus poemas rematou convertida en propagandista do réxime franquista. E aquela antiga comunista, Blanca Luz Brum, apoiará o xeneral Pinochet ao final da súa tan contraditoria vida. E o poeta Alfredo Mario Ferreiro que  glosara a Morenza no Amauta de Mariátegui quedou unido ao ditador uruguaio Gabriel Terra, valedor de Franco, Hitler e Mussolini.

Amarguras previas e posteriores ás noticias que chegarán a Galicia sobre a morte de Jaime L. Morenza e que, curiosamente, se vai a coñecer por vía doutra revista bautizada tamén como Cartel. Foi Sigüenza, superados os seus medos, o que con valentía a refundará no Vigo de 1945, queréndolle dar certa continuidade ao proxecto que baixo o mesmo nome imaxinara xunto a Alfredo Mario Ferreiro no Uruguay onde os dous destacaran no xornalismo. Nunha breve necrolóxica publicada en xullo de 1946, Sigüenza comunica a morte en Montevideo do seu vello amigo á vez que en homenaxe insire un gravado cunha das escasas fotografías, neste caso os dous retratados xuntos, que coñecemos do crítico e editor galego. Fotografía dun (marxista?) galego esquecido á que podemos sumar como ofrenda final un “Epílogo con cheiro a nafta” que formara parte tamén daquel futurista perfil escrito polo poeta Ferreiro sobre Jaime Morenza: “Un automóbil Packard, tipo sport, rodas aladas de firme disco vermello, esporón afinado, agresivo, audaz, fisgaba distancias, fortes desexos de correr, nerviosidade na pintura gris, recolle a Morenza. No seu coche. Ala vai o Packard polo enorme tránsito da cidade turbulenta. Alá vai o Packard…”

Advertisements

Un comentario en “O galego Morenza, a revista ‘La Cruz del Sur’ e José Carlos Mariátegui

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s