Séchu Sende, entre a literatura e a socioloxía

DIÁLOGOS CRÍTICOS (III).

Xesús González Gómez.

Séchu Sende durante un encontro co alumnado do IES Perdouro de Burela, A Mariña.

Séchu Sende durante un encontro co alumnado do IES Perdouro de Burela, A Mariña.

Ao día seguinte os dous amigos atópanse no mesmo bar que o día anterior.

Amigo 1: Que tal?

Amigo 2: Ben, á espera os teus espiches sobre narrativa galega ante-actual e case-actual.

1: Pois veña. O seguinte libro que lin foi o Premio Blanco Amor 2003, Orixe, de Séchu Sende, editado por Galaxia. Se a novela se inicia de maneira realista, aínda que a doenza que sofre o “protagonista” é unha desas doenzas raras, cedo vai lanzarse aos territorios do fantástico, e aínda que intente unha certa cotidianidade, esta está, como se di, collida polos pelos. Sende, por outra parte, enche a súa novela con diferentes materiais para dar unha aparencia de diversidade: contos narrados pola enfermeira que se mesturan coa realidade, como coa realidade se mesturan os soños do doente, mais sempre, repito e subliño, sempre, o lector capta o que é parte da, digamos, vida dos protagonistas do que non é máis que soño ou invención deles. Nunha palabra, Sende non consegue mudar o realismo en fantástico, en mundo onírico. Dá tamén a impresión esta Orixe de que para encher páxinas o autor botou man demasiadas veces, ou en demasiadas páxinas, de prospectos de medicamentos, de manuais de apicultor e de digests filosóficos, sen, por outra banda, usar dunha escrita irónica (ou palimspéstica) sobre este tipo de textos, que podían conformar momentos divertidos ou de creación lingüística. Digamos, de pasada, que talvez as mellores páxinas, moi poucas, son as semiéroticas. Nesta novela, infelizmente abunda a confusión do entrevisto e do non sedimentado. Quizais a mellor palabra que lle acae a esta novela é a de volátil, non porque a pretendida voz (ou voces) narrativa intente ser ambigua e desconcertante, senón porque todo o que vai ocorrendo páxina tras páxinas é dun peso inconsistente, cuns contornos pouco definidos, camiña cun ritmo tan fráxil e emite un son tan tenue que axiña «todo se esvaece no ar».

2: Eu esta novela de Sechu Sende non a lin, o que lin del este verán foi Made in Galiza, editado por Galaxia, que nada a ter que ver coa novela que liches ti del. Quero dicir, que no fondo e na forma, para usarmos fórmulas escolásticas, son completamente diferentes. O exemplar que collín da biblioteca da P. pertencía á cuarta edición, catro edicións en menos dun ano, todo un best-seller, e se non foi best-seller foi líder de vendas.

1: Vexo que non perdes facultades dedutivas.

2: Vai pró carallo. Este libro de Sende está conformado por unha restra de relatos (sic), escritos e textos que están unidos por un fío, a lingua, a situación da lingua galega. É dicir, o libro é unha defensa do galego por pasiva (ao estar escrito en galego) e por activa (ao reivindicar este como idioma cotián desde a primeira liña). Ora, a min paréceme que se na novela da que falaches de Sende, o seu “fracaso” é cousa secundaria, existe unha vontade de estilo, inténtase, no bo sentido da palabra, facer literatura, en Made in Galiza a cousa non é así. O libro fórmano uns corenta e pico textos. Textos nos que hai de todo: apólogos, parábolas, folletos publicitarios supostamente irónicos, contos e mesmo, agora que desde hai tempo está de moda o termo, microrrelatos. En todos os textos brilla a defensa do idioma, usando ás veces da ironía e un certo, porque aínda que semelle o contrario é feble, sentido do humor, e, infelizmente, poucos indicios de sarcasmo; relatos en castelán imaxinando que esta lingua está a sufrir o mesmo acoso que o galego, etc. Ou textos en “reintegrado”, que queren dicirnos, e o din, que tanto se entende o galego escrito nesta normativa como na “oficial” e polo tanto que os dous son igualmente galegos, etc. En fin, que este libro para min, prexubilado bancario, é un deses produtos que algúns denominan literatura de instituto ou para institutos… de ensino medio, ou como se chamen agora. E por aí, seica, funcionou, sobre todo polas recomendacións dos profesores. O libro, se ben literariamente é pouca cousa, se ben Sende se mostra áxil no momento de narrar, puido ser, e ao mellor éo, unha ferramenta como útil sociolóxico.

1: Que ten a ver a literatura coa socioloxía?

2: Como co marxismo, case nada, pero déixame acabar. Ao dicir que puido ser, e que ao mellor o é, un bo útil sociolóxico, quero dicir que sería interesante que despois de que os alumnos lesen este libro, os profesores, cantos máis mellor, fixesen unha enquisa para saber o que pensan aqueles do contido do libro. Tamén sería interesante que fixeran outra que lles preguntase aos alumnos que opinión lles merece, literariamente, tal artefacto. Enquisas nas que se deberían introducir, á parte de preguntas literarias, preguntas que poderiamos denominar “sociolingüísticas”, e para que os alumnos se puidesen expresar con total liberade, que esas enquisas, é dicir, as respostas, fosen anónimas.

1: Continúo a preguntarche que ten todo isto a ver coa literatura?

2: Home, se na enquisa se introducen preguntas de tipo literario, todo. Porque se o libro foi líder de vendas (e estou seguro de que hoxe aínda se vende ben), sería interesante saber que lles interesa (valla a redundancia) do libro aos rapaces e rapazas que son, digámolo así, os seus destinatarios naturais, xa que literariamente non lles “come o coco”, aínda que ideoloxicamente, ben que esteamos de acordo co autor, talvez si llelo coma. Quizais haxa rapaces e rapazas que consideren o libro unha “comedura de coco” porque Made in Galiza e literatura son obxectos que non é que se “repelan”, senón, simplemente, que non se coñecen entre si. Ben, algo debo matizar, hai momentos, dous ou tres contos ou relatos: “A cabeza voadora” e “Os homes das sulfatadoras” e mesmo “Ssssh!”, e talvez algún outro, nos que asoma certa vontade de estilo. E no último mencionado existe un interesante uso da onomatopea –supoño que influencia da banda deseñada. En fin, persoalmente o último relato do libro paréceme emotivo porque plasma unha experiencia de moitos de nós. Mais ratifícome, literatura pouca.

1: Haberá que ler as últimas cousas de Sende, quen, seica, moi coherentemente, se pasou ao lusismo. E continúo, mais antes déixame pedir un café.

2: Pide outro para min, descafeinado e con sacarina.

[O Amigo 1 vai até o mostrado e fai o pedido. Volve á mesa, senta e continúa a súa disertación.]

1: O terceiro libro que arrepañei na biblioteca de M. foi un de narracións: Animalia, de Antón Riveiro Coello, premio café Dublín 1999 e editado por Galaxia. Componse de oito contos ou relatos, os tres últimos, porén, non estaban incluídos no orixinal que ganou ese premio mais si foran premiados no seu día no Modesto R. Figueiredo. Animalia, como se dixo, é un conxunto de relatos. Todos, case todos, gozan da mesma feitura e a maioría deles semellan máis froito dunha premiosa necesidade de escribir que dunha necesidade de dicir. Son relatos onde prima o fantástico, son relatos fantásticos que ás veces semellan pequenos guións para bandas deseñadas de baixa categoría. O autor, en todos os relatos foxe de calquera realismo e, por suposto, de calquera cotianeidade: trátase, supoño, de abraiar, ao lector ou aos membros dos xurados. Ao ser todos da mesma feitura, pronto se decatará o lector de que lido un, lidos todos. Literatura fantástica, non de mundos paralelos, porque en realidade nestes relatos non existe ningún mundo propio senón palabras, palabras, palabras e finais que queren ser abraiantes e son penosos, sobre todo pola falta de humor e de ironía. Talvez cun pouco de «comicidade» este relatos gañarían cando menos en «axilidade». O pouco que dixemos dos relatos que compoñen Animalia, podiámolo traspasar, case palabra por palabra, aos relatos que compoñen As humanas proporcións, de Xesús Constela, que foi o seguinte libro que lin. Aínda que hai que subliñar que hai un relato que está en certa maneira conseguido, e que, por outra parte, semella o máis traballado dos 12 que van no libro que gañou o Premio Torrente Ballester 2003: “Non escoites a Giovanna”. Como nos relatos de Animalia, aquí todo é fantástico, aínda que ás veces queira engadirse un plus, pequeno e nada conseguido, de terror; e tamén un intento, que infelizmente só queda en intento, de que o fantástico deveña cotián, ou que o cotián se vexa “sobresaltado” polo fantástico. Por outra banda, tanto en Animalia como no presente os relatos son de “vello estilo”, é dicir, deses contos, e relatos, que teoricamente “estoupan” no final; o problema é que nestes relatos o final sempre adoita ser ou decepcionante ou inverosímil. Ademais, tampouco Constela é capaz de usar a ironía e aínda que intenta en certos momentos a situación “cómica” (cómica por “asombro” dos protagonistas dos relatos), está, a situación cómica, estóupalle nas mans ou, o que é peor, non chega a estoupar por ter a pólvora mollada: non hai, en verdade sorpresa, só, en certa maneira, cansazo de tanta fantasía e tan pouca realidade, frase esta que tamén se lle pode aplicar ao libro de Riveiro Coello.

2: Eu deste lin un novelón, novelón polo volume, este verán: Laura no deserto.

1: E?

2: Mellor pedimos no canto doutros cafés unhas cervexas, que debes estar seco, e eu voume secar despois de che dicir o que opino de tal obra.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s