Xurxo Ayán: “A lenda de María Castaña serve para explicar como se constrúe un mito histórico”

Xurxo Ayán. RUI GOMES.

Xurxo Ayán. RUI GOMES.

César Lorenzo Gil.

Xurxo Ayán (Lugo, 1976) é historiador e arqueólogo. Especialista na Idade do Ferro e tamén en Arqueoloxía Contemporánea, ten reflexionado sobre políticas públicas de conservación do Patrimonio Histórico. Vén de gañar o Premio de investigación Mulleres de Lemos 2014, convocado pola Asociación Lemos Le e a Oficina de Información á Muller de Monforte, co traballo “Mito, Historia e Tradición. A construción ideolóxica da figura de María Castaña”.

María Castaña é unha personaxe popular pero cando nos referimos a ela seica falamos de dúas cousas diferentes. A María Castaña que vostede investigou nada ten a ver co ditado: “Nos tempos de María Castaña”.

Non. En efecto hai un personaxe lendario de tradición castelá que se identifica con ese refrán e algunhas outras referencias non históricas. A María Castaña da que falo no meu traballo existiu. Está documentada.

Quen foi María Castaña, a da parroquia de Cereixa, na actual Pobra de Brollón?

O que sabemos dela está escrito nun documento datado en xullo do 1386, arquivado primeiro na Catedral de Lugo e arestora gardado no Archivo Histórico Nacional. Nas poucas liñas das que consta o documento afírmase que María Castaña, viúva de Martín Cego, e nai de Afonso (noutra parte do documento aparece nomeado como Fernando) Cego e de Gonzalo Cego, cedíalle as súas terras en Cereixa á catedral de Lugo como sinal de arrepentimento polas feridas mortais que recibira deles tres Francisco Fernández, o mordomo do bispo Pedro López de Aguiar. Ademais pagaba mil maravedís como compensación.

Nada máis?

María Castaña non volve aparecer. Algúns autores como Carlos Barros, cuxa especialidade é a conflitividade na Galicia baixomedieval, encadran este acto nese ambiente violento antiseñorial e como precedente do que logo serían os Irmandiños pero coa documentación na man, non sabemos nin cando nin como nin por que feriron a Francisco Fernández na Cereixa. Nin se foi un feito illado ou formou parte dalgún movemento violento máis amplo.

Mais a súa historia non deixará de medrar nos séculos seguintes.

A lenda de María Castaña serve para explicar como se constrúe un mito histórico. Quen primeiro “esperta” esta muller do seu sono histórico é o Padre Risco, a finais do século XVIII, que continuou a obra España Sagrada. Teatro geográfico-histórico de la Iglesia de España, iniciada en 1747 polo Padre Flórez. Durante o século XIX, diferentes persoeiros da intelectualidade vinculada ao Provincialismo progresista difundiron a súa figura. Foi nese tempo cando se construíu a súa lenda. Castaña xa non mataba o mordomo xunto aos fillos senón aos cuñados; non era no 1386 senón no 1360. Lidera unha rebelión contra o bispo e mata o recadador de impostos no pazo episcopal.

O progresismo galego utilizou a María Castaña porque encaixaba na imaxe dunha Galicia rebelde contra os poderosos.

Tomás Pérez Vejo, que publicou recentemente España imaginada. Historia de la invención de una nación (Galaxia Gutemberg), indica que durante o século XIX cada acontecemento histórico que se recorda responde a unha necesidade de lexitimación do Estado nación. Ocorreu iso con María Castaña no caso galego?

Con certeza. A clase intelectual provincialista necesitaba unha personaxe que encaixase cos valores que eles defendían: loita dos pobres contra os poderosos cun compoñente anticlerical. María Castaña vaise converter daquela nunha heroína, na líder dunha revolta contra o poder episcopal de Lugo. Se nos fixamos, funciona como unha contra imaxe ás figuras femininas que primeiro o nacionalismo español e máis tarde o franquismo utilizou como símbolos: María Pita ou Agustina de Aragón, que eran a esencia da patria loitando contra o inimigo exterior. O progresismo galego utilizou a María Castaña porque encaixaba na imaxe dunha Galicia rebelde contra os poderosos. Nalgún momento chegou a equipararse a María Castaña con Rosalía de Castro, como metáforas da muller galega. O que pasa é que a forza desa intelectualidade para fixar símbolos era moi limitada e só callou na prensa dos movementos republicano e galeguista, sen ningún peso no imaxinario colectivo da sociedade.

E malia iso, vostede detecta que a lenda de María Castaña segue viva na Pobra do Brollón.

É. Existe unha lembranza nidia sobre María Castaña e mantense a súa pegada na paisaxe. A miña familia é de alí. Meu avó, Xesús Vila, recordaba perfectamente a personaxe. Hai unha identificación entre a personaxe e os territorios que habitou. Por suposto a lenda chega deformada e moitos veciños falan de que matara un bispo pero o latexo desa historia segue aí.

E como é posible? Pasaron máis de 600 anos!

Hai unha hipótese que me parece algo forzada que indica que o mito de María Castaña foi levado polos progresistas a América, onde o galeguismo se conformou como movemento político e social e que foron indianos retornados á Pobra os que lembraron que de alí era a heroína. Mais eu penso que as comunidades son quen de gardar memoria de feitos relevantes e que se van transmitindo de xeración en xeración. Os veciños identifican as partes máis antigas da parroquia como posibles escenarios da súa vida; é dicir, o rastro ten sentido.

No seu traballo indica que a reivindicación de María Castaña estivo outravolta latente durante o século XX.

O galeguismo histórico, o de dereitas e católico, non vía con bos ollos o mito de María Castaña, por combater a Igrexa e por ser ela unha muller. Isto é así e de feito non hai pegadas dela nos traballos historiográficos de Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Florentino Cuevillas. En cambio, historiadores republicanos, de esquerda como Emilio González López, recordan a figura nos seus estudos no exilio. É xa tras o franquismo que o nacionalismo galego moderno, que si reivindica as loitas populares contra a opresión, quen recuperará a súa figura. María Castaña consolídase como fito para o movemento galeguista e para o feminismo xa no tempo da Autonomía.

Por que é un mito feminista? María Castaña confesa ter participado no crime dun mordomo episcopal, non é en aparencia unha protofeminista.

O feminismo contemporáneo desde hai dúas décadas reivindica en moitas ocasións unha cota de mulleres no recordo de personaxes históricos. É como cando algunhas feministas din que para o Día das Letras “toca” unha muller, algo moi criticado incluso por outras feministas, que indican que non é ese o único valor para a escolla. Pois coa historia sucedeu algo disto tamén. Hai unha necesidade cuantitativa de reivindicar mulleres do pasado. O mellor exemplo é a publicación do libro de Guillermina Domínguez e Felicia Estévez Tres mulleres galegas de armas tomar. María Balteira, María Castaña e María Soliña (Baía, 2009). Únense tres figuras míticas simplemente por seren mulleres.

Está ben que haxa mitos, que se recorden determinados feitos históricos por conteren valores que son interesantes para o presente.

Como historiador, que lle parece esa utilización da historia como ferramenta ideolóxica?

Está ben que haxa mitos, que se recorden determinados feitos históricos por conteren valores que son interesantes para o presente. Á fin e ao cabo reivindícanse personaxes decentes, non nazis nin fascistas. Por exemplo, María Castaña nomea unha asociación da Pobra e tamén outra en Lugo; serve para afianzar a comunidade, para darlle estímulos e exemplos que fortalecen a súa autoestima. O que non hai que esquecer é de onde veñen eses mitos, canto hai de verdade e canto de construción histórica e ideolóxica na súa evolución.

Ao contrario doutras figuras, caso das outras Marías: Balteira ou Soliña, a literatura ocupouse menos de María Castaña.

En efecto. Ten a ver ese silencio da Xeración Nós, que foi fundamental na creación dun magma creativo para a literatura histórica. Antes, no século XIX, houbo algunhas creacións. A máis importante á a obra de teatro Mari-Castaña: unha revolta popular. Drama hestórico nun auto e en verso, de Emilio Álvarez (avó de Xosé María Álvarez Blázquez) e catedrático do Instituto de Pontevedra. Con esta obra gañou os Xogos Florais do 1884 mais a pesar do premio, nunca foi publicada e non chegou a representarse até o 1984, cando o Centro Dramático Galego a levou polos escenarios. Non é casualidade que fose a partir dese momento cando empezou a popularizarse de novo a figura de Castaña.

No 2014, Manuel Ayán (non é da miña familia) estreou María Castaña,obra de teatro tamén que proxecta a situación actual de crise económica e indignación fronte aos abusos do poder a través do mito histórico. Curiosamente, Ayán é tamén profesor no mesmo instituto de Pontevedra ca Álvarez.

A TVG apenas tocou o noso propio pasado. Este abandono simbólico ten o seu espello no abandono do patrimonio.

A historia popular actual segue a verter as mesmas inexactitudes de sempre, agora amplificadas grazas ás series de televisión como El Ministerio del Tiempo, Isabel ou Carlos, rey emperador. Mais a historiografía galega, en ningún dos campos, foi quen de ofrecer un discurso alternativo ou popularizar momentos da nosa historia. Que foi o que fallou?

O galeguismo posfranquista enfocou o seu traballo cultural en moitos ámbitos, especialmente a lingua, pero non atendeu como debera a historia. Non utilizou as ferramentas da Autonomía para popularizar a historia. En efecto, hoxe a xente coñece as mesmas historias de grandeza española que coñecía no franquismo, actualizadas grazas á TVE e en troques a TVG apenas tocou o noso propio pasado. Este abandono simbólico ten o seu espello no abandono do patrimonio. Se á sociedade non lle contas o que pasou, por que deberían estar orgullosos do que teñen ao seu redor, é normal que o ignoren ou o desprecen.

No seu traballo tamén fala dos guímaros. En que consiste esa lenda?

A xente da Pobra de Brollón recordaba os guímaros coma uns campesiños rebeldes que se opuñan ao conde de Lemos e o combateran. Dese pouso popular tirou Benito Vicetto a materia prima para unha obra literaria onde recrea a suposta loita dun tal Guímaro contra os abusos señoriais no tempo dos Irmandiños.

Vostede afirma que a lenda ten unha orixe real.

Ten. A Pobra de Brollón era unha localidade de reguengo, é dicir, foille outorgado o privilexio de fundación pola coroa e agás algún territorio, coma o de Cereixa do que falamos antes que era vasalo da Catedral de Lugo, sobre a súa xurisdición só tiña dereitos o rei e os seus funcionarios. Tendo en conta que en todo o redor gobernaban os diferentes condes de Lemos, é obvio que durante toda a Idade Media houbo roces e intentos de asimilar este territorio para o condado. Hai documentados preitos e disputas entre o Concello da Pobra e os señores de Lemos no século XV.

Mais co tempo, o nome guímaro pasou a ser despectivo.

Por mor desas friccións, guímaros é hoxe como lles chaman os de Monforte aos da Pobra de Brollón pexorativamente. Tal é así que cando o Concello da Pobra, logo de pasaren a gobernar PSOE e BNG, decidiu eliminar do rueiro as referencias franquistas, propuxo nomear unha das rúas como dos Guímaros, a xente opúñase porque consideraban que era vergoña defenderen o mal nome que lles apuñan os de Monforte. Hoxe, grazas á popularización da lenda e da súa verdade histórica, ese mito funciona tamén en positivo e incluso hai unha Festa Guímara Medieval.

Xa no século XXI, a documentación histórica galega aínda garda moitos segredos. Hai poucos anos, Carlos Callón descubriu o documento que certifica un matrimonio homosexual no reino de Galicia do 1061. Os nosos arquivos están pouco estudados e pouco difundidos.

Sen dúbida. A historia oficial mantivo na sombra a nosa propia historia e hai moito campo no que os investigadores poden pesquisar. Disciplinas como a historia da lingua teñen un filón xa que durante o século XIV o galego foi unha lingua normal e de uso xeneralizado. Mais existen moitos outros “segredos”. Canta xente sabe, por exemplo, que nas viñas da Ribeira Sacra traballaron escravos mouros? Que logo da expulsión dos mouriscos, moitos foron obrigados a viren traballar para os mosteiros do Sil e do Miño? A ignorancia sobre o noso pasado é inmensa e cómpre descubrir estas cousas e popularizalas.

“En Galicia a defensa do patrimonio sempre se considerou un atraso”

Vostede é coautor, xunto a Manuel Gago, do libro Herdeiros pola forza (2.0 Editora, 2012), que reflexiona sobre o grave abandono do patrimonio. Como foi que en máis de 30 anos de Autonomía non se asentase a súa defensa, incluso para lle tirar rendemento económico grazas ao turismo, tal e como fan, por exemplo, en Irlanda.

En Galicia, a defensa do patrimonio sempre se considerou un atraso, un impedimento para construír infraestruturas, zonas residenciais… Non houbo políticas públicas de protección e polo tanto ninguén considerou unha riqueza eses vestixios do pasado senón un estorbo, algo que evitaba sumarnos ao progreso. E aínda peor, no momento no que a UE destinou fondos públicos para a recuperación patrimonial, en Galicia medrou unha “burbulla do patrimonio” durante a cal se dilapidaron moitos cartos sen deixaren un cambio real na forma de atender e respectar as pegadas da historia. Os presidentes das Deputacións enchen a boca falando de patrimonio e logo aplauden a construción da Autovía da Ribeira Sacra, que vai destruír moitos espazos que deberan estar protexidos. En Irlanda existen leis que obrigan a catalogar e abrir ao público todos cantos restos patrimoniais se encontren durante a construción de calquera obra. A transparencia é máxima e o pobo comprende rapidamente a importancia dos achados. En Galicia estamos pendentes dunha nova lexislación sobre este tema que xa desde o seu inicio se rodea de secretismo. Case nin se pode acceder ao borrador, por exemplo. Ademais, ten outras eivas, como considerar que todas as construcións de menos de cen anos non teñen valor patrimonial. É dicir, mañá pode desaparecer un campo de concentración franquista porque legalmente non ten valor.

E malia todo, a nivel popular a arqueoloxía cada vez ten máis adeptos. Patrimonio Galego é unha das redes sociais máis activas e o interese xeral por descubrir e coidar restos do pasado está de moda.

Certo. A arqueoloxía está a servir para canalizar o sentimento comunitario de moitas parroquias. Coido que por estarmos nun momento de grave crise demográfica en moitas partes de Galicia, o estudo do que fomos funciona como mecanismo de orgullo por pertencer a un determinado lugar. Diante do desprezo tácito ou explícito cara ao rural de tantas e tantas políticas, a reivindicación dos petróglifos, dos castros, dos castelos, dos pazos… está a servir para autoconvencernos de que somos e fomos un país que non merece desaparecer.

 

Advertisements

Un comentario en “Xurxo Ayán: “A lenda de María Castaña serve para explicar como se constrúe un mito histórico”

  1. Pingback: Xurxo Ayán: “A lenda de Mar&iacute...

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s