‘Ácaros verdes’, tópicos sobre nazismo

DIÁLOGOS CRÍTICOS (V).

Xesús González Gómez.

Pilar Buela. ESPAZO LECTURA

Pilar Buela. ESPAZO LECTURA

Domingo pola mañá, nunha cafetería situada preto do Mercat de Sant Antoni de Barcelona, os dous amigos continúan o seu diálogo sobre libros de narrativa galegos.

Amigo 2: A colleita de hoxe non foi boa.

Amigo 1: Xa sabes o que pasa, os libreiros están a gardar os libros para a feira, que comezará pouco antes da Mercé. A ver se alí aparece algo

2: Con todo, algunha cousa compraches.

1: Pouca cousa, máis curiosidades que libros para ler.

2: Eu, como sempre, nada de nada.

1: Ás horas que chegas… Ben, pasemos ao que nos trae. A seguinte novela que lin foi premiada ante e post. Antes co Premio de Novela Curta Manuel Loureiro Rey no 2003, publicada por Sotelo Blanco, e post concedéronlle o Premio San Clemente…

2: Ah!, ese que din que conceden os lectores, é dicir, os alumnos de tal colexio de Santiago. Ti pensas que é certo que o conceden os lectores, os alumnos?

1: Non teño por que dubidalo; ora, a realidade, debe ser unha moi concreta…

2: Entendo onde queres chegar. Os rapaces do San Clemente, leron todos os libros narrativos que se publicaron durante o ano en galego, ou os profesores fixeron unha escolma de lecturas e os alumnos votan entre eses libros? É o que pensas ti?

1: Máis ou menos; faltaría por engadir cantos lectores leron de verdade a novela galardoada. Cantos alumnos, de que cursos. Ou só a leron aqueles/as alumnos/as que son uns/has “hachas” en literatura, e talvez en física, química, matemáticas e mesmo relixión ou educación cívica? En fin, a min paréceme que estes premios son como as asembleas sindicais nas empresas…

2: Nas que normalmente aquel que ten máis “pico” de ouro arrastra a maioría. Como pasaba na miña empresa, logo, á hora da realidade, acontecía o que acontecía…

1: Que os picos de ouros eran incapaces de administrar unha folga e se enrocaban de mala maneira… Ben sei do tema, non en van fun delegado sindical durante nove anos.

2: Pois algo así debe pasar con estes premios. Os profesores (os “picos de ouro”) recomendan ou inducen a lectura de determinadas obras e logo os alumnos “votan”.

1: Ultimamente estamos demasiadas veces de acordo. Malo. Mais continúo.

2: Continúa, que aínda non me dixeches nin o título nin o nome do autor.

1: Autora. Chámase Pilar Buela e a novela titúlase Ácaros verdes.

2: O título vénche que nin pintado, non che diagnosticaron hai dous meses que tes alerxia aos ácaros dos libros?

1: Si, pero aquí non vai de alerxia aos ácaros dos libros. A novela narra (sic) a vida de varias persoas durante os últimos días do nazismo. As persoas están encerradas no búnker en que se fortificaron os dirixentes nazis, con Hitler á cabeza, para dirixir o “contra-ataque” contra as forzas aliadas e, sobre todo, as soviéticas. E nunha segunda parte, e de aí supoño o título, o nacemento ao neonazismo no Berlín contemporáneo por parte dunha rapaza: o ácaro verde. Digo eu…

2: E é boa a novela? Porque o tema é interesante.

1: En literatura, como en arte, como ben sabes, a forma é o tema e o tema é a forma, por reducir moito. E aquí, como tantas veces o tema non supera a forma mais, continuamos con Stendhal, supera a escritora. Noutras palabras, a autora non dá nin coas estratexias narrativas axeitadas nin coas técnicas verbais adecuadas.

2: Moito falas e pouco dis.

1: Cala e déixame continuar. O que che quero dicir é que as estratexias narrativas, se as hai, son equivocadas, xa que o tema que desenvolve a novela necesitaba, digamos unha obxectivización, que non quere dicir neutralidade, da voz, das voces narrativas, que non existe. En determinados momentos, a voz narrativa é unha voz moral. De condena. A condena do nazismo vén dada moralmente, non politicamente, nin, se así pode dicir, literariamente. Por exemplo, a condena de Goebbels vén dada mediante a descrición física deste e mediante uns pequenos acenos morais que entrega o narrador (ou narradora), nunca esa condena se deduce da actividade política, dos actos do dirixente nazi; ou dos nazis en xeral. Asístese, durante toda a novela, a unha condena moral do nazismo, e máis nada.

2: É dicir, a típica condena pseudohumanista occidental, aquela que nos quería facer acreditar que o nazismo era simplemente a creación dun grupo de dexenerados que conseguiron enganar o bo e humilde pobo alemán, e que eliminando estes dexenerados elimínanse as raíces e as causas do nazismo.

1: Máis ou menos. Xa sabes, e mellor ca min, que o que acabas de dicir é unha redución, mais non tes ti nin teño eu, nin tempo, nin saberes, nin espazo, ben, espazo si, que na rede este é infinito, para desenvolver o tema. Máis como recensión xornalística e apresurada serve, e achégase máis á verdade que as explicacións pseudohumanistas liberais e, mesmo, que as que entregan pseudo-marxistas economicistas, que non teñen en conta tantos datos e fenómenos que se poden reducir a un: non teñen en conta que nun momento determinado a política toma o posto de mando e está por riba da economía, e a ideoloxía sobre a actividade. Mais se continuamos por este camiño non falaremos de Ácaros verdes nin de ningunha outra novela galega.

2: Enténdote. Digamos unha cousa, que os que estean a ler estas liñas se procuren o libro do xudeu-norteamericano Arno J. Mayer A solución final na historia, que toma como base, para explicar o nazismo, as ideas-concepto de simultaneidade do non-simultáneo e a de contradición principal-contradición secundaria, tiradas de Ernst Bloch.

1: Que fas?

2: Nada, recomendar a Mayer e a Bloch.

1: Si, e así ninguén lerá nunca os nosos. Cala, por favor.

2: Cala ti e continúa.

1: A condena moral do nazismo no canto dunha condena política, aínda que non se queira entender, condiciona a forma e, xa que logo, a novela. A autora, arrastrada por esa condena moral, intenta, en certa maneira, unha rehabilitación “identitaria”, por chamala dalgunha maneira, das mulleres dos nazis: Eva Braun, a muller de Goebbels. Estas resulta que son nazis só por contaxio, por así dicilo, sobre todo a muller de Goebbels, que se queixa de que este só vexa nela un corpo para os seus fillos, non un obxecto do desexo. O retrato de Eva Braun (deixemos de lado erros históricos) é aínda máis “pérfido”. Unha santa, ou case. Ao final casa con Hitler por “desprezo”, como quen di. Estes retratos “identitarios” conducen a unha escrita pseudolírica e con ganas de abraiar polos seus achados máis ou menos metafóricos ao lector: “Era un cadrado case perfecto a habitación, toda pintada dun verde escuro que lambía con lingua bífida de réptil as paredes, chan, teito”; “ O seu home estaba metido nese frenesí, nin se decataría da súa cara sen maquillar […] As únicas liñas que existían para el eran as da fronte, as que avanzaban […]”, “[…] habían esnaquizar vidas en cámaras con chuvia celestial de gas” (se quere o lector “regodearse”, léase o capítulo IX, inzado dese lirismo conservador de casino da primeira á última palabra), e paro de exemplos para non aborrecer.

2: Estou a percibir que estes Ácaros verdes prodúcenche tanta alerxia como os dos libros.

1: Como diría Gila, “son amores distintos, nos quedamos con la vaca”. Por outra banda, ademais do retratos favorábeis de mulleres, sobre todo de Eva Braun, que aparece como nada nazi, case o mesmo se pode dicir do retrato de Albert Speer na súa fugaz aparición. Ademais, existen diversas escenas inverosímiles, como Eva Braun, soa, sen vixilancia nin acompañantes, abandonando o búnker para dar un paseo polo Berlín bombardeado e destruído, etc. Para acabarmos, os últimos capítulos, que narran, como dixen, o nacemento ao nazismo dunha adolescente nos anos 90 do século pasado son… mellor esquezo calquera cualificativo. A primeira escena (sic) en que aparece tal adolescente –declaración diante dun policía–, polos pensamentos deste último dá a impresión de que está a narrar, a adolescente, unha violación da súa persoa, logo saberemos que o que está a narrar e a malleira a un vagabundo por parte dela e os seus amigos nazis. Esta ambigüidade non lle fai ningún favor á novela, evidentemente. Ademais, o movemento cara ao nazismo da adolescente é narrado de tal maneira (en primeira e última instancia, antipoliticamente), que semella que o nazismo sexa unha aventura de identificación ou autoindentificación. En fin, unha novela para esquecer, tanto literaria como politicamente. Porque como literatura é pouca cousa, agás certas frases e trata un tema que, en primeira instancia, podería semellar arriscado, mais en realidade a autora non arrisca nada, agás condenas morais. Non quero, porque sería aburrido, falar dos anacronismos que comete a autora: que a rapaza neonazi lle chame á policía “picoletos”, que nun Berlín asexado e destruído (maio-abril) haxa mandarinas, ou que o apelido desta rapaza neonazi sexa un típico apelido xudeu: Ripstein, son cousas que non deben considerarse, en última instancia.

2: Os anacronismos, se son a mantenta, nas novelas, nas narracións, adoitan cumprir unha función irónica, de toque de atención, non é así neste caso?

1: Nin por asomo. Por outra parte, usar a ironía nun tema como o que trata a novela (últimos días do nazismo –que en realidade non os trata, só son un pretexto–, nacemento do neonazismo), sería nin máis nin menos que un alibi, unha xustificación, senón ideolóxica, cando menos política do nazismo. Non, nestes temas o único que se podería usar é o sarcasmo, que na presente brilla por ausencia. Para acabarmos dunha vez, novela falida do principio ao fin. Falida ideolóxica e literariamente falando, xa que a autora non sabe dominar as voces narrativas e o paso da terceira persoa (narrador moralista e case omnisciente) á primeira, que ás veces acontece, non é demandado polo movemento nin da acción, nin dos personaxes nin da linguaxe, senón máis ben recórrese a el para dar a impresión, a autora, de que ese cambio de persoa narrativa demostra o seu saber técnico. Pola contra, ese cambio de persoa narrativa, que se produce en contadas ocasións, o que demostra é a impericia da autora, o seu escaso dominio de tales técnicas. En fin, nunha novela que nin fu nin fa senón todo o contrario.

2: Explícaste que nin a wikipedia.

1: Un fai o que pode.

(continuará)

Advertisements

Un comentario en “‘Ácaros verdes’, tópicos sobre nazismo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s