Sexo, crime e humor negro: O estilo literario na era da internet

The Writer. IVANNETH/FLICKR

The Writer. IVANNETH/FLICKR

Manuel Veiga Taboada.

Como afectarán os últimos cambios sociais ao estilo literario? Como afectará a internet á literatura? Son as grandes preguntas que hoxe nos facemos, bastante en secreto, a maioría dos escritores. Carecemos aínda dunha resposta, pero, en todo caso, intentamos convencernos a nós mesmos de que a novela é un xénero de dixestión tan lenta como firme e eficaz. A novela queremos crer, quizais coa certeza dos enxeñeiros do Titanic, é capaz de abarcalo todo, de adaptarse a todo.

Dicíame, hai uns días, un escritor amigo que a xente nova non le, os mozos seica prefiren a música, a fotografía e o vídeo, algo que un simple smartphone lles permiten xestionar e degustar facilmente. Parece ser que, tamén, os editores (o meu amigo exerceu algunha vez, ocasionalmente, de editor), están cada día máis frustrados. Quizais pensaban que a alza do nivel educativo, que se veu dando desde fins do franquismo, lles ía traer unha masa nova de lectores.

Había datos que así o parecían indicar: a taxa de lectura anterior era moi baixa e segue sendo bastante máis baixa que a dos principais países da UE. Por outra parte, a suba do nivel económico, moi notábel nos últimos trinta e cinco anos, permitiría comprar máis libros.

De acordo con este pensamento, bastante común, a culpa de que tal proceso non tivese lugar é da internet. Ante a miña observación de que hoxe, precisamente grazas á rede, a mocidade escribe e le máis que nunca, a resposta do meu amigo foi contundente: “Len trapalladas, non literatura. Todos queren ser escritores, fotógrafos e cineastas e escriben e gravan calquera cousa, de calquera maneira que despois nin sequera volven mirar”.

É dicir, os usuarios da internet (pobo inmaturo) carecen de criterio, cometen faltas de ortografía, non respectan os autores e sobre todo non pagan polo que consomen.

Esta forma de razoar lembroume o argumento dalgúns teóricos do século XIX que crían que a democracia era a única forma apropiada de goberno; pero que, ao mesmo tempo, pensaban que, a causa da pouca madurez do pobo, as condicións para que unha democracia funcionase só podían establecerse mediante unha monarquía non democrática.

É dicir, os usuarios da internet (pobo inmaturo) carecen de criterio, cometen faltas de ortografía, non respectan os autores e sobre todo non pagan polo que consomen.

Eu estou seguro, en todo o caso, de que o escenario da mocidade mergullada e idiotizada nas redes non é como mínimo peor que o da mocidade da miña xeración, dedicándolle tardes enteiras ao xogo da baralla, consumindo alcohol e picándose heroína, cunha agulla común, contaminada de sida.

Os que liamos libros nos setenta eramos unha ínfima minoría! Terei que lembrarllo a próxima vez ao meu amigo escritor que pasou, sen decatarse, da vangarda cultural a unha nostalxia que edulcora o pasado.

David Foster Wallace.

David Foster Wallace.

A nova linguaxe a través do humor

Que pistas podemos seguir para saber en que consistirá esa nova linguaxe? Creo que un dos aspectos nos que debemos fixarnos é no novo tipo de humor.

O humor das novas xeracións, moi relevante a través de twitter, vén dando lugar a frecuentes choques coa xeración analóxica, que é aínda a encargada de interpretar e aplicar as leis. E de aí as causas xudiciais e as polémicas xurdidas ultimamente contra moi diversos usuarios das redes.

O humor de hoxe utiliza unha linguaxe máis directa, máis irreverente, incluso provocadora e menos retórica. Está ademais influído polo cine policial, por unha sexualidade obscena e, polo chamado humor negro, resposta natural á inflación de noticias de sucesos que nos chegan habitualmente dentro dun envoltorio de falsa moralidade.

O coito e o crime aparecen nel, ou a través del, dunha forma máis clara e máis intensa que en décadas anteriores. O feito de que sexa humor permítelles pasar de contrabando ideas ou alusións que doutra forma non estarían permitidas. Como dicía Billy Wilder: “se vas dicir a verdade, procura que teña graza; pois doutra forma van querer matarte”.

Jonathan Franzen e David Foster Wallace foron amigos e ambos ensaiaron, a mantenta, os dous camiños diferentes polos que, segundo cada un deles, debería camiñar a novela moderna.

Con todo, e como xa se acaba de apuntar, parece que o pasaporte do humor aínda non resulta garantía suficiente para que a parte da sociedade máis conservadora acepte determinados contidos.

A entrada destas novas xeracións no campo da competencia política e, polo tanto, no da loita polo poder, volveu de repente os seus chíos de twitter visíbeis, importantes e penalizábeis.

En todo caso, a ética e a linguaxe que ese novo humor expresa, triunfará, aínda que só sexa por razóns xeracionais, do mesmo modo que o rock, incluso aquel considerado máis pernicioso e underground dos sesenta e setenta, hoxe sérvelle de música de fondo a un bo número de anuncios publicitarios e de programas dirixidos a toda a familia.

Unha familia que, por certo, tampouco é a de antes. Da familia cristiá (ou victoriana, no ámbito anglosaxón) pasamos á familia que a primeira hora da mañá lía o periódico en lugar de rezar (como deixou anotado nada menos que Hegel) até chegar á actual Modern Family (como a serie norteamericana, premiada varias veces cos Grammy) que discute a todas as horas, fai continuas bromas, admite sen problemas a homosexualidade, mostra o cabeza de familia como o máis infantil, torpe e anticuado da casa e presenta mulleres con peitos abundantes en primeiro plano.

O dúo Wallace-Franzen

Este cambio na linguaxe literaria, provocado en parte pola emerxencia de novas tecnoloxías e polo auxe dunha sociedade baseada, máis que antes, no consumo e na comunicación, pode ser representado a través de dous autores norteamericanos, os dous plenamente conscientes desta evolución: David Foster Wallace e Jonathan Franzen.

Ambos foron amigos e ambos ensaiaron, a mantenta, os dous camiños diferentes polos que, segundo cada un deles, debería camiñar a novela moderna.

Franzen preconiza un certo retorno ou cando menos busca unha fonda inspiración na retórica clásica, de aire decimonónico, e trata de revitalizala a través dos seus dotes como narrador.

Wallace, en cambio, foi un paso máis adiante. O autor de A broma infinita tratou de darlle expresión á fala coloquial do noso tempo (inspirada, no caso da obra que vimos de citar, nas charlas dos grupos de ex alcohólicos), reflicte a precisión de linguaxe propia do actual grado de desenvolvemento científico (todo ten nome e pouco espazo queda para o espiritual, o inconcreto, o telúrico) e ensaia, en O rei pálido, un tipo de escritura que reutiliza a aridez da linguaxe burocrática, nun intento de dicirnos que esa aridez é precisamente a forma na que se manifesta a censura política moderna.

A linguaxe escrita procura, como xa fixo noutras épocas, non distanciarse demasiado da linguaxe falada para non distanciarse tampouco da vida real e dos lectores.

Jonathan Franzen.

Jonathan Franzen.

Todos os documentos oficiais, ou cando menos unha boa parte deles, intenta dicirnos Wallace, son hoxendía accesíbeis, pero resultan desmesuradamente extensos e foron redactados pola casta de sacerdotes-burócratas do Estado, dunha maneira intencionadamente escura, de modo que se necesitaría un amplo equipo de cidadáns, dedicándolle unha morea de horas, para descubrir cada unha das súas trampas e cada un dos seus secretos.

A fala coloquial que emprega Wallace e os autores que, en xeral, poderiamos chamar “contemporáneos” caracterízase, entre outros cousas, pola aceptación de que se repita a mesma palabra, incluso en liñas moi próximas, así como polo emprego habitual de substantivos correntes e dos verbos máis usuais na fala como: ser, estar, ter, facer, dicir, en lugar doutros máis eufemísticos ou requintados. Por exemplo, mellor “está en” que “encóntrase en”, mellor “dixo el” que “considerou el”.

A linguaxe escrita procura, como xa fixo noutras épocas, non distanciarse demasiado da linguaxe falada para non distanciarse tampouco da vida real e dos lectores.

A desacralización do autor corre paralela á democratización da linguaxe que na actual fase de evolución científica perde grandilocuencia e “emperiquitamento” para gañar en familiaridade e precisión.

Aspectos negativos do novo estilo

Algúns dos puntos negativos que caracterizarían tamén a moderna expresión literaria, sobre todo nos seus produtos máis vulgares, serían a intensificación dos acontecementos (todo é máis grande, máis forte, máis emocionante, máis extremado, de acordo coa necesidade de competir nun mercado moi activo), a aceleración deses mesmos acontecementos (paralela á aceleración que permiten as modernas comunicacións, tanto físicas como virtuais), un maior uso do sensacionalismo, da polémica e das declaracións contraditorias, tanto na obra, como na imaxe do autor (co obxecto de conseguir un maior impacto mediático de ambos) e unha maior dramatización e teatralización que permitan a autor e obra interactuar cos demais protagonistas dos medios de comunicación.

Un precursor dalgunhas destas facetas foi, obviamente, Valle-Inclán, cuxa imaxe rechamante e contraditoria foi, en boa medida, construída por el mesmo.

O recurso a personaxes do cine americano e, en xeral, a mitos recoñecíbeis, ten como obxectivo crear un marco de referencia común a un número o máis amplo posíbel de lectores.

Elenco da serie 'Modern family'.

Elenco da serie ‘Modern family’.

Vemos así que velocidade e espectáculo están moi presentes nalgunhas destas novas formas de narrativa, cando menos nas de vocación máis comercial. Un dos perigos desta clase de recursos é o esgotamento que no lector poden producir as enfatizacións constantes e en todos os aspectos do texto: cando todo é sorprendente e emocionante, todo deixa de sorprendernos e de emocionarnos. A maiores de que os leitmotivs usados acostuman ser case sempre da mesma natureza: con preferencia tomados do cine e a televisión, aínda que tamén da cultura en fascículos e das noticias estrañas dos periódicos.

O recurso a personaxes do cine americano e, en xeral, a mitos recoñecíbeis, ten como obxectivo crear un marco de referencia común a un número o máis amplo posíbel de lectores. O cálculo apunta que se os personaxes ou os temas da obra en cuestión están tomados de Hollywood, da novela negra ou dun artista europeo clásico como Da Vinci, as posibilidades de encontrar lectores que poden identificarse con ela aumentarán.

Esta realidade de tipo comercial, que debe competir cun gran número de produtos case idénticos, non é tanto, non obstante, unha realidade de tipo literario, pois a universalidade literaria só se pode conseguir, como di Zizek, cando mostramos o conflito da nosa identidade particular.

O que lle proporcionou universalidade á cultura española non foi ningunha das versións locais da novela de cabalerías, un xénero predominantemente francés, senón a conflitiva singularidade do Quixote.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s