Oroza, Gombrowicz e a poesía azucrada

Retrato de Carlos Oroza

Retrato de Carlos Oroza

Manuel Veiga Taboada.

Na noite do sábado 21 de novembro do 2015 morría, en Vigo, o poeta Carlos Oroza. Pasou a vida declamando os seus versos desde o palco que tiña máis próximo e iso facía que soasen a música.

Escribía en castelán, o que acabou por convertelo nun poeta de provincia. En Madrid, onde viviu algún tempo, xa non estaba Paco Umbral para agasallalo cunha liña na súa columna.

Oroza exercía de bohemio. O último español da xeración beat, titulou a prensa o día do pasamento. Dicía que a única poesía auténtica era a del e a de Hölderlin.  

Unha vez fíxenlle unha entrevista. Nin abrín a boca, el sabía as preguntas e as respostas de memoria. Oroza entrevistábase só, igual que conversaba só, co interlocutor á expectativa. El calculaba o que estabas pensando.

Ás veces, pronunciaba frases que podían ser un verso, un eslogan ou un titular de periódico, como aquela de que o que importan son as árbores e non as bandeiras. A frase era de tal riqueza polisémica que un non sabía se a dicía por ecoloxismo, por surrealismo ou para que non o confundisen cun nacionalista periférico.  

Mantívose sempre moi delgado. Todos lle pagabamos os cafés, para que se alimentase algo e para que non falase mal de nós tan pronto désemos a volta.

Un día faleille dun pequeno ensaio de Gombrowicz, de apenas trece páxinas, titulado: “Contra os poetas”. Non o coñecía, pero mostrouse interesado.

O texto do autor polaco figura como anexo, no primeiro volume do seu diario, o que comprende o período 1953-1956. Extracto algunhas das súas frases:

“A case ninguén lle gustan os versos. O mundo da poesía en verso é un mundo ficticio e falseado”.

Witold Gombrowicz.

Witold Gombrowicz.

“Dirédesme quizais que son un pobre ignorante. Pero levo moito tempo traballando na arte e a súa linguaxe non me resulta de todo allea. Tampouco podedes utilizar contra min o voso argumento preferido, afirmando que non posúo sensibilidade poética, porque precisamente posúoa e en gran cantidade, e cando a poesía se me aparece, non nos versos, senón mesturada con outros elementos máis prosaicos, póñome a tremer como os demais mortais”.

“¿Por que entón, a linguaxe dos poetas se me antolla a menos interesante de todas as linguaxes posíbeis, por que esa Beleza me resulta tan pouco sedutora e por que non coñezo nada peor en canto a estilo, nada máis ridículo, que a maneira na que os Poetas falan de si mesmos e da súa Poesía?”.

“Realicei os seguintes experimentos: combinaba frases soltas ou fragmentos de frases, construíndo un poema absurdo, e líallo a un grupo de fieis admiradores como unha nova obra do vate, suscitando o engaiolamento xeral. Ou ben púñame a interrogalos sobre este ou aquel poema, podendo constatar que os admiradores nin sequera o leran enteiro. Como é iso? Admirar tanto sen nin sequera lelo até o final?”

“O Poeta é venerado, e ante toda esa montaña de gloria encóntrome eu coa sospeita de que a misa poética desenvólvese nun baleiro total”.

“Por que non me gusta a poesía pura? Non será polas mesmas razóns polas que non me gusta o azucre en estado puro? O azucre serve para adozar o café e non para comelo cunha culler nun prato coma se fosen papas de millo. Na poesía pura, versificada, o exceso cansa: o exceso de palabras poéticas, o exceso de metáforas, o exceso de sublimación, o exceso, por fin, da condensación e da depuración de todo elemento antipoético, o cal fai que os versos se parezan a un produto químico”.

Estou convencido de que Oroza é un dos poucos poetas que non se terían ofendido por estas palabras de Gombrowicz, senón que incluso podía telas escrito.

 

Advertisements

Un comentario en “Oroza, Gombrowicz e a poesía azucrada

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s