Un paso adiante, Piñeiro, e outro atrás, Fraga

Antonio Piñeiro.

Antonio Piñeiro.

DIÁLOGOS CRÍTICOS (VI).

Xesús González Gómez.

Os dous amigos continúan na cafetería a tomar máis café, descafeinado e con sacarina.

Amigo 2: Polo que me levas dito, deduzo que as túas lecturas de verán foron este ano tan insatisfactorias como as do ano pasado.

Amigo 1: Máis ou menos. Con todo, houbo algunha pequena sorpresa. Como por exemplo, As fiandeiras, de Antonio Piñeiro, gañadora do García Barros 2011, editada por Galaxia.

2: Si? Que tal é?

1: É unha novela curta. Desenvólvese alá polo ano 1870, na Estrada, cando houbo unha “rebelión”. Non é que sexa unha gran novela, segundo o meu parecer, máis é unha novela densa, un exercicio literario ben construído, narrado ás máis das veces cun estilo que podiamos chamar melancólico, triste sen ser chorón nin sentimentaloide, que sen ben infelizmente, acho, non atrapa, tampouco produce ningún tipo de rexeitamento, e ás veces invade ao lector.

1: Sabes o que estás a dicir?

1: Non moi ben, pero queda bonito, va que si?, e non cho digo ironicamente, xa que a novela non merece ningún tipo de ironías, porque non é nada pretensiosa, nin na súa escrita, nin na súa visión, nin na súa expresión. É unha novela ben traballada nos, digamos, contornos mais non no centro ou mellor dito, no núcleo, e por iso a “personalidade” dos diversos personaxes que a atravesan ou pululan por ela, normalmente debuxada a base de pequenos trazos, non queda ben deseñada e pode conducir a confusións. O autor, do que non coñezo máis cousas, demostra certas calidades que debería desenvolver en obras non máis ambiciosas, porque a presente, a pesar das súas poucas páxinas, demostra que o autor ten unha ambición e unha vocacións literarias que vai máis alá do proído de “triunfar”, senón en obras, talvez, de máis alcance. A ambición literaria demóstrase na presente na elección da voz narrativa, omnipresente e fantasmagórica á vez, aínda que saibamos que pertence ao grupo da fiandeiras. Outras veces esa ambición, esa vocación, literarias móstranse clarisimamente na escena en que aparece a “máquina de escribir”, a primeira máquina de escribir que aparece na Estrada. Ambicións e vocacións literarias que demostra Antonio Piñeiro, ao fuxir daquilo en que podía caer facilmente e, de paso, facer a obra máis atractiva (?) para o lector diletante, que somos a maioría: a novela histórica, e se ideoloxizada, mellor. O autor salva eses dous perigos, como salva o perigo de caer no dramatismo, na denuncia, mesmo na política (mal entendida), no énfase, nos alardes estilísticos, e entón a escrita alcanza certa beleza e certa tenrura. Piñeiro, ademais, usa dun tratamento moi especial do tempo narrativo (semella como se a novela se desenvolvese nunha única escena, o que non é certo) e foxe dos ambientes históricos para facer falar, directa e indirectamente, as fiandeiras. De aí, como che dicía, que o estilo semelle “melancólico”, porque as fiandeiras expresan o que desexan de maneira simple, sen artificios, e, finalmente, semella que a novela deite un zume melancólico, non de nostalxia, polo que puido ser e non foi. Mágoa, por outra parte, que ás veces a novela non sexa, digamos, máis “clara”, quizais debido á sobriedade usada polo autor, sobriedade tanto lingüística como narrativa. Podiamos falar máis desta novela, pero por hoxe abonda. As fiandeiras, como che dixen, é unha boa proposta narrativa, non do todo conseguida, mais tampouco fallida. Un nome a ter en conta, esperemos

2: E este Piñeiro, é un rapaz novo?

1: Segundo a pouca información da contracapa, cando gañou o premio tiña 49 anos. Este ano publicou un libro titulado A identidade fascinada, que non coñezo.

2: Eu tampouco, aínda que oín falar del.

1: Haberá que lelo, a ver de que vai, e esperar novas entregas narrativas deste ribeirense.

2: E o seguinte premio narrativo que liches, cal foi?

Soliman-Fraga_Xesus-97884978213911: Solimán, de novela ganadora do III Premio Rubia Barcia-Cidade de Ferrol de novela, concedido en novembro de 2003 e publicado por Xerais no 2004. O autor é Xesús Fraga.

2: O xornalista de La Voz de Galicia?

1: O mesmo, penso.

2: E a novela?

1: Unha novela lida mil e unha veces, estruturada a base de viñetas e narrada en primeira persoa. A novela é, poida que me equivoque, mais difícil o vexo, a típica novela dun home de trinta anos que rememora a súa vida. Nenez, mocidade, instituto, estudos, primeiras experiencias sexuais (moi prolixas, por outra parte), primeiros amigos, etcétera etcétera.

2: Tes razón, con mil e unha variacións, a típica novela máis ou menos autobiográfica ou amañada a partir da propia biografía.

1: O único “curioso” na presente e que non se fala case nada nin de política, nin do contexto político, á parte dalgunha que outra mención. Iníciase, como case todas estas novelas, lembrando un episodio da nenez, que serve como resorte ao narrador: trátase dun episodio co seu primeiro “amor” (non correspondido). Aparece logo un rapaz que será durante un tempo o seu mellor amigo, e que se levara a esa rapaza. Logo ese deixara de ser o seu mellor amigo e terá outros amigos e, finalmente, semella que non teña ningún.

2: E non hai un “reencontro” amoroso co primeiro amor, que é típico nestas novelas.

1: Non; non hai reencontro con ese vello amor, mais si cunha vella coñecida que no seu tempo os levaba (por estar boa) de cabeza.

2: E algo máis?

1: Pouco máis a dicir. É a típica novela que non renxe por lado ningún porque non ten lados por onde renxer, na que non existe ningún tipo de creación lingüística e na que as técnicas narrativa son as clásicas: empezar e botar millas. A linguaxe é plana, sen que o autor, xornalista de profesión, saiba tirar todas as posibilidades deste tipo de escrita. Unha novela narrada como se fose unha reportaxe xornalística que contase a vida dun home. En fin, con todo, hai que ter en conta que o autor non introduce nunca un “contido destrutivo”, nin estruturas lingüísticas alternativas, que é a táctica daqueles que, faltos de estratexias narrativas, queren abraiar o lector contando o de sempre (ou non contando nada), polo que a novela, unha vez lida sen problemas, esquécese coa mesma facilidade. No entanto, debo dicirche que os parágrafos finais deixan adiviñar que a novela puido ser outra cousa, unha novela de memoria moral que Xesús Fraga non conseguiu realizar.

2:Acabaches?

1: Acabei.

2: Pois vaiamos para a casa e vémonos o próximo mércores. Por certo, quédanche aínda moitas novelas que comentar?

1: Non moitas.

2: Pois a ver se acabamos mércores. Adeus.

1: Penso que non, pero xa veremos. Chao.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s