Biblioteca escollida do 2015

Biblioteca 2015.

Biblioteca 2015.

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe de libros recomendados do ano que vén de rematar completa estoutra que publicamos no verán. A velocidade do sistema de novidades, incluso nun mercado con fama de escaso coma o galego, fai que moitas obras interesantes corran o risco de quedaren esquecidas. Por iso, de cara aos doce meses do ano 2016, doce máis un títulos para abrigar unha biblioteca ben xeitosa.

12. Diario, de Ana Frank. A morte en Venecia, de Thomas Mann. Non hai literatura que sobreviva sen ter no propio idioma clásicos universais de alta valía. Nesa biblioteca do mellor do escrito no mundo, en galego publicáronse no 2015 dúas obras imprescindibles. Faktoría K edita de novo Diario, da neerlandesa Ana Frank, traducido ao noso idioma por Tomás Ruibal. Este libro ten máis valor testemuñal ca literario. A historia desta nena que viviu agochada dos nazis durante máis dun ano nun ático de Amsterdam aínda tiña unha vola de rosca inédita. Esta nova versión galega publica varias pasaxes descoñecidas até agora. Un libro fundamental para entender o mellor e o peor da era contemporánea. Morte en Venecia, de Thomas Mann, traducida por Laureano Araujo, ve a luz en galego da man de Rinoceronte. Este si é un libro fundamental pola súa altísima calidade literaria. Un paseo pola decadencia e a beleza, escrito cunha solvencia ao alcance de moi poucos autores.

11. As últimas galerías, de Xosé María Álvarez Cáccamo. Pepe Cáccamo volve á narrativa cunha obra de corte clásico e tema memorialístico. A lembranza da vida da xeración que viviu con maior intensidade o miolo do século XX a través dun feixe de fontes diferentes. O autor condúcenos cunha técnica clásica e un aroma lírico, a un tempo anterior ao seu, xusto anterior, o tempo dos pais, que se vive con esa mestura de sensacións: a familiaridade da proximidade e o asombro por todo o que quedou enterrado en segredos, esquecementos e outras erosións do pasado. Edita Galaxia.

10. Hai que matalos a todos, de Héctor Carré. Unha das novelas de xénero máis divertida e mellor armadas do ano. A través dunha historia que combina a intriga da espionaxe, a crítica aos medios de comunicación e axita a pantasma da falta de liberdades e o concepto de democracia vixilada do noso tempo, o escritor e cineasta ofrece o que promete e deixa no aire algunhas preguntas que seguen a roldar a mente do lector tempo despois de rematada a novela. Moitos escenarios e acción crible para entreterse con fundamento. Edita Xerais.

9. A historia de Odoyno, de Antonio Rodríguez Baixeras. Toxosoutos publica este traballo historiográfico ao redor do que o autor considera “a primeira novela galega”. Tomando como base un documento presente no Tombo de Celanova e datado no ano 982, este libro lévanos ao apaixonante século X no que o reino de Galicia chegaba até Coimbra. Baixeras contextualiza aquel tempo de batallas, traizóns cortesás e amores entre os muros dos conventos, dando unha ollada nova a un período dos menos famosos da nosa historia mais moi rico en acontecementos e referencias. Todo contado a través do personaxe de Odoyno Veremudiz, un monxe de Bande que estivo en todos os puntos quentes do seu tempo e que incluso tivo tempo para namorar coa abadesa Onneca,

8. Despois do cataclismo, de María Alonso. Publicada por Urco, esta é unha novela que se pode definir como de distopía castrexa. Cinxida ao xénero da apocalipse retrofuturista, Alonso opta por xunguir o popular xénero coa nosa propia tradición cultural cun prisma feminista moi refrescante. A narración é fluída e combina a aventura coa reflexión sociolóxica sobre os mecanismos de control social e as alternativas de subversión.

7. As mulleres do monte, de Xosé Antonio Gurriarán. O xornalista valdeorrés volve á casa para presentar unha ampla reportaxe sobre a vida da comarca na posguerra. A pesar de ser o motor do proxecto o desexo de Gurriarán de facer memoria da súa propia biografía de neno, o certo é que o libro traspasa eses límites familiares para se converter nun fresco diso que se chaman as voces baixas da historia, os testemuños, sobre todo os desas mulleres do título, que viviron ese opaco conflito que a Galicia do leste viviu entre guerrilleiros e gardas civís cando supostamente xa se pacificara o país. Latexo vivo daquel tempo e daquelas xentes. Edita Galaxia.

6. oso, mamá, si?, de María Lado. A poeta de Cee é unha das máis potentes voces da literatura contemporánea. Demostra o seu grande músculo lírico neste libro, que percorre as sensacións da descuberta. A chegada ao mundo, o ritual da pertenza, da comuñón a través do amor e da necesidade mutua. Lado prescinde do artificio poético e opta por unha linguaxe aínda máis cotiá da que habitualmente usa na súa lírica para falarnos practicamente con saliva apegada ao oído. A rutina do día a día, o tic-tac da casa, o inevitable, o de hoxe mesmo aparecen nesta obra cunha maxestade única. Edita Xerais.

5. Fontán, de Marcos Calveiro. Esta novela gañou o Premio de Narrativa Breve Repsol 2015 e está editado por Galaxia. O retorno do escritor arousán á novela de adultos volve ter, coma en Settecento Festina Lente un tema histórico. Neste caso, a figura do científico Domingos Fontán, famoso por ser o autor do primeiro gran mapa moderno de Galicia. Cun ton sobrio e unha narración que poderiamos definir como pseudo-documental, Calveiro traza as vivencias dun home que tivo oportunidade de estar na maioría dos grandes momentos do século XIX: a Francesada, as guerras entre absolutistas e liberais e o cambio social que lle permitiu a unha nova ciencia experimental intentar un camiño de progreso para Galicia.

4. A noite enriba, de Diego Ameixeiras. A décima novela do ourensán é un punto e á parte na súa traxectoria. Sen abandonar de todo a súa propia “tradición” narrativa baseada no cruzamento de historias, a atención á realidade do presente e á dosificación informativa, neste caso Ameixeiras pescuda nos límites da ficción, en como a propia vida acaba por converterse en literatura e na función do novelista hoxe de mediador entre un mundo inaprensible que precisa da imaxinación se non para se ordenar si para deixarnos un tubo de escape. Edita Xerais.

3. Lamentacións dun prepucio, de Shalom Auslander. Rinoceronte volve darnos unha gran noticia literaria. Chega á biblioteca galega un dos autores novos estadounidenses máis interesantes por saber combinar unha narrativa accesible cos grandes temas do noso tempo. Auslander podería encaixar nesa onda que se denomina autoficción mais no seu caso non utiliza a propia vivencia para facer terapia nin para mitificar os seus propios pasos senón como ferramenta irónica para reflexionar sobre as pantasmas que herdamos, non só dos nosos pais senón das tradicións ás que pertencemos. No seu caso, o xudaísmo ortodoxo foi un peso demasiado influente do que se intenta librar a base de literatura e humor. Nesta novela pon en cuestión os ritos e costumes xudeus con moita graza e sen deixar nada en pé. É coma se o Howard Wollowitz de The Big Bang Theory decidise pórse a facer literatura e non enxeñaría espacial.

2. O último día de Terranova, de Manuel Rivas. Rivas é un escritor con tantos recursos narrativos que brilla incluso a velocidade de cruceiro. Cando consegue subir un chanzo máis na súa arte, o resultado é de grande altura, como é o caso desta novela que enlaza simbolicamente con Os libros arden mal e que esculca na historia recente de Galicia (tamén de España) a través do poder emancipador dos libros. A libraría como símbolo da rebeldía fronte á opresión e a ignorancia, a imaxinación como pasaporte para un mundo máis xusto. O autor volve amosar a súa riqueza expresiva, o seu amplo cadal de datos e historias. E por riba de todo, aparece o bo de Dombodán. Edita Xerais.

1. Cuestións vitais secretas, de Iván García Campos. Tras obter o Blanco Amor no 2010 pola novela O imposible de desatar, chega agora un conxunto de relatos (que publica Galaxia) que ten moito a ver, en canto a modelo literario, con aquela opera prima. Campos é un escritor hoxe único en galego, pola súa maneira de estruturar a narración, pola musicalidade dos seus textos, polo tratamento poético da cotidianidade e sobre todo pola súa capacidade de crear desacougo a través do normal. Historias desas que non se poden resumir en cinco liñas ou quizais todo o contrario; nunca se sabe cun escritor que merece moita atención.

Advertisements

Un comentario en “Biblioteca escollida do 2015

  1. En efecto. Unha “biblioteca ben xeitosa”! Alegreime moito de ver nela ‘A morte en Venecia’, que é unha novela interesantísima publicada por Rinoceronte cunha edición de luxo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s