Diego Ameixeiras: “A min gústame escribir, non ser escritor”

2011-10-23 Gerafe Negro Diego AmeixerasCésar Lorenzo Gil.

“No portal do edificio, situado a escasos metros da confluencia entre a rúa Vila Real e Ervedelo, atopouse coa muller que limpaba as escaleiras”. Así empeza a páxina 14 da novela A noite enriba (Xerais), de Diego Ameixeiras (Lausanne, 1976). Máis ou menos no mesmo punto, encóntrome co escritor, na parte alta da cafetaría Joma, un estandarte do barrio do Couto, en Ourense (o Oregón de Ameixeiras). O lugar está baleiro e moi pouco iluminado, parece que quedásemos para algún amaño, máis que para unha entrevista. Pero finalmente, a conversa xira só ao redor da literatura.

A noite enriba é a súa décima novela. Do meu punto de vista, esta obra é unha síntese das dúas correntes principais da súa creación: unha primeira etapa, máis apegada ao xénero negro clásico cunha visión esaxerada, pouco realista e irónica; e unha segunda rigorosamente realista, máis esixente na forma e na técnica. Este novo libro ten máis “ficción” ca realidade, homenaxea os clásicos mais sen perder esa economía narrativa que xa é marca Ameixeiras.

É certo que era consciente da simboloxía do número dez. Non por nada máis alá do propio número redondo, que ao final sempre te condiciona, neste caso para recapitular a miña traxectoria como escritor. No libro si se sementan determinadas inquedanzas que teño polo propio labor creativo, a miña aprendizaxe, o que significa para min a literatura e a profesión de escribir. Tamén coido que conseguín maior liberdade para imaxinar mundos diferentes aos das miñas anteriores obras. Iso que podemos definir ficción sobre a ficción. E tamén supón o retorno a Oregón logo de varias novelas ambientadas en Santiago. Si que penso que hai un diálogo co meu propio pasado e é posible que marque un punto e á parte de cara aos meus novos proxectos.

Ficción dentro da ficción. Por primeira vez lemos unha novela súa na que talvez todo o que sucede non sexa máis ca o produto da imaxinación dun escritor que inventa un escritor. O proceso creativo é o cerne do libro. Todos os protagonistas son ou queren ser escritores e aínda para máis aboia no ambiente a figura de David Goodis, outro profesional da escrita, un dos denominados “clásicos esquecidos” da novela negra estadounidense.

Pretendín escribir unha novela xustamente ao redor da figura do escritor, ao redor do oficio de escribir. E escollín unha estrutura de xogo, de realidade e simulación que coido encaixaba ben co tema e me permitía a min ter maior liberdade para, sen deixar de facer novela negra, reflexionar sobre algunhas cousas que me interesan dese proceso. É tamén unha homenaxe aos escritores esquecidos que cultivaron a novela negra e outros xéneros populares noutro tempo. Aí está a figura de Vicente (Vincent Malone), o personaxe que traballou en Bruguera escribindo novelas de quiosco e o propio Goodis (este si real), cuxo universo quixen recrear, incluso levando parte da acción da novela a Philadelphia, onde el viviu e situou as súas historias.

Nalgunha entrevista linlle que reivindicaba a novela de quiosco. Deste tema tamén falou Fran P. Lorenzo. El defendía o xénero desde un punto de vista histórico e sociolóxico. No seu caso non creo que haxa unha admiración literaria por elas.

Non. O seu valor literario é, polo xeral, nulo. Eran novelas escritas en apenas uns días, con argumentos que se repetían, moitas veces copiados doutros libros. O meu interese por ese mundo ten a ver co propio oficio de escritor. Interésame reflexionar sobre unha profesión que tiña que inventar coa presión do tempo. A combinación entre produción e inventiva paréceme moi apaixonante. Pode que teña a ver coa miña propia vida laboral como guionista, na que tamén vivo pendente do calendario para entregar o traballo. O caso é que sempre me preocupei por saber quen eran os que se agochaban detrás deses pseudónimos. Hai casos de novelas dese tipo cuxo autor real aínda non foi descuberto; noutros casos, como o de Silver Kane, quen se agochaba era Francisco González Ledesma, que logo, xa asinando co seu nome, se converteu nun dos máis grandes autores de novela negra en castelán. Na novela fálase de Curtis Garland (cuxo nome real era Juan Gallardo). A súa muller sempre lle recriminaba que non se dese a valer, que non confiase en si mesmo como escritor. Esas inseguridades, esa rutina do escritor é o máis relevante daquel movemento. Un movemento que era industrial, quero dicir, en todas as casas se lían destas novelas. A xente do común ía compralas e á semana seguinte estaba no quiosco buscando máis.

A novela popular mudou moito nestes últimos 40 anos. Hoxe segue a venderse ficción non literaria pero os autores xa non se agochan; as edicións non son de baixo custo senón de luxo; non se venden nos quioscos senón nos mellores puntos de cadeas de librarías ou centros comerciais.

Ese proceso, coido, ten a ver cun movemento que en aparencia non tiña nada a ver máis do que acabou beneficiándose ese mercado do best-seller, no sentido de produto unicamente deseñado para intentar vender e canto máis mellor. Co ánimo de prestixiar xéneros populares como a novela negra, as obras deste tipo deixaron de estar afastadas das librarías e algúns nomes foron venerados polos lectores. O problema foi que ese salto foi aproveitado por thrillers e outros subprodutos de fórmula que non tiñan a honestidade nin dos clásicos dos xéneros populares nin, por suposto, daquelas coleccións de Bruguera que floreceran anteriormente.

Hoxe non hai novela de quiosco porque non hai quioscos sequera e penso que parte da xente que encontraba entretemento nesas lecturas agora conségueo con outros modelos de lecer, caso da televisión. Pero é que, ademais, o tempo mudou incluso o xeito de consumo de cultura. Antes esperabamos unha semana para ver que pasaba nunha serie. Agora miramos os capítulos un detrás doutro na internet.

E nese contexto de competencia da lectura recreativa con outras formas (coido eu) máis completas de entretemento, como ten que comportarse un escritor coma vostede, que se define como de xénero.

Antes falaba de Ledesma. A pesar do seu éxito, se te fixas, até a súa morte mantivo un perfil profesional, afastado da vaidade que arrodea o mundo editorial de masas. Malia estaren as librarías cheas de novelas negras, de haber un obvio boom, hai moitísimos autores e obras chave que están descatalogadas. Títulos clásicos que nin se atopan nas bibliotecas. E ao mesmo tempo, os fenómenos populares do pulp ou de Bruguera viven un revival melancólico. Escribir literatura popular hoxe, penso, debería ter máis a ver con ese perfil honesto e afastado dos focos. A min gústame formar parte desa tradición. A min gústame escribir máis ca ser escritor. E cando encaro a redacción dunha novela, preocúpome de cuestións relativas ao propio proceso, xa non só creativo senón tamén físico. Busco a maneira de pasar moitas horas sentado sen acabar co lombo desfeito. Tomo a literatura como un traballo, satisfactorio pero tamén esixente, duro en moitas ocasións.

Non quero desvelar a trama mais a homenaxe ao universo Bruguera vai máis alá da literatura; tamén recrea a Barcelona quinqui.

De pequeno eu estaba fascinado por aquel cinema da década do 1980. Persecucións con seat 124. Meu pai tiña un 124! Eu decatábame de que aqueles quinquis, o Vaquilla ou o Torete, en realidade eran moi parecidos aos maiores do meu barrio. Así que era como ter un star-system moi achegado á miña realidade. Mais tamén naquel tempo Barcelona era moitas cousas máis, a capital de Bruguera e tamén da nova novela negra española cuxo representante máis interesante era Manuel Vázquez Montalbán. Apetecíame achegarme a aquel tempo e a aquel espazo, focalizado na novela no ambiente da prisión Modelo.

Hai unha parte do libro que se desenvolve en Philadelphia. Como se achega a un escenario como os EUA, a partir da experiencia persoal ou en base a todo o background popular que temos dese país todos.

Na novela, o personaxe de Vicente, o escritor de Bruguera, dille ao de Ricardo, o aspirante a biógrafo de Goodis, que se quere escribir sobre o norteamericano ten que ir a Philadelphia para coñecer realmente as rúas polas que el pisara. Eu non seguín o consello. Recreo as rúas da cidade de Pennsylvania a base dos propios recortes da miña memoria, das múltiplas referencias cinematográficas, televisivas e literarias. Preferín que a miña Philadelphia tivese ese punto de ensoñación, un aspecto algo fantasmal que deixase a dúbida sobre as fronteiras entre o vivido e o imaxinado.

“A novela de detectives é conservadora, a novela negra é outra cousa”

Xa que esta é unha novela fronteira na súa bibliografía, gustaríame repasar con vostede a súa traxectoria (todas as súas obras foron editadas por Xerais). As súas dúas primeiras novelas, Baixo mínimos (2004) e O cidadán do mes (2006) pódense catalogar do xénero da parodia, neste caso das novelas de detectives a través do personaxe de Horacio Dopico. Queda algo daquel escritor no Diego Ameixeiras actual?

Pouco. O certo é que naquel tempo e en paralelo, coñecín o xénero negro como lector e decidín atreverme a escribir. Foi un proceso de aprendizaxe cun estilo ou mellor dito un rexistro moi ourensán, herdeiro de Bieito Iglesias, sen perder de vista as regras da novela de detectives con ánimo de parodialo. A parodia tocábao todo, tamén a descrición dos personaxes e dos ambientes.

Nesas, gaña o Xerais 2006 con Tres segundos de memoria, unha novela que quedou aí descolgada; non pertence ao xénero negro pero si conserva o humor e o desenfado dos seus primeiros libros. Foi un paso literario que acabou truncado ou queda aí como un apéndice na súa obra?

Os meus sentimentos con ese libro son curiosos. Non me identifico con esa forma de escribir e tampouco son quen de recordar onde estivo o xermolo do que naceu o proxecto. Era unha historia dunha persoa a piques de facer os 30 anos algo perdida e hei recoñecer que nalgunhas cousas (as menos esaxeradas) é tamén un retrato de min mesmo naquela altura. O que pasa é que a novela gaña o Xerais e serve un tanto para confirmarme como escritor. Durante unhas semanas noto unha maior exposición á prensa do que é habitual nun autor en galego e doume de conta de que ese sistema non é para min, que quero centrarme na miña obra e que non me interesan outras circunstancias. Se non gañase o premio non sei se estaría publicada. Si que me serviu, a verdade, para abrir un proceso de silencio e de reflexión sobre o meu proxecto literario. Non publiquei Dime algo sucio até tres anos despois.

Se eu quixese retratar máis alá da caricatura a Francisco Rodríguez ou a Xosé Manuel Beiras, seguramente falaría con eles para crear os personaxes.

Outro dos seus libros “illados”, por non teren continuidade nin por estilo nin por intereses é Asasinato no Consello Nacional (2010). Daquela vostede apareceu moito nos xornais e case máis na sección de Política ca na de Cultura.

É certo. Espertou o libro un interese xornalístico que me sorprendeu. Chamábanme das redaccións incluso antes de estar o libro publicado. Eu recoñezo que o proceso de creación foi moi rápido e paseino moi ben. Cando empecei a seguir pola prensa o que estaba a pasar no Bloque logo da perda do poder na Xunta, a demisión de Anxo Quintana e a progresiva división (que logo se viu como irreconciliable) entre a UPG e os demais sectores, eu era consciente de que algo grande estaba a acontecer. O tópico di iso de “se masca la tragedia” e eu estaba a ver aquel anuncio de traxedia como un ambiente moi potente a nivel literario. E quixen aproveitalo. Mais cando me puxen a escribir, atopei unha historia que me importaba, máis alá da tona de homenaxe obvia a Asesinato en el Comité Central, de Vázquez Montalbán e a atmosfera do nacionalismo, sempre baixo o enfoque caricaturesco e outravolta esaxerado (imaxinas a UPG contratando un detective que estivo nun grupo anarquista da antiglobalización para que resolva un crime?). Non busquei falar do Bloque por conseguir máis compradores porque son da idea de que hai máis lectores alleos ao nacionalismo que profundamente tan implicados como para entenderen todas as claves políticas das que se fala no libro. Dígoche máis, atopei máis dun lector que me dicía: “Gustoume esta historia da Guerra Civil pero logo había moitas páxinas de diálogos sobre nacionalismo que nin lin, pasaba as páxinas”. E con isto non nego que a novela espertase o morbo por ver se eu descubría cousas ocultas da actualidade do BNG e aínda é hoxe a miña novela máis vendida. Pero, con certeza, a parte das figuras nacionalistas está tirada dos xornais e é moi secundaria na trama e os personaxes principais, os que levan o peso, son inventados, non son trasuntos de ninguén. Se eu quixese retratar máis alá da caricatura a Francisco Rodríguez ou a Xosé Manuel Beiras, seguramente falaría con eles para crear os personaxes.

A última etapa antes desta súa última obra engloba Dime algo sucio (2009), Historias de Oregón (Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas 2011), Matarte lentamente (2013) e Conduce rápido (publicada no 2014 e premiada co Losada Diéguez de Creación Literaria 2015). Antes falábame de que tras gañar o Xerais, decidiu tomar tempo e cambiar. En que consistiu ese cambio?

Mirei para o que levaba escrito até ese tempo, fáloche do 2006, e penso que quero facer outra cousa, un tipo de literatura máis seria. E pensei que esa seriedade coa que debía afrontar o meu oficio de escritor tiña que trasladarse ao estilo mais tamén ao método de traballo. Decido que debo obrigarme a escribir todos os días, a tomar en conta todas as cuestións relativas ao labor creativo cunha vontade profesional, un criterio que coido vai máis alá de pensar en vivir (economicamente falando) disto. Penso en como estruturar os textos, en buscar o meu estilo propio, xa non por inventar nada senón por encontrar a voz e o enfoque máis acaídos ao tipo de historias que quería contar. Fago todo un proceso de depuración da linguaxe como mecanismo para conseguir o que quería: que as historias se contasen por si soas, que o narrador só fose un documentalista, un rexistrador que está á altura das escenas e dos personaxes e que non intervén, só dá fe do que ocorre. Empezo a experimentar co tratamento do tempo, a complicar as tramas con moitos personaxes, a encontrar a función das elipses, a dosificar a información, a optar polos mínimos recursos para que o lector se sinta respectado e non facelo perder o tempo lendo e lendo páxinas que é responsabilidade do autor eliminar no proceso da escrita.

Dime algo sucio foi a primeira novela onde xa frutifica ese proceso de análise e cambio e recoñezo que esperaba maior repercusión crítica. De feito, foi mellor acollida en castelán (publicouna Pulp Books) ca en galego. Por exemplo, gañou o Premio Especial da Semana Negra de Gijón 2011. Penso que estas historias, aínda que poidan casar co xénero da novela negra, xa teñen unha amplitude maior ca o que marca o canon do xénero.

A etiqueta de novela negra, que no caso dos seus libros, simplifica un tanto, é necesaria para vender máis?

As etiquetas teñen unha cara dupla: poden axudarche a vender entre os que gustan da novela negra, neste caso, pero tamén son unha barreira para lectores que non queren saber nada dese xénero.

O problema é que baixo o epígrafe novela negra métese de todo: os thrillers dos que falabamos antes, a novela policial…

A novela negra, en efecto, diferénciase da novela enigma a partir de que empezan a escribir Dashiell Hammett e Raymond Chandler, que son os grandes nomes que canonizan o xénero, que lle dan altura literaria. No caso de Hammett, sen abandonar as regras sobre a trama, a dosificación dos datos e outros valores dun relato rochoso, oculta nun segundo nivel de lectura un retrato social moi elaborado e realista do seu tempo. Eis a diferenza principal coa novela enigma ou policial; no fondo en Hammett a historia importa menos ca esoutras correntes sociais. Que fose comunista algo debeu influír nesa maneira de escribir.

Hoxe, ese boom do que falabamos é o da novela policial cun detective que se preocupa por resolver un enigma. Son novelas reparadoras, é dicir, diríxense a uns lectores que se ven incomodados pola desorde social e que encontran nestas novelas unha resolución: o ben vence o mal, o policía detén o criminal. Nese sentido, son novelas conservadoras, pensadas para públicos bempensantes. Nos últimos tempos engadíuselles aos protagonistas unha faceta máis persoal. Vemos o que comen e cociñan, lemos dos seus problemas familiares pero no fondo non cambia a súa función restauradora da orde.

A min interésame máis a outra tradición. Podo declararme hammettiano porque a min interésame saber que late debaixo das aparencias. Outra cousa é conseguir ser coma el: soltar todas esas cargas de profundidade sen abandonar a linguaxe accesible e as tramas atractivas.

No seu traballo, a realidade cotiá e inmediata sempre está presente. Aínda que sexa dun xeito lateral apareceron temas como as preferentes ou, no caso d’A noite enriba, a posible corrupción nos procesos de selección de funcionarios municipais. Como entra esa realidade na súa creación: é o motor ou unha especie de toma de terra da ficción?

Sérveme para darlle verosimilitude á ficción. As miñas historias son todas inventadas e eses puntos de actualidade tomada da prensa sempre entran dunha maneira marxinal pero si que me permiten ás veces confeccionar as tramas, como ocorre coas preferentes en Matarte lentamente. Mais polo xeral sérvenme para darlles valor de realidade ás cousas inventadas grazas a enfrontalas con cousas que pasaron de verdade. Coido que esa presenza do real ata o lector ao contemporáneo. Tamén me serve para recoñecer o traballo dos xornalistas.

Vostede nunca negou que se sente cómodo no xénero negro mais somos moitos os seus lectores que temos curiosidade por saber que outros rexistros podería dar como escritor. Ve imposible cambiar de patio literario?

Non. De feito, coido que esta novela última xa serve de transición cara a novas preguntas que eu me fago sobre o meu traballo. De aí que teña tanta presenza o propio oficio de escritor. Escribín dez libros, hai dez anos do Xerais, fago de aquí a pouco 40 anos. Quen sabe, talvez sexa hora de cambiar.

Cónteme que leu ou que está a ler arestora?

Acabei Londres Noir, publicado en castelán por La Felguera. É un libro que recolle unha selección dun boletín do cárcere de Newgate que se empezou a publicar no século XVIII. Son moi divertidas as historias de criminais porque son relatos precursores da novela negra e mais da gótica pero tamén a inspiración para a novela de Dickens, por exemplo. E o máis curioso é que ese boletín dábaselles a ler aos cativos para que aprendesen como era o mundo e do que había que coidarse. Que diferenza co que lles recomendan ler hoxe nos colexios, non si?

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s