Elixio Rodríguez e Vázquez Pintor, dúas propostas moi recomendables

DIÁLOGOS CRÍTICOS (e VIII).

Xesús González Gómez.

4f5dd3e8c1139-pintorOs dous amigos están sentados á mesa dun bar, a tomar uns Verdejo, porque niso dos viños, e noutras cousas, incluída a política, non son nada “patriotas”.

Amigo 2: Ben, cal é o próximo libro con que me vas mallar?

Amigo 1: Matádeo mañá; memorias dun aviador galeguista republicano entre a guerra e o exilio, de Elixio Rodríguez, editado por Xerais en 1994.

2 : Non o coñezo

1: Pois non sabes o que perdes. Para min, con As décadas de T. L., de Lois Tobío, o mellor libro de memorias que se escribiu, até o de agora, en galego. Non é tan bo como o do viveirense, mais está moi ben. Narra Elixio Rodríguez a súa axitada vida, da familia que procede, de como entrou no galeguismo, de como se fixo aviador, de como despois do 18 de xullo querían matalo e o salvaron, alistándose na Lexión, das casualidades que o levaron a estar na Lexión Cóndor, de como se pasou ao bando republicano, de como neste foi acusado de espía e condenado a morte e de como o salvaron, etc. Logo da súa actuación, como dirixente do Partido Galeguista en Barcelona, a súa fuxida a Francia, a súa chegada a México e a súa vida alí, a primeira visita a España, de como cando vai aos USA é vixiado de preto polo FBI (anos despois, polo cónsul deste país en México, decátase de que os informes que tiña del o FBI eran falsos, e de que eses informes os dera un exiliado galego ao que Elixio Rodríguez acusa de axente do Departamento de Estado e do Goberno español: digamos que na segunda edición desaparece o nome dese espía ou confidente; supomos que a desaparición do nome contou coa aquiescencia de Elixio Rodríguez, xa que esta nova edición aparece despois de morto el), o seu triunfo empresarial en México, a súa intervención no Congreso da emigración galega en 1965 en nome do Padroado da Cultura Galega, do que foi fundador con Soto, Velo, e outros, así como tamén foi fundador de Vieiros, que levantou as iras do goberno franquista, a súa volta a Galicia despois da morte do Caudillo, etc. Unha vida movida, unhas memorias interesantes, nas que non hai ápice de odio e nas que se entrega moita información sobre eses nomes menores do Partido Galeguista que tiveron unha importancia que, até hoxe, penso que ninguén lles outorgou. En fin, un libro sumamente recomendábel. A segunda edición –eu relín a primeira, porque é unha relectura o que fixen este verán–, vina nunha libraría, e por iso che digo que desaparece o nome do “confidente”, e non vou dicir quen era, leva, felizmente, un índice onomástico. Ora, non sei se se corrixen erros que se deslizaron nesta primeira: por exemplo, Elixio Rodríguez di que Fernando Rey era fillo do coronel Casado. O certo é que o pai do actor era coronel, republicano, e o seu apelido era Casado e chegou a ser axudante de campo do presidente Azaña, o que ás veces levou a alguén a confundilo con aquel outro coronel Casado que entregou Madrid ás tropas franquistas. Ou, cando fala do filme de Malraux, a quen coñeceu en Barcelona, L’Espoir titúlao Mourir à Madrid, que é de F. Rossif, etc. Tamén me dá a impresión de que o galego de Elixio Rodríguez foi corrixido de máis, que foi cadrado ás normas que imperaban daquela no ILG. Eu supoño que as memorias foron escritas en galego, mais o galego de Elixio Rodríguez non podía ser o galego en que está escrito, mellor dito, publicado, Matádeo mañá.

Capa de 'Matádeo mañá'.

Capa de ‘Matádeo mañá’.

2: Se é así, vaia putada. Imaxino eu As décadas de L.T. normativizadas estilo ILG anos 1980: unha trapallada.

1: Ti o dis e eu apóiote.

2: Quédanche moitos aínda?

1: Non, só un, porque da novela da novela traducida non vou dicir palabra,

2: De que novela se trata?

Amigo 1: A Asasina, de Alexandros Papadiamandis, traducida por Susana Losada e Margarita Olivar e editada por Hugin e Munin, unha novela que se le ben. O autor é, seica o maior representante do naturalismo en Grecia e á vez o creador da moderna narrativa grega. Se queres saber del, mellor será que busques no Google. E hai que ir acabando, así que paso ao último libro narrativo en galego da miña xeira agosteña: A memoria do boi, de Xosé Vázquez Pintor, tamén Premio Torrente Ballester, esta vez do ano 2000 e publicada por Xerais no 2001. A mellor das obras en galego que lin este verán. A memoria do boi é unha novela de moitos personaxes e voces que conforman unha imaxe, por así dicilo, dunha vila, dunha cidade, a Pontevedra de 1898 a 1936, máis ou menos. Unha imaxe que se non é total, non pode selo, a totalidade na novela é imposíbel, é, á parte de real, profunda, porque a novela é un traballo sobre a lingua, os personaxes, as voces que falan, identifícanse máis por trazos lingüísticos que por trazos físicos ou mentais, é dicir, Vázquez Pintor realizou fondo traballo sobre a lingua, popular, de case todas as voces e personaxes que aparecen nesta novela, que non ten un protagonista (sic), senón que nela os protagonistas son as voces que resoan na cidade.

2: Semella que che gustou a novela.

1: Si, e habería moito que falar dela. Non é unha excelente novela, si é unha boa novela. Na súa estrutura, Vázquez Pintor rompe co tempo lineal da novela burguesa, dá a voz –propia, é dicir, non interposta polo narrador– aos que noutras ocasións teño denominado como voces baixas da historia. Intenta –existen certos fallos que non paga a pena, nestes momentos, comentar– facernos escoitar polifonicamente todas as voces da cidade e por iso pode semellar, o que non é certo, que a novela é desordenada. Se, por cousas da historia non soase mal, aínda que o primeiro que usou o sintagma foi Gramsci, podiamos dicir que Vázquez Pintor intenta unha nova orde, que é algo máis que a desorganización da vella orde. A visión da cidade, sobre todo dos homes e mulleres que a poboan, que a constrúen, que lle dan vida (e morte), realízase por medio dunha escrita na que desaparecen case os adxectivos, unha escrita máis poética que lírica pola forza das frases, unha escrita que deita máis información do que semella a primeira vista sobre as voces e os ecos e sobre a vila e, en última instancia, sobre as clases, aínda que talvez sexa na información (sic) sobre nestas últimas onde falla a novela. No entanto, é unha novela máis que recomendábel, e non só polo traballo de recreación lingüística realizado polo autor, traballo que o conduce a borrar cada vez máis os fíos da trama, a alusión aos feitos exteriores sociais e históricos, para alcanzar unha visión introspectiva que non sei se é máis válida e lírica, pero que consegue que as máis das veces a linguaxe se converta necesariamente na realidade mesma da creación, xa que organiza a realidade, a anécdota e a linguaxe en función do texto para compor unha realidade de ficción que sexa equivalente á realidade da vida. En suma, A memoria do boi é un intento, dos poucos que se teñen dado na literatura galega, de biografar as voces baixas da historia. Que se quede a pouco máis de medio camiño, non quere dicir, como che dixen, que non sexa unha boa novela. Éo, e penso que merece máis dunha relectura, malia que o autor, quizais arrastrado por esa creación de linguaxe, pola tensión que esta xera, pola densidade e enerxía inventiva e verbal, non saiba como acabala, ou a acabe en falso. Non lin obras posteriores de Vázquez Pintor, mais despois de ler esta Memoria do boi, pode botar por un destes dous camiños: un afondamento do camiño iniciado con esta novela ou un desvío que o conduza, infelizmente, a un vieiro no que a escrita se converta só en recreación verbal (que nada ten a ver con creación ou recreación lingüística) e que é un dos maiores perigos en que pode caer un escritor. Deberei ler cousas súas posteriores a esta para che dicir unha cousa ou outra.

2: Home, unha novela da que, cando menos, quedaches algo satisfeito.

1: Si, e tería moito máis que dicir dela, pero xa teño ganas de acabar e, en realidade, xa acabei.

2: Moi ben, e deduzo, polo todo o que me dixeches estes días, que a túa teima de que se escriben premios literarios no canto de novelas non se esvaeceu moito.

Amigo 1: Ti mesmo.

FIN

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s