Iván García Campos: “A miña literatura é unha reflexión artística sobre o presente”

Iván García Campos. MANU CRUZ.

Iván García Campos. MANU CRUZ.

César Lorenzo Gil.

Iván García Campos (A Coruña, 1974) publica Cuestións vitais secretas (Galaxia), un conxunto de dez relatos que comparten atmosfera. Con este novo libro, o escritor, que debutara con O imposible de desatar (Premio Blanco Amor 2010, tamén publicado por Galaxia), confírmase como unha das voces máis orixinais e arriscadas na nosa literatura contemporánea.

Este novo libro vai na liña estilística da súa novela anterior. Pódese dicir que xa atopou a súa voz?

En efecto, penso que entre un volume e o outro hai enormes diferenzas en canto aos temas e ás ideas que eu vertín en cada un pero si penso que unha vez comparados os dous textos, pódese dicir que teñen en común a miña voz, a miña maneira de escribir. E será que ese é o meu xeito de narrar e é lóxico que apareza en todos os meus textos.

As historias de Cuestións vitais secretas transcorren nunha supostamente anódina cotidianidade que parece que en calquera momento vai crebar. Nalgún momento a min pareceume que estaba escritas por un Raymond Carver con espírito de Patricia Highsmith. A trama non é o elemento importante para o lector. Non sei como enfoca estas narracións o escritor.

Deixa que che faga antes de nada unha pregunta. Cantos dos títulos que se publicaron no 2015, por exemplo, o no 2014, dáme igual, pensas que transcorren no tempo presente?

Non sei pero poucos.

Eu diría que non máis do 30%. Vivimos nun tempo que explota o presente en case todos os ámbitos, que nos estimula a vivir o presente e que ten como un dos piares conectar co que pasa agora mesmo. A tecnoloxía facilita iso, a estratexia da información está enfocada cara a ese obxectivo. E en cambio, a literatura vive no pasado, xeralmente. Eu coido que a literatura ten que explicar o presente. Coido que a miña literatura é unha reflexión artística sobre o presente.

É que o presente en realidade non existe. No momento que o construímos e o canalizamos convértese en pasado, non si?

De aí o meu modelo de escrita. O narrador debe ser un observador 24 horas por día. Eu vexo a televisión, as mensaxes publicitarias, a xente na rúa; escoito as conversas da xente, fíxome nos pequenos detalles. Se observas con atención, si podes reflexionar sobre o presente. Coido que a miña técnica de observación é semellante á dun artista plástico, que ten que pensar sobre o obxecto que ve e que quere representar moito antes de tomar na man o pincel ou o cicel. Na literatura do presente, para evitar iso que dis de construír un pasado inmediato, cómpre deseñar unha narración baseada no cotián e nos pequenos detalles, eses pequenos detalles que marcan a diferenza. Din que nas novelas de Sherlock Holmes, o máis interesante é que o can non ladrou. Ese tipo de pequenas marcas penso que son as realmente relevantes no traballo narrativo, o que pode desencadear no lector unha serie de sobreentendidos que superan a propia intención do autor e lle permiten completar o relato e levalo do particular ao xeral. Para min é fundamental saber traballar eses detalles banais en aparencia que encerran os grandes temas; falar de nós e da humanidade; sacar á luz aquilo que está oculto.

Eu non penso nos lectores cando escribo.

Con que técnicas se consegue?

Principalmente, avogo pola contención. Nesa creación de sobreentendidos é fundamental escoller moi ben as palabras. Non se trata de cubrir a narración con silencios. No silencio hai incomunicación. Na contención hai comunicación, unha comunicación que mantén o lector alerta, incluso incómodo. Eu prefiro que o lector estea incómodo porque iso significa que está esperto.

Incomodar o lector. Explíquese?

O que quero dicir é que existe unha literatura que só serve para o entretemento que se gaba de distraer o lector. Eu aborrezo dese verbo. Distraer é separar, evadir o lector de non sei o que, como cando estamos durmidos. Eu prefiro o lector esperto. A miña literatura está escrita para ser lida con toda a atención, en silencio, con vagar, quizais cun lapis e un papel na man. Así é como leo e é así como concibo a lectura.

Está describindo o seu lector ideal?

Non. Estou describindo unha maneira ideal de desfrutar da arte. E a literatura debería ser unha arte. Eu non penso nos lectores cando escribo. Un escritor nunca debe pensar neles se quere ser honesto co seu traballo. O lector participa na narrativa cando está acabada mais mentres se constrúe, os meus intereses son outros. Principalmente, atreverme a facer cousas. Se non se é ousado na arte, en que contexto podemos selo?

Xusto porque aquí case ninguén vive da escrita, si que me estraña que non haxa máis atrevemento.

O concepto literario pasou a ser sinónimo de minoritario, pouco exitoso nas tabelas de vendas. Os catálogos das principais editoras galegas locen “narrativa literaria” como unha excepción, non coma regra. Non sei se apetece poñerse a escribir literatura con este panorama.

Penso que a literatura galega, polo seu papel minoritario na cultura da sociedade galega, sofre dunha invisibilidade xeneralizada, en todos os xéneros. Se fas un tipo de narrativa coma a miña, que en efecto non atrae moitas vendas, pois sitúaste ao pé do barranco. Pero é que a literatura é isto. Mentiría se dixese que non me gustaría vender máis pero non vou cambiar nada por gañar un lector, iso non é o que me importa. Hai anos díxome Bieito Iglesias: “Para vender algo máis ca o resto en galego hai unha dupla fórmula que segue a funcionar: escribir unha trama de aventuras, que conteña viaxes e cambios, dentro dunha estrutura que poida ser seguida tanto por mozos como por adultos”. Non sei se ten razón pero aplicar fórmulas é o contrario á arte. Na linguaxe artística, a repetición é considerada unha banalidade e o artista debe fuxir sempre do banal.

O difícil pode ser evitar a frustración cando un libro non cumpre as expectativas do autor.

En canto ás vendas? Si, é certo que para un escritor en galego o esforzo por producir un bo libro é igual ao dun inglés, dun alemán ou dun italiano e logo ves que a repercusión non ten nada a ver pero non podemos caer na tentación de non tomarnos en serio. Foi en Biosbardia onde lin un titular de Agustín Fernández Paz moi valioso: “Debemos intentar escribir coma os mellores”, viña dicir máis ou menos. Ten moita razón. Se eu, como lector, sinto a Emmanuel Carrère como escritor profesional, necesito que se a miña seguinte lectura é un autor en galego esa profesionalidade estea garantida porque se me encontro cunha literatura de afeccionados, pouco autoesixente, entón si que non volvo ler nada no noso idioma.

E ese compromiso coa literatura dáse na literatura galega actual?

Antes falaba da bifórmula comentada por Iglesias. Non era unicamente unha coña. Ás veces dáche a sensación de que colles cen novelas de autores distintos que parecen escritas pola mesma man: tramas semellantes con poucas variacións, un modelo de lingua case idéntico, trama clásica, técnica estándar… É curioso que este modelo tan industrial estea a funcionar nun mercado coma o noso tan minoritario que quizais debería invitar a buscar novas vías, tanto para se diferenciar como por mor de que non hai nin posibilidade nin necesidade de saciar un lectorado que está desexoso de devorar e devorar novos produtos. Xusto porque aquí case ninguén vive da escrita, si que me estraña que non haxa máis atrevemento, máis compromiso coa literatura como arte. Ás veces vexo cousas moi antigas.

Por exemplo?

O concepto de autor. Na arte, o valor está na obra xa desde hai moito tempo. O autor dá completamente igual. E a literatura é unha arte. E malia iso vemos aínda que o peso dos autores é demasiado. A min interésanme as obras, non quen sexan as persoas que están detrás.

Pensa que a crítica galega valora os autores “diferentes”?

No meu caso, síntome ben tratado. Tanto no particular coma no xeral, estraño quizais máis vagar nas lecturas pero iso é difícil se tes que publicar todas as semanas unha crítica. Como anécdota, direi que o relato de Cuestións vitais secretas que máis lle gustou á crítica foi “Foreman”. Eu xa o intuía por dúas razóns que non sei se son moi literarias: é o máis curto do libro e é o que está escrito cunha técnica máis convencional.

Interésame o seu método de traballo. Descarta moito do que escribe?

Cando era pequeno, pasaba os veráns en Sada. Perto da nosa casa había un enorme campo de maínzo. Cando iamos xogar alá, avanzar a través daquel campo, de espigas ben máis altas ca min na época, había que ir dando pasos ao tempo que se abría un novo metro de horizonte. Así máis ou menos escribo eu: liña a liña. Necesito validar cada frase para empezar a outra. Son moi esixente a todos os niveis, incluído o ritmo, para continuar. Con este sistema, no caso deste libro, puiden investir dous ou tres meses nalgúns relatos, polo que é lóxico que logo non corrixa demasiado. O que si fago é descartar texto antes da publicación. N’O imposible de desatar suprimín 60 páxinas. Neste caso, eliminei algúns relatos.

Antes falabamos de literatura minoritaria. Hoxe o relato xa ten de seu un público minoritario.

Si, é unha cousa ben curiosa. Hai unha obsesión pola novela coma se fose o único xénero posible na ficción. E non entendo ben por que o ostracismo do relato porque a literatura universal está chea de espléndidos relatos e fantásticos narradores de primeiro nivel que brillaron no relato, de Borges a Horacio Quiroga ou de Dieste a Castelao. Eu crecín lendo relato e non entendo a comprender que lle pasa ao relato hoxe. Unha vez falando con Carlos Lema, o meu editor en Galaxia, el dicía que quizais o problema podía ser que en moitas coleccións de formato curto, o autor traballou ben dous ou tres textos e encheu o resto do libro con relatos mediocres. Para evitar ese engano, no meu caso quixen poñer os dez relatos ao mesmo nivel de esixencia.

Cónstame que é vostede un moi bo lector. Que referencias conscientes utiliza vostede como materia prima para a súa literatura?

Hai moitos autores que me interesan. De Castelao e Edgar Allan Poe envéxolles a capacidade de condensaren na liña final o cerne do relato. Don Delillo transmíteme o pracer da lectura pola lectura, sen a orientación cara a un final. Aínda así, recoñezo que son máis de obras ca de autores. Por exemplo, Absalón, Absalón!, de William Faulkner, paréceme un portento, un libro do que un escritor pode extraer moitísimo. Tamén aprendo técnica narrativa coñecendo máis sobre a vida dos artistas plásticos.

Cónteme que libros está a ler arestora?

Estou a ler a obra poética da dinamarquesa Inger Christensen. Tamén o ensaio Mierda y catástrofe, de Fernando Castro Flórez, ao redor da arte contemporánea. E en narrativa, estou nun intre de transición entre Fontán, de Marcos Calveiro, e Os recoñecementos, de William Gaddis.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s