Pedro Feixoo, o malestar dun autor optimista

Pedro-Feijoo-Manuel Veiga Taboada.

Nas últimas semanas, o escritor Pedro Feixoo respondía, en tres entrevistas, e con notábel claridade, a algunhas críticas recibidas. En La Voz de Galicia, dicía que: “aburre escoitar a algúns críticos desprezar o best seller galego”. Un comentario que mereceu titular e que logrou, con posterioridade, un eco moi favorábel nas redes sociais. Pouco despois, no dixital Praza Pública, declaraba que: “neste país parece que ten que ser toda a literatura ultrasesuda, transcendental e superseria”. Recentemente, no Faro de Vigo, queixábase do “pesimismo da literatura galega”

Pero vaiamos un pouco atrás. A entrada de Feixoo na literatura galega chamou a atención por desacomplexada e chea de forza. As súas novelas demostraron moi pronto que é un narrador de gran cilindrada. Nalgún momento, lémbrame o ton dun Norman Mailer que arrastra todo o que se lle poña diante. Feixoo é culto, ocorrente, ousado, ten unha visión máis poliédrica da vida que outros autores, e ponse en trescentas páxinas sen aumentar de pulsacións, co aspecto de ter escrito un relato curto. A literatura ou cando menos unha parte da literatura consiste precisamente niso, en posuír un gran motor, en narrar con orde e en ter ideas.

Consciente diso, sorprendéronme as queixas mencionadas ao principio. En primeiro lugar, non creo que fose mal tratado pola crítica, creo que a visibilidade das súas obras está a ser boa, incluso moi boa, para as dimensións do noso sistema literario. Tamén está a acadar uns bos números de vendas. E, finalmente, non me parece o tipo de autor de pel fina que se sente amolado pola crítica máis pequena.

No que discrepo de Feixoo é na súa estimación de que a narrativa galega que se está publicando hoxe sexa superseria ou ultrasesuda.

A súa última novela, Morena, perigosa e románica, ten aire de comedia. Xustifica ese paso, desde algúns traballos máis serios anteriores, na liberdade da que debe dispoñer todo autor para escribir o que lle peta, en cada momento. Obviamente, ten toda a razón. Nin sequera debería facer falta explicalo. Hai escritores dun só rexistro, como Patrick Modiano, e hainos de varios, como o propio Eduardo Mendoza, que Feixoo cita. Iso non os fai nin mellores nin peores a ningún. É unha cuestión de carácter persoal. Despois de intentar tocar a transcendencia, facendo uso dunha sintaxe de longo alento, un pode desexar enfrontarse con diálogos curtos, provocativos ou humorísticos. Para o autor pode ser este un modo de descansar. E para o lector tamén. Do mesmo modo que a un non lle apetece tocar ou escoitar o mesmo tipo de música a todas as horas. E, ollo, ningunha das opcións determina a priori a calidade da obra. Cervantes escribiu O Quixote, en parte, para pasalo ben, pero sempre considerou que a súa novela de máis peso era Os traballos de Persiles e Sigismunda.

No que discrepo de Feixoo é na súa estimación de que a narrativa galega que se está publicando hoxe sexa superseria ou ultrasesuda. Eu, máis ben, vexo moita novela policial, novela histórica, obras moi variadas que buscan lectores. Tamén hai algunha obra máis densa ou identificábel coa metaliteratura, pero, como en todos os sistemas, estas últimas son unha minoría.

Outra cuestión é que as obras que buscan máis encarecidamente lectores teñan finalmente éxito. O que caracteriza hoxe o mercado da narrativa, a nivel mundial, é o espectacular número de libros que intentan converterse en best seller, aínda que, como é natural, son moi poucos os que o conseguen. No caso da literatura galega teñen, ademais, moita importancia, como todos sabemos, as condicións sociais nas que se move. En todo o caso, unha das últimas obras galegas, moi gabada e de forma absolutamente unánime pola crítica, a Escarlatina de Ledicia Costas, dista de ser unha obra superseria e supersesuda.

Pero a maiores de todo isto, non embargante, si creo que hai algún tipo de polémica subxacente e importante nas palabras de Feixoo. E o que me parece que subxace non é outra cousa que o desexo de que á narrativa comercial, ademais de vendas, non se lle regatee o prestixio, non se lle negue a calidade literaria. A aspiración da maioría dos autores –non de todos– é a mesma que a dos futbolistas: manexarse ben coas dúas pernas. Pero, son abarcábeis, ao mesmo tempo, ambas cousas?

É doado de ler García Márquez? Un dos seus libros máis gabados pola crítica, quizais o segundo máis gabado, en referencia á súa calidade, O outono do patriarca, dista de ser un libro de lectura fácil.

Se pensamos en García Márquez, a resposta é claramente que si. Dito dun modo coloquial, o problema que se formula é o da novela fácil de ler ou difícil de ler. Ademais de García Márquez, todos poderiamos nomear un bo número de obras doadas de ler e, ao mesmo tempo, de boa ou incluso grandísima calidade.

Non obstante, e aínda tomando como referencia eses autores que parecen conciliar ambas virtudes, encóntrome, despois de reflexionar, con algunhas dúbidas.

Empecemos co citado García Márquez. É doado de ler? Un dos seus libros máis gabados pola crítica, quizais o segundo máis gabado, en referencia á súa calidade, O outono do patriarca, dista de ser un libro de lectura fácil. O máis gabado de todos, Cen anos de soidade, tampouco creo que estea ao alcance de calquera lector, por moitos exemplares que leve vendidos. O amor en tempos do cólera si é de lectura amábel, pero alguén podería cualificalo de folletón, ben é verdade que folletón de primeira categoría. García Márquez é, sen dúbida e a moita distancia, o mellor autor dentro do estilo que el mesmo inventou. Demóstrao nese libro e noutros moitos que agora non mencionamos, pero que son ben coñecidos.

Se pensamos en Cormac McCarthy, encontraremos que Meridiano de sangue é moito máis difícil de ler que A Estrada, e non só pola súa diferente extensión, pero a min a atmosfera e o ritmo que me quedaron gravados na cabeza foron os de Meridiano de sangue. A estrada é un libro post apocalíptico, escrito coa clara intención de impresionar, pero encóntrase co problema de que hai moitos outros libros que teñen esa mesma intención e que tamén son post apocalípticos.

De Amos Oz, sempre volvería a Unha historia de amor e escuridade, aínda que resulte a obra de máis difícil asimilación de todas as súas. E de Pamuk prefiro Istambul, aínda que poida parecer a menos vivaz e novelesca.

O de Leo Perutz resulta, para min, un caso exemplar. Conta cun grupo de novelas moi amenas que me fixeron gozar moito e que non distan demasiado do que se pode considerar un best seller. Non embargante, as historias que sempre levarei comigo son as do gueto de Praga, do seu libro De noite, baixo a ponte de pedra, un conxunto de relatos de lectura algo máis esixente e que probabelmente tivo peores vendas.

Estamos ante a vella idea de que a arte de calidade non é aquela que máis che fai gozar no momento senón aquela que recordas sempre. Pero, en fin, quizais hai momentos para todo e quizais Pedro Feixoo non deba preocuparse demasiado pola crítica. O grave sería que ninguén dixese nada.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s