‘Despois do cataclismo’, unha experiencia neocastrexa

maria-alonsoNun mundo que é futuro pero que ten moito a ver co pasado, unha muller dá a luz soa. A súa nena pasará a entrar na comunidade grazas a un nanochip que ten como función coidar de que os seus pensamentos non a conduzan a ela e a súa comunidade a un novo cataclismo como o que destruíu o mundo no pasado. Mais o poder do castro, controlado pola política: a Tradición, nas mans dos gardas, que controlan o Señor do Castro; a ciencia: o Señor das Herbas e o medo, non é perfecto. A nena, ao converterse nunha adolescente, descubrirá a dimensión oculta do bosque e quen son en realidade as mouras.

Despois do cataclismo é a primeira novela de María Alonso Alonso, publicada na colección ‘Alcaian’, de Urco. É unha novela curta (moi curta) máis encadrada no xénero da ciencia ficción ca no da fantasía aínda que esa historia neocastrexa afástaa dos tópicos máis habituais nesa área temática da novela popular.

Alonso é orixinal no deseño do seu universo literario. Bebe de certas intuicións sobre a prehistoria galega e tamén segue o rastro dalgunhas tradicións lendarias. Esa inspiración “autóctona” é interesante porque se intúe que hai por detrás un traballo de actualización da función do mito, unha pesquisa sobre a propia construción nunha sociedade moderna de determinados tópicos históricos que se ensamblan na sociedade.

O problema é que a autora viguesa non constrúe máis ca un esbozo, un borrador que ao final non opera máis como esquelete dunha historia construída nos silencios, seguramente máis por preguiza ou pudor que por unha decisión creativa consciente. Alonso deixa o groso do traballo sen facer. As escenas que ilumina son insuficientes, serven por suposto para saber de que vai a historia pero non prestan, non sacian máis ca un banquete de ósos pelados.

Intuímos unha novela de crítica social ao redor do machismo. Hai un par de páxinas onde se conta (cunha linguaxe burocrática insufrible) que o cataclismo ao que alude o título naceu seguramente dunha revolta feminista contra un patriarcado feminicida. Mais ese motor narrativo é só unha etiqueta, unha toma de terra que logo a autora non aproveita nin desenrola.

A dialéctica entre a Tradición e o seu oposto é pueril. Alonso dá por feito que nos identificaremos cun dos roles e non se preocupa por dotar de contidos ambas construcións sociolóxicas. Na ciencia ficción distópica é necesario que os lectores teñan unha presenza do mundo representado substanciosa, se non, queda a idea de que ese suposto universo non pasa dun clixé, dunha sombra sen autonomía nin interese.

Esa desgana tamén a padecemos na descrición dos personaxes. Son esquemáticos, apenas esbozados, sen capacidade real para intervir na historia, hipotecada por un determinismo que cansa.

Sen personaxes nin trama, sen diálogos de forza, Alonso confía todo o seu poder narrativo á descrición. Emprega o efectismo desde a primeira liña, cando describe un parto en solitario. A autora recréase na violencia, tanto na do corpo coma na que sofre o corpo, especialmente o feminino. É neses momentos onde se albisca un pouco de dominio de seguridade na propia técnica pero amosa a súa inexperiencia nun pésimo uso do adxectivo: “fedor repugnante”, “lama sanguinolenta” (ambas frases na páxina 34).

Alonso ten o mérito de inaugurar un novo xénero na novela popular galega: o neocastrexismo. Ben ela ben outras voces deberían explorar as posibilidades creativas desta volta ao pasado. O cadal cultural da tradición galaica ten moitos fíos interesantes para seren hoxe tratados cunha visión moderna. Méndez Ferrín xa o fixo no eido da alta cultura, velaquí a oportunidade para obras con intención máis masiva.

♦ Despois do cataclismo, de María Alonso Alonso , Urco, 2015. 124 páxinas. ♠12€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s