Bieito Iglesias: “Ourense é a cidade galega sobre a que máis se escribiu”

Bieito Iglesias. SANTOS DÍAZ/OLLO DE VIDRO-ACAB.

Bieito Iglesias. SANTOS DÍAZ/OLLO DE VIDRO-ACAB.

César Lorenzo Gil.

O ouro de Ourense (Engaiolarte) é, en definición dun dos seus autores, Bieito Iglesias (Ourense, 1957), unha guía de viaxes literaria ou un itinerario novelesco con fasquía de ensaio, ou viceversa, no que o percorrido pola cidade da nación, infancia e adolescencia do autor se vai entrefebrando coa propia pegada da memoria. Conversamos sobre este libro e tamén ao redor do momento creativo do escritor.

Esta obra tivo unha demorada vida editorial. Ía publicarse primeiro en Edicións A Nosa Terra e logo de varios anos de silencio, por fin aparece, editada por Engaiolarte, con fotografías de Xulio Gil. Mais, cal foi a xénese?

Foi un libro de encarga. Pediume que fixese unha guía de viaxes literaria de Ourense o meu amigo e historiador Bieito Alonso, que daquela formaba parte da estrutura empresarial de Edicións A Nosa Terra. Ía publicarse nun principio nunha colección de libros pequeniños que tiña tal editorial e onde xa apareceran títulos de Anxo Angueira, Lois Diéguez e Antón Riveiro Coello, entre outros. Mais a medida que o ía elaborando, eu decatábame de que aqueles límites editoriais non me chegaban, vin que se convertía noutra cousa. O libro, en efecto, non se publicou e a editora pechou. Mais todo ese tempo non foi perdido, a obra fermentou e sempre coa imaxe de libros como Danubio, de Claudio Magris, na cabeza, coido que construín unha viaxe á semente, unha evocación do pasado de Ourense, que como di o tópico, sempre é unha viaxe a un país estranxeiro.

Vostede non vive en Ourense desde hai moito. Como foi a elaboración do libro. Utilizou unicamente a memoria?

Eu marchei de Ourense con 17 anos, a mesma idade que tiña José Ángel Valente cando marchou el tamén da cidade. E non voltei. Mais para o libro si precisei pasear, percorrer as rúas, facer determinados itinerarios. Nalgunhas partes por suposto que me vallo da memoria mais sobre todo esta foi unha viaxe ao redor da bibliografía ourensá. Utilicei 48 libros, sen contar obras literarias, para compoñer a polifonía que quería sobre a cidade: obras sobre arte, literatura, historia, economía… incluso estudei unha monografía sobre psiquiatría. Ourense é con gran diferenza a cidade galega sobre a que máis se escribiu. E pode ser que sexa unha das cidades máis “escritas” do orbe en relación ao seu número de habitantes.

No libro as súas experiencias e memorias están moi presentes pero coidouse de non desequilibrar o conxunto. Chama a atención o seu propio recordo sobre un Ourense que desapareceu, unha cidade na que, por exemplo, na veciñanza das Chavasqueiras e o Ribeiriño se subarrendaban cuartos para que a xente de Amoeiro e doutros lugares próximos puidese vir tomar as augas termais.

Interesábame esa cidade que en efecto desapareceu mais non só por evocar a miña propia memoria senón por darlles voz a esas clases subalternas que case nunca aparecen nos libros de historia. Quixen que a través de cousas coma esa dos subarrendos se transmitise tamén a identidade ourensá.

Un dos trazos distintivos da cidade de Ourense, segundo vostede, é o gran cambio urbano e demográfico que viviu a capital no século XIX.

Cando chega Isabel II ao poder, Ourense capital ten 2.000 habitantes. Especialmente durante a Restauración borbónica a cidade muda dun xeito espectacular e dáse dunha maneira máis intensa un proceso que tamén experimentaron outras cidades galegas: a chegada dunhas elites forasteiras (definidas por xunto e de xeito erróneo polos ourensáns como os maragatos), principalmente ao comercio e á industria, que soportan ese cambio a todos os niveis, especialmente no urbanístico e arquitectónico. Familias zamoranas, de La Rioja, de Asturias, van tomando conta de moitos negocios.

O comercio é un dos factores chave na propia evolución da cidade.

A situación xeográfica de Ourense motiva que en efecto se converta nun cruzamento de camiños. Pensemos na importancia estratéxica que lle deu o duque de Lencastre cando a finais do século XIV teimou e teimou en conquistar a ponte e a cidade naquel intento seu de ser rei. Ou na importancia das feiras ourensás, xa non só as marcadas no calendario (días 7 e 17 de cada mes) senón o rianxo, unha modalidade local de venda directa a diario da produción agrícola no mercado da cidade.

Esa evolución urbana pode verse nos monumentos. Dáme a sensación de que non se lle dá moita importancia e se quere vender Ourense unicamente como destino termal.

O turismo institucional sempre é reducionista e procura asimilacións sinxelas para o receptor das mensaxes. A idea é converter a Ourense nunha Budapest occidental. Pero é claro que o capital monumental da cidade é digno de orgullo. Ourense conta cun riquísimo patrimonio arquitectónico renacentista que explica moi ben a expansión do centro histórico onde sobrancea a catedral medieval. Da outra grande expansión da cidade da que falaba antes, a de finais do século XIX, quedaron as denominadas casas-comercio e unha chea de obras de arquitectura modernista de grande interese; non só as obras de Vázquez Gulías senón outras construcións de moita valía.

O concepto “ourensanía” tamén se converteu nun eslogan. En verdade ten Ourense unhas condicións específicas, a nivel provincial, que a converten nun territorio diferenciado?

Se o da ourensanía se reduce a crear unha bandeira e un himno, estamos a falar de folclore, unicamente. Mais eu si que penso que existe un feito diferencial de Ourense en termos de cultura. Ourense foi durante moito tempo o único núcleo urbano da provincia (antes da expansión do Carballiño, Verín e O Barco) e por así dicilo foi consciente dese feito urbano, tanto que na cultura galega é unicamente en Ourense onde se dá a literatura propiamente urbana. Primeiro a Xeración Nós e logo, principalmente, Eduardo Blanco Amor, recrean e inventan a cidade con parámetros literarios que ao mesmo tempo estaban empregando outras figuras, caso de James Joyce a respecto de Dublín. Esta representación literaria marca a propia idiosincrasia de Ourense, reflíctese e proxéctase durante o tempo, crea unha tradición literaria que aínda perdura.

Vostede forma parte desa tradición. Ourense está moi presente na súa obra.

No meu caso, esa tradición váleme para encontrar a casa medio feita, o que é unha axuda. De todos os xeitos, en cada caso, o peso espacial é diferente nas obras literarias de cadaquén. James Joyce, malia vivir en Francia e en Suíza, sempre escribiu sobre Dublín, onde nacera e onde se criara. O mesmo se pode dicir de Eduardo Blanco Amor, que é o noso Joyce particular e que sempre lle foi “fiel” a Ourense malia só vivir na cidade na mocidade e na vellez. O caso contrario é o de Valente, onde non hai rastros das súas vivencias. A infancia é moi importante nos escritores, en algúns, e define os temas ou necesidades literarias. No caso de Ourense, o distanciamento tivo certo valor para autores como Xosé Luís Méndez Ferrín ou Carlos Casares ou máis recentemente Diego Ameixeiras.

Dicía Blanco Amor que o punto máis importante da identidade ourensá era o de non permanecer demasiado tempo na gravidade.

No libro, vostede trata moitos temas diferentes. Hai un capítulo para os peculiares: desde o inventor do idioma trampitán aos “inocentes” que recorda da súa infancia. Non sei se é certa esa sona de Ourense como cidade de tipos curiosos e non sei en que medida tivo a ver con iso o gran resultado de Gonzalo Pérez Xácome nas municipais do 2015.

Dicía Blanco Amor que o punto máis importante da identidade ourensá era o de non permanecer demasiado tempo na gravidade. Ese recurso ao humor, esa posta en cuestión da seriedade, coido que nos explica moi ben. E claro está que o de Democracia Ourensá ten a ver con isto. Moita xente de fóra non entendeu o que pasou e fixeron todo tipo de análises. Penso que Ourense, en canto a comportamento electoral, se desligou completamente do contorno e fixo unha lectura política á italiana. Alá teñen a Beppe Grillo e aquí o Xácome. A sociedade ourensá usa o humor como unha mostra de rebeldía, de defensa diante dunha situación xeral pouco favorable: alto índice de emigración, falta de acceso directo ao mar, envellecemento, carencias económicas e de infraestruturas…

Agora que fala da emigración, no libro conta a historia de Antonio Rodríguez, un obreiro da Lonia que acaba como grande empresario na Costa del Sol e que volta a Galicia como presidente do Málaga, que veu xogar un amigable contra o CD Ourense.

Ese relato é unha especie de novela dentro do libro. Interesábame este personaxe por varios motivos pero principalmente polo carácter emigrante dos ourensáns que logo se transloce en determinadas actitudes vitais moi interesantes. Rodríguez, en efecto, era un obreiro da Lonia que emigra ao Campo de Gibraltar e que queda sen choio cando Francisco Franco manda pechar a reixa con Gibraltar, dentro do cíclico conflito sobre o peñón. Pois ben, este home, nun arrouto patriótico, colocou unha bandeira española en plena rocha, na obra na que traballaba. Ese acto de exacerbación para min non é casual e ten que ver coa propia relación dos galegos co Estado. O caso é que mentres os seus compañeiros desempregados polo desencontro con Gibraltar, emigraron a Australia e aló quedaron, Rodríguez recibe do propio ditador a concesión da carpintaría metálica de numerosas obras. Faise rico mais ao pouco tempo é asasinado a puñaladas no seu Ferrari descapotable. O asasino era un trastornado que tamén morreu na hora, acribillado pola pistola de Rodríguez.

En Ourense, a emigración está tatuada a nivel cultural. É case imposible falar cun mozo ourensán que non estea a pensar en marchar para fóra tan pronto acabe os estudos.

Meu bisavó emigrou a Buenos Aires; o meu avó a Cuba, os meus pais a Suíza. Zurich, Newark, o Malecón son lugares moi vívidos na miña experiencia familiar. En Ourense dáse en efecto unha cultura da emigración igual que sucede nalgúns lugares de Irlanda ou Italia. O éxodo histórico foi enorme. Non en van a oficina principal do Instituto Español de Emigración estaba na Carballeira e dedicouse durante moito tempo a “extraer” poboación cara ao exterior. Cando miña nai emigrou, formaba parte dun continxente de 500 mulleres. Ao chegaren a Madrid, á Estación do Norte, o home que as “levaba” díxolles que había que mudar de tren e de estación, subiu nun coche e arrancou. Aquelas mulleres marcharon detrás del a correr.

“Todos os libros que se publican hoxe parecen obra de correctores cun Dicionario Xerais dediante”

A publicación deste libro racha un silencio de dous anos desde a súa última obra literaria, o libro de poemas A última música das cousas (Pen Clube). No eido da narrativa, foi no 2011 cando publicou o seu último libro, Contos da terra da tarde (Galaxia). Está a escribir algo arestora?

Ao final deste ano, se non cambian a lei, xubílome no Ensino e será daquela tempo de iniciar novos proxectos. Quero ir pasar fóra de Galicia unha tempada e si me apetece escribir, mais non na liña narrativa das miñas once ou doce obras até agora publicadas senón máis no camiño d’O ouro de Ourense, con máis ensaio. Nos últimos anos exercín o xornalismo e quero explorar a non ficción. Esperando por publicación si teño textos pensados para publicar na internet, compostos de fotografías e vídeos.

Vostede é un dos nosos grandes estilistas contemporáneos. Hai autores que se confesan seus herdeiros, caso de Diego Ameixeiras, e outros moitos que sen recoñecelo beben da súa proposta dun idioma rico e cheo de matices. Non sei se lle dá a sensación de que ultimamente a lingua literaria galega é quizais máis pobre?

Todos os libros que se publican hoxe parecen obra de correctores cun Dicionario Xerais dediante. Houbo unha lectura errada sobre a normalización lingüística. Quen teñen que normalizarse son os políticos, que usan un pésimo galego. Tamén é necesario que haxa certos estándares no ensino ou no xornalismo pero nos textos literarios é onde o idioma ten que demostrar o seu vigor. Alégrame que haxa escritores que entendan que un dos obxectivos da nosa literatura é crear un idioma esteticamente atractivo. Hai que fixarse no galego popular, no galego vivo e a partir de aí construír unha lingua que se note natural, vivida, que lle transmita ao lector un valor engadido, unha riqueza artística que só é posible en galego.

Que opina da literatura que se publica arestora?

Dáse no noso sector editorial (quizais dun xeito máis acusado por mor dos problemas económicos) unha tendencia mundial que se foi consolidando nas últimas décadas: o mercado moderno é o canon e aquilo que non vende non entra no canon. De verdade Stieg Larsson é o canon? Se collemos os catálogos editoriais galegos vemos que hoxe é máis difícil que hai 30 anos publicar unha novela adxectivada como literaria, e iso que daquela non había nin raíz dun sistema editorial digno de tal nome.

Cónteme que anda a ler?

Acabei Cartas a Vera, de Vladimir Nabokov, que coido recomendable para nabokovianos. E tamén Camiñar sobre o xelo, de Werner Herzog. Herzog é un autor que seguín con interese como cineasta e que coido que tamén ten valor como escritor.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s