A Festa de Rosalía deixa ao ar os vicios e carencias da cultura galega

Estilización sobre unha foto de Rosalía de Castro, empregada pola empresa téxtil Rei Centolo.

Estilización sobre unha foto de Rosalía de Castro, empregada pola empresa téxtil Rei Centolo.

César Lorenzo Gil.

O 24 de febreiro é o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Desde hai uns anos, esta data busca abrirse paso no calendario cultural galego e amplía cada vez máis os seus usos políticos e sociais. Mais o esforzo por converter o día nunha festa ten varios vicios comúns a outros procesos de reivindicación da nosa cultura e amosa as carencias coas que conta a nosa sociedade para visibilizar referencias propias, autónomas e cívicas.

Os vicios

A Festa de Rosalía (mellor ca Día de Rosalía, que ten unha rima interna) non se sabe ben que é. Reivindicación da figura da primeira poeta nacional en orixe (hai que recordar que tamén a escritora foi protagonista da escolla do 17 de maio como Día das Letras, xa que esa é a data na que se publicou Cantares gallegos, no 1863), hoxe tamén é oportunidade para a reivindicación nacionalista ou feminista. Ao tempo, no ensino aprovéitase o día para dar a coñecer a figura rosaliana e de paso presumir de cultura propia.

É nas escolas onde máis repercusión ten. Lóxico. O alumnado non ten posibilidade de escoller, pinta murais e recita versos por obriga, como se leva facendo en Galicia en determinadas datas litúrxicas desde a chegada da autonomía. En moitos centros castelanfalantes, esa liturxia aínda é máis clara: a rapazada conversa en castelán mentres decora con caligrafía decimonónica algún cartaz que reproduce poemas da escritora.

Mentres non se considera un sector social como un sector industrial, no modelo capitalista a sociedade non responde.

Aínda que houbo diferentes propostas para estender o espírito do 24 de febreiro ao resto da sociedade, non hai consenso sobre que debería significar este día: unha especie de Sant Jordi galaico, impulsando a tradición de regalar libros? De momento nin editores nin libreiros (os gremios que poden impulsar algo así) se decidiron firmemente. Concentracións e actos cívicos portando como estandarte o rostro pop de Rosalía mentres se protesta contra a Xunta polo seu desprezo á política cultural? Mentres non se considera un sector social como un sector industrial, no modelo capitalista a sociedade non responde. Non hai acción sindical a prol dos traballadores da cultura habitualmente, seguindo unha tradición quizais errada, pénsase que a cultura galega debe quedar nas mans de funcionarios (principalmente do ensino) cuxo salario está asegurado e que fomenta acotío, quizais inconscientemente, unha celebración constante das bondades da nosa cultura, en especial a literatura, que recorda demasiado ás gabanzas que se lle dan aos mortos de corpo presente: laios, choros, lembranzas do boíños que eran, sen necesidade ningunha de acción máis que subir o cadaleito ao nicho.

As carencias

Hoxe menos ca nunca rexe iso que se chama ás veces sociedade civil ás veces movementos sociais. En Galicia os procesos colectivos son moi minoritarios, precarios e demasiado voluntaristas. Cunha poboación activa con cada vez menos poder adquisitivo, o excedente monetario non alcanza para apoiar eses procesos nacidos horizontais e desde abaixo. Esta situación nótase na falta de medios de comunicación no noso idioma, na estreitez de moitas asociacións e organizacións cívicas ou nos tan habituais churrascos humanos de quen se ofrece voluntario para esta ou aquela iniciativa social: a falta de resultados, a acumulación de tarefas incómodas e a constante crítica dos que se consideran compañeiros “queima”, “chamusca” o voluntarismo na política, en calquera das súas formas.

Porque a reivindicación cultural en Galicia é política. De aí que dependa tanto do tipo de goberno que haxa en San Caetano. A Era Feixoo está a ser daniña non só pola súa animadversión manifesta (no DOG, que é onde importa) cara ao galego senón tamén pola renuncia a converter en piar estratéxico da autonomía a defensa da cultura propia a través de políticas de restitución, fomento e modernización tanto no plano simbólico coma industrial e, sobre todo, económico.

Mais sen un deseño global, sen intelixencia para utilizar as redes, que hoxe favorecen o intercambio e facilitan chegar a máis actores sociais, todo pode acabar nunha liturxia con verniz moi moderno pero con pouco valor máis alá do folclórico.

Cunha sociedade sen posibles e un goberno antigalego, calquera movemento cultural de pequena ou ampla alancada ten enormes dificultades para avanzar. De aí que haxa que valorar todas as iniciativas que vallan para potenciar primeiro o orgullo polo propio, polo que se puido conseguir no pasado partindo de moito máis abaixo e en consecuencia o cariño pola nosa propia historia e as posibilidades que Galicia nos ofrece no presente e no futuro. Mais sen un deseño global, sen intelixencia para utilizar as redes, que hoxe favorecen o intercambio e facilitan chegar a máis actores sociais, todo pode acabar nunha liturxia con verniz moi moderno pero con pouco valor máis alá do folclórico. O galeguismo político debe ter claro que a cultura ha ser un dos seus puntos fortes e urxentes na acción gobernamental. Por dar un exemplo que non ten nada a ver: cando no Goberno Touriño se restituíu a selección galega de fútbol, amais do enorme valor simbólico que aquela xeira tivo, con campos ateigados, con miles de galegos pasando frío e animando o equipo galego, nos anos seguintes houbo un movemento económico e laboral: moitos xogadores que non tiveran oportunidade de xogar en Galicia, foron fichados por escadras do país. Ese cambio de mentalidade aínda perdura malia o PP enterrar a selección. No eido cultural son posibles e necesarias moitas transformacións semellantes.

Converter a Festa de Rosalía noutra data de referencia no calendario galego é posible. Xa se leva construído moito. Sen desprezar os alicerces, quizais é hora de sumar, explorar novas vías e pensar que só a través da acumulación real de participantes, consegue unha celebración amadurar e ser útil aos seus fins.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s