Escritores que insultan a escritores

garrotazosXesús González Gómez.

Virginia Woolf escribiu: “Cando a crítica se acha pola forza das cousas en suspenso, cando os libros desfilan como unha procesión de animais nunha barraca de tiro e o crítico só ten un segundo para cargar, apuntar, disparar, é moi desculpábel se toma un coello por un tigre, unha aguia por unha pita ou se marra o seu branco e o seu tiro se perde contra unha tranquila vaca que pace nun campo veciño…”. A escritora inglesa, que tamén exerceu a critica literaria, avisaba de que moitas veces os críticos se equivocan simplemente por falta de tempo; noutras palabras, viña dicirlles aos seus colegas escritores o famoso: non disparen contra o crítico.

Talvez tiña razón Virginia Woolf e os escritores contra quen debían disparar en realidade é contra os seus colegas ou compañeiros de oficio. E é que a amizade e o respecto entre escritores é cousa difícil. Os da miña idade, os que foron educados durante o tempo franquista, saben de memoria o terrorismo literario exercido por Góngora, Quevedo, Cervantes, Lope de Vega, etcétera durante o famoso Século de Ouro español. Unha historia dos insultos, afrontas e vinganzas dos protagonistas daquel século encherían varios volumes menos aburridos que os actuais libros de literatura con que mallan aos estudantes noviños ou universitarios. Seguindo co terrorismo, sabemos que Tolstoi acreditaba firmemente que Dostoievski era un malvado e que o autor de Humillados e ofendidos foi axeonllarse diante de Turgueniev para que este se sentise ofendido. Dickens odiaba aberta e profundamente a Thackeray e este estaba convencido á súa vez de que o seu colega era un vilán, un ruín. Os amantes da poesía e coñecedores da vida de Hölderlin non dubidan que o desprezo que cara a el tivo Goethe o precipitou na loucura, en certa medida. Os amores de Rimbaud e Verlaine acabaron… a tiros. Herman Melville confesou que a eloxiosa dedicatoria de Moby Dick (“En sinal da miña admiración ao seu xenio este libro está dedicado a Nathaniel Hawthorne”) agachaba a malvada intención de esmagalo co seu xenio, vingándose desta maneira da incomprensión que o admirado escritor mostrara polas súas obras anteriores. Na monumental biografía de Proust de George D. Pantier este fala da única ocasión en que se encontraron o escritor francés e James Joyce, nunha festa. O diálogo, seica, limitouse a que Proust lle dixese a Joyce que non o lera e este lle respondese que ídem de lenzo. Pola correspondencia de Rilke sabemos que eludiu educadamente a petición de Gide de traducir ao alemán Os alimentos terrestres aducindo que estaba mergullado no seu propio traballo, cando en realidade estaba a traducir a Valéry. Se lemos a correspondencia entre Gide e Claudel, un pregúntase onde fica a amizade: ao final romperon e Claudel negouse ir ao enterro de Gide afirmando que este tiña dereito de apartado no inferno, ao tempo que o dereitista Claudel loaba o comunista Aragon, quen o atacara na súa mocidade, porque o ex-surrealista falara ben dunha obra súa. Hemingway agradeceu a protección de Sherwood Anderson poñéndoo a caldo en Augas primaverais e como correspondencia Anderson afirmou nas súas memorias que o escritor viril por antonomasia que era Hemingway iniciou a súa carreira como impotente. E n‘Unha festa móbil (París era una fiesta, en versión española) paga a axuda que lle prestaron en París Gertrude Stein e Scott Fitzgerald con virulentos comentarios sobre estes, etcétera.

“Acabei o Ulises e paréceme un fracaso… O libro é difuso. É salobre. Pretensioso. Vulgar, non só no sentido común, senón tamén no literario”, Virginia Woolf.

A autora de Cumes borrascosos, Charlotte Brontë escribiu sobre Orgullo e prexuízo da súa compatriota Jane Austen: “Por que agrada tanto Miss Austen? Fico perplexa a este respecto… Dificilmente gustaría vivir entre as súas damas e os seus cabaleiros, nos seus elegantes mais enrarecidos fogares… Miss Austen é só sagaz e observadora”. Zola, cando a morte de Baudelaire escribiu sobre As flores do mal: “Dentro de cen anos, os libros de historia da literatura francesa só mencionarán esta obra como unha curiosidade”. Félix Samaniego e Tomás de Iriarte son, nos manuais de literatura española, os grandes “fabulistas” vernáculos do século XVIII: o primeiro escribiu sobre o segundo:

Tus obras, Tomás, no son / ni buscadas ni leídas / ni tendrán estimación / aunque sean prohibidas / por la Santa Inquisición.

woolfjoyce

Virginia Woolf e James Joyce.

Mais perto de nós, no tempo, e xeograficamente, se se quer, pode o lector deleitarse coa lectura da recensión que en 1951 fixo o falanxista Gonzalo Torrente Ballester da novela La Colmena do franquista Camilo José Cela en Cuadernos Hispanoamericanos, e na que entre outras cousa escribe: “[…] O motor común a estes cento setenta personaxes é fundamentalmente o sexo, e –pido perdón pola irremediábel utilización da voz directa– un coito, realizado ou frustrado, o clímax das súas vidas.// Case todo o que fan os personaxes de La Colmena é pecado […] Non me creo capacitado para emitir un xuízo moral desta novela. […] Eu son católico cristián e esixo unha moral robusta; exactamente a que lle permitiu ao Vaticano atesourar a máis bela colección de nus artísticos, a que lle permitiu á Inquisición autorizar a venda e a lectura de La Celestina”. Poucos meses antes, o poeta José María Valverde, morto en santidade case comunista (por católico e para-comunista), escribía nas páxinas literarias de Arriba sobre un caso que el denominaba de putrefacción poética: Pablo Neruda. H. G. Wells escribiu: “Os desnaturalizados personaxes de [Henry] James son só o equivalente en ficción desas señoras cara-de-ovo pelo-negro que están sempre sentadas nas postais de cor xaponesas… Estes personaxes manipulados polo tratamento artístico nunca fan o amor alegremente nin van a unha horríbel guerra; nunca berran nas eleccións nin súan xogando ao póker”. Woolf afirmaba no seu diario que a T. S. Eliot lle gustaba o Ulises de Joyce porque o poeta anglo-americano era… anémico. E sobre o libro do irlandés opinaba: “Acabei o Ulises e paréceme un fracaso… O libro é difuso. É salobre. Pretensioso. Vulgar, non só no sentido común, senón tamén no literario. Quero dicir que un escritor de primeira liña respecta demasiado o acto de escribir para permitirse facer trampas”. Getrude Stein, a quen Hemingway puxera a parir panteras n’As verdes cuíñas de África e Unha festa móbil, dixo de Ezra Pound: “Un guía de aldea, excelente se un é aldeán mais non en caso contrario”. René Char, na súa correspondencia, demanda o fusilamento, despois de 1945, dos seus ex-amigos André Breton e de Louis Aragon, etc.

O riquiñismo

Para que continuar. Poderiamos encher páxinas e páxinas co que opinaban e opinan uns escritores doutros, en todas as partes, en todas as literaturas: sería inacabábel e máis se botamos man das obras dos poetas e escritores, sexan estas “romans à clef” ou non. E en Galicia? Aquí, publicamente, poucos escritores se meten con outros escritores, mais ás veces acontece, o que é motivo de alborozo para uns e outros (mirade senón o que pasou con esa mediocre novela que é Tertulia, de Xavier Alcalá –que ocasionou unha dura polémica, con adxectivos subidos de grao, entre o seu autor e o falecido Manoel Riveiro Loureiro nas paxinas d’A Nosa Terra), pero entre nós úsase máis o estilo indirecto en voz baixa e entre amigos, e como case non se editan correspondencias, pouco sabemos, aínda que temos algunha excepción: Conversas con Alfredo Conde, sentenza e condena, de Xosé María del Caño, nas que o escritor Premio Nadal e Nacional de Literatura, como din os cataláns, “pixa fora del test”. Ou aquela outra, desenvolvida nas páxinas d’A Nosa Terra entre Xosé Carlos Caneiro e Jaureguizar que só lles interesou a eles dous e aos amigos de ambos. Úsase, iso si, ou usouse, o epigrama, o poema satírico, que nun tempo (anos 1960, léase a correspondencia entre Basilio Losada e Ramón Piñeiro) tivo moito éxito privado. A maioría destes poemas e epigramas eran obra dun poeta galego auto-exiliado en Valencia e algún dos seus versos valeulle unhas labazadas. Os poemas: sonetos –a maioría–, cantigas de amigo e romance, visaban escritores e outras especies como José Luis Varela, Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, Luís Gonçález Blasco “Foz”, Alberto Miguez, Xosé Fernández Ferreiro, Raimundo Patiño ou Abelardo Moralejo. Celso Emilio Ferreiro tamén se dedicou ao xénero, en público e en privado, con ou sen pseudónimo: Cimeterio privado co seu nome e As cantigas de escarnio e maldecir, co pseudónimo de Arístides Silveira. Algún poeta –casado con poeta e con filla poeta– dos aparecidos nos últimos anos do franquismo tamén enviou os seus poemas satíricos a amigos e inimigos coa sinatura de “A viuda de Caín” (eu fun un dos satirizados, en acróstico e todo), etc. Infelizmente, a maioría destes poemas “privados” son coñecidos por pouca xente: penso que sumando os que garda Vicente Araguas e os que gardo eu, podiamos facer un volumiño gracioso: mágoa de dereitos de autor e visitas aos xulgados de garda.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s