Luís González Tosar: “No Congreso de Ourense do Pen Internacional, o mundo coñecerá a cultura galega sen tutelas”

Gonzalez-Pinsky-Poetas-Dinversos-Coruna_TINIMA20150228_0175_5César Lorenzo Gil.

Luís González Tosar (Buenos Aires, 1952) é poeta, editor, profesor xubilado, activista cultural, fundador de premios, fundacións e revistas literarias. Amigo dos grandes da literatura contemporánea (de Blanco Amor a Méndez Ferrín), foi  testemuña da evolución política da esquerda e do galeguismo desde a loita clandestina da década do 1970 á maduración das institucións autónomas. Amais, preside o Pen Clube, que neste 2016 volve ser anfitrión do Congreso anual do Pen Internacional, que se desenvolverá en Ourense a primeiros do outono. Dalgunhas destas faces falamos con el nesta entrevista.

Descúlpeme pero síntome coma nunha novela de Chesterton destoras, falando en persoa co presidente do Pen Clube, unha organización con sona de ultrasecreta.

O Pen Clube de Galicia non ten nada de secreto. É unha asociación legalizada, cuns Estatutos e unha xunta directiva normal de todo aínda que composta por persoas moi destacadas da cultura galega. O 20 de febreiro escollemos nova directiva, que presido eu. Os anteriores presidentes, Úrsula Heinze e Alfredo Conde son vicepresidentes; Luciano Rodríguez é o secretario, Armando Requeixo, o vicesecretario; Bieito Iglesias, tesoureiro e Marilar Aleixandre, Fina Casalderrei, Inma López Silva, Xosé Ramón Pena, Román Raña e Manuel Guede, vocais. Non é mala aliñación para a cultura galega.

Hai quen cualifica o Pen Clube con adxectivos algo duros. Leo: “Polo que creo saber, o Centro Pen é un clube selecto ao que só se entra por convite dunha elite de socios e non mediante un procedemento democrático aberto a todos os cidadáns”. Este texto forma parte dun artigo do empresario cultural e poeta Alfredo Ferreiro.

Souben días despois de publicarse dese artigo do que me falas. Recoñezo que non son home moi apegado á internet; amais vivo na aldea. Cos meus amigos aínda me comunico por carta, empecei a usar o correo electrónico non hai moito. Houbo quen interpretou o meu silencio e tamén o do Pen como anuencia con esas e outras acusacións pero é que imos pola vella, somos lentos.

É certo que non temos páxina web e quizais hoxe haxa quen pense que todo ten que estar na internet pero iso non é obrigatorio, non si? Hai algunha lei que nos obrigue a ter un dominio na rede?

É certo que o Pen non está aberto á cidadanía?

O Pen é unha asociación internacional fundada no 1921 cuns criterios discutibles pero lexítimos. Un deles é que reúne no seu seo escritores. Para formar parte do Pen Clube en Galicia hai que ter polo menos tres libros publicados e solicitar o ingreso. É a asemblea a que decide a integración de novos membros. Até onde eu sei, Alfredo Ferreiro non solicitou a entrada. Digo máis, eu non o coñezo de nada a Ferreiro; nunca falou comigo, nin sequera o intentou. E insisto, os fins, estatutos e membros do Pen Clube son accesibles a través de quen formamos a directiva. É certo que non temos páxina web e quizais hoxe haxa quen pense que todo ten que estar na internet pero iso non é obrigatorio, non si? Hai algunha lei que nos obrigue a ter un dominio na rede? Mira, agora que lembro, coido que algún membro do Pen me falou de Alfredo Ferreiro porque el seica se dedica a elaborar páxinas web e quería facernos unha oferta. Pode ser?

Alfredo Ferreiro si se define como consultor técnico-cultural a través da súa empresa, Algueirada.

Pois entón falamos da mesma persoa. El ten unha moi boa relación cun membro do Pen Clube e pediulle intercesión para ofrecernos os seus servizos profesionais. Ese é o único contacto que tiven con el. Dáme pena porque se me chega a chamar, explicaríalle todo o que quixese saber sen necesidade de publicar un texto tan inexacto.

Sigo citando o artigo de Ferreiro: “recibe importantes apoios financeiros dos gobernos para eventos e publicacións nunha época de inanición cultural. (…) É, polo que parece, un clube moi apoiado institucionalmente mais de funcionamento opaco e caprichoso”.

O Pen Clube recibe anualmente dúas subvencións da Xunta: unha da Consellaría de Educación de 15.000 euros para difusión das actividades da asociación e outra de 6.000 euros da Secretaría Xeral de Política Lingüística. É a mesma cantidade que recibe a Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG).

Ferreiro contrapón en varios momentos o funcionamento do Pen e o da AELG. Existe algún conflito entre ambas organizacións?

Ningún. As relacións son excelentes. Cunha das persoas coas que falei deste tema logo de o saber foi xustamente co presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, quen me confirmou que esas opinións non eran compartidas pola asociación. Compararnos coa AELG non ten moito sentido. Somos colectivos distintos, complementarios e coido que necesarios ambos. Eu fun fundador da AELG e valoro moito as iniciativas que toma. Ora ben, o Pen non é un sindicato de escritores nin vai facer valoracións sobre a normativa do galego, que lle corresponden, penso, á Academia. Nas nosas filas hai máis de cen escritores, de todas as adscricións políticas, de todos os xéneros, de todas as idades. Contamos con orgullo con Xosé Luís Méndez Ferrín, con Manuel Rivas, con Suso de Toro… E arestora estamos moi ilusionados pola celebración do Congreso do Pen Internacional en Ourense.

Logo falaremos diso. Antes gustaríame preguntarlle pola suspensión do Pen España. Que foi o que pasou?

O caso do Pen España ilustra moi ben que o Pen Internacional non é precisamente nin opaco nin caprichoso senón que combate prácticas escuras ou pechadas. O Pen Internacional tivo que intervir porque, en efecto, a directiva da sección do Estado español estaba a facer as cousas mal. Por exemplo, o presidente era ao tempo dono dunha editorial e utilizaba o seu posto no Pen para conseguir publicacións. Eses comportamentos non son lícitos e a organización internacional está ao tanto do que ocorre e cando ten que actuar, actúa.

Así que a representación no Pen do Estado está ao cargo das seccións galega, vasca e catalá.

En efecto. Historicamente, e falo dos primeiros tempos do Pen Internacional, entre o 1921 (cando se funda) e o 1936, o Pen español si funcionou pero logo disolveuse e malia varios intentos, non dá callado. Sinceramente, no Pen Internacional é dos poucos foros globais no que as nacións galega, vasca e catalá actuamos sen subordinacións. No Congreso de Ourense o mundo percibirá a cultura galega como autónoma, sen tutelas. Esa xuntanza non vai depender de máis ninguén ca de Galicia. Os escritores que nos visiten van saber que veñen a Galicia.

Agora si, falemos do Congreso de Ourense.

Vaise celebrar entre o 26 de setembro e o 2 de outubro. Nós temos a experiencia do congreso do 1993, en Compostela, no que contamos con Salman Rushdie, que até daquela vivía clandestinamente por mor da fatua iraniana na súa contra. Agora conseguimos de novo a oportunidade de converter a Galicia nun dos espazos fundamentais na axenda mundial da actualidade literaria e a reivindicación da liberdade de expresión. No congreso do 2015, que se celebrou en Quebec, solicitamos a organización e conseguimos máis votos que as outras propostas.

Por que Ourense?

Sabiamos que en Santiago non podía volver ser xa que as normas do Pen prohiben que se repita cidade sede. Ourense, coidamos moitos, é a gran capital literaria histórica de Galicia por razóns obvias para calquera que coñeza a nosa cultura. E para quen non coñeza, aproveito para recomendar O ouro de Ourense (Engaiolarte), de Bieito Iglesias, que é unha marabilla.

Que foi primeiro, a escolla da sede ou o apoio institucional para un evento así?

Antes da solicitude tiñamos que contar coa infraestrutura necesaria. A Deputación de Ourense apoia non só con diñeiro senón coas súas fantásticas instalacións. Iso permitiranos desenvolver o congreso ao máis alto nivel.

Dicíame que era unha cita importante en canto á liberdade de expresión.

É. O congreso desenvólvese en base a diferentes comités de traballo: da muller, do colectivo LGTB, da Paz (que busca superar mediante a arte conflitos políticos) e o da Liberdade de Expresión. Nese comité é no que se tratan os asuntos que durante o ano ameazaron a libre difusión artística. Trataremos, por suposto, o tema dos titiriteiros de Madrid; tamén o caso do poeta palestino Ashraf Faiad, condenado en Arabia Saudita. Hai que ter en conta que o Pen Internacional é organismo consultor da Unesco para temas relacionados coa liberdade de expresión.

O perfil do congreso parece moi técnico.

Hai unha parte que en efecto é así, con moito traballo previo e tamén durante o congreso para aprobar conclusións relevantes. Mais tamén hai unha parte máis literaria, de reflexión e difusión. O lema de Ourense vai ter relación coas pontes, unha metáfora da propia cidade e tamén do lugar que Galicia debe ocupar como vía privilexiada de acceso á Lusofonía, por unha parte, e a Latinoamérica, pola outra. Queremos remarcar esa posición, darnos a valer como interlocutores, como porta de entrada cara a Europa das literaturas africanas de expresión portuguesa, principalmente. É un tema interesante xa que aínda hoxe determinadas culturas que foron en tempos colonias de Portugal ou España deben lidar con preconceptos ou peaxes deses sistemas culturais que, nalgúns casos, se cren superiores ou coidan teren a chave da difusión internacional. A estratexia exterior de Galicia debe pasar por tenderlles a man a esas literaturas, que por outra parte, son feraces e moi interesantes.

Podemos adiantar algún convidado.

Aínda é moi cedo. Intentaremos ter en Ourense escritores do máximo nivel e por suposto con obras e discursos relevantes para a nosa cultura en calquera das súas facetas.

“Levo toda a vida intentando ser galego”

Vostede viviu até os 17 anos na Arxentina. Non quedou rastro de sotaque porteño na súa fala.

E iso serviu para crear unha lenda negra sobre a miña biografía.

Non se dea tanta importancia.

Non é chiste. Houbo quen dixo que eu non nacín na Arxentina, que en realidade sempre vivín na comarca do Carballiño e que inventei unha infancia bonaerense para darme aire. O meu galego, en efecto, é popular, é o da terra da miña familia, pero funo construíndo incluso antes de vir para Galicia definitivamente.

Vostede, non é por tirarlle méritos, é un “produto” común da Galicia contemporánea: fillo de emigrantes nacido fóra que retorna canda os pais.

Eu nacín en Buenos Aires, nun barrio moi cosmopolita, con polacos, italianos… armenios e xudeus, dúas comunidades que estaban xa bastante organizadas, tiñan colexios propios, aprendían a súa historia, a súa relixión. Meu pai en efecto é de Guimarás, parroquia de Corneda, concello do Irixo, comarca do Carballiño. Eu moro agora no mesmo lugar. Meu pai era carpinteiro e miña nai criada. Foi no 1964 cando eu teño o primeiro encontro con Galicia. Si sabía que meu pai falaba con outros galegos en algo diferente ao porteño pero preguntáballes aos meus primos e dicíanme que iso era un dialecto, algo sen importancia. No 64, contaba, un familiar púxose maliño e fomos ao Centro Gallego. E, curioso como era, entrei na Biblioteca Manuel Murguía e púxenme a avesullar por alí. Ao pouco apareceu un home maior, traxado, impoluto, cunha elegancia natural e pedagóxica. Preguntoume se era galego e se me interesaba Galicia. Eu rapidamente lle preguntei se o galego era un idioma. El contestoume: “claro” e pasou a relatar a historia da lingua galega, a súa grandeza literaria, o pasado recente e o presente daquel momento. Aquel home era Rodolfo Prada Chamocín, unha das figuras máis importantes do galeguismo histórico na emigración. Foi a raíz do contacto con el, que a partir dese momento xa foi fluído, que eu empecei a arelar coñecer Galicia.

Celebración do Día Mundial da Auga e da Árbore, o 21 de marzo do 2013, na Insua dos Poetas (Esgueva, O Irixo).

Celebración do Día Mundial da Auga e da Árbore, o 21 de marzo do 2013, na Insua dos Poetas (Esgueva, O Carballiño).

Ao ano seguinte morreu meu avó e viñen co meu pai para O Irixo. Quedei alí todo o inverno, que coincide coas vacacións estivais na Arxentina. Foi toda unha inmersión na cultura galega, na cultura real, dunha aldea daquel tempo. Cando voltei a Buenos Aires xa non era o mesmo. No período que vai do 1965 ao 1969, que foi cando a familia retornamos e nos instalamos en Vigo, eu fun construíndo a miña propia identidade, galega e galeguista. Miña nai sempre me culpa de que volvemos pola miña culpa. Levo toda a vida intentando ser galego.

Xa tiña claro de adolescente querer dedicarse á cultura?

Eu participei na vida cultural galega en Buenos Aires. Polo Centro Gallego pasaban as principais figuras. Alá coñecín a Eduardo Blanco Amor, por exemplo. Ao volver, estudei no Instituto Santa Irene de Vigo. Fun alumno de Méndez Ferrín. Iso foi decisivo. Recordo que nos mandara facer un traballo ao redor do discurso de entrada de Ramón Piñeiro na Academia: “A linguaxe e as linguas”.

E de aí á Universidade de Santiago. Non só estudou naquel tempo.

Situémonos na Galicia da década do 1970. Os estudantes, en moitos casos, tiñamos unha necesidade de actividade política que quizais hoxe, cos ollos dun país con democracia, non se comprenden. E con todo, a miña entrada na “militancia” foi atípica.

E logo?

Eu fun, denantes de calquera outra cousa, listeriano.

De Enrique Líster?

Máis ben de Aurora Liste Forxán, a súa irmá. Naquel tempo falaban que a leiteira que viamos cada mañá cedo, repartindo por Compostela, era a irmá do mítico Líster. Por casualidade, unha noite que se volveu mañá e que eu volvía para a casa, crucei con ela. E pregunteille se ela era. E era. A partir de aí naceu certa intimidade. Da amizade con ela aprendín as súas conviccións éticas e unha forza moral interior extraordinaria. Foime envolvendo sen que me decatase e acabei por ser o representante máis visible do Partido Comunista Obrero Español (PCOE), que fundara o propio Líster. Anos despois, xa morto Franco, Aurora e mais eu intentamos convencelo de que pedise voltar a España. Xa regresaran Santiago Carrillo e a perruca, Dolores Ibárruri, Rafael Alberti. El negábase a deixar Francia, a ter un pasaporte adornado co escudo imperialista de Franco. Mais de tanto porfiarlle, aceptou, e volveu a Galicia non sen dificultades. Eu, que tantos actos organicei, dígoche con orgullo que o que máis satisfaccións me deu, o máis importante da miña vida, foi aquel mitin de Líster na Alameda de Santiago, despois de estar ausente de Galicia 41 anos. Favorecer o retorno de Líster foi, quizais, o mellor que fixen na miña vida.

“Pésame non ter aprendido máis de Blanco Amor”

Antes dicíame que coñecera a Blanco Amor na Arxentina, cando era vostede un adolescente.

El fora a Buenos Aires para vender un departamento que tiña alá, a única propiedade que posuíu. Non recordo que caste de acto era pero el estaba alí, eu non sabía quen era. Estaba algo inquedo, pensando na venda que quería facer. Naquel acto el interveu. Eu quedei hipnotizado pola oratoria daquel home.

A segunda vez que coincidín con el foi xa en Galicia, en Ribadavia, durante unha das Mostras Abrente. Recordo que me dei a coñecer, el nin se lembraría de min e logo fíxome unha foto. Blanco Amor pasaba o día facendo fotos. Se en vez de a min, o entrevistases a el, xa te tería retratado.

O caso é que a partir de aí compartimos moitos momentos. A min pésame non ter aprendido máis del. Cando o coñecín non tiña lida como debera a súa obra. Era novo e non me decataba do valor que el tiña. Quédame a pena de non ter compartido máis con el nun plano literario.

Tiña sona de agochar a súa vulnerabilidade baixo unha coiraza de prepotencia.

Podía dar, en efecto, unha imaxe en aparencia autosuficiente. Con certeza, antepuña unha defensa que até podía chegar a ser pedante mais no trato próximo era encantador. Eduardo Blanco Amor foi un ser moi desprotexido, moi insatisfeito. Retornou despois de andar polo mundo ao Ourense da década do 1970. Hoxe é difícil entender o que era aquela cidade, máis para un homosexual que non renunciaba a expresar o seu lado, digamos, glamuroso. Nos seus últimos anos estivo moi só a pesar de que logrou rodearse dalgunhas persoas que o estimamos moito.

Blanco Amor é un deses autores que ano tras ano vai consolidando o seu posto de privilexio, non só no canon académico, senón no imaxinario e maxisterio literario dos escritores novos, caso de Fran P. Lorenzo, por dar só un nome.

Alégrome diso porque en efecto el foi o gran creador da literatura galega moderna. E aínda así penso que el non puido, por razóns de vida, dar o seu máximo potencial. Blanco Amor precisou traballar moi duro toda a vida para subsistir, polo que non tivo todo o tempo que necesitaba quizais para facer literatura. El, ademais, viviu dúas frustracións que o marcaron dalgún xeito. A pesar de que conseguiu ser recoñecido en vida como un dos grandes da literatura galega, a el doeulle, por un lado, o seu fracaso como novelista en español. E por outro, sempre se doeu de non ter conseguido a aceptación da elite cultural de Buenos Aires. El sempre se sentiu como un emigrado, primeiro, e logo como un exiliado, sempre o consideraron un gallego,nunca rachou o muro do círculo intelectual porteño, nunca logrou o que era un dos seu meirandes obxectivos: convencer os arxentinos de que os galegos, como dicía el, eran bípedos e non cuadrúpedos.

“Eu inventei a Ourensanía”

Xa que voltamos á Arxentina, vostede é membro correspondente da Academia Arxentina.

A ver se me vale para dignificar o concepto de galego nun país onde aínda se venden libros de chistes de gallegos.

Unha das súas preocupacións culturais foi, de sempre, tecer redes cos descendentes de galegos que se dedican á literatura nos países de acollida.

Ese é un dos privilexios dos galegos, unha característica histórica e cultural que non teñen nin cataláns nin vascos na mesma medida. Pensemos na galeguidade como unha ferramenta de difusión das nosas letras. Pensemos que Nélida Piñón agora mais antes Lino Novás Calvo, por dar dous nomes de primeirísimo nivel na literatura mundial, son galegos. A investigación cultural galega quizais abusou de buscar a pegada do idioma galego na emigración e no exilio: atopar esas obriñas en galego que os propios emigrantes pagaban do seu peto mais que, en definitiva, non teñen valor artístico. Teñen un mérito enorme, indiscutible pero é un mérito non literario. En cambio, non atendemos ao rastro de galeguidade de escritores de gran valía nas literaturas nas que se criaron, como Piñón. Dou un exemplo: Claudia Piñeiro é un autora arxentina con gran prestixio e sona no seu país. Galegos de alá e de aquí conseguimos que coñecese a súa historia familiar. Estivo en Portosín e desa experiencia saíu a súa novela Un comunista en calzoncillos. Pois ben, Piñeiro, Piñón e calquera outro escritor de referencia con orixe galega pode converterse nun embaixador magnífico para a nosa cultura. Non podemos perder esa oportunidade. Arestora soubemos dunha autora canadense de orixe galega de moita proxección.

Hai uns días falaba con Bieito Iglesias do concepto de ourensanía. El coidaba que seguramente o inventara vostede.

E claro que fun eu. Fachendeo do asunto pero vas entender por que. Eu fun moi amigo de Marcos Valcárcel. Valcárcel foi un dos homes máis xenerosos e fantásticos da cultura galega e eu tiven a fortuna de compartir moito con el. Pois ben, sempre nas nosas reunións eu andaba a darlle voltas a un sentimento, a unha realidade obvia que Blanco Amor definiu como ourensanismo e que eu chamei ourensanía: esa peculiaridade no noso sermos galegos, ese puntiño e á parte que temos nas comarcas ourensás e que calquera que se achegue aquí a nós coa mente aberta rapidamente detecta. Pois o Marcos, digo, sempre me andaba a dicir: a ver se te deixas de tanto elucubrar e asentas no papel o marco teórico desa ourensanía. El díxomo e eu esquecino. Mais logo Valcárcel púxose malo. Padeceu moito até morrer. Sufriu dunha enfermidade dexenerativa e un día, cando xa non falaba ben, case por señas, recordoume a promesa que eu lle fixera. Esa mesma noite escribín o texto que logo publicou a Deputación.

A Ourensanía, así en maiúsculas, converteuse nun eslogan de Manuel Baltar.

Que faga o que queira con el. Se é para mellorar Ourense, se serve para algo a nivel político, tanto dentro como de cara ás outras administracións, pois perfecto.

Outro concepto de seu, desta volta máis material ca filosófico, é a Insua dos Poetas.

A Insua dos Poetas foi denantes un prado. Cando meu pai voltou, como che dixen, instalámonos en Vigo. Pero el nunca estivo cento por cento contente alí. Así que comprou un prado, ao ladiño da parroquia onde nacera. Un terreo dunhas seis ou sete hectáreas que era a culminación dos seus desexos de emprender un proxecto agrícola profesional e moderno. Mecanizou o traballo na explotación, dedicouse nos últimos anos a tirarlle rendemento… Mais logo da súa morte, aquel prado volveuse unha responsabilidade que a min e á miña nai nos era imposible de asumir. Dous anos despois de morrer meu pai, aquel prado de Esgueva, parroquia de Madarnás, concello do Carballiño, era un bosque. Quen é de aldea sabe a que me refiro. Sabe o que custa a natureza. Así que logo de intentar vendelo ou alugalo e decatarme de que a terra hoxe apenas ten valor, pensei que era proxecto máis interesante converter aquel prado nun lugar irrepetible. Foi así como ideei a Insua dos Poetas, creei unha fundación co seu padroado e un fin ben claro: converter o espazo nun encontro da auga, da natureza, da propia tradición galega coa arte: o material xunguindo o inmaterial nunha tarefa que ano a ano vai medrando. Cada ano, os escolares da comarca plantan árbores que cada alumno toma como responsabilidade propia. Está perto a festa, o 21 de marzo, data na que coinciden o Día Mundial da Auga e mais o da Árbore. E cada ano tamén celebramos a Festa da Palabra, durante a cal homenaxeamos unha figura literaria e engadimos á Insua unha obra de arte. Pero eu nunca quixen que aquilo se convertese nunha colección de bustos; son obras que dialogan coa natureza, que se integran, que viven máis alá da propia homenaxe e se reiventan cada vez que alguén vai alí de visita.

“O peor que lle pode pasar a un poeta é repetirse”

Este ano celébrase o 30º aniversario da publicación do seu primeiro libro, A caneiro cheo (1986) (Premio Esquío; Premio Losada Diéguez). Foi vostede un poeta serodio.

Durante a primeira fase da miña vida literaria acumulei moito material poético mais é só a partir da creación da revista Dorna, no 1981, que empezo a publicar. E en efecto até o 86 non aparece o meu primeiro libro. Para min non existiu nunca unha ansia por publicar, nin daquela nin hoxe.

A verdade é que vostede visitou pouco as imprentas: Seis cánticos labrados co recordo de seis cidades mouras (1986), Remol das travesías (1989) (Premio da Crítica española), Campás de recalada (1992). Logo varias antoloxías, algunhas delas publicadas noutros idiomas, e como última obra lírica, Estúrdiga materia (Galaxia, 2008) (Premio da Crítica galega).

O peor que lle pode pasar a un poeta é repetirse. Nunca quixen ser un deses escritores que pasan a vida a reescribir sobre os mesmos temas. É certo que durante a nosa vida, pouca materia prima temos para a nosa obra literaria. Pásannos unhas cousas, temos unhas experiencias e unhas reflexións sobre os grandes temas. Pero non dá como para encher páxinas e páxinas. Eu non tiven nunca ambición por publicar senón máis ben por encontrar os poemas que expliquen eses momentos concretos da miña vida. Intento que cada libro marque un proceso de transformación, que cada un deles coincida cun período vital.

Non me gustan os escritores que renegan dos seus libros, que logo len o que publicaron e abominan. Para que o publicaches entón se non valía?

Visto hoxe, o máis importante que nos queda é a lingua, a lingua como ferramenta literaria; encontrar por fin onde utilizar con propiedade esa palabra que lle escoitaches á veciña saír espontánea. En palabras de Bieito Iglesias, a literatura baséase na capacidade que teña o escritor para elevar a lingua, converter a fala popular nunha ferramenta da arte.

Que opina da poesía que se fai agora mesmo en galego?

Hai autores que me interesan. Leo moito, intento estar ao día de todo o que se publica, incluso os poetas novos. O que me gusta menos é certa resignación na medianía, eses autores que non lle conceden ningún valor á lingua, que escriben con desleixo, for en castrapo for como cadre. Así se fai literatura? Desde o meu punto de vista, iso só desemboca na intrascedencia e na mediocridade.

Advertisements

8 comentarios en “Luís González Tosar: “No Congreso de Ourense do Pen Internacional, o mundo coñecerá a cultura galega sen tutelas”

  1. Pingback: "A trapallada inmunda do Centro Pen de Galicia"

  2. Pingback: Affaire Centro Pen Galicia: comunicado da AELG

  3. Pingback: Carta aberta a Luís González Tosar - O levantador de minas

  4. Pingback: Carta aberta a Luis González Tosar - La Duda

  5. Pingback: Enfim, a contestação do Centro Pen Galicia - O levantador de minas

  6. Pingback: Membros do Pen Clube de Galcia piden "amparo" á directiva do Pen International polas irregularidades do centro - La Duda

  7. Pingback: Miembros del Centro PEN Galicia planean refundar la organización

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s