‘De remate’, o columnista carismático

hqdefaultDe remate é o debú literario de Héctor Cajaraville. A novela gañou o Xerais 2015. Argallado en forma de falsa colección de textos de opinión dun columnista xa falecido (suponse que é a terceira edición desa obra, publicada en orixe no 2017 mais revisada no 2026), o libro segue unha certa moda que callou na narrativa actual (e premiada) de disfrazarse de libro dentro de libro, no rego de O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Davila, Máscaras rotas para Sebastian Nell, de Alberte Ramos.

O columnista en cuestión é Bieito Sanmarful, de quen na novela tamén se acopian, alén dunha escolma dos seus artigos de opinión no inventado xornal Loaira, as anotacións no seu diario persoal e tamén outros documentos, principalmente correos electrónicos. Tamén o prólogo e o epílogo que asina Pablo Cardeiro, director de Loaira.

De remate descríbese como unha novela non convencional e xornalística. Ambas apreciacións son falsas. Veremos por que.

A novela de Cajaraville baséase, como dixemos, nunha falsa recompilación. Polo tanto, aínda que sexa mediante o disfrace, responde ao xénero do collage. Neste caso, sería máis propio falar de caixón desastre xa que a estrutura de: suposto texto publicado no xornal máis anotación no diario máis correo electrónico relacionado non se edifica sobre a variedade de rexistros, na procura de abrir diferentes vías expresivas para que o lector vaia recollendo información. En realidade, De remate edifícase dun xeito máis simple: cada bloco da obra está representado por un dos artigos de opinión publicados e ao redor deses textos, Sanmarful vai facendo comentarios máis persoais, unha especie de como se fixo enriquecido que introduce algúns datos biográficos, reflexións ou anécdotas cotiás que loxicamente non estaban no texto publicado. Os correos reinciden aínda máis sobre os tópicos dos outros tipos de texto polo que ao final nos encontramos cunha redundancia sobre redundancia que converte a lectura en algo así como a dixestión dunha allada.

Debemos recordarlle á audiencia que a maioría das cartas que se publican na sección de Cartas ao director de calquera medio invéntaas a propia redacción.

Cajaraville traballou como xornalista no pasado e pode dar a sensación de que a novela recrea a profesión. Non é así. O protagonista, Sanmarful, non é xornalista. É opinador, que é diferente. O ambiente dese mítico xornal en galego Loaira é pura ciencia-ficción, que logo do 2008 alguén lle pague por escribir eses textos é fantasía heroica. Por exemplo, en ningún dos artigos supostamente escolmados se fala da realidade galega máis alá da pincelada costumista, o retrato atemporal, a retranca… Son textos que tanto valen para o 2010 coma para o 2000 en esencia. No momento de maiores cambios sociopolíticos da historia recente, Sanmarful escribe redaccións escolares sobre un ano especialmente chuvioso, unha conversa cunha pantasma represaliada en San Simón, a moda de correr e varios textos sobre lingua. Nesa vía, a filolóxica, tamén aparece outra das actividades do autor, o de corrector de textos para Xerais, e si parece que nese caso hai algo máis de realismo que no achegamento ao xornalismo. No límite do ridículo desa aproximación está, por exemplo, a suposta reacción do público lector aos artigos de Sanmarful. Por atallar o asunto, debemos recordarlle á audiencia que a maioría das cartas que se publican na sección de Cartas ao director de calquera medio invéntaas a propia redacción. Non hai reacción do público á palabra escrita, o máis a chistes que aparecen nas series de televisión.

Con todos os defectos do libro, Cajaraville conseguiu algo moi difícil, un personaxe carismático, prototípico dunha psicoloxía galega auténtica que empata ben cos seus lectores. A Bieito Sanmarful lle debe o escritor o Xerais. Estou convencido de que o xurado quedou prendado da fraxilidade, a confusión, certa tristura benhumorada do opinador malfadado que ao final do libro morre prematuramente (non destripo nada, que morre dise na primeira páxina do libro).

Cajaraville, ademais, cultiva unha lingua máis ambiciosa do común e aínda que se nota no plano lingüístico que é primeirizo na publicación e ten demasiados pudores, non renuncia á beleza e consegue por momentos grande altura. Chama a atención que en De remate aparezan o nome das correctoras do texto (non vin tal cousa en toda a miña colección de Narrativa de Xerais): María Fernández Bernárdez e Carme Pereiro. Se é unha discreta homenaxe do escritor ás súas compañeiras de oficio, súmome ao recoñecemento de todos aqueles que sen o brillo dos escritores que asinan os textos, conseguen que os libros luzan bonitos e coidados nas librarías.

♦ De remate, de Héctor Cajaraville, Xerais, 2015. 214 páxinas. ♠16,65€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s