Breve xuízo sobre o título na literatura

o mellor títuloXesús González Gómez.

A bibliografía sobre o título é ampla, aínda que pensemos o contrario, desde G. E. Lessing na súa Dramaturxia de Hamburgo até Genette, que en Seuils esmaga o lector (e tamén, en nota, dá unha pequena e contundente bibliografía), pasando polo intelixente traballo de Adorno, «Titulos», recollido en Notas sobre a literatura. Sen esquecermos os avisados parágrafos escritos por Cela no prólogo a La Cucaña. A estes traballos remitimos o lector, porque nós imos ir por outros camiños.

O título é, sobre todo, capital para os textos de «ficción». Unhas veces din de máis. Outras non din nada. E outras…

Existen novelas que non son nada e en troques teñen un fermoso título. Un dos campións desta modalidade é o escritor catalán Oriol Pi de Cabanyes: Oferiu flors als rebels que fracassaren (Ofrecede flores aos rebeldes que fracasaron), Algun dia, Dylan, les formigues ploraran de solitud (Algún día, Dylan, as formigas chorarán de soidade), Esquinçall d’una bandera (Farrapos dunha bandeira), etc. O mesmo lle acontecía ao prolífico escritor, tamén catalán, Manuel de Pedrolo: Avui es parla de mi, Totes les bèsties de càrrega, Des d’uns ulls de dona, Unes mans plenes de sol, S’alcen veus del soterrani, Hem posat les mans a la crònica, M’enterro en els fonamemnts, S’han deixat les claus sota l’estora, La creació de la realitat punt i seguit, Detall d’una acció rutinària, etc; Pedrolo escribiu máis de sesenta novelas. Títulos fermosos para novelas máis ben frouxas. O contrario do que acontecía, por exemplo, con Carlos Casares, que adoitaba titular frouxamente novelas de boa calidade: Deus sentado nun sillón azul, sen ir máis lonxe. Cambio en tres, pola súa parte, é un título intelixente, aínda que non sexa «bonito». Lembro que cando se anunciou a novela, Xosé Fernández Ferreiro deu a noticia en Chan, e entre parénteses traducía o título como “Cambio en trenes”. Ilustrísima, sálvase (por “neutro”), pero Os mortos daquel verán non.

Como en toda literatura, na galega o que máis abunda son os títulos «neutros».

Segundo Cela, os títulos que conteñen signos ortográficos nunca son bos, e cita os exemplos de Quo Vadis?, Que verde era meu val! ou o propio Esas nubes que pasan… Entre nós, un mesmo autor leva a palma: Xoán Bernárdez Vilar con ¡Ouveade, naves de Tarsish! e ¡Xerusalén, Xerusalén!; ¡A besta! –Xan de Masma– (nestes dous últimos escarállase o titulo “neutro” ao introducir neles os signos ortográficos). Tampouco os títulos que se inician con unha conxunción, un verbo ou un adverbio logran entusiasmarme (aínda que algún dos títulos que comezan con adverbios ou verbos son dos máis brillantes de todas as literaturas, a galega incluída): Arredor de si, Sempre me matan, Xa vai o Griffon no vento, Co sorriso nos beizos, E agora cun ceo de lama, Vixía os sabres ao chegar febreiro, No cadeixo, Come e bebe que o barco é do amo, Se o vello Sinbad volvese ás illas, Como en Alxeria, Cando o gato mira de esguello, Era tempo de apandar, Cara a Times Square, Non agardei por ninguén, Agora xa foi, Nasce un árbore, Non debían medrar, Non sei cando nos veremos, Para despois do adeus. Nin gusto moito, como Lessing, dos títulos alegóricos ou semi-alegóricos: O triángulo inscrito na circunferencia, Pensa nao, A memoria do boi, Remuíños en coiro, Galou Z 28, O silencio redimido, Dos anxos e dos mortos, Xoguetes para un tempo prohibido, A semancia (este, horroroso), como horroroso é A lúa da colleita ou Os leopardos da lúa. Ás veces un título semella alegórico e non o é, e é un bo título: A orella no buraco.

Como en toda literatura, na galega o que máis abunda son os títulos «neutros», que se dirixen directamente ao tema de que trata a obra: Fra Vernero, Lembranzas dun home, O mesón dos ermos, Estebo, A vila sulagada, A esmorga, Maxina ou a filla espúrea, Pantelas home libre, A tecedeira de Bonaval, A saga dun afiador, Concubinas, Os xornalistas utópicos, Branca de Loboso, As sombras do barroco (do mesmo autor que a anterior,  máis que talvez entra dentro dos títulos alegóricos, aínda que semella máis ben o titulo dun ensaio, de calquera tipo: político, literario, artístico, sobre ese tempo), Homes de ningures, Galegos de Londres –que é unha novela e non un estudo sociolóxico– Galván en Saor, Arraianos, Aqueles anos do Moncho, Breixo, Memorias dun neno labrego. A verdade é que hai títulos “neutros” que resultan que son alegóricos: Laura no deserto, sen irmos máis lonxe. Ora ben, á literatura de xénero acáenlle os títulos neutros: Crime en Compostela, Soños eléctricos, Fóra de xogo, O misterio do barco perdido, O crime da rúa da Moeda Vella, Sangue sobre a neve, O sabre do francés, Un nicho para Marilyn. Dentro da novela de xénero hai existen títulos antolóxicos: Soñan os androides con ovellas eléctricas?, de Philip K. Dick (novela en que se baseou o filme Blade Runner, de Rodley Scott), ou este do catalán Pep Coll: L’abominable crim de l’Alsina Graells (a Alsina Graells é unha empresa de autobuses cuxo correspondente en Galicia sería Castromil).

A arte de titular é difícil. Xa vimos como Carlos Casares non atinaba moito, pensamos, á hora de titular as súas novelas. O mesmo lle pasa a Méndez Ferrín.

Ora, ás veces os títulos neutros non son tan neutros, por exemplo: Golfaróns de sangue (unha novela que necesita unha reedición urxente). Latitude austral, Porta blindada, Memorias do diaño, Os nomes da morte, O café do idioma ou Desfeita. E outros son tan completamente neutros que mesmo servirían para un roto que para un descosido: Xeración perdida, Reserva especialOrixe, etc. Tamén sería curioso constatar que ao introducir un substantivo “duro” no título este escarállase: Dende o conflito, Teoría do caos, Benquerida catástrofe

A arte de titular é difícil. Xa vimos como Carlos Casares non atinaba moito, pensamos, á hora de titular as súas novelas. O mesmo lle pasa a Méndez Ferrín: ou son títulos neutros ou títulos que semellan postos polo peor inimigo do escritor: Bretaña, Esmeraldina; Arnoia, Arnoia; Retorno a Tagen Ata. Sálvase, iso si, O ventre do silencio (un título clásico e talvez fácil), aínda que non se salve a “novela”. E adoitan existir excelentes novelas con títulos infumábeis, ou case: Os libros arden mal.

Caso curioso: cando aos narradores lles dá por titular con latinismos, as súas novelas parecen estar escritas nese idioma, versión macarrónica: Beatum corpusIn vino veritas (non coñezo máis casos). Curiosamente, noutras literaturas os títulos “latinos” agachan grandes textos: Carpem diem, de Saul Bellow e Memento mori, tanto a do español-catalán Antonio Rabinad (unha das mellores novelas sobre a Barcelona de posguerra, por non dicir a mellor) e a da grande escritora británica Muriel Spark. E títulos que queren dicir todo e non din nada: Spam, ATL, Martázul, etc. e o lector pode sospeitar que o interior tampouco. E títulos preciosos tirados da cotidianeidade: O paxaro que canta un nome.

E hai quen adoita colocar títulos máis ou menos intelixentes, deixando de lado o que conteñan, é Suso de Toro: Polaroid, Land Rover, Tic-Tac, Calzados Lola, Ambulancia,  etc. Como intelixente é Panificadora, de Cid Cabido.

Pola miña parte, os títulos que máis me gustan da literatura galega son: Lonxe de nós e dentro (un pouco alegórico, xa o sei), Como calquer outro día, O porco de pé. E dentro da literatura universal: Onde mellor canta un paxaro, de A. Jodorowski, Escuro como a tumba onde xace o meu amigo e Escóitanos, oh Señor, desde o ceo a túa morada, de Malcolm Lowry, O oco que deixa o diaño, de Alexander Kluge, Uma Mão Cheia de Nada, Outra de Coisa Nenhuma, de Irene Lisboa, L’udol del grisó al caire de les clavegueres (O ouveo do granito na beira das cloacas), de Quim Monzó, a súa primeira novela, que non deixa reeditar, O medo do porteiro diante do penalti e Breve carta para un longo adeus, de Peter Handke,  e algúns máis, claro.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s