Novelas con política, novelas políticas. Apuntamentos para un ensaio (II)

Selo de correos que comemora o Día das Letras dedicado a Ánxel Fole, caricaturizado por Siro López.

Selo de correos que comemora o Día das Letras dedicado a Ánxel Fole, caricaturizado por Siro López.

O autor retoma a serie que iniciara en xuño do 2015 cun texto introdutorio. En tres entregas reflexiona sobre as diferenzas entre novelas políticas e novelas con política.

Xesús González Gómez.

Cando en 1955 apareceu Terra brava. Contos da solaina falouse, dentro dos límites (que eran moitos) bastante do libro. Entre os seus comentadores estaban as firmas de Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Méndez Ferrín…, e con citar estes tres é, acho, suficiente. Ningún dos tres, porén, puido falar da, digamos, liña ideolóxica do libro, aínda que ao mellor o tiñan in mente.

Nese mesmo tempo, Álvaro Paradela, contestando a un tal “Cotovío”, afirmaba, nas páxinas de La Noche,  que segundo Fole en Galicia existían dúas liñas ideolóxicas: “Ya Ánxel Fole subraya en TERRA BRAVA que en Galicia hay dos líneas ideológicas: Una, la línea de la saudade y otra la de… NO saudade”. Paradela continuaba, e afirmábase anti-saudosista: os saudosistas, ao cabo, non serían máis que románticos superados, selenitas, melancólicos, etc. En fin, o de sempre. [Sobre o tema, é paradigmática a polémica Antonio Sérgio/Teixeira de Pascoaes, hoxe felizmente enterrada, e que viña demostrar que nin a liña saudosista, nin a liña “racionalista/cartesiá” foran quen de mover un ápice da liña dominante en Portugal naqueles anos, é dicir, o salazarismo; e o paso do tempo demostrou que Sérgio ficou “atrás” e que Pascoaes continúa a ser o gran poeta que sempre foi).

Penso, acho, que Álvaro Paradela albiscou unha liña ideolóxica en Fole, máis non soubo ver cal era, ou se a viu non podía dicila, non podía mencionala, expresala. Porque esa liña ideolóxica existe en Terra Brava, domina os primeiros parágrafos de “O gran parladoiro”, unha parte da “Solaina” ou prólogo do libro. Neste gran parladoiro os diferentes falantes: Gumersindo, Cilistro, O Fidalgo, Gásparo van dicindo “as súas” sobre a lingua, a paisaxe, os labregos, o campo, as vilas, os séculos XVIII e XIX, a liberdade, etc., etc. O punto culminante desta conversa chega, penso eu, no momento en que se está a falar dos galegos, do particularista (home de bando, de fato) e o individualista (todo o contrario). O individualista di: “Non queiras para ti o que non queiras prós máis, porque todos, en certas cousas, debemos te-los mesmos dereitos. Os dereitos de todos fan que vallan os meus”. En troques, “o particularista pensa (que non di): ‘todo prá min e prós meus: ós autros que os parta unha centella. Miña casiña, miña terriña. O mundo, a lóxica i a moral rematan nas lindeiras dos meus eidos’”. Os galegos, veñen dicir os contertulios, son máis particularistas que individualistas, talvez “por rutina e atraso” como afirma Gumersindo. Porque, continúa, “O seu esceuticismo e o seu particularismo abrollan da súa iñorancia […]” E Gásparo acada, na continuación do diálogo, como dixen antes, o cumio: “A verdadeira causa e que inda non ten concencia da unidade da súa terra. Está a tela, mais inda non a ten. Ista unidade xa está nas falas que fala e nas cantigas que canta, remanez da mesma terra que nos dá o manturio… Non abonda con que sintamos en galego, debemos pensar tamén en galego. Outramente, seguiremos a ser como un carro sin rodas” (subliño eu, XGG). Os diálogos continúan até que se dá paso aos contos que compoñen o libro.

Se un lector fai unha comparativa entre estes diálogos argallados por Fole, diálogos nos que se fala de moitas cousas, e o programa do Partido Galeguista (comprendidos os puntos da famosa tríade) percibirá que o escritor lugués está, case, a recitar o programa do partido galeguista, ben agochado, evidentemente, mais tamén ben “visíbel”, punto por punto. É dicir, Fole introduce política no limiar do seu libro, e mesmo, cousa que non podían percibir moitos lectores, sobre todo os novos, política partidista: a do Partido Galeguista, do que el foi militante. Por outra parte, o escritor atina de cheo cando afirma que non se se trata só de sentir en galego (e agora non imos entrar en lerias: o nacionalismo sabémolo todos, é in-obxectábel, é dicir, non pode converterse nunca en obxecto e menos en suxeito: é un sentimento) senón que  hai que pensar en galego (a reflexión lévanos a superar os sentimentos, aínda que estes sexan “bos”, antes de que estes nos superen a nós). Noutras palabras, para Fole, talvez nacionalista, evidentemente, individualista no sentido que lle dá a esta palabra nestes diálogos, antes que particularista, por tanto, internacionalista, só coa reflexión (co pensar) se pode chegar, en galego, claro, a funcionar, a camiñar. Fole, os personaxes de Fole, xa que logo, para “reivindicar” Galicia, non apelan ao sentimento, senón que son conscientes de que só a partir da reflexión, que conduza a unha acción, se pode camiñar cara a adiante.

Este prolegómeno é algo así como unha proba en apoio da hipótese de que non é obrigatorio falar, ou introducir, unha acción política (mellor sería dicir activismo) nunha novela para que esta resulte ser unha novela política. E que introducindo na novela un activismo político, mesmo unha acción política, pode resultar que esa novela non sexa unha novela política senón, simplemente, unha novela con política, sobre cuxas diferenzas lanzamos diversas hipóteses na anterior entrega e a elas nos remitimos, ademais das que lanzaremos nesta serie de entregas.

Fole, talvez un non saudosista, como quería Álvaro Paradela, non é, no entanto, o que se entende, un pouco simplemente (é dicir, con simpleza) un narrador político. Mais a política adoita introducirse, sen querer, case sempre pola porta de atrás. Foi así no escritor lugués? Penso que non, penso que era consciente de que nese diálogo, na “Solaina” de Terra Brava, estaba a introducir a política porque estaba, con moita naturalidade, a falar de Galicia, dun proxecto, é dicir, dunha praxe, para Galicia. E fíxoo con mestría, porque en tempos difíciles, moi difíciles, soubo, sen renunciar nin nunha vírgula ao seu ideario artístico, reproducir o ideario do partido do que fora militante destacado e que enchera de esperanzas a súa mocidade.

Chega o tempo de lanzar unha raia

Segundo Jacques Rancière, e resumimos as súas teses/hipóteses contidas tanto en La mésentente (Galilée, 1995) como en Politique de la littérature (Galilée, 2007) e La parole muette. Essai sur les contradictions de la littérature (Hachette, 2005), sen esquecermos outros textos do pensador francés como Partage du sensible (La Fabrique, 2000) ou Sobre políticas estéticas (Universitat Autònoma de Barcelona, 2005), a novela non é nin unha expresión dunha esixencia explícita nin o relato dunha acción colectiva: a única acción desenvólvese por fóra e só se coñece por alusións entre parénteses, únicas intervencións do narrador pronunciadas polos personaxes. Acción e reivindicación fican na porta porque a novela non radica nunha intriga moi elaborada que opón vontades e intereses, constrúese sobre o contraste de palabras que non se opoñen simplemente senón que están nun mesmo plano. Non hai que esquecer que para Rancière a literatura é metapolítica, é dicir, está máis alá da política, non pretende servir a un partido nin pórse ao servizo dos dominados. Se isto é así,  para que serve a literatura á parte do “gozo” estético?

Silueta dunha imaxe que recrea o deus exipcio Tot, que se cre inventou a escritura.

Silueta dunha imaxe que recrea o deus exipcio Tot, que se cre inventou a escritura.

Se a literatura é metapolítica, non é de estrañar que Rancière afirme que a arte da escrita opón á palabra lexítima, expresión daqueles que se ocupan dos asuntos públicos, «outro poder de significación e de acción da linguaxe, outra relación das palabras coas cousas que designan e os suxeitos que as portan»; e continúa o filósofo francés (Politique de la littérature) afirmando que a literatura «se define como outro sensorium, outra maneira de vincular un poder de afección sensíbel e un poder de significación. Ora, outra comunidade de sentido e de sensíbel, outra relación das palabras aos seres, é tamén outro mundo común e outro pobo». É dicir, a literatura enfróntase á palabra pública? Se fósemos platónicos habería que afirmar que si –de aí o desterro dos poetas da cidade por parte do grego. Para Platón, a palabra escrita é o que hoxe denominariamos un fetiche (léase o discurso de Thamus, rei de Exipto, ao final do Fedro, ou da beleza, respondendo a Tot, o deus descubridor da escrita, quen afirmaba ante o rei que estas artes debían comunicarse aos outros exipcios, xa que mediante esta técnica da escrita os exipcios conservarán a memoria). As palabras de Thamus son claras: “Oh enxeñosísimo Tot! Unha cousa é ser capaz de xerar unha arte e outra ser capaz de comprender que dano ou proveito encerra para os que dela deben servirse, e así ti, que es o pai dos caracteres da escrita, por benevolencia cara a eles, atribuícheslles facultades contrarias ás que posúen. Isto, con efecto, producirá na alma dos que o aprendan o esquecemento por descoido da memoria, xa que, ao se fiaren da escrita, lembrarán dun modo externo, a se valeren de carácteres alleos; non desde o seu propio interior e de por si. Non é, xa que logo, o elixir da memoria, senón o da rememoración, o que encontraches. É a aparencia da sabedoría, non a súa verdade, o que procuras aos teus alumnos, porque, unha vez que fagas deles eruditos sen verdadeira instrución, parecerán xuíces entendidos en moitas cousas non entendendo nada na maioría dos casos, e a súa compaña será difícil de aturar porque se converterán en sabios na súa propia opinión, no canto de sabios”.  Platón dá a entender que toda escrita é, simplemente rememoración: é dicir, non sabemos o que facemos máis facémolo; escribimos porque alguén escribiu, e podemos facelo perfectamente. O escritor (como o cantante ou o namorado ou o artesán ou o poeta) non sabe o que fai nin o que di, mais sábeo facer e dicir á perfección, mais se quere cantar, se quere namorarse, se quere escribir, se quere facer unha cunca ou un poema, o home, a muller, non poden aprender a argallar esas cousas mediante a escrita, é dicir, lendo, por exemplo, un manual para facer poemas, para construír cuncas ou para aprender o música (ou o italiano) en dez días: só serve a experiencia: pórse ao coidado dun artesán, dun bailarín ou ir a clases, orais, de italiano ou, se se pode, vivir en Italia uns cantos meses. Por tanto, a escrita, talvez, non deixe de ser, máis unha vez, unha especie de fetiche, polo que os produtos desta escrita son, serán, fetiches (fetiche = mentira = falsa vida = alienación). En Fedro, Platón defende a oralidade contra a escrita: a oralidade sería memoria, a escrita rememoración. Mais antes de continuar en próximas entregas, cabe preguntarse se a escrita en realidade traduce unha oralidade precedente –acho que non. Se non traduce unha oralidade precedente, non a traizoa. En todo caso, ou no mellor dos casos, a escrita perfecciona, completa ou a acaba a oralidade precedente.

A escrita e os seus produtos son un fetiche? Quede a discusión para outro día, pero penso que fica claro que, segundo Platón, aínda que non o diga directamente, toda escrita é política. E quen escribe convértese en sabio, na súa propia opinión, no canto de sabio. Apliquemos os “siloxismos”, ou as teses, de Platón a todos canto escribimos (ou fan arte): xa que logo, toda arte, como toda escrita é política, mais…

O tantas veces mencionado Rancière, en Sobre políticas estéticas, afirma que “a arte non é política en primeiro lugar polas mensaxes e os sentimentos que transmite sobre a orde do mundo […] tampouco pola forma en que representa as estruturas da sociedade, os conflitos ou as entidades dos grupos sociais. É política pola distancia mesma que garda con relación a estas funcións, polo tipo de tempo e espazo que estabelece, pola maneira en que divide ese tempo e poboa ese espazo” porque a arte consiste en “construír espazos e relacións para reconfigurar material e simbolicamente o territorio común”.

Mais… como construír eses espazos e esas relacións que reconfiguren material e simbolicamente o territorio común? Rancière dá, en certa maneira, unha resposta. Non é mediante o compromiso senón mediante a arte de suspender ou de criticar as evidencias da orde e do ordinario da dominación. Os seus medios son lingüísticos e é ao facer entender a diferenza das linguas que as novelas fan obra política, é dicir, desfán os encadeamentos esperados das vontades e das accións, reconfiguran o reparto do sensíbel e do dicíbel, subtraen os suxeitos ao que os determina e autorizan por iso novas experiencias subxectivas. Así, nestas novelas, unha desorde narrativa é, talvez, necesaria. A desorde narrativa responde á necesidade de dicir a historia desde o punto de vista dos vencidos, ou sexa, de imporse contra a lóxica do vencedor, os afectos, as reaccións e comentarios dos que están excluídos do dominio da acción e rexeitados pola historia. Afectos, xestos e palabras necesariamente na desorde dos que sofren a historia, como se dicía antes. Porque esta desorde, é, ao cabo, o rexeitamento da orde (e non só narrativa) das clases dominantes, da razón dominante.

Polo que se pode lanzar outra hipótese: é novela política toda aquela novela que rexeita, nega, critica –no sentido clásico do termo, é dicir, no sentido filosófico– a razón dominante. E ao rexeitar a razón dominante, a novela política rexeita a narrativa dominante.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s