‘El Ministerio del Tiempo’ e o nacionalismo histórico español

Fotograma de 'El Ministerio del Tiempo'.

Fotograma de ‘El Ministerio del Tiempo’.

César Lorenzo Gil.

A min préstame ver El Ministerio del Tiempo, serie de TVE que xa vai na segunda tempada. Paréceme que ten un guión bastante traballado, unha idea orixinal e con amplas posibilidades, moitísimo humor e uns actores non malos de todo: o mellor con diferenza é Jaime Blanch, que interpreta o subsecretario do ministerio.

Partindo da linguaxe do cómic, os creadores da serie, Javier Olivares e Pablo Olivares, fan unha proposta pop de aventuras e intrigas que a pesar da lendaria duración das series españolas, mantén o ritmo e a credibilidade, aínda que hei dicir que na segunda tempada baixou a calidade dos diálogos e perdeu verosimilitude en moitas situacións.

Para quen nunca a viu, a serie parte dun absurdo xenial: desde os tempos de Isabel I, en Madrid hai un organismo oficial que xestiona a través dunhas portas do tempo a vixilancia da inmobilidade da historia. É dicir, España, de entre todos os lugares do mundo, ten a responsabilidade de evitar que calquera modificación nesa liña do tempo, que é móbil, cambie os acontecementos. De aí que na serie os axentes do ministerio se ocupen de impedir a morte de Lope de Vega e o Empecinado antes de hora, a desaparición do orixinal do Quixote, a entrada de Franco na II Guerra Mundial ou que se descubra que en realidade o Cid morreu vinte anos do que se pensa e no seu canto quedou un antigo axente do propio ministerio. Seino, é difícil de seguir o tema para os non iniciados pero para quen ve a serie todo é máis crible, en serio.

O caso é que esta serie serve para analizar como España entende a súa propia historia desde dous puntos de vista. Non discuto que estas premisas xurdisen na mente dos creadores de maneira inconsciente pero na maioría dos casos os automatismos responden a unha mecánica que foi consciente nalgún momento do noso pasado e que se transmitiron polas veas da educación e o discurso cultural maioritario ou oficial. Por unha banda, El Ministerio del Tiempo defende un dos grandes mitos da historiografía española: o destino inmutable da nación. Igual que a maioría dos académicos españolistas consideran que a unidade de España é, sobre todo, unha obviedade histórica que estaba destinada a suceder desde que o mundo é mundo, na serie cultívase un mito historicista: se as cousas non fosen como foron, a alternativa sería o caos. A Ucronía como posibilidade histórica é unha aberración. Incluso se se dese o caso de que tras Franco entrar xunto con Hitler na guerra fose posible que no 1945, o Estado español recuperase a legalidade republicana (ou unha monarquía parlamentaria apoiada por Gran Bretaña, por dar dous escenarios posibles) iso sería peor que os 40 anos de ditadura. Estes dilemas non aparecen na serie porque os creadores de seguro que participan nesa mensaxe de que todo o que pasou pasou por algo, seguindo esa idea do destino universal do españolismo historicista. É curioso que si hai conflitos persoais, de personaxes que queren viaxar ao pasado para salvar familiares e aínda que a política do ministerio é igualmente intransixente con esas modificacións, ao final onde é estrito de verdade é na defensa do pasado como institución: a historia como lexitimadora do presente.

O pasado que lexitima o presente

Por outra banda, a serie comparte con compañeiras de xeración (Isabel, Carlos Rey Emperador) unha contradición social. Tendo en conta que a historiografía non consegue desprenderse nunca do contexto do presente no que se escribe e se investiga, é obvio que o interese sobre determinados acontecementos ou personaxes do pasado sempre responde a realidades de hoxe, non de onte. Como explica Miguel-Anxo Murado, non hai inocencia na construción de mitos e sempre se convoca a historia para que veña en auxilio de políticas ou ideoloxías de hoxe. Esta práctica dáse noutros moitos contextos e vaise adaptando ás necesidades. Por exemplo, as personaxes femininas do pasado empezan a reivindicarse cando o feminismo toma consciencia e protagonismo social; no caso galego hai un exemplo moi gráfico: cando na década do 1970 o nacionalismo se vincula co movemento obreiro reivindícase dun xeito difuso e confundido o papel dos Irmandiños do século XV, idealizados en labregos fartos dos nobres que destruíron fortalezas e impulsaron unha efémera comuna fusquenlla. Cando entre finais da década do 1990 e primeira metade da do 2000, o nacionalismo parecía maduro para conseguir o poder institucional en Galicia, prosperou unha historia do reino de Galicia que recordaba (con razón) que moitos dos reis e raíñas que estudaramos como reis de Castela, en realidade foran reis de Galicia, tomando Galicia como unha realidade medieval moito máis ampla que a actual. Do protagonismo revolucionario ao protagonismo institucional en 30 anos. Isto é inevitable e serve moi para explicar como se moven os conceptos culturais a través do tempo. O pasado desaparece e reaparece segundo as necesidades do presente.

De aí que cando a TVE relembra figuras como Isabel I ou Carlos I, amais dun interese comercial ou unha moda internacional (non hai que esquecer os éxitos de Os Tudor e o intento de facer o propio con Borgia) búscase encontrar no pasado figuras que esperten o entusiasmo polo proxecto españolista. Non é casualidade a escolla: Isabel culmina a unidade de España (todo isto segundo o discurso oficial), une ao proxecto común castelán a Fernando II de Aragón e conquista Granada. Nun momento no que Catalunya comeza un proceso de secesión, a TVE glorifica unha personaxe que pasou á historia polo seu compromiso coa “reunificación” de España. No caso de Carlos I, a proxección é máis de tipo anímico: o Imperio causa no presente unha mestura de saudade e entusiasmo que pode ser útil para superar a crise económica e política. Igual que Carlos chegou a unha coroa ameazada pola desunión e converteu o país nun imperio ultramarino, capaz de someter a toda Europa, hoxe en día a España danada pola recesión volverá ser o país que crea máis emprego en toda a UE.

Obviamente, tanto estas series como El Ministerio del Tiempo non manteñen a narrativa franquista, nin sequera dos tempos de Curro Jiménez. Son series que se adaptan ao politicamente correcto a día de hoxe en materia de visibilización da muller e certa man esquerda coas minorías, en especial a musulmá, que de todos os xeitos segue a falar con acento raro aínda que os personaxes sexan valencianos do século XI, é dicir, cunha antigüidade sobre o territorio de 300 anos.

Elenco de 'El Ministerio del Tiempo'.

Elenco de ‘El Ministerio del Tiempo’.

Esquelete castelanista

Mais ese aggiornamento non lle afecta á realidade diversa da historia do que hoxe é o Estado español. Os mitos son os de sempre: o Cid, o Empecinado, os escritores do Século de Ouro. Mantense en pé o esquelete castelanista e unitario da historia popular española de toda a vida. Non aparecen os reinos de Navarra ou de León (xa non digo Galicia que en Madrid non saben que é iso). De momento non se tratan momentos chave como a expulsión dos mouriscos ou as Xermanías de Valencia ou a conquista de Barcelona no 1714 ou a conquista das Canarias… Nunca veremos un Al-Andalus considerado parte de España senón como un territorio ocupado por unha potencia estranxeira que foi lexitimamente reconquistado polos seus posuidores, ignorando que (de poñernos estupendos) tan invasores eran os visigodos do século VIII (chegaran douscentos anos antes) como os granadinos do século XV (que levaban oitocentos anos, oitocentos anos!!) gobernando ese territorio.

Na percepción popular da propia imaxe ideolóxica xeral de España está admitido que as mulleres sexan heroínas, que personaxes homosexuais teñan un papel relevante, incluso se fai burla da virilidade dos soldados dos Terzos de Flandres pero sobre a unidade intuitiva de España baixo o impulso conquistador/civilizador de Castela e os seus mitos militares, políticos e culturais non hai ningún cambio. Como di Enric Juliana, a esencia castelanista do nacionalismo español simplemente se trasladou, como movido por un enorme imán, polo poder de atracción de Madrid. Madrid como actualización e mellora de Castela, Madrid como metáfora dunha arañeira en permanente expansión que, en palabras do humorista berciano Leo Harlem, só terá paranza o día que bata de fuciños contra a muralla de Lugo.

Acaso non é curioso que en El Ministerio del Tiempo a rede de portas que transportan ao pasado a fose encontrar a raíña Isabel en Madrid, que no século XV non era máis ca unha vilacha poeirenta? Pois iso, todo estaba predestinado.

Advertisements

3 comentarios en “‘El Ministerio del Tiempo’ e o nacionalismo histórico español

  1. olá César,

    lera esta publicación a mesma data en que se publicou e xa nesa altura concordara bastante. Para suscrivir punto por punto as tuas palabras ben podias tirar do capítulo de onte, coa aparición ‘estelar’ da primeira referencia directa a Galiza: unha Maria Pita falando de cociñar polbo, rematando a meirande parte das palabras en ‘-iño’ sen sentido e para rematar, varias LA Coruña e un Sangengo por parte dun dos actores…
    Como ben dis, aires máis modernos, pero o mesmo conto de sempre.

    unha aperta e parabens pelo blog.

  2. Pingback: Cajón semanal de enlaces nº82 | Marc Martí

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s