Carme Rodríguez Alonso: “É difícil usar o gaélico a diario sen parecer excéntrico”

FotoCésar Lorenzo Gil.

Un bosque novo. Antoloxía de poesía gaélica contemporánea (Trifolium) é unha excelente porta de entrada á literatura contemporánea en idioma irlandés. Carme Rodríguez Alonso (A Coruña, 1968) escolma o traballo de trece poetas gaélicos do século XX nunha edición bilingüe que serve para coñecer os temas e reflexións dunha cultura que, malia o elo popular (por vía céltica) entre Galicia e a illa de Irlanda, segue a ser moi descoñecida. Esta publicación debería servir para alentar o interese editorial por traducir máis libros gaélicos.

 

É esta a primeira antoloxía bilingüe galego-gaélico que se publica?

Que eu saiba si é a primeira.

Como xorde o proxecto?

No 2007 Xabier Cordal anímame a emprender esta tarefa. Era lóxico pensar que sería fermoso e até necesario facilitar un diálogo é un achegamento entre dous países con certas similitudes culturais a través da tradución. Cordal tamén estivo no proceso de evolución da antoloxía, aconsellando e editando os avances que ía facendo.

Como se explica a ausencia das letras gaélicas na biblioteca histórica galega?

Supoño que ten a ver coa dificultade de acceder á aprendizaxe da lingua gaélica en Galicia. Penso que agora será menos complexo (aínda que non coñezo moi ben a situación), mais a diferenza doutros países europeos, non hai tradición nin presenza ou tradición sólida do estudo da lingua gaélica nas universidades galegas e tampouco no resto do Estado español.

Cal foi o criterio de escolla dos autores escolmados?

A escolla foi miña. Hai un elemento subxectivo que ten a ver con gustos persoais mais penso que na antoloxía están os poetas máis representativos. Decidín limitarme aos poetas nados na primeira metade do século XX porque era os que no tempo de escolmar mellor coñecía. Probablemente haxa alguna omisión pero non hai dúbida ninguna sobre o valor literario de todos os autores presentes.

No prólogo explica que a literatura gaélica non ten demasiada repercusión na propia Irlanda. Cal é entón a situación da lingua e da propia literatura autoctónas na república?

Cando unha entra na maioría de librarías ou bibliotecas públicas arredor do 99% da literatura está en inglés. Por suposto existen librerías especializadas, pero penso que ás veces aborrece ter que aceder a esta literatura deste xeito tan minoritario.

Como está a evoluír a situación. Está mellor a cultura en gaélico hoxe do que estaba hai 30 anos?

Eu diría que a cultura en gaélico non está ao nivel que debería estar, pero sí está algo millor ca 30 anos atrás, a pesar de que, en xeral, as políticas non teñan cambiado moito. Hai avances positivos como a canleTG4 que emite en gaélico ou as gaelscoileanna, escolas nas que a educación se imparte en irlandés. Mais non é doado empregar a lingua no día a día sen parecer unha persoa excéntrica ou incluso, en opinión dalgúns, fanática.

Como son as políticas culturais públicas a favor do gaélico?

Polo xeral, as políticas culturais van moitas veces por detrás da xente. Por exemplo, tentar manter o gaélico vivo soamente a través do sistema educativo paréceme unha tolemia. Esta foi a base da política lingüística despois da independencia e por razóns que serían moi longas de explicar, non teñen funcionado como sería lóxico e razonble esperar. A mín paréceme obvio que o máis efectivo sería unha política de inmersión nas escolas e que houbese oportunidades de empregar a lingua dun xeito natural fóra das escolas.

Corre o tópico de que a poesía galega, pola súa situación minorizada, acaba repetindo certos temas (a nostalxia, a perda do mundo tradicional, a diglosia…). Non sei se ocorremesmo coa poesía gaélica. Ten temas recorrentes?

En xeral, o tema da perda da tradición é máis obvia nos poetas que andaban a escribir non anos cincuenta e sesenta do século XX. Na xeración posterior os mitos, as lendas e a tradición gaélica son máis un eco ca un tema central. O tema da lingua minorizada e a diglosia están presentes. Si son relativamente recorrentes pero non creo que cheguen a ser unha obsesión.

Hoxe hai máis xente falando irlandés en zonas urbanas ca nas zonas tradicionais de fala irlandesa.

Ao visitar Irlanda, dá a sensación de que o status do gaélico muda moito entre rexións. No sudoeste parece gozar de certo recoñecemento social, institucional e non sei se popular. Quizais no resto do país é máis litúrxico o seu uso, especialmente no eido institucional. É así? Coincide tamén a orixe xeográfica dos escritores con esas áreas que conservan mellor o idioma propio?

No eido institucional o seu uso é en xeral litúrxico. Durante a campaña electoral deste mesmo ano, a canle de televisión en gaélico decidiu non facer un debate cos líderes dos partidos porque o nivel dalgún deles non era axeitado para o evento en cuestión. Creo que este exemplo é máis que ilustrativo. É verdade que o status varía de rexión a rexión. Creo que existe preocupación pola continuidade do gaélico como a primeira lingua nos Gaeltachtaí (zonas de fala irlandesa). Hai que ter en conta que por cuestións demográficas hoxe hai máis xente falando irlandés en zonas urbanas ca nas zonas tradicionais de fala irlandesa. Por isto, nas últimas décadas algúns dos autores máis sobranceiros en lingua irlandesa non veñen necesariamente das zonas tradicionais de fala irlandesa, senón das cidades

Como son, polo xeral, os escritores en gaélico: monolingües ou bilingües?

A maioría bilingües, algúns monolingües e dáse o caso da poeta Biddy Jenkinson que se opón a que a súa produción poética sexa sequera traducida ao inglés.

O galego foi e segue sendo por si mesmo unha arma política, reivindicativa. Non sei se en Irlanda xoga tamén este papel; se, por exemplo, a denuncia da guerra de Irlanda do Norte no plano literario se fixo máis en gaélico ca en inglés.

En xeral, na República de Irlanda a reivindicación é máis lingüística ca política. En Irlanda do Norte, por evidentes razóns históricas, culturais e políticas, a reivindicación lingüística si tende a ir máis ligada a cuestións políticas.

A sociedade irlandesa mudou moito nos últimos 25 anos. Pasou de ser un país de emigrantes a acoller inmigrantes grazas á época de crecemento económico (o Tigre Celta, chamouse a finais do século XX). Como afectou esa dinámica á propia literatura gaélica (en relación coa identidade dun país que recibiu moita poboación estranxeira en pouco tempo) e como está a analizar esa propia literatura a dura crise económica do 2008?

Coido que o exemplo máis destacado no tratamento da época do Tigre Celta está na obra en prosa de Eilís Ní Dhuibhne. A presenza da poboación estranxeira aparece nalgunha obra en prosa de Alex Hijmans.

Na introdución de Manuela Palacios hai dúas reflexións que aínda que son dela gustaríame comentar con vostede: a primeira, a aparente contradición entre o interese da Xeración Nós pola cultura irlandesa (incluídas traducións de autores irlandeses de primeiros do século XX) co silencio cara á literatura gaélica. Palacios fala das obvias dificultades para ler os textos orixinais como unha das causas. Vostede ten outras hipóteses?

Coincido totalmente con Palacios. Creo que o interese é máis que notable e que o silencio vén da dificultade de ler os orixinais en gaélico.

A segunda reflexión é o interese dalgúns poetas irlandeses pola literatura galega. Fálase de Pearse Hutchinson (poeta que aparece na antoloxía) como tradutor de clásicos da nosa poesía e tamén de Celia de Fréine como tradutora de Xohana Torres. De onde nace ese interese? Como é a relación actual entre ambas literaturas?

Ese interese está ahí dende a Xeración Nós mais só nunha dirección. Até hai ben pouco Galicia tiña máis interese por Irlanda ca Irlanda por Galicia. A cousa vaise equilibrando máis e a relación é razoablemente fluida, tendo en conta que estamos a falar de dúas linguas minorizadas. Un exemplo excelente é a antoloxía To the Winds Our Sails, editada por Manuela Palacio na que escritores irlandeses traducen a obra de poetas galegas.

Que outros pasos se poderían dar para aumentar o interese mutuo entre Irlanda e Galicia a nivel cultural e especialmente literario?

Como o interese sempre parece estar presente non debería ser moi difícil. Eu creo que o mundo académico, especialmente as universidades ou as escolas oficiais de idiomas, deberían darle maiorvisibilidade a este interese “popular” por Irlanda.

Recoméndelles aos lectores de Biosbardia autores gaélicos actuais.

Tanto en poesía como en prosa recomendaría a Liam Ó Muirthile. En poesía Nuala Ní Dhomhnaill sería imprescindible.

Haiposibilidade de ler estes autores fóra do gaélico? Favorece Irlanda a exportación destes autores? Aquí dá a sensación de haber algún nomes irlandeses afamados mundialmente: John Banville, ColmTóibin; mais tamén algún nomes menos coñecidos: Kevin Barry, Gene Kerrigan, pero todos son obviamente de expresión inglesa.

Irlanda favorece a exportación da súa literatura tanto en gaélico como en inglés a través do Idirmhalartán Litríocht Éireann/Ireland Literature Exchange. Mais creo que o seu labor non é coñecido. No caso da tradución, coido que editoriais doutros países poden solicitarlles axudas para publicar e esta institución corre cos honorarios dos tradutores.

Ve posibilidades de publicar novas traducións súas ao galego desde o gaélico? Que libro gaélico coida imprescindible na biblioteca das letras galegas?

Claro que si sería posible, aínda que non sei se probable. Non é doado dicir que libro sería imprescindible. Supoño que o máis obvio en prosa sería Cré na Cille de Mairtín Ó Cadhain. Aínda que a min encantaríame traducir An Béal Bocht, de Myles na gCopaleen (un dos varios heterónimos de Flann O’Brien).

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s