Novelas con política, novelas políticas. Apuntamentos para un ensaio (III)

Simone de Beauvoir, Jean-Paul Sartre e Ernesto Guevara en Cuba. ALBERTO KORDA Philo Fine Arts Verlag, fon: 040 / 45 01 94 - 0, mail: bandel@philo-fine-arts.de

Simone de Beauvoir, Jean-Paul Sartre e Ernesto Guevara en Cuba. ALBERTO KORDA

Xesús González Gómez.

A simple introdución nunha novela (e en calquera outro xénero, en calquera outra arte, non só na escrita) de “contidos políticos”, como penso que demostramos en parte, non converte unha novela nunha novela política, como a mera introdución nunha obra de “contidos” destrutores”, ou de estruturas narrativas ou lingüísticas alternativas, non modifican a súa estrutura e a súa función social. Por exemplo, un pouco “burdo”, o introducir nunha obra elementos significantes (ou non significantes) da guerra civil española, non converte unha novela nunha novela da guerra civil: cantas hai que se desenvolven na guerra civil e son meros westerns ou novelas parapoliciais! Igual que ao introducir nunha obra estruturas lingüísticas ou narrativas alternativas non converten esa obra nunha novela (poesía, drama, cadro, etc.) nunha obra alternativa: un exemplo colectivo: o “nouveau roman”. E isto acontece porque estes elementos “destrutores”, estas estruturas narrativas ou lingüísticas alternativas, adoitan  converter o que podía ser escuridade rebelde en desprezo polas lexítimas expectativas do público (iso de lle pór dificultades ao lector non adoita ser máis que unha especie de “radicalidade” lambida que non lle permite temer que suscite aburrimento, indiferenza ou sarcasmo. Dá a impresión de que o autor deste tipo de novelas, de textos, é un deses escritores que pensa que os destinatarios da súa obra non teñen nin memoria, nin imaxinación e que a súa bagaxe literaria é quizais nula” (como dixen nestas mesmas páxinas dunha obra que se ben introduce elementos destrutores non introduce estruturas narrativas ou lingüísticas alternativas: Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello), o que era loita ideolóxica “contra” acabou por se converter en tapadeira política (véxase O Cabo do mundo, de Xabier Quiroga e tantas outras novelas), o que era garante de resistencia da racionalidade converteuse en gratuíto cerebralismo: Bretaña, Esmeraldina, de X. L. Méndez Ferrín, Amor de tango e outras máis, de María Xosé Queizán; case toda a narrativa de María Reimóndez, etcétera etcétera).

A novela con política, fronte á novela política, así como a novela na que se introducen “contidos destrutores” mais non vai alén desa introdución, é dicir, non se converte a obra nunha obra “destrutora”, ou sexa, creadora de novas estruturas (literarias, pictóricas, musicais…), porque na novela con política esta é subordinación, simple instrumento para a información política (prepolítica) e a introdución da política (como a introdución de “contidos destrutores” ou de estruturas narrativas ou lingüísticas alternativas) serve, ás máis das veces, por non dicir sempre, para colocar entre parénteses todos os problemas esenciais á creación literaria… e á política; e resólvese máis nunha forma de ocultación –para repetir a política como propaganda, como divulgación e, en primeira ou última instancia ou análise, como ideoloxía vulgar– que nunha obxectivización desequilibradora da estrutura e da mistificación tanto da literatura como da política[1]. Podiamos afirmar que o nivel máis elevado de mistificación é, en literatura, a obra, a novela con política. Por que?

A novela con política tende á construír un horizonte de preguntas e a propor directa ou alusivamente un horizonte de respostas; proponse estruturar o lector como opinión de liberdade de conciencia na continuidade dunha praxe alienada (é dicir, vida verdadeira na falsa vida, o que, desde que limos a Theodor Adorno, sabemos que é imposíbel), quere configurar unha forma que sexa distinta da anterior… como unha variante do idéntico no proceso gradual da evolución. Ou, mais sinxelamente, se se quer, a novela con política, diríxese ao que a dereita chamaría os “instintos máis baixos”, ou sexa, á ideoloxía do lector xa convencido: non se trata de que o lector pense, nin mesmo de que integre, simplemente se trata de que asimile, de que o escrito concorde co que o lector pensa, coa súa ideoloxía, no mal sentido da palabra.

Fronte á novela con política, a novela política non é outra cousa (ou non debe ser outra cousa) que unha forma de conciliación ou reconciliación dinámica[2], que non intenta liberar o lector, senón que intenta inserilo nunha serie que prevé e, tamén, idealiza como liberación o desenvolvemento por continuidade lóxica. Non usa métodos destrutores, reproduce unha racionalidade humilde, a consistencia da ideoloxía humanística que non ataca, senón que absorbe e compromete gradualmente, é dicir, foxe da propaganda e intenta que o lector pense. A novela con política adoita ser simple reclamo, propaganda, partidaria ou non, case sempre partidista. A novela con política continúa a combater nunha batalla rematada xa hai tempo.

Por outra parte, a novela con política adoita usar, e moi ben, diferentes estilos e chamar na súa axuda todas as técnicas posíbeis (contidos destrutores) que, en última instancia, serven para arroupar os personaxes co vestido do mito e tirarlles a súa carga explosiva, o que, en definitiva, é traizoalos (os personaxes). Noutras palabras talvez máis comprensíbeis: a novela con política acaba por conducir os personaxes polo camiño do mito, negarlles o acceso a un tempo real, a unha problemática histórica non saturada de mito polo que lles está a negar a única posibilidade, a única vía de acceso á liberdade: a historia. Curiosamente (?), este tipo de novelas salientan polo seu hábil manexo do técnicas e estilos e o seu desexo de abranguelo todo nunha especie de parábola final que, as máis das veces, roza perigosamente co breviario. Ora ben, como sabemos desde Sartre (sobre Faulkner), a técnica dunha novela sempre nos remite á metafísica do novelista, mais, e paréceme que foi Steiner quen o dixo nalgunha parte, a metafísica do artista lévanos ás técnicas da súa arte, e elixir todas as técnicas, todos os estilos, implica á vez non elixir ningunha. Ou como diría Michaux: falta total de sintaxe, carencia de obxectivo: o terrorismo absoluto, o elemento destrutor por excelencia.

Para acabarmos por hoxe, a novela con política adoita ser (ou é) consigna que se baleira no tempo; a novela política idea que devén.

[1] Na miña xa afastada mocidade (e vai de experiencias persoais) asistín a diversas conferencias dun dos gurús da cultura galega de esquerdas (sic). Tal elemento, cando vía que o público non “respondía” ás súas pobres intervencións, acabábaas falando do proletariado, da liberdade e doutros elementos “rechamantes” (eran tempos da ditadura franquista) ou invocando “O Ferrol de Pablo Iglesias” fronte ao “Ferrol do Caudillo”. É dicir, agochaba na súa incapacidade teórica, e práctica, baixo grandes palabras: o mesmo acontece nunha serie de novelas, non só galegas, ás que non paga a pena nin referirse.

[2] Entendendo con conciliación ou reconciliación dinámica a terceira parte da tríade hegeliana: simplicidade, escisión e reconciliación. “Estas palabras úsaas Hegel frecuentemente, mais non de maneira mecánica. […] Sempre subliña Hegel que o terceiro momento significa un regreso ao primeiro. O movemento avanza, polo tanto, non en perpetua fuxida cara a adiante, senón en curva cara á orixe. […] As diferenzas e oposicións que aparecen no momento da escisión non se eliminan no terceiro momento, senón que se conservan superadas (aufgehoben), é dicir, reconciliadas ou ben articuladas dentro dunha unidade complexa, non uniforme”, Ramón Valls Plama, La dialéctica. Un debate histórico, Barcelona, Montesinos Editor,, 1981, p. 81-84; ver tamén pp. 112, 114, 116-117.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s