O PP reduciu nun 80% a dotación para bibliotecas de libros en galego

Detalle da Biblioteca Ágora da Coruña.

Detalle da Biblioteca Ágora da Coruña.

César Lorenzo Gil.

Desde a chegada de Alberte Núñez Feixoo á presidencia de Galicia no 2009, o investimento público en libros en galego destinados a dotar as bibliotecas descendeu un 80%. Esta partida é a única subvención para a produción editorial xeneralizada, o que contradí o mito de que a cultura vive das axudas do erario.

Calquera usuario das bibliotecas públicas pode comprobar a rapidez da actualización dos seus catálogos de novidades. Cada mes, a rede galega incorpora á súa colección cómic, novela, poesía e libros de non ficción en base á cartela de novidades das principais editoriais e ás suxestións dos socios. Libros de editoras grandes e pequenas, best-sellers e novas descubertas, traducións, reedicións… Iso si, case sempre en castelán, algunhas veces en inglés e francés, máis raramente en portugués. E en galego?

As compras das bibliotecas de novidades en galego vai por outra canle. Aínda que nalgúns casos, a dirección de cada biblioteca pode adquirir novidades en galego pola vía ordinaria en base ao seu orzamento, o tradicional é que as bibliotecas participen do fondo de compras directas que a Xunta organizaba cada ano e que logo repartía en lotes.

Este sistema xa non existe desde o ano pasado e extinguiuse tras un sexenio de continua redución orzamentaria. Entre o 2009 e o 2015, a Secretaría Xeral de Cultura reduciu a achega á produción editorial destinada ás bibliotecas nun 80%.

A situación aínda se complica tras o cambio de sistema. Principalmente por dous motivos. O principal, a redución do orzamento. En termos absolutos, o investimento da Xunta en compra de libros roldaba os 250.000 euros anuais. A idea do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, é dedicarlle a este concepto 300.000 euros en dous anos. A redución, que se suma á baixada de presuposto continuada desde o 2009, é do 40% só en dous anos.

Por outra banda, o novo sistema non convence os editores. A partir de agora, a Xunta utilizará unha plataforma dixital que funcionará como escaparate da produción editorial en galego. A través dese catálogo virtual, serán os responsables bibliotecarios os que escollerán os títulos que máis lles interesen. Entre os editores, consideran esa suposta liberdade de elección unha ameaza para a diversidade na produción xa que non existen mecanismos correctores que favorezan a difusión de xéneros editoriais máis minoritarios e a o compromiso coa “bibliodiversidade” queda nas mans da vontade dos bibliotecarios. “Imaxinemos que se guíen unicamente polos gustos maioritarios”, láiase un editor. “Que pasará coa poesía ou coas novelas que non chaman tanto a atención?”

Desencontro cos editores

Stand de Galicia na Feira do LIbro de Buenos Aires 2016.

Stand de Galicia na Feira do LIbro de Buenos Aires 2016.

Non é segredo ningún que nos últimos meses as relacións entre o gremio de editores e a Xunta están moi frías. Tras varios anos de incumprimentos coa Lei do Libro, nos últimos meses, os editores quéixanse de que xa nin tan sequera Lorenzo e o seu equipo en San Caetano consideran a Asociación Galega de Editores unha organización válida para a interlocución co sector. Denuncian os editores que non os teñen en conta na meirande parte das decisións sobre o sector do libro, saben das novidades cando as decisións xa son inamovibles e contemplan con estupefacción a perda axigantada de influencia da edición como sector estratéxico na economía galega, xusto nun dos momentos máis sensibles da industria dadas as moitas incógnitas que existen sobre a viabilidade da produción de libros. “Imaxina alguén que a Xunta desprezase e incluso abafase a industria do téxtil ou do automóbil ou do viño nun intre no que precisasen apoio para a actualización tecnolóxica ou para recuperar mercados?”, comenta un editor dunha das novas editoras xurdidas en Galicia nos últimos anos. “No caso da cultura do libro, o Goberno mantén unha actitude hostil e de falta de respecto. E é grave porque do libro viven aínda centos de persoas neste país”.

A destrución de emprego na industria editorial foi brutal en Galicia desde o ano 2009. A tendencia de desemprego medrou en todos os anos con cifras próximas ao 20%. Amais da desaparición dalgúns selos, noutros houbo EREs, redución de salarios ou externalización de servizos (cando non supresión de tarefas aparelladas á produción). Arestora, en Galicia só traballan na edición ao redor de 300 persoas, fronte ás máis de 12.000 que se dedican ao libro no conxunto do Estado. Iso si, a estes traballadores directos hai que sumar os outros centos que forman parte da rede do libro, desde libreiros a comerciais, autores ou distribuidores, entre outras profesións.

O desencontro co Goberno non se limita unicamente á indiferenza orzamentaria polo sector e, polo tanto, pola defensa da cultura en galego (un dos mandatos legais do Estatuto de Autonomía do 1981). O máis flagrante é o desprezo pola propia Lei do Libro, que é papel mollado na práctica xa que ningún dos seus artigos se cumpriu nunca. “Naceu morto”, explica un editor. “O curioso é que no parlamento apenas se protesta. Non vemos a oposición falando disto nos plenos”. Así mesmo, a Xunta de Feixoo optou por desandar o camiño nalgunhas políticas que empezaran a practicarse na lexislatura do bipartito (2005-2009), especialmente no eido da promoción exterior.

No deseño do stand que ocupará Galicia na Feira de Buenos Aires non se pensou en que poida servir para vender libros.

Durante o Goberno Touriño, cando foi Ánxela Bugallo conselleira de Cultura, a edición galega por fin viu a posibilidade de que se abrisen algunhas portas internacionais. Con certa timidez, a Xunta empezou a apoiar a presenza das empresas editoras nas principais feiras do libro do mundo, profesionalizou o acceso a canles globais de mercado do libro e puxo os alicerces para a promoción en forma de axudas á tradución, por exemplo.

Hoxe en día, o apoio institucional redúcese ás axudas á tradución (tanto para verter ao galego obras foráneas coma para traducir textos galegos a outras linguas) e á colocación dun stand da Xunta nalgunhas citas internacionais. Mais o traballo institucional é precario. As queixas do sector son xeneralizadas: non hai interlocutores da Administración nin excelencia profesional, a acción institucional carece de estratexia comercial e nin tan sequera cultural e non se fiscaliza nin valora para que serve este modelo unha vez rematadas as feiras.

Como exemplo, na próxima Feira do Libro de Buenos Aires, na que este ano é Galicia o país convidado, a presenza de Galicia redúcese a un stand pensado para “vender Galicia e o Camiño de Santiago”. No deseño do espazo non se pensou en que debería servir para vender libros; non hai sitio para colocar os exemplares diante do público nin andeis onde almacenalos. Ademais, o stand nin sequera é de uso exclusivo da “embaixada” chegada de Galicia senón que é compartido co Instituto Arxentino da Cultura Galega.

Algunhas cifras

A situación do libro en galego explícase mellor a partir dalgunhas cifras. O libro en galego factura só o 14% das vendas totais de libros en Galicia. Con datos do 2014, o libro en España facturou case 2.200 millóns de euros. En Galicia a cifra alcanzou os 147 millóns de euros, un 6,7% do total, en consonancia co peso demográfico de Galicia no Estado. Desa cifra, só 21 millóns corresponden a libros en galego.

De entre os títulos publicados, máis do 30% corresponden a libros de texto escolares. É nese ámbito onde se constata a dependencia do mercado editorial galego de empresas de fóra. Son as empresas agrupadas na Asociación Nacional de Editores de Libros y Material de Enseñanza (ANELE) as que venden a maioría dos materiais a través de cinco selos filiais: Obradoiro (dependente de Santillana), Xerais (pertencente ao grupo Anaya, á súa vez propiedade de Hachette), Rodeira (vinculado aos Salesianos), Tambre (elo galego de Edelvives, propiedade dos Maristas) e Xerme (de SM). Arestora, só dúas empresas galegas editan libro de texto: Galinova e Baía.

A supremacía das empresas da ANELE esténdese ao resto de libros que se venden no ámbito escolar (materiais de apoio, guías didácticas e libro infantil e xuvenil). Esoutro anaco da torta representa case o 35% das vendas. A influencia da ANELE é moi importante no caso galego. Reúnense de maneira independente co conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, e aínda que hai representantes dalgunha das filiais na Asociación Galega de Editores, determinados asuntos de interese xeral para o sector, negóciaos a Xunta preferentemente con esta organización estatal. Nunha das últimas reunións en San Caetano co conselleiro (canda el estaban os directores xerais de Centros Educativos, Xosé Manuel Pinal, e de Innovación Educativa e Formación do Profesorado), á que acudiron representantes do máis alto nivel de cada editorial, un directivo de Anaya vinculou o futuro de Xerais a como “tratase” o Goberno o subsector do libro de texto, a cerna real da industria editorial en Galicia.

Público no Culturgal 2014, feira da creación cultural en galego que se celebra anualmente en Pontevedra.

Público no Culturgal 2014, feira da creación cultural en galego que se celebra anualmente en Pontevedra.

Diñeiro público e libros noutros países

Perante o mito da cultura subvencionada que arrastra inxustamente a galega, é bo sabermos como fai as cousas a Administracións noutros lugares. No caso español, o goberno central ten unha rede dedicada unicamente ao espallamento da cultura en castelán por todo o mundo. As diversas sedes do Instituto Cervantes son centros activos non só para prestixiar e aumentar as posibilidades da famosa Marca España senón que funcionan como núcleos de intervención e difusión de produtos culturais casteláns. Só no Cervantes, España gastará no 2016 máis de 115 millóns de euros, un 26% máis ca no 2015.

Se nos cinximos ás outras dúas nacionalidades históricas, podemos decatarnos do abismo que existe a respecto da situación galega. En Catalunya, a Generalitat fai un esforzo global a pesar das dificultades financeiras e orzamentarias que vive desde hai anos. Segundo os orzamentos do 2016, axuda á internacionalización con 200.000 euros para que as editoras poidan acudir ás feiras do libro máis importantes. Ademais, ofrece unha partida de 925.000 euros para a produción editorial, 250.000 euros en subvencións directas e 675.000 euros en empréstitos sen xuros.

As axudas a proxectos culturais (creación de empresas, festivais, xornadas…) chegan aos 1,3 millóns de euros, dos cales 1 millón é a base de empréstitos sen xuros. Ademais, o goberno catalán inviste 1,1 millóns de euros en compra de libros para dotar as bibliotecas (lembremos que en Galicia a cifra é de 150.000 euros), cifra á que lle hai que sumar os máis de 300.000 euros que achega o Consorcio de Barcelona só para as bibliotecas da capital. Ademais tamén participan na dotación as deputacións.

Os libros editados en éuscaro por empresas vascas poden subvencionar a súa produción até o 70% do seu custo.

En Catalunya teñen axudas especiais os proxectos de produción e fomento do catalán e do occitano (190.000 euros) e hai unha liña de subvencións de 70.000 euros para que as empresas do sector poidan utilizar os servizos das consultorías culturais.

En Euskadi, a produción de obras literarias de editoras vascas é subvencionable até o 70%. Para iso, o goberno vasco ofrece unha liña de axudas de ao redor de 500.000 euros.

No País Valenciano, a Generalitat destinará este ano 170.000 euros para a internacionalización das editoras levantinas (no caso galego, o compromiso da Xunta é dotar a Asociación Galega de Editores con 15.000 euros para este labor mais polo de agora ese orzamento non se formalizou). Tamén existen liñas de axudas en Aragón e Cantabria.

 

Advertisements

2 comentarios en “O PP reduciu nun 80% a dotación para bibliotecas de libros en galego

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s