Oitocentos habitantes, trece librarías

Festa do Libro de Bécherel.

Festa do Libro de Bécherel.

Un día na festa patronal dunha “vila do libro”

César Lorenzo Gil.

“Batabún-batabún”, sacódense os toldos dos postos de libros, os da bocataría ecolóxica, os do espazo central no que ían pintar caricaturas ao vivo varios artistas. Sacódense a toda velocidade as grilandas que arrandean atravesando o ceo das rúas. Porque malia o temporal que estorba que se sinta a música dos altofalantes, estamos nunha festa.

Mentres Galicia celebra a Semana Santa, en Bécherel honran o seu santo padroeiro: o libro. Sábado de Resurrección e Domingo e Luns de Pascua, todos os anos, son as datas escollidas por esta pequenísima vila para celebrar a súa Festa do Libro, que cumpriu 28 edicións no 2016. O mal tempo non impediu que media ducia de vendedores de libros usados montasen os postos na praza maior, rivalizando coas trece librarías que permanecen abertas na localidade 365 días por ano na maior parte dos establecementos. A chuvia e o vento non impiden que prazas e locais estean ateigados de visitantes. “Isto non é nada”, comenta Olivier Tourdeaux, bretón orixinario de Perros-Guirec, propietario dunha libraría de vello en París, que viaxa cada ano até este recuncho do interior da Bretaña para ofrecer ao redor de mil volumes. “Se estivese de sol, habería máis xente aquí que nun Leclerc (a cadea de supermercados máis famosa no país bretón) na hora punta”.

Tourdeaux vén todos os anos des que tomou conta do negocio en París no 2008. “O propietario anterior xa viña desde finais dos 90. Os máis veteranos viñeron no 1988 e quedaron”. En efecto, foi hai 28 anos cando a primeira Festa do Libro de Bécherel mudou para sempre a fisonomía da vila. Durante anos, a asociación cultural Savenn Douar (O trampolín, en bretón) viña reflexionando sobre un método eficaz de impedir o despoboamento deste centro urbano, que vivira unha época de esplendor nos séculos XVI e XVII grazas ao mercado de liño. Reducido a só seiscentas persoas, Bécherel precisaba un milagre. E conseguiuno. Inspirándose na experiencia da aldea galesa de Hay-On-Wye, que se converteu no primeiro vilar do libro na década do 1960 pero sobre todo no caso de Redu, localidade das Ardenas belgas que desde o 1984 favoreceu o turismo libresco, Savenn Douar e as autoridades de Bécherel deseñaron un ambicioso plan cultural. Aproveitaron a súa situación estratéxica no económico e no turístico. Bécherel está a medio camiño entre Dinan e Rennes, relativamente perto de Saint Malo e Vannes e na ruta máxica do bosque de Brocelianda, niño dos mitos artúricos, o que en galego coñecemos como Materia de Bretaña. Existe algo máis literario?

A filosofía inicial do proxecto de revitalización da vila pasaba por evitar converterse nun espazo museo, subvencionado, pintoresco, un parque temático morto ou parado no tempo. De aí que as vantaxes para os emprendedores fosen unicamente urbanísticas. Aproveitando as xenerosas medidas habituais en toda Francia para o desenvolvemento cultural, os negocios que se foron instalando co tempo en Bécherel son agora autónomos e rendibles. Como? Amais de vender libros, a maior parte usados, algúns establecementos combinan o papel con cheiro a goma antiga co recendo do café ou das flores. Non son librarías onde se toma café; a idea é que un poida ler ou sentar cun grand créme sen estorbarse. Ao café vaise ler mais logo de comprar o libro, non antes.

Libraría Gwrizienn, en Bécherel.

Libraría Gwrizienn, en Bécherel.

Aínda que nun primeiro momento cada libraría foi buscando o seu público obxectivo: Gwrizienn, dedicada ao libro en bretón; Abraxas, co seu espazo unicamente destinado ao libro de peto… en realidade hai de todo en todos os establecementos. Principalmente libro vello. En Abraxas, no local xeneralista, presumen de ter máis de cen volumes anteriores á Revolución francesa en exposición. Por menos de dez euros poden comprarse libros do século XIX. Hai grandes caixóns de coleccións de cómics e tamén revistas históricas de diferentes temas globais ou locais. Nalgunhas librarías, reina un doce caos. Conviven no andel coleccións de novelas clásicas francesas editadas na década do 1990 con preciosistas atlas forrados con plástico, quizais material escolar descartado por obsoleto ou por ocupar demasiado na casa. Noutras, ocorre todo o contrario: a orde é meticulosa, alfabética e temática. Ás veces inexacta pero reveladora. Na sección de Espagnole da libraría Neiges d’Antan abrázanse traducións ao francés de Jorge Amado, Gabriel García Márquez e Gonzalo Torrente Ballester.

Non é el o único galego. Na maré de libros descubrín textos de Camilo José Cela e de Emilia Pardo Bazán. Edicións coidadas, robustas, que parecen novas malia oscilaren as súas datas de publicación orixinal entre o 1969 e o 1982. Hai algún libro máis buscado? Contesta Olivier Tourdeaux: “Depende do ano. Os libreiros de vello estamos pendentes dos premios literarios. Se lle dan ao Nobel a un autor con “historia”, os prezos soben ou podemos de repente esgotar os stocks”, comenta. “Cando o recibiu Patrick Modiano, vendémolo todo del. Hoxe é moi difícil encontrar á venda libros de segunda man del”. A novela policial tamén gusta. Caixón e andeis rebentan con centos de exemplares de autores completamente descoñecidos fóra de Francia. Algúns deles presumen nas capas de venderen máis de un millón de exemplares no seu momento; outros libros á venda son a vixésima edición do título.

Unha editorial dirixida por un gato

Durmido sobre unha butaca do salón de té da parte de atrás da libraría Les Perséides está un gato abrancazado. Como colchón, dous grosos volumes dunha das coleccións que edita o selo do mesmo nome, e que xestiona, co permiso do felino, Thomas Van Ruymbeke. Algúns turistas fanlle fotos ao gatiño impasible e é o propio Ruymbeke, mentres prepara cafés, quen o sinala como responsable de todo, “tamén de recibir os recadadores de impostos”.

Les Perséides é unha libraría singular porque parte do seu depósito está composto polas súas propias coleccións. Estar nunha localidade tan pequena como Bécherel podería marcar dalgún xeito a filosofía da editora. Normalmente, as grandes casas están situadas en cidades grandes; é raro ver un editor manexar con xeito a cafeteira express mentres ceba a estufa de leña. Mais o catálogo de Les Perséides é ambicioso e amplo. A colección máis popular é a de biografías de músicos, libros tan coidados como todos os que publica Ruymbeke con grande éxito entre os visitantes. Destaca pola súa potencia a colección de Historia, enfocada a temas coloniais (a revolución dos escravos en Santo Domingo e tamén en Haití, a guerra da independencia de Cuba, entre outros temas).

O recanto do bretón

Non existe como tal un sistema editorial bretón. En todo Bécherel, e só na libraría Gwrizienn, a máis “autóctona” da vila, se atopan (organizados) libros en lingua bretoa. Un andel cuns vinte e cinco títulos, nunha posición central no establecemento, un menhir de madeira na terra dos menhires de pedra, unha metáfora da marxinalidade absoluta das letras autóctonas.

En cambio, a produción en francés de tema bretón é prolífica. Hai incluso series de novela popular ambientadas en Bretaña, caso das aventuras dunha inspectora da policía cuxas investigacións se localizan nunha determinada comarca en cada novela. Ademais, estudos históricos en detalle de cada época do antigo ducado, guías turísticas ou libros ilustrados sobre etnografía, paisaxe ou gastronomía.

Amais de venda de libros, Bécherel acolle catro obradoiros artísticos vinculados, nalgúns casos, á produción editorial. A idea dos promotores da Cité du Livre hai 30 anos era conseguir cerrar o ciclo editorial na localidade mais de momento non se conseguiu que o establecemento de ningunha imprenta de entidade na zona. No 2009, a asociación que agrupa todas as persoas integradas no proxecto de Bécherel como cidade literaria decidiron darlle un xiro á filosofía, un xiro pequeno que consistiu en vincular de vez libro e turismo e potenciar os puntos fortes do proxecto. Desde o 2011 está en funcionamento a Casa do Libro e do Turismo, espazo de exposición permanente, recepción de visitantes e actividades públicas todo o ano cun enfoque libresco, desde presentacións de libros ou eventos para colexios até representacións teatrais e concertos. Ademais, o Concello centralizou un servizo de atención ao buscador de libros, polo que é posible para calquera afeccionado preguntar e solicitar un título concreto da ampla colección das librarías da vila.

Éxito en Francia

A iniciativa de Bécherel chamou a atención dos medios de comunicación, os organismo culturais e sobre todo as autoridades locais doutros lugares semellantes ao longo de Francia que viron no exemplo bretón un xeito de evitar o despoboamento ou vincular as súas vilas e aldeas a un tipo específico de turismo compatible coa súa idiosincrasia.

Interior dunha das librarías de vello de Bécherel.

Interior dunha das librarías de vello de Bécherel.

Hoxe en día existen outras sete cités du livre amais de Bécherel. Repartidas estratexicamente nos catro cantos do Estado, polo xeral son pequenas vilas, de entre 300 e 2.500 habitantes que completan os seus méritos en patrimonio ou gastronomía cunha aposta clara polo libro. En Montolieu, por exemplo, no Languedoc, a unha carreira de can de Carcassonne e de Toulouse, viven máis de 20 profesionais do libro en todas as súas facetas.

As vilas máis novas en sumarse ao proxecto (ambas desde o 2007) son Ambierle, de 1.900 habitantes, entre Saint-Étienne e Clermont-Ferrand, con catro librarías, unha editorial e unha imprenta, e Esquelbecq, no País de Calais. Os seus 2.500 habitantes desfrutan de seis librarías, unha feira do libro cada mes e unha xa famosa Noite do Libro, o primeiro sábado de xullo, cando permanecen abertos todos os seus establecementos até a madrugada no medio dun festival de música e teatro de rúa.

Para o libreiro Olivier Tourdeaux, que viaxa coa súa furgoneta de libros habitualmente a Catalunya e tamén a Bélxica, o Reino Unido e aos Países Baixos, este modelo está en expansión en Francia e anuncia novas incorporacións. “Somos un país moi lector. Cando viaxo, comparo os quioscos nosos cos cataláns e sorpréndome. Nos últimos anos pecharon moitas revistas e xornais pero aínda así hai un cento de publicacións periódicas de canto tema imaxines”, explica. “Nun momento no que a agricultura está en crise e precisa unha reconversión e a xente polo xeral prefire vivir na cidade ca no rural, é lóxico que se busquen maneiras de atraer vida económica. Nuns sitios será coa cervexa artesá, noutros coa comida local e ecolóxica, noutros a través do libro”.

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s