‘O último día de Terranova’, puro Rivas

Vicenzo, o libreiro, mastiga o remorso por un aviso que colocou na porta da súa libraría, da súa vida, Terranova. O anuncio do peche que tanto adiou por temor aos fantasmas. Liberados os recordos, O último día de Terranova vai alumando diferentes momentos da libraría, da familia propietaria, de paso da historia das voces baixas da Galicia do século XX.

Esta novela de Manuel Rivas empata por ton c’Os libros arden mal e axuda a compoñer ese magno retrato da cidade da Coruña (un retrato cuxo destino é ser canónico na tradición galega como foron os traballos dos clásicos a respecto doutras cidades). Igual ca na anterior obra, o libro serve como vehículo simbólico no que os personaxes van montados e ao redor dos cales camuflan ou pescudan os seus sentimentos, as súas arelas, as súas frustracións.

51-FcoSpSVL._SX328_BO1,204,203,200_Rivas aguza aínda máis o seu estilo para compoñer escenas con poderoso alento literario con tres vantaxes sobre determinada literatura que se fai na actualidade. Supera a estrita linguaxe audiovisual que se impón por forza na descrición en base a un uso tridimensional da escenografía: os pequenos detalles conviven no mesmo plano cos grandes, os diálogos entremestúranse coa música; non hai montaxe senón un espazo que pouco e pouco vai arrodeando o lector. Máis que ler, nalgunhas páxinas, respiramos o universo de Rivas.

A segunda vantaxe é a seguridade coa que constrúe unha mitoloxía propia do relato: o Pulmón de Aceiro, a Cámara Estenopeica… Esa vontade de tallar lugares míticos está neste libro moi ben culminada, ao igual que os personaxes principais da novela, cicelados con sutís golpes sobre o aceiro da súa carne. É, polo seu perfil profundamente novelesco, profundamente rivasano, Eliseo o máis interesante, o máis imborrable dos personaxes da novela. Cumprindo o vello ditado atribuído a tantos escritores, todas as novelas se salvan se conteñen un personaxe inesquecible. Rivas non precisaba del para o éxito mais aí fica na memoria do lector tempo despois de terminada a lectura. N’O último día de Terranova a falta de un, hai dous, xa que o escritor coruñés inclúe tamén o Dombodán que aparece noutras das súas obras.

Neste libro, Rivas aínda ten outro acerto, neste caso no tratamento dos diálogos. As voces, na novela, non se len, lémbranse. Nesa difícil tarefa de casar no diálogo o realismo e a altura literaria, o autor opta por reproducir os ecos, unha esencia de palabras destiladas, de xeito que nin tan sequera importa demasiado se as pronuncia un ou outro personaxe.

O menos logrado da novela é o tratamento do presente. Rivas desenvólvese mellor en certo ton sepia. Para lucir, ha facer coma o Vicenzo, mastigar no pasado, reflexionalo. Cando retrata determinados tipos e situacións do presente, cae na caricatura, na condescendencia ou no clixé. Perde Rivas pé no control sobre un certo maniqueísmo natural que ten e que se lle rebelou en obras anteriores, caso d’O lapis do carpinteiro. Esa percha mediática que se usou na promoción do libro sobre a relación desta novela co proceso de concentración comercial nas grandes superficies non está á altura dos reais valores deste libro. Este non é un libro sobre a especulación. É un libro sobre qué facer cando cae a area do reloxo directamente sobre os nosos pés.

♦ O último día de Terranova, de Manuel Rivas, Xerais, 2015. 249 páxinas. ♠17,50€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s