Manuel Casal Lodeiro: “Os gobernos escollidos este ano terán que lidar co colapso enerxético”

Manuel Casal Lodeiro. MARTÍN PICALLO (LUSCOFUSCO)

Manuel Casal Lodeiro. MARTIÑO PICALLO (LUSCOFUSCO)

César Lorenzo Gil.

Manuel Casal Lodeiro (Barakaldo (Euskadi), 1970) é un dos grandes divulgadores da economía decrecentista en Galicia. Coordinou a Guía para o descenso enerxético. Preparando unha Galiza pospetróleo (editado por Véspera de Nada), dirixe a revista dixital 15-15-15 e vén de publicar o libro A esquerda ante o colapso da civilización industrial. A obra analiza a relación entre a ideoloxía e práctica política da esquerda (mundial e galega) e os conceptos decrecentistas que alertan de que xa non hai solución para o capitalismo industrial e cómpre asumir con urxencia a transición cara a un modelo sustentable que garanta a pervivencia da comunidade humana sen catástrofes. Nesta entrevista debullamos algúns dos conceptos que se desenvolven amplamente no volume.

A nosa civilización xa está condenada. A fin do petróleo é inevitable e está próxima.

Así é. Na década do 1970 apareceron as primeiras advertencias sobre a iminente falta de combustibles fósiles no mundo. Aquel aviso ignorouse e hoxe xa é tarde para poñerlle remedio dunha maneira planificada. Corenta anos despois, aquelas previsións demostráronse certas e a única incerteza é saber cando o colapso se producirá. Pero non vai ser cousa de décadas.

A teoría do teito do petróleo saíu un tanto da súa marxinalidade mediática cando o petróleo superou os 100 dólares por barril e se prevía que alcanzase os 200 rapidamente. Mais agora o seu prezo rolda os 40 dólares e chegou a baixar dos 30.

O valor monetario do petróleo deixou de ser un indicador válido para contradicir ou avalar a certeza da escaseza do petróleo. A propia explicación do teito do petróleo xa vaticinaba unha alta volatilidade nos prezos, cunha gráfica en forma de serra que se está a cumprir. O importante é que o petróleo que queda por extraer é o máis caro de conseguir, o de peor calidade, o resto do resto. E tamén que a cada suba do recurso, como consecuencia entran en crise determinados sectores económicos de maneira irreversible. Viuse no 2008, unha crise que se iniciou coa alza do prezo do cru. E verase en sucesivas crises.

Vostede di no libro que o exército dos EUA é dos máis conscientes da situación, de aí que ocupe territorios con reservas de petróleo, de Irak a Libia.

A guerra polos recursos enerxéticos non é nova. Xa a II Guerra Mundial se explica en gran parte como un intento de conquista dos depósitos de petróleo. Polo tanto, a ninguén sorprende que os EUA, como única superpotencia mundial, ocupe as últimas reservas. É fundamental para o Pentágono este control, xa só porque o propio exército estadounidense é o meirande consumidor de petróleo, como institución, do planeta. A súa supervivencia depende dese control.

Fronte á teoría do colapso civilizatorio, hai voces que defenden que é posible que no futuro haxa unha alternativa ao petróleo mercé á xeneralización das enerxías renovables.

Con certeza, o futuro enerxético será 100% renovable, igual que foi en toda a historia da humanidade agás o período de consumo das reservas de combustibles fósiles, o capitalismo industrial, que será un período moi curto no devir do planeta. O debate sitúase en ditaminar qué se pode manter da actual civilización mediante o uso de enerxías renovables. Os que defenden unha remuda sen alteracións esquecen que a complexidade do noso modelo depende da enerxía fósil e non hai maneira de replicalo en base á electricidade xa que para unha electrificación substitutoria cumpriría un uso de materias primas (minerais para baterías ou cables, por exemplo) inasumible cos recursos da Terra.

O libro é moi crítico coa esquerda política maioritaria en xeral. Subliña vostede algunhas contradicións, como o feito de que os mesmos políticos que defenden un modelo neokeynesiano, e polo tanto, unha aposta polo crecemento económico, tamén asuman como propias as medidas decrecentistas.

En efecto. Coido que contradicións coma esa teñen a ver coa imposibilidade de pasar dun paradigma enerxético e socioeconómico baseado no mito do progreso perpetuo a outra forma de pensar completamente alternativa da noite para a mañá e sen reflexión. Coido que é inevitable un período de transición no que afloren esta e outras incoherencias pero o importante é que a realidade vaia callando na propia axenda política das forzas de esquerda. Hoxe son conscientes da fin da civilización persoeiros como Julio Anguita ou Alberto Garzón, tamén Antón Sánchez, de Anova, en Galicia. Ora ben, levar estes conceptos á práctica política cotiá é ben máis difícil e precisará tempo e concienciación, dentro e fóra do ámbito da práctica política tradicional.

Austeridade é un concepto necesario para unha sociedade. É algo que debemos reivindicar porque se contrapón á opulencia, ao malgasto, que son insustentables.

Do meu punto de vista, a parte máis interesante, máis didáctica do libro, é o repaso ao que vostede considera mitos da esquerda e que vai refutando un por un en base ao modelo ecocomunitarista que defende. Se lle parece, analizaremos algúns. Por exemplo, a vinculación entre esquerda e Estado do Benestar.

O Estado do Benestar é só posible nun contexto de exuberancia enerxética. Se calculamos que a mingua de recursos públicos nun futuro sen petróleo pode ser do 85%, é dicir, que o Estado vai ter ao seu dispor o 15% dos ingresos que agora ten, podemos calcular que dará para manter un 15% de funcionarios, un 15% de investimentos en servizos públicos… E nese contexto, xorde a pregunta: para que serve un Estado tan limitado? Haberá que ver se ese reequilibrio se pon ao servizo das elites ou da cidadanía. Se o Estado serve unicamente como ente policial encargado de reprimir a sociedade ou favorece un modelo de vida en harmonía para o conxunto da comunidade. Pero esta reconceptualización do papel do Estado non é futurismo. Estámolo a vivir polo menos desde a toma do poder de Ronald Reagan e Margaret Thatcher na década do 1980. O neoliberalismo ten como principal tese poñer o mecanismo institucional ao servizo das elites. E aí seguen co seu plan. Só hai que ver a estratexia da UE ou analizarmos a confusión do termo austeridade co de expolio. Austeridade é un concepto necesario para unha sociedade. É algo que debemos reivindicar porque se contrapón á opulencia, ao malgasto, que son insustentables. Pero o neoliberalismo ocupou a linguaxe e agora a esquerda protesta contra a austeridade cando o problema é a detracción dos bens públicos cara aos intereses privados.

Critica vostede o concepto de renda básica tamén.

Como renda en euros si porque non resolve ningún problema. Eu podería defender unha renda baseada nunha economía non vinculada ao crecemento ou outras medidas que favorecesen de verdade unha redistribución. Por exemplo, sería ben máis efectiva unha reforma agraria que garantise que cada cidadán dispuxese da terra suficiente para que cultivase os seus propios alimentos.

Fronte ao concepto de renda básica, Alberto Garzón propón o Traballo para Todos.

É máis factible porque non vincula o Estado coa repartición de salarios. A cuestión é que ese concepto do traballo ten que evoluír, non pode ser unicamente un factor máis dentro dunha economía de mercado; ten que axeitarse a un novo xeito de relacionar o noso tempo dispoñible coas necesidades da comunidade e validar a dedicación a determinadas tarefas comunitarias con puntos ou moedas intercambiables por servizos e produtos fornecidos por esa mesma comunidade.

Tamén o seu libro pretende desmontar algúns conceptos hexemónicos do nacionalismo galego. Un deles é a consideración de Galicia como potencia enerxética.

Esa falacia está desmontada polo traballo de referencia do economista Xoán Doldán. Non somos unha potencia porque a necesidade enerxética do noso país non é eléctrica senón petrolífera. Si que Galicia é lugar de transformación de petróleo ou de carbón e iso produce a ilusión de que producimos un excedente de enerxía pero se só contamos coas renovables, observamos que non chegan para cubrir a nosa demanda. Galicia importa enerxía e se no futuro quere ser autosuficiente, o principal sería adaptar as súas infraestruturas a ese futuro sen petróleo. Investir en autoestradas e autovías é un erro, un erro moi caro porque non haberá nin coches nin camións que as percorran. Sería máis conveniente apostar por un tren eléctrico deseñado para o transporte de proximidade e tamén para levar mercadorías. É unha aberración o dispendio no AVE, un ferrocarril que non pode transportar máis ca pasaxeiros e cuxa vantaxe comparativa co tren tradicional é gañar uns minutos en desprazamentos entre cidades.

Vostede pon en dúbida tamén que en Galicia haxa unha crise demográfica.

Ese concepto só se utiliza nunha sinxela regra de tres: como hai moitas persoas de idade e poucas en idade de producir, non vai haber pensións a medio prazo. É unha lectura reducionista. Unha ollada global debería reparar en que para que o territorio galego sexa sustentábel ten que adecuarse a súa poboación aos recursos existentes. Arestora, Galicia importa o 50% dos alimentos que consome. Daquela, en que crise demográfica estamos? Crise será no futuro xestionar a reocupación da terra cultivable. É posible que logo de confirmarse o cambio climático, gran parte do que hoxe é Andalucía, Extremadura ou o Algarve se desertice. Iso suporá que grandes continxentes de poboación emigrarán cara ao norte na procura de terras fértiles. Galicia,nesas previsións, parece que conservará un clima estable (parece, nunca se sabe), máis mediterráneo ca o de hoxe pero válido para cultivar. Así que esas migracións daranse ao mesmo tempo ca a dos galegos que arestora viven nas cidades e que terán que voltar ao rural para poderen subsistir.

Gran parte da poboación abrazou o nazismo e outros fascismos na confianza de que a cambio dunha redución de dereitos conseguirían unha mellora socioeconómica.

Unha das alertas do libro é a posibilidade de que sexa a dereita, a ultradereita, quen pilote o cambio de civilización. Non só mediante a violencia senón mercé ao medo da maioría ao cambio. Vostede usa acotío o lema: mellor sen dereitos ca sen consumo.

Así é. Xa ocorreu na década do 1930. Gran parte da poboación abrazou o nazismo e outros fascismos na confianza de que a cambio dunha redución de dereitos conseguirían unha mellora socioeconómica. No futuro podemos encontrarnos con figuras e partidos que creen a falsa ilusión de que a cambio de aceptar a desigualdade, a represión ou o escravismo, o groso da sociedade poida salvar o modelo consumista actual. Tamén se pode dar outra caste de autoritarismo, o ecofascismo, unha ideoloxía que cuestione a democracia como sistema que facilite o cambio de paradigma socioeconómico e aposte por un autoritarismo na toma de decisións e na organización do novo mundo, en base a conceptos como o egoísmo ou o racismo/clasismo.

Cal sería a alternativa?

Algún tipo de comunitarismo que promova un novo modelo desde abaixo, pensado no beneficio do conxunto da poboación e con capacidade de defensa diante dos intentos das elites de apropiarse dos recursos.

Mais vostede recorda no libro que a democracia baseada no voto cada catro anos premia o autoengano; os políticos que dan malas novas pasan á oposición.

Si, e iso é unha limitación que pode acabar coa propia democracia, se é que ao que temos se lle pode chamar aínda así. O caso é que, por exemplo, os gobernos que se escollan neste ano 2016, estou a pensar tanto no español coma no galego, quédalles un lustro no máximo para reaccionar. Estes gobernos que están por se facer terán que lidar co colapso enerxético. Nas súas mans está posibilitar que a sociedade se autolimite pacificamente. E sei que non é doado e que a historia está chea de cambios civilizatorios violentos e dramáticos pero debemos tomar nota das desmontaxes controladas exitosas, caso da do Imperio Bizantino; tamén dos erros que se cometeron en Cuba, o único país que viviu en realidade a fin do petróleo durante o chamado Período Especial, cando deixou de recibir combustible da URSS. Sobre aquel momento en Cuba está por saír en formato libro a tese de Emilio Santiago Muíños, moi didáctica para aprender para o futuro.

Podería percibirse o revival dos produtos de cultura de masas sobre a apocalipse zombi como un síntoma da preocupación social sobre o tema.

Todos os cambios civilizatorios teñen reflexo na cultura de masas. Iso pasou por exemplo denantes da caída do Imperio Romano. Eu considero que a propia manifestación cultural, a todos os niveis, debería servir para espallar a necesidade de prepararnos e actuar no cambio que se aveciña. Estraño que non haxa máis obras de ficción, series de televisión, películas, que axuden a concienciar a sociedade. E vou máis alá: o cambio, para se dar nos parámetros que buscamos, de solidariedade, comunitarismo e harmonía, teñen que asimilarse a novos mitos… unha nova relixión propugnan algúns teóricos. Unha relixión que nos sirva para actualizar o modelo de relacións cos demais seres humanos. Se no pasado as relixións foron reaccións a determinados contornos socioeconómicos que se volveron insoportables, hoxe en día podería nacer outra que nos axudase a cambiar o paradigma de pensamento. Pensemos que o individualismo característico da sociedade capitalista é tamén un concepto imposto ou aprendido, nin é natural nin se manifestou en ningún momento anterior da nosa historia como especie.

Vostede sempre afirma que Galicia ten certas vantaxes para esa transición, pola súa particular evolución histórica durante a época industrial.

Teriamos maior facilidade para un retorno á terra, tamén para consolidar un relato axeitado para ese retorno, dada a nosa potencia creativa artística. Na verdade, aínda quedan persoas que viviron nunha Galicia sen petróleo, ou cun acceso moi limitado á enerxía fósil. Do seu ensino poderiamos extraer leccións moi valiosas para o futuro. Entre os decrecentistas sempre se di que non se pode facer unha transición dun modelo cara a outro se ese futuro non se pode visibilizar. Por iso naceron as Cidades en Transición, que intentan amosar como sería ese mundo sen petróleo cunha base optimista: o que se denomina ben vivir ou decrecentismo feliz. No caso galego, podemos “ver” mellor cara a onde imos porque é de onde vimos. A Galicia industrializada será un capítulo moi breve da nosa historia e cómprenos entender mellor a formación tradicional da nosa idiosincrasia e da nosa comunidade desde os comezos da sociedade prehistórica. Agora que se fala tanto da refundación do nacionalismo, vexo pouco interese en investigar e aproveitar o legado que xa temos e que aínda podemos salvagardar denantes de que se perda. Mais esa conciencia nacional así entendida é moi minoritaria, só a vexo nos formulamentos do Partido da Terra. Pero vaia, moitas veces pequenos núcleos son capaces de espallar a súa ideoloxía entre grupos maiores. Pode ser así no caso do galeguismo.

Nas súas obras hai sempre unha vía cara á concienciación mais tamén cara ao activismo. Fórmulas para vivir xa hoxe con criterios alleos ao consumismo capitalista. Dá vostede exemplo?

Intento. Estou a piques de cumprir un dos meus obxectivos, que é vivir no rural, da terra. De momento vivo en Ames e alí desenvolvo o meu activismo en dúas iniciativas moi interesantes: unha práctica, a través dunha “cooperativa” que nos permite desenvolver modos de vida comunitarista e outra máis enfocada á divulgación. Sempre digo que o importante é ir creando células, ir formando comunidade para que o cambio sexa colectivo. Eses movementos sociais sempre son máis efectivos e satisfactorios ca as decisións individuais. Aínda así, des que me instalei en Galicia, no 2007, intento consolidar o meu xeito de vida baseado na vida sinxela, o consumo reducido, a perda de protagonismo do traballo remunerado e o gusto pola arte e por compartir o meu tempo cos amigos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s