‘A outra voz’, poesía e aborto

m1295610893089martinez_veronica_3Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán gañaron o IX Premio Illas Sisargas de Poesía Erótica co libro A outra voz. É un breve poemario que repara nas vivencias dunha muller que sofre complicacións logo de quedar encinta e aborta. A aproximación ao tema céntrase en dous aspectos: a experiencia médica e a vinculación entre xenitais e dor e desexo.

Delgado e Momán (teño a sensación de que a intervención de Momán é anecdótica neste libro) optan por explorar a denominada violencia xinecolóxica, un concepto relativamente moderno que se inclúe nalgúns estudos feministas e que consiste nunha utilización deshumanizada das técnicas médicas especializadas no coidado do aparato sexual feminio que acaba sendo unha caste de dominación do profesional sanitario sobre a muller-vítima.

Desa situación violenta, o libro quere extraer a súa ánima erótica, é dicir, intentar focalizar nos xenitais a simboloxía sobre o desexo, o pracer. Fronte á deshumanización da sala médica, a humanidade do sexo como reconciliación co propio corpo, como saída á culpabilidade que provoca a dor.

Esta construción aparece no libro en base a ideoloxemas ríxidos e versos vacuos. Hai pouca poesía nesta obra; o principal, que é a literatura, non se coida, déixase ao lado. O texto convértese, polo tanto, en prescindible. Non hai enxeño na composición nin traballo sobre os versos para compensalo. Parafraseando o tópico de Juan Ramón Jiménez, a rosa quedou como naceu; o problema é que non era unha rosa, era quizais un folio envurullado nunha bóla que quizais, esticando a imaxinación, se asemella a unha flor.

Os poemas non teñen ritmo. Os versos parecen terse construído como quen escacha garabullos contra o xeonllo. Estrofas desiguais, que nacen afónicas, sen graza.

A linguaxe é pura escuma do pensamento máis lixeiro. Baixo un paraugas de autenticidade/vulgaridade déixanse pasar rimas internas, adxectivos cacofónicos (diagnosticable), verbos impropios e moita palla ideolóxica. Sobran os subliñados no aire, eses que se marcan para que nunca esquezamos que este é un libro con mensaxe, comprometido, un libro mitin, vaia.

É unha pena que aqueles versos que soan en verdade máis naturais, máis realmente auténticos, luzan borrosos entre tanta pobre poesía. E aínda así, cómpre achegarse a este libro para ler o poema ‘A vida continúa…’: “…sorpréndome soñando esperta e en voz alta,/con que pode que ao neno lle apeteza facer baile tradicional,/esquecendo que abortei semanas atrás”.

♦ A outra voz, de Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán, Caldeirón, 2015. 39 páxinas. ♠10€

César Lorenzo Gil.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s