‘Lembranzas do meu vivir II’. Otero Pedrayo convértese en intelectual

A realidade que coñecera non existía xa. […] Os lugares que coñecemos non pertencen tampouco ao mundo do espazo en que os situamos para maior facilidade. Non eran máis que unha delgada capa en medio de impresións que formaban a nosa vida de entón; a lembranza dunha determinada imaxe non é máis que o laio dun determinado instante; e as casas, os camiños, as avenidas son, ai!, tan fuxitivos como os anos.

                                                                                       Du côte de Swann

                                                                                Marcel Proust

Xesús González Gómez.

No derradeiro trimestre do pasado 2015 deuse ao prelo un importante libro que, desde lonxe, me dá a impresión de que non tivo o eco, e non sei se a acollida, que merece. Trátase de Lembranzas do meu vivir II, de Ramón Otero Pedrayo. O libro leva un intelixente prólogo de Ramon Villares, a edición correu a cargo de Joaquim Ventura e foi publicado pola Editorial Galaxia. Se un inédito destas características aparecera en calquera outra das literaturas peninsular, mesmo os xornais que se editan en Galicia de seguro que salientaban a noticia en portada, e así están as cousas. Sen irmos máis lonxe, o que lle dedicou a prensa española á novela “inédita” Los caprichos de la suerte, novela que non lle fai moito favor ao conxunto da obra barojiana. Non sei as páxinas que lle dedicou a prensa editada en Galicia (non a miro), mais estaba por apostar que moitas máis liñas e páxinas que a este libro de Otero.

De por que se publica antes o segundo volume destas lembranzas antes que o primeiro, dan conta tanto Villares no prólogo como o editor na súa noticia (“Case vinte anos despois. Unha reflexión do editor”), e nós, xa que logo, como amantes da novela policial, non imos descubrir tal “trama”, preferimos que a descubra o lector pola súa conta; é dicir, lendo o libro.

otero-pedrayo-02Que son estas Lembranzas do meu vivir? Tal como di o título, iso: lembranzas. Como ben afirma Ramón Villares, non son unhas memorias, nin tampouco unha biografía: “Son unhas lembranzas amables e descritivas de ambientes e persoas […]. O autor […] non necesita xustificarse nin tampouco desviarse da potencia dos propios recordos que, como verá o lector, son precisos e cheos de amor polos seus mestres e profesores, etc….”. Estas lembranzas empezaron a se escribir alá polos finais da segunda metade dos 1950, e algunhas das páxinas (se non todas) do presente volume datan de 1963, segundo propia confesión do autor, mais todo isto pode ir descubríndoo por si só o lector destas lembranzas, e dos textos de prologuista e editor, e diso trátase.

Antes de nos introducirmos noutras cuestións, digamos que o texto oteriano foi anotado e talvez demasiado anotado (máis de 850 notas!). Non imos afirmar o que dicía o filósofo francés Alain: “Inútil como unha nota”, mais dá a impresión de que sobran notas, e faltan algunhas (Manuel Martínez Risco, Eloy Luís André, os Noguerol, a cuxa familia pertencería o fusilado polos franquistas Arturo Noguerol, o que foi xerente da revista Nós…), e que moitas notas padecen dunha “sobre-redacción” (por exemplo, entre outras moitas, a dedicada a un tal Díaz Vallés, que ocupa case páxina e media sen vir a conto, xa que a “importancia” do tal Díaz Vallés nestas lembranzas, para nós, é mínima, ou case nula), e moitas que se podían ampliar fican no mínimo (José Ojea Otero, sen irmos máis lonxe). Escorréganse, talvez demasiadas veces, as inevitábeis grallas de imprenta (como mostra, a nota 41 do I capítulo: “Este nome aparece, efectivamente, na primeira parte de Lembranzas do meu vivir: ‘Unha serán de 1901, ou de 1902, fixeron visita ós meus pais en Ourense os Sres. de Casasus Samalniego, xente andaluza, moi curtés e fina, […] Foi meu amigo o fillo de aquel matrimonio andaluz Xosé Mª Casaus Samaniego…” –ou é erro de Otero non corrixido polo editor?, xa que segundo este o fillo de tal matrimonio sería José Casaus y García de Samaniego).

Xa fixemos referencia á “sobre-redacción” das notas. Velaí un exemplo, e podía transcribir demasiados, pero non se trata de encher por encher: “Resulta moi difícil saber que edición lera Otero Pedrayo desta obra de Christian Heine (1797-1856). En 1853, cando xa estaba doente de esclerose múltiple, o poeta alemán escribiu Geständrisse (‘Confesións’, publicado en 1854). En 1884 apareceu Memoiren (‘Memorias’). A edición inglesa desta (por G. Karpeles e tradución de G. Cannan) non apareceu até 1910, publicada por London Heineman. Cabería que coñecese unha versión francesa. A edición castelá non apareceu até 2006: etc. etc.”. Todos sabemos que Heine se chamaba Christian Johann Heinrich, e Baudelaire Charles Pierre, pero a ninguén se lle ocorre falar de Christian e non Heinrich Heine, ou de Charles Pierre no canto de Charles ao se referir a Baudelaire –é un proído de falsa erudición semi-universitaria. Un  pregúntase a que vén toda esta “erudición” sobre edicións dun texto nunha nota para acabar dicindo que “cabería que coñecese unha versión francesa”. Non sei se Otero coñecía esa versión francesa, que existe, e é de 1884, publicada pola parisiense editorial Calmann Lévy, e editada e traducida como Mémoires por J. Bourdeau –non é que un sexa especialista nin na edición francesa nin en Heine, pero nos tempos da internet sobran moitas notas e demasiadas “investigacións” inútiles: simplemente, esta edición francesa das memorias de Heine está colgada na rede.

Con todo, e a pesar do seu exceso, algunhas notas teñen utilidade informativa, que é do que se trata, ou debe tratar. E outras notas van alén do texto oteriano e nos dan informacións complementarias, ou suplementarias, de feitos que alguén, algún día, deberá explicar. Velaí un exemplo do que digo. Na nota 25 do capítulo VII lese: “Refírese a La vie de Rancé, publicada en 1884, dedicado (sic) a Armand Jean Le Bouthillier de Rancé (1626-1700), reformador da orde trapense. Non consta entre as obras de Chateaubriand conservadas en Trasalba” (o subliñado é noso, xgg). No volume II do informativo libro de Nicole Dulin Bondue, El granito y las luces. Relaciones entre las literaturas gallega y francesa en la época moderna (Vigo, Edicións Xerais, 1987), nas páxinas 534-571 relaciónanse os libros franceses que había a biblioteca de Ramón Otero Pedrayo. Antes de transcribir os títulos dos libros e revistas en francés ou sobre temas franceses que había na biblioteca de Otero, Nicole Dulin escribe: “Don Ramón Otero Pedrayo tenía los libros repartidos entre sus dos residencias. La primera, su casa de la calle de la Paz, en Orense, y la segunda su Pazo de Trasalba.[…]/ Don Ramón legó la propiedad intelectual de sus obras y todos sus libros a la Editorial Galaxia […]. Después de su fallecimiento todos los fondos de su biblioteca fueron llevados al Pazo de Trasalba […] La Fundación Otero Pedrayo es una entidad privada; por otra parte, cuando se realizó este trabajo, el conjunto de la biblioteca estaba estaba aún prácticamente sin fichar […]” (o subliñado volve ser noso, xgg). É dicir, todos os libros de Otero Pedrayo debían estar, teoricamente, en Trasalba. Digo teoricamente, porque na relación de Nicole Dulin aparece unha edición de Vida de Rancé, tradución de don Manuel María Flamant. Madrid. Imp. Gaspar y Roig ed. 1871. Desapareceu este volume da biblioteca de Otero? Ou se despistou a bibliotecaria da Fundación Otero Pedrayo  no momento de facer a relación dos libros que lle pasou ao editor destas lembranzas? Ou, esperemos que non, desapareceron máis libros da biblioteca de Otero Pedrayo no intervalo que vai desde o seu traslado a Trasalba até a súa catalogación?

Con respecto ao “peiteado” léxico e ortográfico, non vou dicir palabra, xa que non coñezo o orixinal, mais digamos que Ventura converteu a Otero en lexíbel para os non afeitos a escrita deste sen, paréceme, cargar demasiado as tintas; só discutir que se transcriba o xenitivo do relativo como cuxo, que é unha forma que dubido que Otero escribira algunha vez, ou que se escriba en plural, cando se trata da moeda real, reais no canto de reás.  O plural de real adxectivo é “reais”, o plural do substantivo real é reás, como ben se distinguía na fala popular cando existían estas moedas (até mediados dos 1960, máis ou menos). A xente do común podía falar de feitos reales, ou de casos reales, etc., máis cando nunha tenda, nunha feira, nun mercado, á xente se lle daba o prezo dalgún produto, había persoas maiores que demandaban que lles convertesen as pesetas (o prezo) en reás, nunca en reales e menos en reais –como non dicían feitos reás ou casos reás, etc. Reás, como plural da moeda real non é ningún vulgarismo, como pode pensar algún filólogo bébedo de filoloxía máis non de fala popular, e os facedores de dicionarios, e os correctores que, malquistados polo famoso ILG, acaban cambiando a fala popular por unha que se inventou en despachos ou laboratorios lingüísticos. A ver cando nos decatamos de que o galego é a lingua que falan dous galegos entre si, non a que escriben os gramáticos ou os filólogos nos seus estudos, como afirmaba a respecto do francés Raymond Queneau. Mais vaiamos a Otero.

Díxose máis enriba que o prólogo de Villares era un prólogo intelixente, un prólogo que levanta preguntas a respecto do que Otero escribe: “Porque durante estes catorce invernos que pasou en Madrid, non está claro se Otero seguía a ser un señorito galego desleigado ou comezaba a ser un intelectual con conciencia de pertencer a unha cultura, como a galega, distinta da castelá”. Acho que a resposta está nestas lembranzas. Hai un momento en que se fala de poesía galega, e Otero confesa que o único que coñece un pouco ben é Curros Enríquez, talvez o poeta galego do Rexurdimento sobre o que menos escribiu o de Trasalba. Curros, nos primeiros anos do século pasado, era o único poeta galego que coñecían, ou citaban, a maioría dos intelectuais galegos “desleigados” (adxectivo do que non gusto aplicado segundo a que) e mesmos se reclamaban del polo seu anticlericalismo e outras cousas, entre elas o seu suposto republicanismo. Lembremos que o mesmo Madariaga fala de Curros nas súas Memorias de un federalista, e a Madariaga nada lle daba máis dor de estómago que o galego. Otero, como tantos outros do seu tempo, soubo de Galicia anos máis tarde, e el ben nolo explicou, como lembra Villares, en Arredor de si. (E Risco –Nós, os inadaptados– e tamén Cuevillas –Dos nosos tempos). Por non falarmos do que escribe a respecto das relacións da súa nai cos labregos ou os traballadores das súas terras –puro señorito vilego.

Non, nestas lembranzas non vemos, non podiamos ver, a non ser que Otero optase pola mentira ou a impostura (cousa nada rara cando se trata de autobiografías), un Otero galeguista ou nacionalista. Si vemos un Otero que se vai convertendo en intelectual e que se laia, no fondo, da súa formación.

E tamén vemos outras cousas, ou as vexo eu na miña lectura. Mais vaiamos por partes, que se non nos enredamos.

Está claro que estas “lembranzas” son suaves e doces, cheas de amor e amizade, por seguirmos a Villares, e está tamén claro que se ben as escribiu para xeracións futuras, non as escribiu para que estas o observasen, o observaramos. Hai pouco “intimidade”: só esa teima que tiña en lle ler As flores do mal ás mulleres dos bordeis que visitaba. Tamén é certo que tampouco lemos as memorias ou o diario duns anos, senón as lembranzas dun home que xa se considera vello e revisita os seus anos mozos (mágoa que polas “sorpresas que da la vida” non se poidan encetar estas lembranzas polo seu inicio). O home que escribe estas memorias ten diante o seu pasado, a única presenza capaz de conxurar outra: o que lle queda de vellez e a morte. O seu pasado, a visita ao seu pasado é a única compensación dunha ausencia: o futuro. E en certa maneira recrea eses anos mozos pasados en Madrid. Non é que minta, non; recrea a súa vida creando a súa obra, e máis que outra cousa, Otero crea esta obra para recrear a súa vida cando esta está xa no crepúsculo, ou tal debe pensar el. E tal é así, que quizais das súas lembranzas (Villares, desde outro punto de vista, o do historiador, e con outras palabras viuno moi ben) non acepte máis que os símbolos dun estado presente de sensibilidade e de xuízo, sensibilidade e xuízo que se constituíron pola virtude de toda unha experiencia vital (e non é o momento de falarmos do vitalismo de Otero).

Otero mira o seu pasado e “recréao” cun acento e cun ton moi determinados, e as posíbeis lagoas da súa memoria en verdade non o inquietan. Otero nunca se dirá, como o seu admirado Proust e o seu aborrecido Freud, que o acontecemento esquecido, un acontecemento esquecido, agacha unha verdade esencial, e así o que pode semellar ás veces incoherencia (o capítulo VII) convértese en principio de coherencia; a dispersión, en principio de unidade; a contradición, en principio de lóxica, a desorde no principio dunha orde, dun modo de composición artística, porque nestas “lembranzas” o que debemos ver, antes de nada, é o Otero escritor: os feitos biográficos, ou semi-biográficos, son, en verdade, secundarios. Porque estas lembranzas non son unha busca do tempo perdido, senón un intento de rectificar tanto erros propios (en todo o texto, como en palimpsesto, o lector pode percibir de fondo o que será o pensamento –a ideoloxía– oterián anos despois e que continúa a ser a mesma, con correccións e engádedas, no momento en que redacta estas lembranzas) como erros futuros de investigadores e biógrafos. De aí, por exemplo, que nos avise que para a súa formación “foi pena non contar daquela cunha ‘severa’ obertura filosófica. Houbera sido dabondo un capitulo de Hegel, quizais algúns tractos de Goethe” (p. 57), o que permite pensarmos que o de Trasalba laiou sempre non ter unha formación filosófica máis profunda. Tamén é un aviso a futuros biógrafos, … e estudosos da súa obra literaria, o que di sobre a influencia que nel exerceu a paisaxe galega: “Non foron a frase de Chauteaubriand crebada en salouco coma foula, nin o alén que chama no Fausto os meus sós mestres no alentar romántico. Foi a paisaxe galega, descubríndome amor, beleza, morte, dun xeito seu, non definido, máis ben póndome no camiño dun desvelamento de causas esenciais cuxa (sic) pescuda fora o signo e lei do mellor do ser” (p. 61). Será certo isto último? Non hai que esquecer que páxinas máis adiante afirma que en Madrid descubriu o pracer de camiñar, e Otero descubriu a paisaxe galega camiñando, polo que se pode dubidar que neses anos mozos a paisaxe do seu país exercera unha forte influencia nel.

Mais nestas lembranzas o que conta para Otero non é a verdade histórica, é a emoción dunha conciencia que deixa emerxer o pasado e representarse nela. Que ás veces entregue datos persoais ou que poidan servir ao futuro investigador ou biógrafo, é como unha concesión narcísica (por dicilo en palabra de Villares), mais tamén é unha auto-confesión, como cando conta que tres vieiros se cruzaron no seu traballar durante a súa mocidade, vieiros que, segundo el, “non chegaron a madurecer en sistemas donos da facultade de deter o tempo” (o subliñado é noso, xgg): a) un saber histórico e xeográfico; b) unha formación literaria moderna, c) unha “adicación filosófica”. Velaí os tres “puntais”, ou os tres resortes, da obra intelectual e literaria do escritor galego. Tres vieiros que se cruzan e entrecruzan en toda a súa obra literaria e, xa que logo, nestas lembranzas. E se un destes tres vieiros fica cegado, se un destes tres resortes falla, afúndese todo o edificio.

Por outra banda, estas lembranzas, como acontece coas autobiografías, non son máis que un medio para fuxir do tempo presente, do tempo social e histórico en que esta mergullado o seu redactor; mais o que garante a súa verdade e a non-resistencia de Otero ao sentimento e ao recordo, por iso a verdade que nos quere contar non é a da exacta localización dos feitos biográficos (ou históricos  e sociais ambientais), senón a relación que el, Otero, ten co seu pasado e, xa que logo, co seu presente.

Esperamos con impaciencia o primeiro tomo destas lembranzas (mágoa que non se saiba se existen máis inéditos sobre o tema!) e non deixamos de recomendalas a todos aqueles que consideran a Otero un escritor “difícil”. Se o lector chega atinxir o centro e o corazón destas lembranzas, o principio de vida que as anima, e que as organiza baixo a aparencia dun relato dócil á sucesión dos anos e dos feitos, chegará a atinxir a intuición e a óptica que lles valen ser o documento da orixe dun amplo desenvolvemento literario[1].

[1] Para non aborrecer o lector, descoidamos a parte máis anecdótica destas lembranzas, parte anécdótica, porén, que ten grande interese e na que ás veces se percibe unha fina, fina por mínima, ironia (nunca o sarcasmo) sobre persoas, feitos e lugares: ver o seu “retrato” de Ortega e as causas do seu “éxito” –como diría un castizo madrileño: “lo deja en pelotas” –ou como foi creado/inventado o Madrid de principios de século, etc.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s