Xosé Bangueses: “A impresión baixo demanda beneficiaría o libro en galego”

Pepe BanguesesCésar Lorenzo Gil.

Xosé Bangueses (Ribadavia, 1954) leva máis de corenta anos vendendo libros. Coñece polo miúdo o comercio editorial galego e, a pesar do tempo, conserva o entusiasmo e as ganas de innovar. Foi director comercial da Editorial Galaxia “nos tempos da esperanza”, a finais da década do 1980 e desde o 1979 dirixe a libraría Abrente, de Bueu. Desde o Morrazo iniciou ultimamente un ambicioso proxecto para levar libros galegos a toda Europa grazas á internet.

A súa libraría xa non sei se está en Bueu ou en calquera lugar, grazas á web.

Abrente segue a ser unha libraría de vila pero hoxe en día non nos podemos conformar co volume de negocio que crea unha localidade de 13.000 habitantes, rodeada por cidades por todos os lados. Temos que estudar os novos comportamentos dos compradores de libros e adaptarnos a eles. Foi por iso que creamos unha plataforma de venda de libros pola internet, para rachar as nosas limitacións e darlle unha nova vida a un negocio que xa vai para os 40 anos.

Vender libros pola internet non parece doado. Hai moita competencia e dous grandes dominadores no Estado: Amazon e Casa del Libro.

Sabemos diso. Non podemos competir coas mesmas ferramentas e estratexias. Sería absurdo. O que podemos é ofrecer o mesmo, ou mellor, en canto á atención ao cliente e logo darlle un servizo especializado, diferente ao que poden encontrar nesas librarías en liña. En Abrente servimos libro galego en 24 ou 48 horas. Non cobramos gastos de envío a partir dos 24 euros de pedido, chegamos a calquera punto de Europa e o cliente percibe o noso compromiso coa calidade desde o momento que ve a embalaxe.

Cal é ese punto de diferenza que os fai competitivos?

O noso coñecemento do libro galego ou dedicado a Galicia e a nosa capacidade para conseguilo neste tempo record. Temos traxectoria, contactos, dedicación; sabemos que se edita e que se editou e onde conseguir eses títulos que desprezan esas grandes plataformas. Ademais, non nos conformamos con esperar os lectores. Imos ao seu encontro. Grazas ás redes sociais hoxe é posible estar perto da persoa amante dos libros e transmitirlle esa confianza necesaria para que pense en ti cando ten necesidade de encontrar este ou aquel exemplar. Ás veces pensamos que ese plus é suficiente e que a cambio desa sabedoría libreira, o cliente vai esperar moito tempo por un libro ou ir buscalo á libraría. Nós pensamos que todo isto só está ben se podemos tamén darlle todas as comodidades, que o proceso de compra sexa rápido e fácil.

Os libros daquela xa non se venden na libraría?

Conviven varios tipos de compradores. É necesario que nas librarías teñamos exemplares que poder tocar, que poder ver. É certo que se un libro non está no escaparate perde moito de vender. A xente aprecia o que coñece. Pero sexamos realistas, a superficie das librarías comúns é demasiado pequena para dárenlles a todos os libros o lugar que merecen. Así que hai unha parte do comercio que se fai sobre a imaxe do libro, sobre a referencia que o cliente trae da casa. Coa xeneralización da internet, a información sobre eses libros chega por diversas canles. O lector puido ler unha recensión, ver un anuncio, soubo dun libro lendo doutro. E nese momento concreto quere poder adquirilo. Pensemos na xente que vive no rural, non no rural remoto senón no que circunda as cidades de Galicia. Para comprar un libro ten que coller o coche, pagar por aparcar, perder dúas ou tres horas. É nese momento cando pensa: éme moito mellor compralo pola internet. Nós, como libraría, temos que estar na mente dese comprador xa nese intre, antes de que escolla onde mercar.

Como se consegue?

Formando parte do proceso de difusión e coñecemento dos libros. Nós publicamos un boletín semanal de novidades ao que están subscritas case mil persoas. Participamos en diferentes foros e grupos sobre temas galegos. A xente que quere profundar no coñecemento de Galicia conta connosco porque sabe que nós entendemos diso.

Un dos seus novos proxectos é unha sección de segunda man.

É un proxecto diferente do que aínda non podo tirar conclusións porque leva un mes en funcionamento. Trátase dun servizo de intermediación entre persoas que queren vender os seus libros usados. Abrente ofrece soporte comercial para venderes os teus libros ao prezo que ti marques. Como o propósito é fomentar a lectura, en troques de diñeiro líquido a cambio recibes o valor da venda en libros. É algo así como un plan renove, pensado para amantes da lectura que quizais non dispoñen de diñeiro para unha compra habitual ou que precisan espazo nos andeis para novos volumes.

Hoxe é raro atopar libreiros co seu entusiasmo, con tantas ganas de facer cousas novas. O habitual é atopar lamentos cando non peches.

Vivimos tempos difíciles para o comercio, en especial o dos libros. As vendas baixaron desde o 2008 un 40% como media. Esa caída tivo efectos dramáticos no tecido libreiro galego. Pero coido que, ao igual que sucedeu con outros sectores, os establecementos que peor aguantaron foron aqueles menos tecnificados, é dicir, os que descoidaron a dedicación ao produto que vendían, librarías que se montaron por montar algo, que aproveitaban un local familiar á porta dun colexio e servían de refuxio laboral para persoas sen unha formación específica. Non digo todas pero moitas das librarías que pechan encaixan nese perfil. Calquera negocio precisa constante renovación, pensar e repensar como ampliar as marxes, poder manter a facturación para poder manter os empregos… Eu teño 62 anos e xusto por iso hai moitos proxectos aos que non me meto pero hai outros que paga a pena explorar. Ti pensas e tes expectativas e logo vén un pedido desde Estocolmo e dis: “quen mo ía dicir a min”.

Unha das queixas máis habituais entre os libreiros é a pouca marxe de beneficio das vendas.

En Gran Bretaña ou Francia, os libreiros quedan co 40% do valor de venda ao público dun libro, en todos os casos. En España, como máximo, conseguimos o 35% pero hai casos nos que fluctúa entre o 20 e o 30. Cada elemento que incremente o custo do libro pode ser crucial. No noso caso, temos que axustar moito os gastos de transporte ou embalaxe para que ese encarecemento que non sofre, que non pode sufrir o comprador, non derrame o noso gaño. Case sempre estamos a facer equilibrios para non darmos perdas.

Antes dicíame que o libro que non está no escaparate non se vende. Case nunca hai libros galegos nos escaparates. Por que pasa iso?

Hai moitos factores. Por unha banda, o Goberno non estimulou un mercado do libro en lingua propia, non creou unha cultura do libro galego que se contaxie entre os libreiros. Os donos das librarías son coma o resto dos galegos, hainos concienciados e hainos que só miran o negocio puro e duro, outros haberá que teñan preconceptos contra o libro en galego. Dado o desinterese político, deben ser os editores e autores os que estimulen dous comportamentos complementarios: que os lectores queiran ler libros en galego, que os pidan e que os libreiros se sintan cómodos na relación co libro en galego.

Non se senten cómodos con editores e autores, polo tanto.

Non digo iso. É só usar o sentido común. Se un editor llo pon fácil ao libreiro, este responderá con maior aprecio. Mellores marxes, comprensión coas súas necesidades, coñecemento do negocio para non perder vendas… Pensemos no tipo de mercado que hai en Galicia. Hai editores que pensan que se conseguen vender en sete librarías van conseguir esgotar unha tiraxe de mil exemplares. Iso é imposible neste país. Hai que coidar de todas as vilas, de todos os barrios, non desprezar ningunha libraría por pequena ou marxinal. Non é concibible que o libreiro teña que facer pedidos de 150 euros para poder ter tal ou cal título ou asumir os custos de transporte de un ou dous exemplares que manda o editor ou o autor que se autoedita. Se a perspectiva para o libreiro é tan negativa, que vai pasar? Que cando lle veñan pedir ese título que pon tantos atrancos, vaille dicir ao cliente: “Nin o teño nin o vou ter”.

A distribución é, polo tanto, a grande eiva da edición galega.

No nivel comercial está o seu meirande problema, si. A produción editorial é boísima, hoxe publícanse libros preciosos, cun alto nivel de excelencia. A calidade literaria é indiscutible. Os autores galegos gañan os principais premios do Estado e non temos nada que envexarlle a ninguén a ese nivel. Pero logo a distribución non funciona. Falla ese labor comercial e ese fallo hipoteca a propia sobrevivencia da industria editorial.

Non podemos ser cínicos, entre dous libros igual de bos, o libreiro sempre vai recomendar aquel que lle dea máis ganancia.

Hai algunha solución?

Coido que si. Unha sería a coordinación das diferentes editoras, a través da Asociación Galega de Editores (AGE), por exemplo, para conseguir mellores prezos dos provedores, tanto imprentas coma transporte. Hai que aproveitar que todos os mercados están necesitados de clientes para unirse e facer forza, para conseguir rebaixas que logo se noten ben no prezo ao público ben nas marxes que se lles poden ofrecer aos libreiros. Non podemos ser cínicos, entre dous libros igual de bos, o libreiro sempre vai recomendar aquel que lle dea máis ganancia.

Outro paso que deberan dar é potenciar a impresión baixo demanda. Hai moitos títulos que hoxe en día non precisan de tiraxes grandes, de gastos de imprenta e de almacén, polo tanto. Ao contrario, poden estar feitos e imprimírense só cando o cliente os pide. Agora mesmo hai unha empresa que opera con este sistema pero o ideal sería que a propia AGE crease a súa propia imprenta con capacidade para fabricar un só exemplar. Tendo en conta o volume de negocio da propia rede da asociación, o negocio estaría asegurado.

Falamos de grandes dificultades pero o sector non deixa de producir novos actores. Aumenta o número de editoras, tamén en galego.

Hai que relativizar ese suposto florecemento. Son editoriais de tamaño moi pequeno, case sempre formadas por unha ou dúas persoas, cun plan de negocio feble (refírome a que non pensaron en moitas das fases obvias do proceso de fabricación e venda dun produto editorial) e unhas expectativas económicas e anímicas nin sempre acordes á realidade do mercado. Ter no mercado 150 editores coido que non é o desexable, a non ser que se conseguise a coordenación da que falaba antes, que moitos procesos se fixesen por xunto para aforrar e conseguir maior influencia diante dos provedores.

Sen lectores non hai compradores e os lectores créanse na biblioteca.

Vostede ten unha amplísima experiencia comercial. Polos seus ollos pasou o devir do libro galego case desde a chegada da Autonomía. Gustaríame coñecer a súa visión destas décadas.

Atravesamos diversas fases. Ao primeiro, cando comezaba a década do 1980, publicábanse moi poucos libros en galego. O comprador de libro galego era militante, axudaba á cultura propia adquirindo eses poucos títulos que se publicaban. Logo a cousa cambiou, principalmente grazas á implantación do libro de texto. O libro de texto foi o gran motor do negocio durante moitos anos. Non só por si mesmos senón porque serviron de punta de lanza para o sistema que se chama de prescrición, é dicir, aquel no que a comunidade docente recomenda lecturas que logo o alumnado (a familia) compra. Nesta fase a industria puido expandirse, vendíanse grandes tiraxes, especialmente de libros vinculados coa comunidade escolar. Foi un tempo de esperanza. Mais en canto chegou a crise e a tecnoloxía dixital crebou o modelo do libro de texto, todo se esfarelou. Caeron as vendas porque durante o tempo todo o Goberno do PP, primeiro con Manuel Fraga e agora con Alberte Núñez Feixoo, promoveu, o de antes máis ao escuso e o de agora sen remorso, a marxinación da cultura galega. É dicir, non houbo unha política de fomento do hábito da lectura, isto nunha sociedade moi pouco lectora, onde as familias non transmiten a imaxe do libro aberto e na que, ademais, as bibliotecas nunca se dotaron convenientemente. Sen bibliotecas potentes e dotadas non hai clientes para as librarías. Sen lectores non hai compradores e os lectores créanse na biblioteca.

E aínda peor, se na escola durante anos foron os mestres e profesores os que motivaron o alumnado a ler. Se durante xeracións foron as escolas de Maxisterio viveiros de profesionais motivados e cun alto nivel de conciencia galeguista, hoxe iso non sucede. Por unha banda, os docentes poden prescindir do libro. Abren na tableta a unidade didáctica e pronto; os alumnos aprenden con mecanismos dixitais. E como non teñen a maior parte dos mestres sensibilidade pola cultura galega, xa nin recomendan comprar libros porque consideran (e en parte teñen razón) que ás familias bastante falta lles fai o diñeiro para cousas básicas.

Agora xa non hai tanto abafo mediático sobre o final do libro de papel. Non sei se os libreiros gañaron algo máis de acougo, hai anos eran moitas as voces que os querían convencer de mudar radicalmente o seu negocio.

O libro dixital en efecto vai vir máis amodo do que moitos pensaban, ou querían, mellor dito. Coido que existen dúas culturas da lectura. Cóntame miña filla, que traballa dacabalo entre Barcelona e San Francisco, as diferenzas que hai nos hábitos de lectura nos dous continentes. Nun vagón do metro catalán quen le, le un libro, en case todos os casos. No metro californiano, a maioría de quen le, le no iPad ou no kindle. Este cambio é moi interesante e ten varias explicacións. O libro, no caso galego, é un obxecto minoritario na sociedade. Dentro desa minoría lectora, quen máis o practica son os que teñen entre 40 e 65 anos. Somos persoas afeitas a un obxecto que ten máis vantaxes ca o libro electrónico. O papel non foi superado e podemos dar as explicacións que queiramos pero a cousa está clara. O CD non tivo oportunidade ningunha diante do spotify; o libro dixital non alcanza nin o 5% do volume publicado en España. Xerais, que ten a biblioteca dixital máis potente, recoñece que as vendas procedentes dese segmento apenas superan o 1%. Eu non digo que en 15 ou 20 anos o proceso de cambio si se dea. Xa daquela tomarán o relevo os nativos dixitais cuxa relación cos libros será diferente, entre outras cousas porque xa non conviven con el na escola, como dixen antes.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s