O libro práctico no tempo da internet

DIY. JAMES PROVOST.

DIY. JAMES PROVOST.

César Lorenzo Gil.

Na internet é certo que hai de todo. Vídeos de un minuto que aprenden a instalar e manexar todos os programas informáticos do mercado; instrucións para construír un galiñeiro de madeira paso a paso; vinte mil maneiras de cociñar polo ao curry… A rede leva alimentándose desde o seu nacemento do esforzo altruísta de millóns de persoas que depositan o seu coñecemento en blogs, vídeos e demais contidos en todas as disciplinas e para todos os públicos. E aínda así, este cadal e caudal de coñecementos non conseguiron varrer do mercado o libro práctico. Como é que resiste nos tempos nos que sae máis barato prender o ordenador e buscar calquera cousa a calquera hora?

O libro práctico, coma case todos os libros, ten varias vantaxes para o lector ou persoa interesada nun tema en concreto. Debullámolas porque forman parte do esquelete simbólico que mantén en pé a nosa maneira de entender a cultura.

O libro é fiable. Si é certo que circula moitísima información pola internet. A maioría do que se publica nace dese altruísmo do que falamos. Hai boa vontade e ganas de axudar. Pero podémonos fiar? A empresa alemá Vorwerk, fabricante e comercializadora da célebre Thermomix (un dos mellores robots de cociña do mercado), sinala na súa web que receitas foron confeccionadas e cales non. É dicir, dálles garantía só a aquelas que foron redactadas polo equipo da propia web. Esta garantía está transmitida tacitamente por un libro. Se compramos as Novas lambetadas dunha larpeira, de Merche Rodal (Galaxia) dámos por feito que no prezo da obra vai implícita a profesionalidade da autora e da editora, que o contido é fiable. O cálculo necesario para un prato parece pequeno ao lado da precisión que se necesita para acometer a restauración dun moble, a construción dun pendello ou o deseño dunha horta.

O libro está ordenado. A pesar de que as páxinas web teñen mecanismos de ordenación e consulta que non están ao alcance do papel, o modo de acumulación de datos pode resultar confuso para quen busque unha información detallada, xerarquizada e, sobre todo, puída de “palla”. O libro práctico recolle a información completa nun só volume, acomódase mellor ao proceso de aprendizaxe e execución porque está pensado para acompañar o lector/usuario en todo o proceso e en calquera lugar. A información na internet é secuencial: diferentes planos (pantallas) que van pasando unha por unha. O papel permite perspectiva xeral, un único plano que vai máis alá da propia páxina, que se ordena en función dos tamaños da tipografía, os diferentes niveis de lectura e o rol das ilustracións e fotografías.

O libro é versátil. A chegada das tabletas e a consolidación do móbil como primeira ferramenta de acceso á rede facilitaron moitos usos da información da internet. Hoxe podemos colocar o teléfono na cociña mentres amasamos a empanada ou ir seguindo o vídeo explicativo de como desatascar o sumidoiro da ducha sen facer contorsionismo. Mais aínda así, o libro en papel gaña en versatilidade. Non precisa electricidade nin é fotosensible, comas as pantallas. Permite que o abramos e quede pousado aberto, que dobremos as páxinas, que consultemos case a un tempo textos separados. Podemos subliñar nel ou manchalo de pintura, ou de area ou de salsa de tomate sen que se derrame.

O libro permanece. A internet non é precisamente unha biblioteca. A información flúe, renóvase, vive durante un tempo e logo desaparece. Alguén recorda Geocities? Pois iso. Aínda que a vida dos libros é máis curta do que moita xente pensa, un libro práctico pode acompañarnos durante moito tempo. Non temos medo a “perder” algo se non o usamos na hora. Ese libro que compraches sobre como construír cubertas vexetais no tellado da túa casa pódelo gardar até que teñas tellado onde levar as ensinanzas de Gernot Minke a cabo. A permanencia convértese en confort para quen posúe un libro. Esta sensación non é exclusiva do libro práctico pero neste caso súmase ao principio de autoridade do que falei antes: o libro práctico espera no andel até ter o seu intre de gloria. Que llo digan a Cocina galega, de Álvaro Cunqueiro, un deses volumes que só tomamos na man nas grandes ocasións.

O libro desfrútase máis cando temos máis información. É necesario recordar que sen a internet, o libro práctico tería menos riqueza. A expansión da rede axudou a que moitos temas que antes tiñan unha difusión marxinal en calquera sentido (por número de usuarios, por limitacións xeográficas ou lingüísticas) de repente se volvan globais. Unha mañosa de Middlesbrough modifica unha mesa Lack do IKEA e sobe a foto ao pinterest. A partir de aí mañosos dos cinco continentes toman a idea, adáptana ás súas necesidades e engordan a rede. O que parecía unha teima persoal acaba por converterse nunha moda xeneralizada. Ábrense blogs, nacen empresas que intentan rendibilizar a tendencia. Unha editorial publica nun libro consellos e exemplos de como personalizar mobles suecos e vende miles de exemplares. A historia non é inventada. Existen ducias de libros que parten de tendencias xeradas anteriormente pola internet. O usuario da rede non se conforma unicamente cos contidos que coñeceu grazas a ela. Necesita algo máis, ese novo grao de excelencia, fiabilidade e confort que só lle pode dar un libro. A cambio do prezo da obra intercambia unha idea por un obxecto. É por iso que habitualmente hai blogs que se converten en libros, con grande éxito de vendas. Dáse en moitos campos, desde a horta urbana á cociña.

Atrapa no andel ese becho (unha afección, un vicio, algo que quere probar) que até entón simplemente pairaba no ambiente. Pero ollo, non hai que fiarse. Ás veces, comprar o libro sobre casas de palla ou sobremesas que non precisan forno é a mellor maneira de matar e sepultar ese becho.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s