‘Morena, perigosa e románica’, dantesca de verdade

Pedro Feixoo. MONTSEDOPICO.COM

Pedro Feixoo. MONTSEDOPICO.COM

Dantesco:

  1. Relativo ou pertencente ao poeta italiano Dante Alighieri ou á súa obra.
  2. Que inspira terror.

Dicionario da Real Academia Galega.

Dante Odeón é un representante de artistas pobres que coa intención de conseguir seducir unha veciña, acepta localizar o fillo desta, supostamente desaparecido. Resulta que o tal fillo está a participar no proceso de fundación dunha banda de ladróns que, tras a intervención oracular de Odeón, decide roubar a imaxe da virxe de Montserrat, en Catalunya.

Morena, perigosa e románica é a terceira novela de Pedro Feixoo, un dos poucos autores en galego que crea expectativas no ambiente extraliterario mercé ás cifras de vendas dos seus anteriores traballos. Esta novela, que se presenta co subtítulo de Comedia dantesca, ten pouco do primeiro e moito do segundo. Veremos por que.

O humor

O libro propón un argumento sen pés nin cabeza, unha estrutura fráxil e unha trama inverosímil a cambio de conseguir unha sucesión de momentos cómicos que manteñan o lector ocupado no riso sen reparar noutros defectos. Algo así como ofrecer unha salsa deliciosa, tanto que escusemos que o bisté que a acompaña estea teso coma unha sola de zapato. O problema é que neste caso, a carne está dura e o prebe tan condimentado con sal gordo e vinagre que é complicado encontrarlle algún sabor comestible.

A liña humorística que propón Feixoo raramente consegue provocar medio sorriso. En comparación, os diálogos de Gym Tony parecen obra de Aaron Sorkin. Chistes e situacións absurdas que resultan mediocres no tempo dos memes do Facebook, por debaixo do nivel dunha secuela de Scary Movie. 

O engado

Esta novela quizais busca deliberadamente un baixo nivel expresivo, unha sintaxe deficiente, unha mensaxe narrativa conservadora a mantenta (neste libro inclúense varios clixés racistas), como unha estratexia de captación de lectores que habitualmente non len. Agora está de moda ese concepto: conseguir que os non lectores fagan unha excepción e modifiquen as súas rutinas de lecer ofrecendo algo que parece literatura pero que non o é, e polo tanto non asusta. Algo así como ofrecerlles ás persoas vexetarianas postas de peixe modificadas de tal xeito que poidan pasar por acelgas. Camuflar o sabor ou a aparencia das cousas e dos conceptos xa se usa, normalmente para tranquilizar as conciencias dos pais que, diante das dificultades de que as súas criaturas proben o rapante, lles friten palitos do Capitán Pescanova. O resultado xa o sabemos: calorías baleiras e ningún resultado na ampliación da dieta dos cativos.

Cos libros pasa igual. Só a literatura de calidade crea lectores. Ninguén se namora do fútbol vendo un partido cheo de cambadelas, piscinazos e punteirolos. O primeiro mandamento da narrativa, incluso a que renuncia a ser literaria, como é o caso, é manter a verosimilitude. Neste libro, observamos como un personaxe logo de pasar cun grupo de persoas media hora nunha bocataría, non só consegue que a seguinte vez que se atopan, a mil quilómetros, xa todos se consideren íntimos senón que ademais, o tal protagonista xa se ve implicado sen escapatoria nos seus plans.

Os trucos

Podemos concluír que o obxectivo da novela, en efecto, é perpetuar un modelo, unha fórmula que o autor valora como exitosa para o seu principal obxectivo: vender a edición completa e aspirar ao maior número de reimpresións. Para logralo, manexa un certo número de trucos, moi patentes neste libro.

O peso: Coma naqueles folletóns dos séculos XIX e XX, o número de páxinas é un valor editorial. Débense encher páxinas e páxinas con diálogos irrelevantes para que ao final quede un libro máis groso (426 páxinas neste caso); un libro máis rendible aos ollos dos potenciais compradores: máis lectura polo mesmo diñeiro. Hai anos, o escritor de best-sellers Ken Follett explicábao con certa graza. “Eu empecei escribindo novelas de 200, 250 páxinas. Non as vendía. Eu non entendía nada. Pensaba que a xente agradecería a síntese, a escolla e a edición que eu fixera no libro para aforrarlles páxinas sen valía. Mais logo probei a mandarlle á editorial o primeiro bruto, aquilo que me saíra así, sen desbravar. Foi o meu primeiro éxito. Unha lectora deume a clave: Con libros así, si que lle saía a conta ir á libraría gastar unhas libras”. Miña nai dá outra visión sobre a teoría: libros son aqueles que locen nos andeis e se ven de lonxe, os outros son simplemente libretas.

Espazos recoñecibles: Escoller como escenarios espazos que existen de verdade, e recrealos máis ou menos fielmente, sempre é un bo negocio. Neste caso, Feixoo preséntanos algúns lugares con ánimo de inmortalizalos. É especial o caso do bar Carballo, de Vigo. Este uso da realidade facilita a identificación do lector, desculpa a inverosimilitude da acción, supoño que lle garantirá ao autor bufé libre de aceitosos bocadillos de tortilla e incluso vén de marabilla para logo poder facer un roteiro “literario” deses.

Internacionalización: Usa as referencias propias (galegas, viguesas) pero non te prives de novos escenarios. Mantén os lazos con Galicia, que é onde realmente vendes e conseguiches influencia pero, por que non localizar o cerne da historia noutra atmosfera xeográfica? Busca unha relativamente próxima, que coñezas, a poder ser algo máis dinámica desde o punto de vista cultural, onde se compren máis libros, vaia. Que mellor para iso que Catalunya, onde vive o autor e onde inventaron unha festa que consiste en comprar obrigatoriamente un libro.

♦ Morena, perigosa e románica, de Pedro Feixoo, Xerais, 2015. 426 páxinas. ♠21€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s