Noticia de Pedro Guimarey, dramaturgo de éxito asasinado no 1936

Pedro Guimarey Pepa Andrea

Retrato de Pedro Guimarey e cuberta da súa obra teatral en galego ‘Pepa Andrea’, publicada na editorial Nós de Ánxel Casal en 1933.

O plan mestre do golpe de Estado fascista do 1936 incluía borrar a memoria daquelas persoas que máis activamente loitaran por transformar a sociedade galega. No caso de Pedro Guimarey case o conseguen. Autor teatral de éxito en galego, narrador en castelán, á parte de ser asasinado por falanxistas, desapareceu da Historia da Literatura Galega e incluso se intentaron borrar os seus méritos.

Xosé Enrique Acuña.

Un home en plena formación aproba en maio de 1926 os exames que lle permiten exercer a profesión de practicante. Desde ese instante só circularán dez anos para que a súa vida quedase violentamente truncada tras ser un dos moitos asasinados nas matanzas do 1936. Neste curto intervalo de tempo, Pedro Guimarey foi un escritor con obras de diversa feitura que de seguro lle conducirían, nun futuro de normalidade, cara a unha obra literaria asentada. Malia a relevancia social que no seu Ferrol natal se dotou, pasará, logo do seu asasinato, a ser unha vítima case esquecida do terror fascista. No seu caso, de pouco valeu que fose un poeta e novelista, que publicase varios libros, nin que as súas obras de teatro gozasen tanto do éxito da representación como dun público afecto e natural. Un silencio tan estraño como inexplicable afastouno do recoñecemento que outros políticos e loitadores sociais, como tamén o seu caso, lograron das xeracións que se sentiron herdeiras do seu claro compromiso coa liberdade.

Un practicante que escribía

Desde o seu oficio ligado á sanidade, Guimarey comeza a colaborar nun xornal profesional, El Practicante Galaico, en datas previas a un 1930 en que xa se lle detectan artigos nos que o seu pensamento político se mostra sen reparo. Veciño dese Ferrol que tanto se implicara na denuncia das guerras imperialistas, sitúase nun ideal pacifista que manterá intacto en anos republicanos por medio da militancia política e un activismo cultural e social ao que, en anos máis mozos, se lle suma o seu tempo de futbolista en onces ferroláns como o Hispania e o Racing, equipos nos que xogaba en 1925. Cinco anos despois, Guimarey xa era un intelectual que en maio de 1930 demandaba —por medio dun artigo titulado “Himnos de Paz”— que novelas tan vixentes neses días, as dúas, clásicas do movemento pacifista internacional como Abaixo as armas!, da escritora austríaca Bertha von Suttner ou Sen novidade na fronte, de Erich Maria Remarque, pasasen a formar parte integrante das bibliotecas dos centros de ensino e que fosen indispensables en todos os fogares para que estes libros —escribía— fosen “leídos hasta identificarse con ellos, alimentando así nuestros sentimientos de horror a las guerras entre hombres, terribles plagas que diezman la humanidad conduciéndola a la miseria, regando con sangre humana los campos que antes lo han sido por el sudor de los hombres trabajadores y humildes: los campesinos”. Pedro Guimarey consideraba que o desarme material non era a exclusiva vía que garantise unha paz duradeira. Apostaba por un “desarme espiritual” que só podería chegar desde a expresión pedagóxica: “Y es a los niños, hombres del mañana, a quienes debemos conculcar el horror y odio a la guerra”. E como exemplo informaba do que viñan de implantar nas escolas de Gales ao declarar o 18 de maio como Día da Paz. Guimarey sumábase a unha iniciativa pola que, así o recolleu, nos centros de ensino galeses, na vez de cantos marciais, nenos e nenas entoaban himnos pacifistas. Un artigo no que reflexionaba sobre o verdadeiro camiño a tomar e á vez facer critica dos vieiros autoritarios que nese momento histórico representaba a Italia fascista de Mussolini: “Mientras los niños piensan y sienten como grandes hombres, un hombre grande elevado a la categoría de amo y señor de un pueblo pobre en ideales de libertad, y enchido de bufónica grandeza, háblales a los niños de su nación de poderío, ambición, reconquista de grandezas perdidas; para cuyo logro na vacila en insinuarles el fratricidio”.

Filgueira Valverde atribuíulle, erradamente, a autoría de Pepa Andrea a Pérez Parallé.

Os artigos de opinión política compaxinábaos Guimarey cunha aprendizaxe literaria que ensaia primeiro desde a poesía con iniciáticas entregas na revista Vida Gallega. Os catro poemas en castelán que decide publicar mostrarán non máis que unha inexperta ancoraxe nos vizos da poesía máis arcaica, e sen que neles se lle reborde aínda a preocupación social que, en breve tempo, marcará os seus escritos futuros. Activo na loita contra a ditadura primoriverista e no republicanismo ferrolán, en 1931 Guimarey responsabilízase como director dun pequeno e experimental xornal que se ideou para ser espallado de balde entre o alumnado das escolas públicas ferrolás. Foi a súa etapa a cargo de Nueva infancia. Ensayo de periódico para niños (alí escribiron tamén Xaime Quintanilla, Francisco Meirás e José López Bouza) e que, dentro do seu perfil como xornalista, ten continuidade en setembro de 1932 cando se anuncia que Guimarey asume a dirección dun voceiro dos republicanos de esquerdas creado en Ferrol baixo a cabeceira de Renovación. Nesta repartición de actividades políticas, profesionais e xornalísticas, ese Guimarey plenamente activo ten tempo para publicar o  que sería o seu primeiro libro. Unha obra editada pola imprenta Nós de Ánxel Casal e que apostou por titular Pepa Andrea co engadido de “novela iñota”. Un título confuso e unha acreditación de autoría na capa igualmente confusa que, desde o mesmo momento da súa saída do prelo, xerou confusións sobre a autoría real do libro. Publicada en setembro de 1933, esta obra de Guimarey recollía en realidade unha obra teatral que se anunciaba na cuberta como “escenificada por J. Pérez Parallé”. Unha ambigua descrición da autoría que conduce a Xosé Filgueira Valverde, no momento que firma unha recepción desta obra, a apostar por Xosemaría Pérez Parallé como o verdadeiro autor que, no seu entender, medio se agacharía baixo o heterónimo de Pedro Guimarey. Filgueira, sempre vaticanista de seu, e que coñecía a Pérez Parallé de compartir activismo católico, non gusta do contido da peza teatral de Guimarey —malia que está escrita en galego— por conta do que el detecta como un ataque aos valores conservadores e eclesiásticos. Diálogos que aparecen na obra de Guimarey nos que explicitamente se recollía como un mestre non obrigaba os seus escolantes a asistir á misa e momentos nos que se rezaba unha sorte de “Pai noso” (no que o orante se expresaba en termos afastados do discurso curial: O pan noso, o pan coa túa carne feito, aló no ceo!, dámo, noso Señor, que estou famento…) non entraban no imaxinario relixioso dun intelectual galeguista, devoto do seu integrismo católico, como era Filgueira Valverde. Toda unha crítica de clase que alertaba sobre o contido de Pepa Andrea que vai ser tamén recibida por Antón Vilar Ponte —quen, paradoxalmente, vai ser o autor do prólogo da obra— cunha paternalista desconfianza. Igualmente home de teatro, e malia destacar que a peza estaba “escrita en lingua vernácula”, tampouco disimula Vilar Ponte que as teses anticlericais expostas por Guimarey, segundo o seu criterio, “non axudaban” ao avance do teatro de expresión galega. Un acreditado librepensador como el propón —ante o que el entende como unha débil construción dos personaxes por parte de Guimarey— “fuxir do teatro de símbolos do século pasado, no que cae o mesmo Galdós, onde o enxeñeiro era sempre a liberdade, o progreso; e o comerciante, o mercadeiro e o crego, a reacción”. Moi na liña do que el mesmo procurou cultivar como dramaturgo aposta por un “cultivo do folk-drama ao xeito do teatro irlandés (….) teatro de ambiente e costumes onde as almas se moven avaladas polo seu ser natural, como o peixe no auga”. Como resumo, pontifica: “Pepa Andrea, este drama de Pedro Guimarey, é bo, algo do século XIX. E nós temos que crear teatro do século XX”.

Un teatro representado pola clase obreira

As visións de Filgueira e Vilar Ponte, entre ideolóxicas e elitistas, non evitaron que esta primeira obra teatral de Pedro Guimarey chamase a atención dos grupos de teatro popular situados na contorna das organizacións agrarias e obreiras. De tal xeito que Pepa Andrea foi escollida para ser representada en repetidas ocasións e por distintos cadros dramáticos populares. Malia a seria dificultade que tiña a memorización do seu amplo contido, Pepa Andrea foi preparada pola agrupación Queixumes dos Pinos da parroquia viguesa de Lavadores en maio de 1934. Actores e actrices pertencentes a familias obreiras e campesiñas, e poucas veces citados con nome e apelidos nas historias oficiais do teatro en galego (neste caso de Lavadores: Eulalia Alonso —a facer de Pepa Andrea—, Pepita Bergos, Donato Bernárdez, Enrique Martínez, Jose Laredo…), representaron a obra de Guimarey co mesmo suceso que meses despois —febreiro de 1935— patrocinou o tamén vigués cadro de declamación de La Aurora de Sárdoma que, sen atender moito aos reparos de Filgueira e Villar Ponte, levaron ao seu palco societario unha nova montaxe da peza (neste caso a partir dun reparto no que participan, nos principais papeis, Josefa Gallego —Pepa Andrea—, Isolina Lago, Mirucha Romero, Lola Román, Antonio Alonso, Justo Román e Antonio Alonso…). Activismo teatral que non se pode separar, en ningún caso, do compromiso destes actores e actrices en organizacións agraristas de esquerdas, moi articuladas co movemento obreiro vigués, e que por iniciativa dos animadores e promotores dos cadros artísticos, non dubidaron en sentirse atraídos polas mensaxes de clase que desprendían obras como esta de Pedro Guimarey. Moi na mesma liña e no Ferrol onde aveciñaba, o autor de Pepa Andrea ocupaba desde 1933 o cargo de bibliotecario dun plenamente obreirista Centro Obrero de Cultura e mesmo aparece implicado nos conflitos internos que vive un activo e radicalizado, nidiamente esquerdista, sector do republicanismo ferrolán. Guimarey e Antonio García, os dous militantes por esas datas do Partido Republicano Democrático Federal (a vella organización fundada por Pi i Margall), enfróntanse en outubro de 1933 a José Fraga, outro dirixente da formación, en días nos que Guimarey se implica na campaña en favor dun Estatuto de Galicia até o punto de ser escolleito para ser unha das figuras políticas que tomen parte nun mitin autonomista que se celebra no Salón Moderno de Sada en novembro dese mesmo ano. O Guimarey mitineiro vivía da experiencia que exhibira mediante conferencias sobre Concepción Arenal (1934) ou, a insistir sobre o seu pensamento pacifista, na que pronuncia baixo o título “Las tropas de los niños y las guerras de los hombres” que, en xuño de 1935, expón no “Ateneo Cultural de Ferrol Viejo”. Unha entidade da que, con outros compañeiros cos que mantiña parladoiro nas mesas do Café Suízo, e malia que estaba animada por anarcosindicalistas, sempre se mostrou colaborador. A súa voz igualmente achegábase ás organizacións campesiñas da contorna ferrolá. Un exemplo foi a charla —“La instrucción como basamento de la jerarquía ideológica” —que Guimarey imparte en Serantes na sede do Sindicato de Agricultores “Libertad y Progreso” en marzo de 1935. Un ano antes, no Ideal Cinema de Mugardos, festexa xunto a José Eiroa Mosquera (asasinado en novembro de 1937), Matias Usero (asasinado en agosto de 1936) e Ramón Ríos Sordo (tamén asasinado en agosto de 1936) o IV aniversario da proclamación da República. Oradores, os catro, ligados ao republicanismo de esquerdas en cargos directivos. Cando en maio de 1935 se fusiona o PRDF co Partido Republicano Radical Socialista, a nova formación resultante, Unión Republicana, contou con Usero e Eiroa en cargos de alta responsabilidade, e cun Pedro Guimarey, ben mozo, como presidente da súa executiva local.

Guimarey Nidos de esclavos Castelao

Capa da novela de Guimarey ‘Nidos de esclavos’ (1935) e dedicatoria que o autor escribe no exemplar que lle fixo chegar a Castelao.

A súa obra en español

Non pasara un ano da aparición do seu libro Pepa Andrea cando na revista valenciana Estudios. Revista ecléctica (nº 134, 1934), tan lida por Francisco Iturralde, un dos seus amigos ácratas da Escuela Racionalista de Ferrol, se recollía a saída do súa obra La Luminaria de Dios. Aparece cunha recepción tan contida como merecente do típico comentario que se lle reserva ao voluntarismo e entusiasmo dos autores noveis: ”Estampas vivas de un estío muerto subtitula el autor a este drama vigoroso y bien logrado (…)  El diálogo, justo y sobrio, sin dejar de ser elegante y expresivo. La trama muy bien llevada hasta el final. Sin ser lo que se dice una obra maestra, revela en el autor cualidades bien destacadas para hacer algo de vuelo en este arte. Hay aquí un escritor…”. As 158 páxinas do novo libro de Guimarey tamén chegaron a mans dun dos máis prestixiosos críticos do momento. Juan Chabás, un escritor e crítico xa daquela a militar no PCE, dedícalle a La Luminaria de Díos na revista madrileña Luz unha crítica na que non oculta reparos aos contidos do libro. Chabás —amigo de Arturo Cuadrado e por un breve tempo profesor na Universidade de Santiago— comezaba explicándolle aos seus lectores que “ha escrito Guimarey su drama dejándose penetrar por las emociones y procupaciones que mueven, conmueven, enardecen o deprimen a los hombres de nuestro tiempo, jóvenes de espíritu o de edad”. Deseguido —coa típica dureza que aplicaban os críticos capitalinos aos autores de provincias ou descoñecidos— subliña que “interés, cuidado y fuerzas para sostenerlo le han faltado a Guimarey”. O que pensaba eran excesos de maniqueismo en certas páxinas da obra de Guimarey lévanlle a Chabás a narrar en plena crítica de La Luminaria de Díos o que Federico García Lorca lles espetaba a certos escritores “radicais” cando estes lle facían valer os seus escritos: “Ah! Usted es comunista? Pues muy bien: martirio y biblioteca”. Chabás opta por reiterar a recomendación lorquiana a Guimarey: “El mismo consejo podríamos dar nosotros al autor de este drama, porque es excelente para escritores: martirio y biblioteca: Martirio, es decir, paciencia, desdén de la ligereza, orgullosa humildad de oficio, meditación, rigurosa exactitud para construir, y biblioteca, es decir, cultura, que no es sólo saber y afán de sabe más, sino también reflexión, íntimo conocer las cosas en ellas y en nosotros mismos, y hasta estilo en el pensar y en el sentir”. Duras palabras que resume un Chabás xa máis contemplativo co destino futuro que podería deparar a obra de Guimarey: “Hay en Guimarey posibilidades de un buen autor; pero urge que, para no frustralas, siga el consejo de Federico García Lorca a los señoritos comunistas”. O certo que esta crítica, para o autor, era xa todo un éxito que fose realizada. Non era nada habitual que un escritor galego, na práctica descoñecido, merecese a atención dun santón cultural como nese 1934 era Juan Chabás. Así, sen semellar afectado, o seguinte paso de Pedro Guimarey é entregar unha nova obra que asenta en xaneiro de 1935 cando a remata de imprimir na Tipografía Fojo de Ortigueira. En meses anteriores xerárase certa confusión por conta dun episodio, tamén madrileño, que lle causou enorme pesadume. O 8 de xullo de 1934 organízase nos salóns do Ideal Room de Ferrol unha homenaxe a Pedro Guimarey a modo de desagravio, e á vez como festexo, dun éxito literario inesperadamente frustrado. O escritor presentara un orixinal dunha novela ao premio de literatura que na capital española convocara a “Asociación de Artistas y Escritores Reunidos de Madrid” e no que, para sorpresa de todos, Guimarey consegue que o xurado lle conceda o galardón. Mais o premio, ante distintas presións, nunca chega ás súas mans pois lle foi retirado coa improvisada desculpa de que o galardoado “non era membro da asociación”. Toda unha contrariedade que tentan remendar os seus amigos máis achegados co acto do Ideal Room onde, para  arroupalo, falarón Antonio García e o avogado Alfonso de Cal. O dous bos amigos de Guimarey e os dous tamén asasinados no 36. A confusión rodeara os días previos á homenaxe despois de que fose bautizada a obra desposuída do premio literario con dous títulos distintos. Para uns medios xornalísticos trataríase de La Luminaria de Díos mentres que, para outros, sería unha nova novela de título Nidos de esclavos que é xusto a que dá a coñecer en xaneiro de 1935 e que, na realidade, fora a que merecese o retirado premio de Madrid.

Nidos de esclavos é unha novela obreirista, ferrolá, marcada pola loita de clases.

Con 221 páxinas e 18 capítulos, Nidos de esclavos configúrase como todo un avance nos modos literarios de Guimarey e un anuncio de por onde podería circular ou evolucionar a súa creatividade se a súa vida non fose laminada no 36. Unha novela de claro ambiente obreirista, plenamente ferrolá e na que a loita de clases marca o seu discurso político. Guimarey, moi ao estilo de Joan Salvat-Papasseit e aqueloutros autores que se desenvolvían no cultivo da épica proletaria, opta en Nidos de esclavos por un estilo narrativo que tamén ensaia en páxinas xornalísticas e que igualmente presaxiaban unha posterior —e xa que logo amputada— traxectoria como columnista. O artigo que firma baixo o título de “Los astilleros ferrolanos en la vida y la literatura” (El Pueblo Gallego, 25 de xullo de 1934) é todo un presaxio dunha narrativa na que se detectaban sinais vangardistas e unha linguaxe ben diferente á que, polo común, estaba a poboar a prensa galega. Unha reportaxe esta de Guimarey que —con certos toques de vangarda e máis emparentada co mellor da novela revolucionaria de quiosco— debera citarse como unha das mellores paxinas nunca escritas sobre o Ferrol obreiro dos anos 30. Unha reportaxe conceptual na que insire parágrafos, como o que se transcribe, nos que verte posición ideolóxica e unha firmeza literaria desde a que se poden imaxinar os valores que se dilapidaron co seu asasinato posterior: “Como un túnel bipartito, húmedo y denegrido, aparece el taller de Forjas, también bajo un cobertizo de aleros y con lingotes de hierro las chapas de hojalata en el tejado. Caldéanse en unas setenta fraguas, danzantes, las flamas verdosas en el carbón y resoplantes los fuelles remendados. Los hombres enjutos, como de palo (…) Y, además de leñosos, ciscados. Algunos, cuando el trabajo de apuro sale mal, elevan al cielo el hollín de sus blasfemias por las chimeneas de la ira. Y aburridos de ciscados, císcanse en todo lo ciscable. Parecen antropófagos. Además de comer el carbón, bébense el sudor los unos a los otros, y a todos se lo bebe el capataz, y al capataz el maestro, ya más aseado, el ingeniero y al ingeniero elegante el accionista y al accionista soberbio, ¿quien…? ¡Circuito de injusticias sociales salidas del hollín!”.

Xornalismo e novela

Contidos do xornalismo de Guimarey que son claro antecedente do que, seguro que ao mesmo tempo, participa nas páxinas que se converterán na novela Nidos de esclavos. Unha peza literaria que contén aspectos puramente obreiristas que estaban ausentes na creación literaria que neses momentos, tanto en galego como en idioma castelán, se estaba a realizar en Galicia. Guimarey traspasa á novela o firmamento obreiro de Ferrol, o traballo e os conflitos sociais, o mundo dos estaleiros, as folgas, o pacifismo activo e os enfrontamentos entre os sindicatos anarquistas e socialistas. Tamén o mundo do mar, a fame, as relacións interclasistas e as liortas desiguais e violentas coa policía. No circuíto das relacións humanas, Guimarey sorprende nesta obra cando non dubida en introducir aspectos tantas veces evitados como alcolismo e os malos tratos no interior das familias obreiras, o “celestinismo” materno. Emerxen reflexións sobre o feminismo e o papel da muller nos conflitos sociais e veciñais e mesmo asoma a loita entre peixeiras e leiteiras pola presenza de mexo no leite ou o acoso sexual dos mariñeiros estranxeiros ás mulleres polas rúas de Ferrol. Tamén ásperas descricións das vivendas (os “nidos de esclavos” e “las casas de los cerdos”) nas que a pobreza era a única decoración posible. Frases soltas esparexidas polo libro (exemplo: “dijo que eran las cinco un reloj vanguardista…”) dotan de personalidade instantes dunha obra na que, como discurso propio, xorden densas páxinas de cárcere polas que o protagonista da novela tenta traspasar un pensamento político no que o lector pode identificar os ideais de Pedro Guimarey. O resultado final é unha novela na que, o peor que conserva Guimarey dos tópicos da novela decimonónica, final incluído, couta e limita que todo ese espazo vital e de conflito se transmita cunha firmeza literaria equiparable á que, desde había décadas, desprendía a literatura europea.

Antón Vilar Ponte ocupouse outra volta máis da obra do autor ferrolán para retornar aos reparos que xa expresara cando aparecera Pepa Andrea. A se referir a Nidos de esclavos (na páxina dun xornal no que batemos de fronte co esquecido rostro de Pedro Guimarey) escribe: “Esta obra ya permite hacer, sin temor a yerro un certero juicio acerca de su autor. Las otras todavía acusaban los síntomas premonitorios de la incipiencia. Ahora bien Nidos de esclavos no puede considerarse tal que una verdadera novela, aunque el concepto ochocentista que de este género literario se haya modificado mucho. Más que una novela constituye un conjunto de crónicas que unifica un mismo lugar de acción”. Reparos que se centran na deriva ideolóxica obreirista que segue a localizar na obra de Guimarey: “aceptamos con reservas mentales una literatura de “clase” o proletaria, siempre que la luz central del superrealismo le infunda la belleza de la armonia”. Vilar Ponte, como no caso da recepción que realizara da obra de teatro en galego de Guimarey, insiste nunha reflexión —de novo paternal, potencialmente conservador e máis tamén a lle conceder o beneficio da inexperiencia— na que non concorda cos definidos criterios de loita de clases defendidos polo autor de Nidos de esclavos: “Los pocos años de Pedro Guimarey hipertroñando su sensibilidad ideológica con impulsos de noble rebeldía, atroñan a veces excesivamente su fina calidad literaria que le hace caer en la caricatura”.

Guimarey envioulle a Castelao un libro adicado onde o definía como “el mejor hombre de Galicia”.

Plenamente reivindicable polos retos que proxecta, Nidos de esclavos foi unha novela para a que, no concello de Ferrol, se propuxo en marzo de 1935 unha compra pública de exemplares, a petición de concelleiros de esquerdas Unha proposta que foi aceptada no caso do concello de Serantes que si decide mercar exemplares da obra de Guimarey, quen, pola súa parte, faille chegar el mesmo un exemplar a Castelao. O libro, hoxe conservado, conta cunha pequena dedicatoria manuscrita: “Al único, al genial Castelao, estas modestas páginas que, escritas en castellano, rezuman galleguidad en almas y paisaje. Vaya con ellas un cordial saludo al mejor hombre de Galicia”. Palabras redactadas polos mesmos días nos que se anunciaba que na revista madrileña Ciudad se publicaría un pequeno conto da súa autoría (Una ternera y un hombre), e en datas nas xa que andaba comprometido na preparación de novas obras. As lapelas da edición de Nidos de esclavos dan noticia dunha “obra en prensa” de título Carcoma, e dúas novelas (Hombres e La maja de tierra) que declaraba estar “en preparación”. A finais de maio de 1936 unha compañía profesional itinerante, habitual dos teatros galegos, encabezada por José Montejano e Pilar Sopena, que tiña no seu repertorio dramas como Tierra baja (Àngel Guimerà), Juan José (Joaquín Dicenta) ou Marianela (Pérez Galdós), presenta en Ferrol a obra de Guimarey Doña Tierra. Unha peza dramática que se representou tanto no Teatro Jofre —que o día da estrea cubriría todas as súas localidades—, como no Rosalía de Castro da Coruña pola mesma Compañía Montejano.

Unha reivindicación familiar para rachar o silencio

A irrupción, no momento en que organizabamos estas liñas biográficas, dunha emotiva restitución familiar da figura de Pedro Guimarey confirma a practica totalidade dos datos biográficos que reuniramos. Significou unha emocionada reivindicación por parte da familia Guimarey así como unha frontal denuncia das crueis circunstancias da súa morte. Alba Deibe Ceniza, descendente de Guimarey, achega unha memoria familiar por anos ocultada polas pasivas necesidades do terror e desvélanse aspectos familiares que non transcenderan até o momento. Sabemos agora por Alba Deibe que o escritor e practicante nacera en 1906 nunha familia na que os Guimarey Filgueiras eran cinco irmáns e que Pedro, o segundo deles, se defendía co violín e que fixo por se expresar en francés e alemán. Tamén que no momento que o mataron era solteiro, que a súa noiva se chamaba María Pita e, arrepiantes, afloran os longos suplicios polos que a súa familia pasou durante o franquismo. Deibe Ceniza contribúe a resolver definitivamente o equívoco da suposta dobre autoría de Pepa Andrea cando, ao recuperar do arquivo da familia o único exemplar que conservaron da obra, o libro contaba cunha adicatoria manuscrita do poeta Xosemaría Pérez Parallé na que este se desculpaba,  ante o seu amigo de letras, dos equívocos que “outros” sementaran sobre unha obra que, recoñece explicitamente, só a Guimarey correspondía. Mais sen dúbida o máis destacable deste testemuño familiar é a transmisión dos feitos concretos que arrodearon a súa detención e asasinato. A memoria que se conservou baixo silencios de décadas sitúa un cura como o delator principal de Pedro Guimarey, e unha escuadra de falanxistas —grupo no que a retentiva familiar sitúa entre os seus integrantes a Gonzalo Torrente Ballester— como a culpable dos feitos que remataron cunha execución irregular tras ser “sacado” de prisión. Pedro Guimarey sería fusilado no cemiterio de Canido e a súa morte, a instancias da policía, foi inscrita o 20 de setembro de 1936. Para os que desde posicións académicas conservadoras insisten no negacionismo do carácter puramente xenocida que caracteriza as matanzas perpetradas polos responsables do alzamento militar en Galicia no 36, pódese retornar aos nomes e apelidos que nesta crónica aparecen relacionados con Guimarey e, todos, por motivos políticos, selectivamente asasinados como el. Tentaban lograr os que intelectualmente decidiron os crimes que a súa obra, pensamento e acción desaparecese. Que a súa memoria se esvaécese definitivamente.

En setembro do 36 aínda penduraban polos muros de Mondoñedo os restos dos carteis dunha representación frustrada de Pepa Andrea.

Case como estiveron a punto a conseguir con Pedro Guimarey. Un home que mesmo puideron decidir matalo polo contido de moitas das páxinas da súa novela Nidos de esclavos e sobre o que se abateron desmemorias reiteradas. Aquel Ricardo Carballo Calero que en 1935 pronunciaba na súa compaña conferencias ante os campesiños de Serantes decidiu, de xeito inexplicable, non inserilo na súa documentada historia da literatura galega, e nas máis amplas historias do teatro galego do século XX a figura do dramaturgo Pedro Guimarey quedou ausente. Mesmo en traballos académicos actuais se segue a insistir, arrastrados por aquel orixinario erro de Filgueira Valverde, en que tal nome e apelidos non é outra cousa que o pseudónimo doutro autor. Para o 25 de xullo de 1936 estábase a organizar unha nova representación de Pepa Andrea en Ferrol. O motivo era celebrar un “Festival de Arte Gallego” co gallo de conmemorar o Día de Galicia. A representación ía a correr a cargo do cadro teatral da agrupación obreira Ecos da Terra. No día elixido, todos os actores e actrices que ían a participar en el, xa estaban sinalados e asustados para, en días posteriores, ser tan perseguidos como os propios familiares do autor da obra. Ían representar un teatro, o de Pedro Guimarey, do que gustaba a clase obreira. Aquelas críticas eruditas de Vilar Ponte e Filgueira Valverde tiñan razón. Era un teatro que se baseaba na loita de clases. E os militares do 36, ben que o sabían e actuaron en consecuencia. En setembro dese mesmo ano, do ano do terror, aínda penduraban polos muros de Mondoñedo restos de carteis a anunciar unha representación, tamén frustrada, de Pepa Andrea. Un cronista falanxista avisaba na prensa mindoniense dos alzados: “Ante los anuncios de Pepa Andrea vivamos alerta… y evitemos que la canalla se convierta en tragedia en la que perezcamos todos”. Ao seu autor, Pedro Guimarey Filgueiras —futbolista, practicante, político, xornalista e escritor, con 30 anos— xa o mataran.

Advertisements

Un comentario en “Noticia de Pedro Guimarey, dramaturgo de éxito asasinado no 1936

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s