Beatriz Núñez: “O reto é atopar ese libro que converte a cada persoa nun lector”

Beatriz Núñez

Beatriz Núñez

César Lorenzo Gil.

Espazo Lectura é un dos grandes éxitos da comunidade lectora en Galicia. Desde o seu nacemento formal, no 2008, en Gondomar, conseguiu tecer unha rede de actividades regulares ao redor do libro recoñecida e admirada no resto de Galicia. Falamos coa súa presidenta, Beatriz Núñez (Moaña, 1971), que tomou a responsabilidade da asociación no mes de marzo.

Non sei se falar de vostede como dunha novata.

Levo como presidenta un mes pero en Espazo Lectura participo practicamente desde a súa fundación; non son socia fundadora pero case.

Cal foi a súa motivación para participar neste proxecto?

Supoño que a mesma de calquera que empeza a participar en calquera voluntariado. Sentes a necesidade de contribuír con algo á sociedade naquel eido no que pensas que podes achegar máis ou que ves que precisa de máis apoio. Para min fomentar a cultura sempre foi do meu interese polas vantaxes de socialización que ten e polos beneficios que che reporta a ti e ás persoas coas que participas.

Case sempre, nestes proxectos comunitarios destacan dous perfís: os profesionais do Ensino, en especial docentes de Lingua ou Literatura, e tamén nais e pais.

Eu cumpro as dúas premisas. Son licenciada en Belas Artes e dou clase de Ensino Secundario. E tamén nai. E si hai moitas persoas con ambos perfís en Espazo Lectura pero non só. É normal que un se achegue a iniciativas que lle teñen maior proximidade pero hai unha ampla diversidade entre a xente que formamos parte da asociación.

Espazo Lectura é un claro caso de éxito. A experiencia é admirada en toda Galicia. De feito, son vostedes o gran referente en colectivo de animación á lectura. Cal foi a súa fórmula mestra?

Coido que hai algúns factores do proxecto que si favoreceron que consigamos bos resultados. Un é que Espazo Lectura non nace do ámbito educativo senón da sociedade. Afixémonos a un mecanismo social no que o fomento da cultura e da educación está monopolizado pola escola. Iso non debera ser así. Temos que responsabilizarnos dun labor tan importante, sermos conscientes de que cada persoa, cada familia, ten que esforzarse se quere vivir nun país onde as persoas teñen a oportunidade de saber máis, de seren máis críticos. Outra diferenza de noso é o interese na innovación cultural. Sempre estamos ideando cousas novas, creando novas actividades, ocupando baleiros. Por exemplo, unha cousa que está funcionando moi ben é o Club Lecturas Debuxadas, un club de lectura de adultos no que se len cómics. E todo o que ofrecemos nace do voluntariado. Por suposto que durante estes anos se foi consolidando un equipo fantástico que se enraizou no tecido social de Gondomar. Por suposto que ese exemplo calla nos que se achegan á asociación. Transmítese moito entusiasmo e ganas de facer cousas. Vaise nutrindo un sentido de pertenza a unha comunidade moi satisfactorio.

Supoño que no Concello de Gondomar están encantados co seu traballo.

Temos apoio municipal, diferentes acordos de utilización de infraestruturas públicas que nós enchemos de contido pero si que estrañamos un maior comunicación e unha identificación institucional con Espazo Lectura. Cada vez que muda o goberno municipal é coma se tivésemos que empezar de cero. Temos que facerlles entender ás novas autoridades o que facemos, o que necesitamos… Ás veces é un pouco frustrante. Dá a sensación de que para moitos políticos locais só serve aquilo que se “ve”, as grandes obras das que presumir. Instalouse unha idea, quizais errada, de que a veciñanza só se beneficia de grandes infraestruturas, de proxectos cun grande orzamento. O menosprezo da cultura está bastante estendido, en xeral, entre quen se dedican á política.

Pero nestes anos vostedes conseguiron que Gondomar, con algo menos de 15.000 habitantes, se coñeza moito máis en toda Galicia polas súas iniciativas.

Pensamos que si. E de feito recibimos ese recoñecemento de parte dos profesionais do sector pedagóxico, cultural ou editorial. E sentímonos moi orgullosas. Pero no ámbito institucional todo é moito máis complicado. Hai uns anos quixemos elevar unha iniciativa para converter a Gondomar nunha vila do libro, como hai varias en Europa, especialmente en Francia. Foi imposible por falta dese apoio. Todo o que imos conseguindo ten que ser a base do esforzo do voluntariado. Vou pór un exemplo, o 23 de abril, co gallo do Día do Libro, celebramos unha actividade: ‘Dar de ler coma quen dá de beber’, que consiste na lectura pública de difeentes textos literarios. Pois ben, no 2016 celebrouse a novena edición. En todos estes anos, só pasou por alí un dos alcaldes. Outro exemplo: en Gondomar temos unha biblioteca pública pero non temos bibliotecario. Hai unha infraestrutura, que computa nos libros como equipamento cultural mais que en realidade está nun estado de conservación lamentable. É Espazo Lectura quen fai algo; é polo tanto a sociedade gondomaresa a que fai algo, non as institucións públicas.

Avaliaron vostedes o impacto socioeconómico da súa actividade na comarca? Aumentou o número de librarías, teñen mellores índices lectores ca outros lugares?

Non fixemos un estudo, polo que a nosa visión do asunto é parcial, aproximada, intuitiva. Sabemos que a oferta de actividades culturais, en especial para as crianzas, é moi variada e ampla. Competimos directamente con Vigo, que é unha cidade de 300.000 habitantes e coido que en determinados períodos temos nós unha axenda máis nutrida. Gondomar é dentro do Val Miñor un dos concellos máis pequenos que ademais non ten acceso ao mar, o que marca a súa composición poboacional e o seu perfil socioeconómico. Pois ben, case cando empezou Espazo Lectura, e sen que tivesen nada a ver ambos proxectos, abriu a libraría Libraida, que un dos establecementos socios protectores da nosa asociación. Non é que sexa a única libraría da zona pero coido que se converteu na libraría de referencia e moita xente vaille comprar alí porque sabe que teñen maior coñecemento dos libros que precisan ca outras.

Nestas datas, en diferentes foros paralelos, fálase moito da situación da lectura en Galicia. Hai unha obvia preocupación polos índices e sobre todo porque non se encontra o xeito de vincular a mellora formativa que experimentou a sociedade galega nos últimos 35 anos cun aumento do número de libros lidos por persoa e demais estatísticas. Como ve vostede o tema?

Por suposto que tendo en conta o cambio social debería haber máis lectores en Galicia pero eu tampouco quero ser catastrofista. Coido que a xente, especialmente a xente nova, le. E le moito. Quizais non len única ou maioritariamente libros pero si teñen un hábito lector continuado. Teñen curiosidade por unha inmensa diversidade de temas e fan por saberen máis. E claro está que esta non é unha actitude xeneralizada pero quizais tampouco a lectura vaia ser un hábito que toda a sociedade teña. Nunca foi e coido que incluso nos países con máis lectores o proceso foi lento e precisou dunha aposta política para conseguilo.

É dicir, que non hai fomento da lectura se non hai compromiso público.

Sempre digo que debemos ser conscientes de onde vimos: corenta anos de ditadura e corenta anos de mediocridade. Durante os anos de democracia, ningún goberno, galego ou español, encarou de fronte a necesidade de converter a cultura nun referente social. Pensemos na dotación de bibliotecas ou na relación entre investimento cultural e investimento noutras áreas. E o malo é que a política é un reflexo da sociedade, dunha sociedade onde ler non é un valor de prestixio. Unha sociedade que non se compromete coa necesidade de termos máis cultura, coñecemos e espírito crítico. Pensemos nas familias con crianzas. Por norma xeral, a que lle dan máis importancia: a que a rapazada faga deporte ou lea? Cantas opcións ten unha nena ou un neno de sete anos de xogar a algo? En calquera lugar hai unha ampla oferta, diversas disciplinas, equipos cunha estrutura regular. En cambio, e volvo insistir, en Gondomar non temos nin bibliotecaria. A situación, por desgracia, non é anómala. Pasa en moitos lugares. O acceso aos libros é precario e tampouco é que haxa unha indignación xeral por este motivo.

'Dar de ler...' de Espazo Lectura en Gondomar, o 23 de abril.

‘Dar de ler…’ de Espazo Lectura en Gondomar, o 23 de abril.

Un dos extremos dese debate do que falaba sobre as ferramentas para fomentar a lectura, incídese moito en que para conseguir lectores hai que conseguir lecturas que os animen no hábito. Non sei se vostede pensa que hai lecturas máis motivadoras ca outras.

É certo que hai lecturas máis susceptibles de gañar lectores, especialmente nas faixas da infancia e da adolescencia. Se lle dás a ler a un adolescente de 4º da ESO Don Quijote pois seguramente estalo a meter nun inferno. Pero entre as lecturas supostamente pensadas para a rapazada tamén hai moito libro que se lles cae das mans aos seus lectores obxectivos, libros con moi baixa calidade. O reto, en definitiva, é atopar ese libro que converta a cada persoa nun lector. Se conseguimos unha oferta diversa e encontramos, entre os mediadores, a capacidade de darlle a cada persoa ese libro que o fascine, coido que ái está a chave. O que ocorre é que iso non é doado. Require moito esforzo, moita paciencia, quitarnos ás veces certos clixés da cabeza, pensarmos en que todas as lecturas contan, todas, e que amais de ofrecer lecturas hai que aprenderlles aos máis novos a ler, tanto textos coma imaxes. Porque hoxe coido que segue sen haber un coñecemento suficiente sobre a linguaxe visual. Eu coido que o ideal é conseguir a maior flexibilidade posible niso que se chaman itinerarios lectores. Pero para conseguilo, entre adolescentes, é fundamental contar cunha potencia bibliotecaria á altura desa diversidade de intereses e gustos para que cada quen atope o seu propio camiño.

Outro tema deste debate é a posición dos docentes no sistema de lectura. É dicir, como inflúen na escolla das lecturas, como inflúen na comunicación entre autores, editores e lectores. Ás veces escoito queixas sobre mestres que só recomendan entre o alumnado os libros de tal ou cal casa cunha forte rede de comerciais ou descartan títulos que poidan irritar os pais e prefiren autores comodín que garanten a “paz” na clase.

Iso pode pasar. A cuestión é que o profesorado vive, en moitas ocasións, nunha situación laboral de saturación que non lle permite coñecer toda a oferta dispoñible e facer un traballo máis profundo na recomendación de lecturas na clase. Para afinar e ampliar esa parte do seu labor docente terían que ter tempo para ler, para informarse, para superar certos tópicos. Claro que hai quen vai pola vía fácil de recomendar ese escritor que ten un monte de libros para nenos e que nunca provoca queixas pero quizais as editoriais deberían ser conscientes da situación e facer por axudalos a que tivesen máis información. E, ao mesmo tempo, moitos profesores deberían saír de certos vicios como o de recomendar tal título só porque o comercial da editora lle ofreceu a cambio levarlle o autor á escola sen custos.

Vostedes manteñen varios clubs de lectura para adultos. Serven para crear lectores ou só para consolidalos?

Na verdade, salvo excepcións, a xente que participa nos clubs de lectura para adultos son lectores. Son persoas que sempre leron e que se anotan a esta experiencia para levar a súa relación individual co libro a unha dimensión social, colectiva, para converter esa afección no centro dun encontro mensual con outras persoas con gustos semellantes, ao redor do que lles provoca un texto. En Galicia, a animación á lectura entre adultos ten moito percorrido, empezando pola gran dificultade das xeracións maiores na lectura do galego. Pero nós nese campo non temos experiencia. Si é certo que nas actividades cos nenos, as avoas veñen e ao primeiro observan pero logo anímanse e participan e logo son elas as que queren ir e pasan de acompañantes a protagonistas.

Recoméndeme, por favor, un libro para a infancia, outro para a mocidade e outro para a idade adulta. Quero unha recomendación persoal, de lectora a lector.

Para a crianzada, Valados, de Agustín Fernández Paz (Xerais) e Un agasallo diferente, de Marta Azcona (Kalandraka). Para público adolesccente, Todos debemos ser feministas, de Chimamanda Ngozie Adichie (en portugués en Dom Quixote, en castelán en Random House). E para as persoas adultas, Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño (Galaxia).

Advertisements

Un comentario en “Beatriz Núñez: “O reto é atopar ese libro que converte a cada persoa nun lector”

  1. Pingback: Entrevista a Beatriz Núñez, presidenta de Espazo Lectura: «O reto é atopar ese libro que converte a cada persoa nun lector» | Espazo lectura

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s