‘Lourenço, xograr’, outra novela de instituto

Manuel_Portas_(AELG)-4Lourenço, xograr, é a última novela publicada por Manuel Portas, a primeira que edita en Galaxia, logo de ser merecedora do Premio García Barros 2015. A obra é unha recreación da vida de Lourenço, un xograr do século XIII cuxa principal ansia é converterse en trobador, status maior dentro da arte poético-musical da época (a de esplendor da lírica galega ou portuguesa). Na primeira parte, a través dunha narración omnisciente, imos coñecendo algunhas aventuras de Lourenço; na segunda, o narrador emprega o monólogo de diferentes personaxes que conviven dun ou doutro xeito co xograr para facer un balance dramático da súa vida. O pano de fondo é a disputa polo poder en Portugal entre o rei Sancho II de Borgonha e o seu irmán, Afonso, coñecido como o Bolonhés. A outra paisaxe narrativa é a corte de nobres-guerreiros-artistas de orixe galega e portuguesa que axuntou ao seu redor Afonso, o Sabio.

A primeira parte é pura novela picaresca, unha narración resesa que se para en detalles supostamente graciosos para debuxar un tempo pintoresco en base aos habituais tópicos das tabernas e pousadas, camas de palla e mozas repoludas e cariñosas. Como da intrahistoria Portas ten pouco que contar, entretense polo camiño enchendo páxinas con parágrafos de palla mentres encontra o camiño. E por fin o encontra: un filón! As batallas, as intrigas, a biografía dos reis e dos trobadores. A opción non ten nada de malo pero o escritor arousán comete dous erros. O primeiro, renunciar á literatura e converter a novela nunha unidade didáctica máis valiosa para profesores de instituto que para lectores adultos. Abúsase da reiteración e dos subliñados argumentais. A atmosfera perde credibilidade e nalgún momento estrañas que non haxa unha ducia de exercicios deses que axudan a fixar os coñecementos adquiridos. O segundo: Os grandes personaxes expresan nos seus diálogos as liñas mestras dos conflitos políticos do seu tempo, cunha claridade que pasma, con distanciamento e contextualización. Non conversan, falan para o porvir. En vez da precisión que eleva os diálogos narrativos, encontrámonos con macrohistoria confeccionada en directo. Pouco máis ca un truco para intentar esquivar o wikipedismo.

Na segunda parte, aínda que a técnica é distinta, os problemas permanecen. Os personaxes históricos, que máis que facer monólogos, declaman, preséntanse como clixés dunha mala obra de teatro. O ton é artificiosamente confesional. Como mostra, o capítulo no que fala María Balteira. A soldadeira relátase a si mesma como o fixeron Menéndez Pidal e Martínez Salazar, ese retrato canónico, cheo de suposicións indemostrables e incoherencias cronolóxicas que Portas nin matiza unha chisca, o que converte o proxecto dunha personaxe literaria nunha boneca baleira, un tópico histórico obsoleto.

Porque a pesar de que a fasquía de Lourenço, xograr é a dunha novela histórica, Portas non constrúe un relato propio, non se mergulla no século XIII, simplemente recorta as pezas e vainas colando. Por exemplo, erra na filliación de Mencía López de Haro. Na novela afírmase que é filla bastarda de Afonso VIII de Galicia mais en realidade é neta. Ese descoñecemento nótase tamén na ambientación filosófica e ideolóxica da época e incluso en detalles tan nimios como o uso do sistema métrico decimal nas exposicións dos personaxes ou no uso impropio do vocabulario de época.

Como é habitual en Portas, o galego do libro é insípido, acomodado nun mínimo expresivo que se apuntala con frases que é mellor reproducir ca comentar: “Un sol nítido, aguerrido e musculoso” (p. 102), “…o produto dos seus excesos mamarios. Os ollos de Joam García ábrense como nunca e brillan na contemplación daquela paisaxe voluminosa e arredondada. A súa efervescente imaxinación debuxa unha mirada concuspicente que a rapaza se encarga de alentar cun sorriso entre recatado e insinuante” (p.142). “A escasa iluminación que dá a chama vacilante das candeas proxecta luces fantasmagóricas sobre os teitos elevados do mesón” (p. 144), “…cando Lourenço se afundiu dentro dela e se estremeceu toda abrazada a el, notou como o delirio compartido os inundaba, nunha éxtase apoteósica, inmensa, colosal” (p. 302).

♦ Lourenço, xograr, de Manuel Portas, Galaxia, 2015. 309 páxinas. ♠18€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s