A revolución de todas as cores de Rinoceronte

CUB_Cabezadecan_web

Capa de ‘Cabeza de can’, de Rinoceronte.

A editorial Rinoceronte celebra o seu décimo aniversario cunha profunda renovación da súa imaxe e un reenfoque da súa liña. A obra que simboliza esta revolución é Cabeza de can, do dinamarqués Morten Ramsland.

Rinoceronte foi cando o seu nacemento unha noticia esperanzadora para a literatura galega. O seu fundador e actual director, Moisés Barcia, proveniente do oficio da tradución, arriscouse a crear un selo exclusivamente dedicado a traducir obras estranxeiras ao galego. Dese paso avante xa pasaron dez anos. Neste tempo, a editora canguesa foi creando unha imaxe, simbólica e gráfica, que chegada a primeira década de nacemento, muda.

A primeira mudanza, a máis visible, é o nacemento dunha nova colección que ademais terá un novo deseño. Baixo o nome de ‘Nova’, Rinoceronte fusiona dúas das súas coleccións iniciais: ‘Clásica’ e ‘Contemporánea’. É dicir, a editorial simplifica o seu catálogo de narrativa. Por unha banda publicaranse libros do século actual e do anterior en ‘Nova’ e por outra textos clásicos anteriores ao século XX na colección ‘Vétera’. Ademais, Rinoceronte abandona as capas sen ilustración, á francesa, por unha fasquía chea de cor, polo menos na primeira edición de Cabeza de can. Outro sinal de identidade do selo tamén desaparece das capas. Polo menos neste caso non figura o nome do tradutor na capa, unha tradición que impuxera Rinoceronte nas letras galegas desde a súa fundación.

O equpo de Rinoceronte explica que amais dos cambios estéticos ou estruturais, coa publicación de Cabeza de can iníciase un reenfoque da liña editorial coa idea de amplialo. Se até agora Rinoceronte creara unha colección de prestixio, cun conxunto de obras de primeira orde (Coetzee, Barnes, Andric, Kis…), atendendo a sistemas literarios aínda exóticos no noso panorama e intentando fidelizar lectores a través da autoridade na escolla de títulos e autores, quizais Barcia e os seus consideran que é chegado o momento de liberarse de obrigas. Nesta decisión seguro que pesan dúas circunstancias que non había hai dez anos. Por unha banda, Rinoceronte xa non é a única editorial galega dedicada á tradución. Fano con desigual ritmo Hugin e Munin e Irmás Cartoné. Ademais, Rinoceronte aprendeu nestes últimos anos da experiencia do seu selo infantil-xuvenil, Sushi Books, que lles abriu as portas do mercado peninsular e que quizais sirva de lanzadeira para un modelo máis ambicioso da matriz Rinoceronte: En que medida? Pode ser que a editora pense a medio prazo na creación dun selo que edite en castelán, ao xeito da relación entre mercados que se dá habitualmente en Catalunya. Ou tamén sumar lectores a traducións pensadas para adultos pero susceptibles de entraren no sistema de lecturas recomendadas no ensino. Até agora, a editora utilizou a vía de publicar ou republicar textos dese estilo en Sushi Books, caso da reedición de O curioso incidente do can a medianoite, de Mark Haddon (o libro máis lido nos clubs de lectura escolares de Galicia) mais quizais agora Rinoceronte sexa máis flexible e poida aproveitar o seu prestixio e a imaxe “adulta” para ter maior lexitimidade entre os prescritores. Este fenómeno é común á narrativa galega actual, caso das coleccións principais de Xerais e Galaxia, cuxo princcipal núcleo lector é tamén o ensino.

Cabeza de can, publicado en Dinamarca hai máis de dez anos, foi un éxito no seu país, con altas vendas e moitos premios. Conta a historia familiar dunha familia cun ton lixeiro. A outra novidade que presenta Rinoceronte, desta volta na colección ‘Vétera’, é Arte de amar/Remedios de amor, de Ovidio, traducido por Lucía Gómez Fariña. É un dos textos máis importantes da literatura universal e confirma a vontade da editorial de ir cubrindo ocos na biblioteca universal en galego. Rinoceronte anuncia, en relación a esta colección, que pasa a facerse cargo dela o poeta Raúl Gómez Pato.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s