Antonio Rodríguez Baixeras: “Nos mosteiros do século X había mulleres, homes e crianzas vivindo en comunidade”

Antonio Rodríguez Baixeras.

Antonio Rodríguez Baixeras.

César Lorenzo Gil.

Antonio Rodríguez Baixeras (Ribadeo, 1950) é historiador e desenvolveu gran parte da súa actividade tanto no ensino coma no traballo de divulgación histórica a diferentes niveis editoriais. Agora presenta A historia de Odoyno. A primeira novela galega (Toxosoutos), unha aproximación ao século X galego a través dun dos textos máis senlleiros do medievo europeo que nos abre a porta a un mundo que quizais pensamos coñecer pero que nos sorprenderá.

Aínda que vostede é autor de moitos textos ao redor da historia, é a primeira vez que se achega ao medievo galego. De onde vén ese interese polo tema?

É un interese que vén de vello. Sempre quixen facer un traballo sobre este período e cando descubrín a historia de Odoyno pensei que tiña que achegarme dunha maneira decidida. Tiña moita curiosidade por saber en que contexto se redactara. Non estamos diante dun texto descoñecido ou que eu descubrira, non. Xa López Ferreiro falou del e é fundamental na nosa historiografía. Mais por iso se me facía estraño que non houbese unha tradución ao galego e un comentario que permitise coñecer todo o seu contorno.

Quen era Odoyno?

Sabemos del o que aparece no documento do Tombo de Celanova datado no ano 982. Nese texto, cóntanos que xa el sendo maior e diácono, decide redactar testamento. A súa propiedade máis valiosa é a igrexa de Santa Comba de Bande, que el quere que pase a formar parte do patrimonio do mosteiro de Celanova, que levaba unhas poucas décadas en funcionamento. Para xustificar a posesión desta propiedade, retrotráese ao pasado, fala das orixes da súa familia (de clase nobre), do seu pai Veremudo, da relación que tivo coa familia real asturleonesa, con San Rosendo, coa poderosa abadesa de Guimarães, Mumadonna. Mais tamén nos fala dunha filla súa e dunha muller a quen amou, Onecca (aparece tamén como Onnega e Honnega).

Coido que un dos acertos do libro é combinar a tradución do texto tardolatino cunha serie de comentarios temáticos que nos achegan a ese universo do século X, escritos cunha prosa máis divulgativa ca académica. Tívoo vostede sempre claro o ton?

O ton e a estrutura. Cando pensas en construír unha obra divulgativa, tes que superar os marcos das publicacións académicas. Estaba a escribir para un público xeneralista, non para historiadores. Coido que está moi ben que haxa textos sometidos ás estritas regras que marcan as universidades pero tamén teño a sensación de que unha parte do traballo de investigación queda unicamente para o consumo interno dos profesionais. Respecto a quen considera que o que necesita a historiografía son ensaios dotados dun amplísimo aparato bibliográfico pero eu quería abrir unha vía para que a xente interesada na historia, na arte, incluso na xeografía, puidese coñecer un mundo que quizais pensamos coñecer pero que nos sorprenderá porque esta Idade Media do Odoyno non é a Idade Media dos castelos, as armaduras ou os grandes mosteiros e altas catedrais.

Eu estaba a pronunciar Odóyno, co acento no o. Mais vostede pronuncia Odoýno, con acento no i.

É unha hipótese. No texto orixinal aparece con esa grafía pero loxicamente non temos unha pauta de pronuncia. Odoyno é a latinización dun nome xermánico de uso tamén en Dinamarca ou Alemaña. Pode que teña relación co nome do deus Odín, principal divindade do panteón xermánico.

Que fai de Odoyno un personaxe tan atractivo como para investigar sobre o tempo no que viviu?

Gústame o ton do seu texto. Supoño que por ser un testamento, é dicir, unha recompilación da súa propia vida, utiliza un estilo moi sincero. Non se presenta a si mesmo a base de glorias e grandezas. Ten unha parte de antiheroe. Simplemente quere xustificar por que é propietario dunhas terras e intenta ser o máis realista posible. Ese modelo narrativo fai este texto moi interesante.

En todo o continente hai moi poucos textos tan ricos coma este.

Os historiadores desfrutan cando encontran algún documento medieval con algo de “festa”; polo xeral o que se conserva unicamente é documentación sobre compra-venda, cesións, foros…

É certo. Documentos coma este son raros e por iso son tan valiosos. De feito, a historia de Odoyno é un testemuño excepcional do século X, non só desde o punto de vista galego senón europeo en xeral. En todo o continente hai moi poucos textos tan ricos coma este.

Unha das teses do seu libro é que para entender o mundo de Odoyno hai que esquecer a maioría dos tópicos medievais que temos interiorizados.

Claro. A Idade Media é un período de tempo moi extenso. Empeza no século V e acaba no XV. É dicir, mil anos de historia. Mil anos! Non podemos reducir unha etapa tan longa a base de pensamentos ou figuras estáticas. Non dá igual o século X ca o XIV. En realidade, aínda que pensemos que os cambios históricos son hoxe moito máis rápidos e, con razón, non se nos ocorra pensar que a xente vivía igual no 1870 ca no 1940, xa daquela tamén as cousas evolucionaban. O mundo do que fala Odoyno, por exemplo, está a piques de mudar radicalmente. Por poñer unha data, no 1066, tras a súa vitoria na batalla de Hastings, os normandos pasan a gobernar Inglaterra; o poder de Córdoba entra en crise; a orde de Cluny espállase de xeito espectacular por toda Europa Occidental; aséntase o feudalismo… En cen anos, a Galicia que Odoyno e os seus contemporáneos coñeceron deixou de existir.

Falemos desa Galicia. Vostede mantén a nominación clásica do reino astur-leonés, aínda que hoxe non hai unanimidade sobre o termo.

Non son un especialista en historia política e non quixen entrar en polémicas. Sigo, por dicilo así, a nominación clásica, que nomea os reinos polo lugar onde vivían os reis, primeiro en Ovieu e logo en León.

Vostede no libro si recoñece que xa durante o século X existía iso que Carlos Baliñas define como Galicia nuclear.

Esa é unha das razóns polas que non sigo os autores que denominan Galicia ou Gallaecia o conxunto do reino. Sei que esa nominación está en varias fontes da época pero penso que é confuso xa que de feito si existía unha provincia galega, unha Galicia que encaixa pola fronteira oriental coa Galicia actual aínda que é moito máis estensa cara ao sur. Chega a Coimbra, ao río Mondego. Esa Galicia aparece como distinta a Asturias ou León e incluso ten unha organización territorial e política peculiar. Podemos incluso pensar en que en determinados momentos tivo unha relación autónoma co resto do reino.

Na batalla da Aguioncha loitaron os bandos de Roderico Velásquiz e de Gundisalvo Menéndiz.

No libro tamén apunta que dentro desa Galicia nuclear había tensións norte-sur. Non só o Miño facía de fronteira natural, vemos que a actual raia seca xa naquel tempo era unha especie de falla tectónica onde colidían intereses enfrontados. Na historia de Odoyno recórdase a batalla da Aguioncha, que tivo lugar ao pé dun coñecido monte da actual Baixa Limia, custodia natural do Parque do Xurés, do Couto Mixto e polo tanto da fronteira con Portugal.

Desa batalla só sabemos en efecto o que Odoyno nos conta: dous nobres galegos: Ruderico Velásquiz e Gundisalvo Menéndiz. Podemos datala entre o 968 e o 978 e non quedan claras as motivacións. Para un dos estudosos do tema, Rubén García Álvarez, foi unha guerra entre partidarios do centralismo leonés, liderados por Velásquiz e do autonomismo galego de Menéndiz. Mais o propio Odoyno só fala de intereses persoais na loita. O certo é que esas tensións entre a Galicia con capital en Braga e a Galicia “lucense” que ía configurando o seu poder en Compostela e mediante o poder episcopal de san Rosendo e a súa familia, si son coñecidas. Eu penso que o conflito nace como unha guerra civil entre galegos e que pouco e pouco eses galegos do sur foron tomando unha identidade propia diferenciada que callou na idea de Portugal moito tempo despois.

Rosendo, Rudesindo, é un personaxe fundamental na historia de Galicia. Quizais hoxe en día pervive máis o seu valor haxiográfico ca político, non sei que opina.

Non discuto iso desde un plano popular pero Rosendo está moi estudado como un dos grandes líderes políticos do século X. Estivo emparentado coa familia real, o seu pai era un alto cargo da nobreza e tanto el coma a súa nai Ilduara foron decisivos na creación de novos mosteiros. O que si será sempre un enigma histórico é saber que ideario político defendía porque a nós chegounos moi pouca documentación neste sentido.

Hoxe, cando pensamos en mosteiros medievais quizais teñamos unha imaxe diferente a estes que fundaron Rosendo ou Ilduara.

Seguro. A imaxe de comunidades de monxes baixo unha regra, cunha estrutura moi ampla, grandes riquezas e unha dependencia organizativa da orde e polo tanto do Papado, non ten nada a ver cos mosteiros galegos do século X. Si Rosendo foi o iniciador do cambio pero máis nun plano teórico ca real, xa que el e a súa familia foron administradores de mosteiros. O primeiro que debemos pensar é que daquela a Igrexa era pobre. De aí que os nobres fixesen doazóns acotío e se queixasen das dificultades das comunidades relixiosas. E, en segundo termo, os mosteiros eran comunas nas que vivían familias enteiras: homes, mulleres, nenos, xuntos baixo a advocación dun santo e administrados case sempre por unha abadesa. Eran tempos convulsos e esa comunidade facilitaba a vida. Conforme se convertían en estruturas eficientes no económico, conseguían crear un tesouro, en metais e xoias, que se gardaba na igrexa. Ese excedente garantiu o seu crecemento.

Tampouco podemos falar de feudalismo neste tempo.

Insisto, esquezamos todos os tópicos medievais. Naquel tempo, en Galicia seguro que había moitos propietarios libres, donos de terras de desigual tamaño, que quizais controlaban núcleos de poboación. Ese era o caso de Odoyno na actual Santa Comba de Bande. E do outro lado, é posible que houbese escravitude. Sabemos que a houbo como motivo da guerra contra os árabes, xa que en varios casos foron capturados escravos musulmáns. Pero non sabemos se entre os cristiáns había tamén escravos, chamados servos, ou en realidade eran o que hoxe denominariamos criados. A propia familia de Rosendo fala de servos aos que lles teñen grande apego, a quen manifestan publicamente o seu cariño.

Na repartición territorial, vostede afirman que a villa galega non ten nada a ver coa villa romana.

Así é. Cando no século X falaban de villa refírense ao que hoxe chamariamos aldea. É un grupo de casas onde viven veciños que se dedican ao labor agrícola ou gandeiro nun determinado lugar. Durante estes anos, as fontes falan dun profundo proceso de repoboación guiado polos reis a través dos seus nobres, caso dos devanceiros de Odoyno. En que consistiu esa repoboación? Non o sabemos. Quizais non se trate de volver poboar literalmente senón dotar dunha estrutura territorial determinados lugares, poñelos baixo control rexio. Mais si temos claro que aquela era unha sociedade moi ruralizada, na que apenas había espazos urbanos, e na que cumpría un labor de expansión constante para aproveitar as riquezas naturais. Ese procedemento quizais se puido facer mellor a través desas vilas baixo a adscrición dalgunha familia que organizaba eses traballos de roza e cultivo.

En Galicia é moi común a construción de topónimos a partir de Villa máis o nome dun posesor, por exemplo Villa Gundimiri deu en Guntimil.

Así é. O que pasa é que eses nomes de posesores poden ser de orixe xermánica, caso de Gundimiro ou latina, polo que non está claro en que momento ese posesor foi un ricohome cunha vila romana ou unha figura importante dalgún modo nun repoboamento. Pode ser que a pesar dos cambios de propietario, os intercambios… é dicir, o paso do tempo, quedase na memoria da xente esa figura histórica e de aí que se perpetuase o seu nome.

Advertisements

4 comentarios en “Antonio Rodríguez Baixeras: “Nos mosteiros do século X había mulleres, homes e crianzas vivindo en comunidade”

  1. Pingback: A semana en cinco clics (XII) | Caderno da crítica

  2. Bravo! Nom deixes que as fontes medievais te escaralhem o teu sesgo cognitivo…
    Se elas se empenham em chamar-lhe Galiza o reino ti pom o que te saia do caralho!

    Medievalistas que passam das fontes medievais. Incrivel…

    É como se um arqueólogo desbotara cousas que acha num castro: Nom isto nom pode estar aqui, tira com el manoel que nos escaralha a tese

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s