Percorrido sen nostalxia polas librarías pechadas de Barcelona

Interior da libraría Catalonia.

Interior da libraría Catalonia.

Xesús González Gómez.

Xa pasou o famoso día de Sant Jordi, o día do libro e a rosa. A tradición (?) catalá iniciada (ou inaugurada?) hai xa máis dun século, coa súa compoñente machista, filla dos tempos. Este ano, ben que caeu un sábado e todos tremían polas vendas (non esquezamos que para algunhas librarías catalás as vendas deste día son entre en 15% e un 20% da súa caixa anual), a cousa, é dicir, o negocio, ou aproximación a negocio, saíu bastante ben, segundo conta o gremio do ramo.

Este ano, coma cada ano, os turistas que por primeira vez viñeron ese día á Cidade Condal ficaron “flipados”, e máis dun escritor alieníxena, é dicir, de fóra das fronteiras do Estado, tamén, como o sueco Jonas Jonasson, que deixou por escrito a súa estupefacción e alegría no xornal La Vanguardia ao día seguinte do evento. Máis estupefactos ficarían estes turistas, e estes escritores, que mesmo chegan alcumar a Barcelona “a cidade dos libros”, se soubesen que das míticas librarías barcelonesas, sobre todo aquelas que subministraban libros aos, digamos, lectores considerados de “esquerdas”, do século pasado (e algunhas algún ano deste) xa non queda case ningunha.

Imaxine o lector un transeúnte, en calquera dos anos que cobren o lustro que vai de 1967 a 1972 (ambos incluídos), e colóqueo, inicialmente, no mítico Drugstore, do Paseo de Gràcia (hoxe, no local, o visitante atopara un restaurante, dun famoso cociñeiro, galego de nación) esquina coa rúa de Mallorca, baixando cara ao mar, a man dereita. Mítico porque á parte da libraría había bar, restaurante, óptica, perfumaría, venda de discos, etc., e estaba aberto todas as noites até as 6 da madrugada. A libraría era mítica porque era o lugar da cidade en que máis doadamente se ripaban os libros. Curiosamente, esta libraría, que non era moi grande, tiña nos seus fondos cantidades de libros que se editaban en Latinoamerica (México e Arxentina, sobre todo) e que dificilmente pasarían a censura: estaban á vista de todo o mundo, a empezar por La forja de un rebelde, de Arturo Barea, cunha horripilante, e mítica, portada vermella, ou os Campos de Max Aub, publicados pola editorial Mortiz, de México. Neste Drugstore, o transeúnte ve por primeira e única vez en persoa o escritor colombiano Gabriel García Márquez, que daquela vivía en Barcelona.

Anuncio da libraría Drugstore.

Anuncio da libraría Drugstore.

Xusto en fronte do Drugstore, no mesmo paseo de Gràcia, estaba a tamén mítica Leteradura, dirixida por dúas mulleres: unha, cuxo nome non lembra o transeúnte, morreu de cáncer entrados a inicios dos noventa, pouco despois de que fechara a libraría. A outra é coñecida, nas elites culturais barcelonesas, por ser irmá de Román Gubern e esposa do editor de Anagrama, Jordi Herralde: estamos a falar de Laly Gubern, claro. En Leteradura o comprador podía atopar o mellorciño da literatura europea e latinoamericana que non pasara a censura, a mítica colección  francesa 10×18: Wilhem Reich (La revolution sexual), libros de Lenin, Stalin, Trotsky, Castoriadis, o marqués de Sade, Bataille, André Breton, Boris Vian, Ernest Mandel, a carta a Franco, de Arrabal, etcétera etcetéra. Fondos de José Corti (“rien de commun”, era, é, o seu lema), da italiana Einaudi (todo Gramsci: o transeúnte comprounos todos agás o único que non tiñan, Letteratura e vita nazionale), de Eric Losfeld Éditeur (é dicir, o editor dos surrealistas despois de 1950), etcétera. Leteradura, tamén, xa coa democracia, converteuse en editorial e fixo facsímiles: Arc Voltaic, Proa, Un enemic del poble –as revistas dirixidas por Joan Salvat-Papasseit–, Trossos, Quaderns de Poesia, Dau al Set, os números barceloneses de 391, a revista de Francis Picabia, etcétera, e publicou o Ulises de Joyce, en versión de Joaquim Mallafré, para o transeúnte a mellor das que coñece (a española de José Maria Valverde nada recomendábel, é o mínimo que se pode dicir; a portuguesa de João Palma-Ferreira). Ah!, tamén o transeúnte-comprador podía atopar algúns títulos da colección ‘O moucho’, da Editorial Castrelos. Leteradura deixou de existir cando se iniciaba a derradeira década do século pasado pasando a ocupar o seu local unha tenda de roupa e, desde hai uns dous anos, unha de bolsos, a marca preferida da ex alcaldesa de Valencia e senadora por designación autonómica Rita Barberà.

Xusto unha rúa máis abaixo (as rúas do ensanche barcelonés entrecrúzanse, xa que unhas son horizontais e outras verticais, creando as “illes” ou mazás que son, cada unha, máis ou menos un cadrado de 1,24 hectáreas), o viandante topaba coa Libraría Jaimes, fundada en 1941 (!). Querían pórlle, en homenaxe a James Joyce recentemente finado, Librería James, o que non deixou a autoridade (in)competente, pasando, xa que logo, a chamarse como agora. Esta libraría xa non está no paseo de Gràcia debido ao desorbitado prezo dos alugueiros; trasladouse un pouco máis alá hai uns tres ou catro anos, á rúa de Valencia, en dirección Francia. Esta libraría, especializada en libros franceses, aínda existe: é unha das máis vellas de Barcelona e que non perdeu a súa “esencia” ou “personalidade”. Douscentos metros máis abaixo, e no mesmo lado do paseo de Gràcia, é dicir, baixando á esquerda, o viandante podía entrar, segundo lle dese, noutra libraría, que xa a finais dos 60 deixara de ser o que era: a Libraría (e editorial) Argos, cuxo propietario era o escritor franquista Ignacio Agustí. Estaba ben provista de libros en español e catalán, e unha pequena parte en galego: non se esqueza que Agustí fora editor (e amigo) de Cunqueiro. A libraría desapareceu a inicios dos 1970. Durante un tempo fora a sede das oficinas de Iberia e nestes momentos o transeúnte non lembra que negocio ocupa o local: algún de alto standing (ou alto copete), como case todos os actuais deste paseo.

O viandante continuaba a baixar polo paseo de Gràcia, cruzaba a Gran Vía (de les Corts catalanas, de José Antonio en tempos do Xeneralísimo), cruzaba a rúa de Casp e chegaba, ou chega, á Praza de Cataluña: o primeiro que divisaba, se baixaba polo lado esquerdo, era a gran mole do Corte Inglés. Se miraba á súa esquerda, a uns escasos vinte metros topaba, na Ronda de Sant Pere, coa Casa del Libro, nome con que se bautizou cando o desastre de 1939, xa que antes, desde tempos ante-republicanos, denominábase Llibrería Catalonia, como actualmente. Esta si é a máis vella de Barcelona. A Casa del Libro, cuxo propietario era Josep Mª Cruzet, foi a fundadora da Editorial Selecta e, como quen di, a recuperadora do libro catalán logo de 1939. Era unha libraría entrañábel, en cuxos subterráneos se facían presentacións de libros, recitais de poesía, etc. etc. Unha libraría moi ben provista en libro español e catalán, e algo en francés, así como unha sección importante de prensa e de revistas de diferente periodicidade, tanto españolas como estranxeiras; tamén tiña libros “técnicos”. A partir de 1980 foi esmorecendo até que foi comprada por un grupo libreiro da vila de Mataró: xa non é o que era, aínda que non deixa de ser un referente, digamos, “catalanidade”, e teme o transeúnte que os seus actuais propietarios poderían afirmar aquilo de “o pasado foi mellor”.

Laly Gubern xunto a Jordi Herralde.

Laly Gubern xunto a Jordi Herralde.

Unha vez cruzada a praza de Cataluña, o viandante introducíase no Portal de l’Àngel,  (hoxe incluído en Barna Centre, un dos lugares máis comerciais, da Cidade Condal, máis “turística e postal” que nunca, xa que vai directo ao denominado Barri Gòtic.) Ao chegar máis ou medio á metade do Portal de l’Àngel, sempre á esquerda, baixando, topaba de fronte cun quiosco de xornais e revistas: nos anos 1960 e 1970 era visitado por multitude de galegos, xa que era o único quiosco que vendía en Barcelona xornais editados en Galicia, dous: Faro de Vigo e La Voz de Galicia, e chegaban con dous días de atraso: o do domingo había que compralo o martes, xa que viñan en tren e este tardaba unhas 24 horas, ou máis. Se o viandante chegaba ao final do Portal, ao mellor ía ao Centro de Estatística para se empadroar na cidade; se botaba unha ollada á súa dereita, xusto logo de superar o, desaparecido, cine París (nese lugar hai hoxe unha tenda do grupo Inditex –el Portal de l’Àngel é denominado actualmente, polos barceloneses de socarrel, a “provincia Zara”, imaxine o lector por que). Superando o desaparecido cine París, até 1972, o paseante topaba cunha libraría: a Librería Porter. Un local longo en forma de L (invertida) coa base cara á esquerda. Era unha libraría moi ben provista, sobre todo de libro catalán. Antes de entrar na libraría, o viandante víase flanqueado por dous longos aparadores (uns 10 metros) cheos de libros expostos e, como lle pasou ao transeúnte en 1967, de súbito, a sorpresa: unha morea de libros galegos. Entraba na libraría e antes de cruzar para a o que denominamos base da L, catro ou cinco estantes inzados de libros galegos: todo o fondo de Galaxia, de Bibliófilos Galegos, de Castrelos, libros galegos publicados na Arxentina, etc. Debaixo dos estantes con libros galegos, dous estantes con libros en éuscaro.

O viandante podía continuar e ir até a Avenida Catedral e seguir continuando até chegar á Praza de Sant Jaume, onde estaban instaladas as sedes do Concello e da Deputación Provincial: hoxe esta é a sede da Generalitat. Na praza, facendo recanto con Jaume I, unha libraría de vello: Época, excelente libraría que subministraba libros galegos ou sobre Galicia a Fermín Penzol, a Basilio Losada, ao Centro Gallego de Barcelona e a algún que outro galego domiciliado en Barcelona e con menos posíbeis que os mencionados: hoxe o lugar está ocupado por un deses estabelecementos que dan hamburguesas a baixo prezo. Antes de chegar a esta libraría, se o transeúnte que se introducía na Praza de Sant Jaume botaba unha ollada á esquerda, vía a rúa Baixada de la Llibretería, e se tiraba por alá, baixando a man dereita, outra libraría de vello, Novecento (o dono da devandita Época e o desta eran irmáns): sen lugar a dúbidas, a mellor libraría de vello que existiu en Barcelona durante décadas. Esta libraría, propiedade de Isidre Pí Caparròs, tamén subministraba libros ás personalidades e institucións galegas antes mencionadas e o transeúnte aínda lembra a compra, en 1972, de cinco exemplares de El Regionalismo, de Brañas, noviños do trinque, a 100 ptas. o volume. (Hoxe, o lugar está ocupado por un forno de pan). Unha vez instalado no centro da praza e mirando cara ao edificio do Concello, o viandante podía tirar á dereita, pola rúa de Fernando (hoxe, restituído o seu nome, Ferran) e ía dar á Rambla. Ao chegar á Rambla, se miraba para fronte, ao outro lado, outra libraría, hoxe desaparecida: a Librería Francesa, que tiñas dúas sucursais (?) máis na cidade: unha na rúa Muntaner coa Avenida do Xeneralísmo (Diagonal para todo Cristo, agás para os franquistas, e así e todo…), en fronte do Hotel Presidente, onde había pouco pararan os Beatles: hoxe é un bar. A da Rambla, primeiro unha tenda de “texanos”, agora forma parte do conxunto do Liceu. E outra en Paseo de Gràcia, hoxe unha tenda de modas.

Libraría Áncora y Delfín, sede tamén de Ediciones Destino.

Libraría Áncora y Delfín, sede tamén de Ediciones Destino.

O viandante podía tirar cara a abaixo e ir até o Centro Galego, que tiña, ten, unha boa biblioteca, a pesar do incendio de outubro de 1978, na que se perderon exemplares interesantes, un debido ás lapas e outros á actuación dos bombeiros, que non podían andarse “con chiquitas”. No entanto, entre recuperacións e algunhas doazóns, a biblioteca merece visitarse e, sobre todo, usarse. Ou, se non se decidía a virar cara á esquerda e dirixirse ao Centro Gallego directamente, cruzaba a Rambla e podía introducirse na rúa de Unió(n) onde estaban os grandes distribuidores de xornais, revistas  e libros hoxe desaparecidos; por este lugar podía, tamén, introducirse no corazón da Barcelona canalla, o Barrio Chino, hoxe el Raval. Se tiraba Rambla abaixo e  non se detiña no número 35, onde aínda está situado o Centro Gallego, como dixemos, chegaba até o fondo (ou inicio) da Rambla, para ver o mar, a pé do monumento a Colón, e ver partir os barcos que ían cara á mítica, para algúns, non para o transeúnte, xa que a súa nai nacera e vivirá alí moitos anos e el propio a visitara unhas seis veces desde 1956 a 1968, illa de Ibiza ou Eivissa. Mais podía tamén subir pola Rambla en dirección Praza de Cataluña, sentar nas cadeiras municipais do Pla de la Boquería, antes de se introducir na Rambla das Flores, (había que pagar para se sentar) e mirar con atención o antigo edificio do Liceu, e se non chovía, había homes e mulleres sentados, serios, taciturnos, que paseaban os seus sufrimento pola Rambla e de cando en vez sentaban para aplacar o cansazo físico; homes e mulleres que se o transeúnte iniciaba conversa con elas, podían indicarlle, co brillo nos ollos, o lugar exacto en que a Patronal mandou matar a El Noi del Sucre. Ou sentar en el Café de la Ópera, fronte ao Liceu, mentres tomaba un café, ou unha cervexa, e falaba co camareiro, natural de Sigüeiro, coñecido como “O Rubio”, socio do Centro Gallego. E o transeúnte continuaba. A Rambla das Flores, e alí estaba aquela florista (Núria, Mercé ou Clara?) que tinxira de negro os seus caraveis o día da morte de Durruti. E continuaba a subir o transeúnte. Despois de pasar diante das gaiolas cheas de animais domésticos (hoxe non existen, por sorte) onde nenos acompañados dos seus avós ou seus pais intentaban tocar o bico dos paxaros, até o final da Rambla. Ao chegar aquí, a Canaletas, se non era domingo, non se detiña (os domingos había tertulia futbolística), e tiraba á esquerda, á rúa de Pelayo (Pelai), e alá estaba a Librería Bosch (desaparecida: tenda de modas). Bosch tiña outras dúas sucursais: unha na Ronda Universitat, a carón da Universidade de Barcelona e moi preto desta da rúa de Pelai: hoxe é un lugar de comida rápida; outra na que maiormente vendía libros de texto: un bazar chinés. As librarías Bosch, moi ben provistas de todo tipo de libros, literarios e técnicos, eran “míticas” entre os “afeccionados” a ripar libros (o transeúnte lembra tamén ver nunha das librarías Bosch un coñecido arquitecto galego abastecerse de libros que lle interesaban sen pasar por caixa). Ou no canto de tirar por Pelai, cruzar a Rambla ir ao Cine Capitol, ao de “antes”, “Can Pistoles” –sempre películas do oeste, sesión dobre; ou unha do oeste e outra de romanos ou de aventuras–, cuxa expendedora se emocionaba cando lembraba que lle vendera entradas ao “avi” (avó), é dicir, ao President Macià. Mais o viandante continuaba a subir pola rúa de Pelai até chegar á redacción de La Vanguardia (hoxe é un hotel) para ver un panel coas últimas noticias; se miraba á dereita, á rúa de Vergara, alá estaba a editorial, distribuidora e libraría El Hogar del Libro, na que un dia Álvaro Cunqueiro lle asinou un libro aquel, tamén mítico, 1968, o ano que, segundo Kurlansky, “conmocionou o mundo”, que aínda está nos estantes da biblioteca do transeúnte. El Hogar del Libro, logo, coa democracia, transformouse en La Llar del Llibre, finalmente, a desaparición. E continuaba até a Praza Universidade, cruzaba esta e botando á esquerda mentres subía, ía á rúa de Aribau: o paraíso das librarías de vello. Paraíso hoxe perdido: había seis ou sete, hoxe quedan dúas e unha só abre, cando abre, polas tardes. E, finalmente, o transeúnte ía para a casa, até o día seguinte, que iría pola Diagonal.

Libraría Jaimes.

Libraría Jaimes.

Na Diagonal o transeúnte visitaba a Librería Ancora e Delfín, cuxo propietario era o editor da revista Destino e da editorial do mesmo nome: libros franceses escollidos e maiormente prohibidos por unha ou outra causa, de todos os xéneros. E Diagonal abaixo, desde a esquina da rúa de Aribau, onde estaba esta libraría, até chegar ao Cinc d’Oros, en que estaba instalado o monumento, monólito, á Vitoria (franquista). (Hoxe denomínase Praza de Joan Carles I, o actual concello quere cambiar a súa denominación para lle restituír o seu nomenclátor popular: Cinc d’Oros, para grande escándalo da prensa madrileña e doutros, claro). En Cinc d’Oros estaba a libraría do mesmo nome: especializada en libros de ciencias sociais: atopábase todo, mesmo, se coñecían o comprador, libros de Ruedo Ibérico. Hoxe é unha tenda de decoración, ou algo así., Enfronte desta libraría, ao outro lado da Diagonal, e facendo esquina coa Rambla de Cataluña: a libraría Mediterránea: escaparate da Editorial Aymà-Proa: hoxe un “Cortefiel” e a editorial, como a Editorial Destino, en mans do Grupo Planeta.

En fin, todo isto, claro, non o saberá o turista, nin o lector compulsivo ou non de menos de 50 anos. Apareceron na cidade outras librarías, mesmo megalibrarías, desas en que o vendedor vende o mesmo un libro que un aparato de cortar as uñas do pé. (Xúrao o transeúnte: nunha desta librarías, un seu amigo e compañeiro de traballo, hai anos, foi preguntar se tiñan Os campos magnéticos, de André Breton e Philippe Soupault, que daquela aínda corría na edición de Tusquets Editores. A contestación foi moi boa: “Diríxase vostede ao departamento de libro técnico” –sección física, supón o transeúnte). Hoxe xa non hai nas librarías libros prohibidos, cada vez é máis difícil ripar libros, por sorte; e talvez, ou sen talvez, a nostalxia é un erro, mais non a melancolía.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s