Libros personalizados, a fascinación da letra impresa

Untitled design (1)César Lorenzo Gil.

A tradición conta que Dante Alighieri compuxo a Divina Comedia como homenaxe ao amor da súa vida, Beatrice, aínda que para os especialistas esta figura feminina seguramente era unha licenza poética do escritor toscano, unha estratexia simbólica para contar o mundo que quería contar. Máis claro, en cambio, está a relación de Lewis Carroll con Alice Liddell, a cativa para quen escribiu Alicia no país das marabillas hai 150 anos. A inspiración e a dedicatoria máis ou menos confesa de moitos libros é unha constante na historia. O artista ten na súa man a ferramenta para inmortalizar ou axustar contas con esa persoa que o marcou.

Noutras ocasións, o artista dedica o seu texto literario buscando algunha recompensa. Eis os casos dos principais escritores que publicaron entre a invención da imprenta (a finais do século XV) e a primeira revolución cultural do século XIX. Lope de Vega, Francisco Quevedo, William Shakespeare e outros grandes da historia conseguían pagar os custos editoriais grazas ao mecenado de nobres. Por exemplo, Miguel de Cervantes dedicoulle a Pedro Fernández de Castro e Andrade, conde de Lemos, o que para el era o seu mellor traballo: Los trabajos de Persiles y Segismunda. Este conde, un dos grandes políticos do seu tempo, pasou á historia como grande amigo de literatos, vaia, que pagou da súa man moitas das súas obras ou directamente o salario dos escritores para que entre tarefa e tarefa burocrática tivesen tempo para escribiren literatura.

En moitos casos, eses mecenados cobrábanos os nobres ou ricohomes con haxiografías ou invencións propagandísticas, desde a óptica xenealóxica, heroica ou moral. O tempo foi borrando a pegada de moitos destes textos pero algúns dos senlleiros libros da historia da literatura española xurdiron como operacións publicitarias. Quizais o máis soado é o de El Victorial, de Gutierre Díez de Games, publicado no primeiro terzo do século XV por encarga do protagonista do libro, Pedro Niño, conde de Buelna, un dos máis sonados casos de ascensión social na ríxida sociedade estamental do baixomedievo. Nesta novela de aventuras (parece mentira que aínda non aparecese en El Ministerio del Tiempo), Niño aparece como un heroe. nobre de berce, sen sorte na infancia, soldado ao servizo de Castela, heroe nos ataques contra Inglaterra e os bérberes, acaba casando coa neta de Inés de Castro, Beatriz, tras unha rocambolesca trama que inclúe nobres viles, exilio e raíñas clementes. O caso é que o Victorial pasa por ser un libro personalizado de alto nivel, un traballo que de vivir Games noutro tempo o tería feito rico.

Porque hoxe sabemos que os escritores que máis gañan non son precisamente os que inventan as súas historias. Alén dos moitos ghost writers (coido que o galego debería proscribir o castelanismo negro neste caso) que “asesoran” estrelas da televisión ou da empresa que se meten a escritores, ultimamente gaña peso a figura do escritor profesional que non idea, simplemente escribe sobre o que lle piden. Velaí o caso máis famoso, o do sueco David Lagercrantz, autor da última novela da saga ‘Millenium’, que inventara o defunto Stieg Larsson e cuxos herdeiros consideraron demasiado lucrativa como para deixala esmorecer. Lagercrantz foi elixido pola súa versatilidade e demostrou que tanto se lle daba a biografía (obtivo un grande éxito mundial coas memorias do futbolista Zlatan Ibrahimovic) coma o thriller. Sábese que unha axencia literaria intentou poñelo en contacto co fillo de J. R. R. Tolkien, Christopher, para propoñerlle unha continuación da saga d’O Señor dos Aneis e incluso circula a lenda urbana de que o mesmo Lagercrantz telefonou a George R. R. Martin para ofrecerse para rematarlle a nova entrega da Canción de xeo e lume, que tanto se lle atragoa ao estadounidense.

Democratización

Mais hoxe a personalización de libros non é unicamente cousa de elites, amizades privilexiadas ou “marcas” editoriais consolidadas. Hoxe existe unha ampla oferta de personalización de contidos impresos para todos os gustos e demandas.Podemos diferenciar dous tipos de libros personalizados segundo o seu fin.

Dun lado temos os contidos personalizados que procuran simplemente converter o comprador en único posuidor dun contido exclusivo e incluso íntimo. O produto deste tipo de maior éxito é o álbum fotográfico de nova xeración. Non falamos de simples arquivadores nos que pegar as nosas fotos reveladas coa axuda de láminas de plástico transparente. A mellora tecnolóxica da impresión dixital e o deseño de ferramentas de autoedición de textos e fotografía mediante maquetas de doado uso encontraron para os antigos fabricantes de papel fotográfico un novo campo, moi exitoso. Os libros fotográficos son álbumes enriquecidos, cunha composición complexa e un aproveitamento total da maior calidade da fotografía dixital sobre a vella analóxica. Os recordos ben admnistrados espremendo ao máximo o sortware das compañías editoras consegue resultados que fan palidecer vellas fotobiografías profesionais de figuras públicas. Segundo o prezo, os acabamentos. Hai unha oferta diversa e chama a atención que as cifras de negocio da impresión de foto ao papel sexa maior que inventos coma o marco de fotos dixital ou o uso de programas que converten unha viaxe ou unha voda nunha proxección virtual de diapositivas. A impresión en papel segue a contar con calidades positivas para a maioría: resistencia ao paso do tempo, autoridade, prestixio… Esas virtudes é normal que se queiran estender aos contidos. Arestora hai unha manchea de compañías que se dedican a personalizar contidos segundo a ocasión. Que vostede quere quedar coma un rei diante do seu afillado de catro anos? Pois que mellor que regalarlle un conto no que o protagonista se chama coma el. O grao de personalización é variable. Segundo o prezo, estes relatos infantís poden adaptar unicamente onomástica ou tamén situacións do texto. Nos produtos máis caros, incluso as ilustracións varían. Non son grandes historias nin contan con grandes ilustracións. Son algo así como esas estatuas de cartón nas que podes colocar a túa cara nun burato para pasares por vaqueiro, dama medieval ou gorila nalgunha foto.

Xa con maior valor engadido están os contidos personalizados sobre persoas, organizacións ou eventos. Son relatos de voda ou libros sobre empresas. Tamén biografías por encarga. Estes contidos contan con profesionais do Xornalismo que ofrecen os seus coñecementos na síntese e na xerarquización informativa para lexitimar ou perpetuar a memoria dalgún acontecemento ou unha persoa, idea ou colectivo. Noutros tempos, estes traballos de biografía ou microhistoria quedaban nas mans de cronistas e afeccionados locais e a publicación de obriñas que lembraban o labor de tal club social ou a vida desoutro veciño eran noticias de gran difusión local. Hoxe calquera ten acceso a un profesional dos contidos para que conte a historia desa avoa que saíu da nada e conseguiu fortuna en América ou compile e destaque os mellores momentos desa ferraxería que se mantivo en pé corenta anos até a xubilación dos donos. Esta derivación do xornalismo en tempos de crise ten máis público potencial ca real. Na meirande parte dos casos, para que a tarefa sexa rendible, hai que rematar os textos en pouco tempo. Hai pouca documentación, ningún rigor e un perfil admirativo que invalida estes traballos máis alá dos andeis da casa dos seus protagonistas. E ese é o seu triunfo xa que a meta destes libros é esa.

Hai, ademais, experiencias máis amplas cun obxectivo social e histórico alleo ás leis da oferta e da demanda. Houbo experiencias que quixeron radiografar barrios enteiros en Lisboa ou en Madrid, por exemplo. Compor unha historia colectiva a partir da experiencia persoal. Proxectos ambiciosos que precisaban unha implicación institucional e veciñal moi alta e que deberon conformarse con resultados parciais.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s