Laura Sandoval e Daniel Álvarez: “Incumprimos a máxima do oficio: publicamos aquilo que nos gusta”

Dani_Laura

Daniel Álvarez e Laura Sandoval.

César Lorenzo Gil.

Localizada en Xixón, Hoja de Lata é unha das novas editoriais que irromperon nos últimos anos en España con forza para innovar e ampliar o foco sobre a diversidade literaria global. O seu catálogo é dos máis interesantes, tanto en narrativa coma en ensaio. O seu vínculo con Galicia é notorio. O primeiro libro do seu catálogo foi a tradución de Arraianos, de Xosé Luís Méndez Ferrín. Tamén publicaron dúas obras de Teresa Moure. Os seus promotores, Daniel Álvarez e Laura Sandoval, contestan por xunto o cuestionario.

Teño entendido que Hoja de Lata é un proxecto provocado por unha crise laboral. Gustaríame saber como reaccionou o voso contorno cando vostedes lles falaron de converter a paixón polos llibros nunha saída profesional.

En efecto, Hoja de lata xorde cando perdemos o noso emprego como libreiros. Des que nos coñecemos démoslle moitas voltas á idea de montar unha editorial: que liña de títulos, que tipo de libros, con que materiais… Non nos atreveramos a dar o paso polos crus que estaban (e seguen a estar) os tempos, de xeito que en realidade o desemprego tomou a decisión por nós. Loxicamente, o escepticismo foi a actitude imperante no noso contorno pero como tampouco é que houbese outra saída segura ao cento por cento, tomárono con relativa calma e non contribuíron a meternos máis pedras na mochila.

Seguro que neste tempo houbo desalento.

O desalento non veu ao principio, máis ben nunha segunda etapa, cando xa deramos uns cantos pasos (e investido un bo diñeiro) no proxecto e de socato houbo un momento de parón. Non iamos a máis pero xa non podiamos dar marcha atrás. Conseguimos desatascar a situación pero si houbo un momento no que fundiu un pouco o desánimo.

Hoja de Lata é o resultado da súa traxectoria profesional ou nace de antes?

Os dous traballabamos nunha cadea de librarías, na que nos coñecemos. Unha fermosa historia de amor cos libros de fondo. Soa ben, certo? Iso permítenos coñecer no seu momento o ciclo comercial do libro máis a fondo: o que custa colocar un libro na mesa de novidades, o pouco que dura nela, a crueldade das listaxes de rotación… En ocasións escoitamos opinións doutros editores novatos que evidencian bastante descoñecemento do funcionamento do libro. E non é que nós o fagamos mellor pero si que coñecemos de primeira man o que se coce dentro dunha libraría. Ambos cursaramos senllos posgraos en Edición ao tempo que traballabamos e ambos tiñamos a intención de traballar no sector editorial. Como falabamos antes, irmos ao paro acelerou e enfocou o proceso.

Hai máis casos de editoriais nas que participan parellas. En Galicia temos Irmás Cartoné e Novovinilo, por exemplo. Se xa é difícil separar os espazos profesional e persoal cando a parella comparte traballo nun lugar físico separado da casa, como conseguen vostedes osixenar a convivencia cando todo se sitúa, traballo e casa, no mesmo espazo?

E ademais temos dous nenos pequenos! Esiximos o Nobel da Concordia! É moi duro compartir espazo físico as 24 horas do día, sete días por semana, sen dúbida, pero tentamos levalo o mellor que podemos. Xusto antes de atender esta entrevista tivemos unha rifa profesional e confío en que dentro do Grupo Planeta o ton das discusións non alcancen os decibelios das nosas, con certeza. A chave? Supoño que está en atopar espazos nos que os dous volvemos ser “civís”, non editores, e nos que non se fala de libros. Ter que correr detrás de dous pequerrichos axuda bastante a atopar intres de descanso.

Falemos da editorial: Cal é a súa liña de publicacións. Que libros queren producir? Cales son os límites cos que se encontran?

Botámonos con descaro a tentar chamar a atención do lector avanzado, o que frecuenta as mesas de novidades das librarías e fala co seu libreiro habitual sobre títulos e autores. Ese é o noso obxectivo prioritario, a lectora que podes fidelizar e que poida chegar a confiar no teu criterio como editora a curto-medio prazo. Logo está o lector máis ocasional, o que merca libros de cando en vez e que quizais se achegue a Hoja de Lata por un título concreto, cuxa temática o atraia máis. Queremos producir libros ben facturados, con materiais escollidos, que transmitan algo positivo no lector. A nosa decisión foi apostar por un libro máis caro de producir pero que había ser apreciado polo público que le habitualmente.

Os límites son económicos e humanos. Temos un limiar de gasto por título que en ocasións traspasamos porque somos máis románticos ca analíticos, e ese é o principal límite da editora, non poder permitirte publicar tal título de tal autor porque che resulta inviable para os teus estándares de vendas. No humano, non dispoñemos de máis horas de traballo das que temos, e non somos dos que pretenden que os seus nenos llelos críe unha institutriz xermana. E como aínda non podemos permitirnos externalizar moitos labores, asumímolos todos, agás tradución e corrección.

En Hoja de Lata hai dúas coleccións en castelán: unha de narrativa (Sensibles a las letras) e outra de ensaio (Mecanoclastia). De onde xorden eses títulos?

Explicitar sensibilidade cara ao escrito parecíanos o necesario punto de arranque para todo proxecto editorial e cultural que se precie, de aí que optamos por declararnos abertamento apaixonados da literatura como leitmotiv. Mecanoclastia ou “a destrución da máquina” como nome da nosa colección de ensaio é unha homenaxe a aqueles rebeldes primitivos que concentraron os seus medos na destrución dos primeiros artiluxios mecánicos, os teares que lle deron comezo á industrialización, que supuxeron a perda do sustento para moitos artesáns cualificados. Parecíanos de lei dedicar os nosos títulos de non ficción a quen tiveron unha maneira tan visceral, e estéril, a un tempo, de combater o capitalismo.

A ficción representa aproximadamente o 50% da facturación dunha libraría xeneralista, fronte ao 10% que supón o ensaio.

Nestes anos de construción do seu catálogo, existe unha obvia diferenza en canto a títulos de un ou outro xénero. A diferenza de publicacións é de cinco a un a favor da narrativa. Ten a ver co mercado, coa oferta do produto ou cunha estratexia editorial?

As dúas mentes pensantes de Hoja de Lata vimos do activismo político e dos movementos sociais. No caso de Daniel, foi sempre de ler ensaios sesudos que nos permiten achar chaves do que nos está a pasar ou do que nos pasou. Chegou máis tarde ca Laura a comprender o potencial da literatura como axente de cambio, como canal cun potencial político tremendo, e aí onde coincidimos os dous. Ambos somos apaixonados da literatura e os dous confiamos na ficción para achegar ideas luminosas a estes tempos incertos. De aí que apostaramos por centrar o groso das publicacións na novela, mantendo, iso si, unha presenza para o ensaio divulgativo.

Cubierta_jardines-510x730

Capa de ‘Artes subversivas para cultivar jardines’, de Teresa Moure, publicada en galego como ‘A intervención’.

Sobre o ensaio: Habitualmente dise que a novela é a raíña das vendas pero que nos últimos anos o ensaio está a repuntar. Mais non calquera ensaio senón libros capaces de explicar o presente ou conseguir un achegamento a un tema interesante cun equilibrio entre erudición e divulgación. Gustaríame coñecer a súa opinión.

A ficción representa aproximadamente o 50% da facturación dunha libraría xeneralista, fronte ao 10% que supón o ensaio. O público actualmente busca explicaciónos á situación miserable (para moitos) que estamos a vivir, efectivamente, de xeito que se conxugamos ambos factores, podemos chegar á conclusión que unha literatura con vocación social pode ter un éxito moderado. E nesa dirección apuntamos.

‘Mecanoclastia’ opta por unha visión crítica da sociedade. Hai unha obvia orientación ideolóxica na elección do catálogo. Hai outras editoriais que intentan aglutinar diferentes visións, servir unicamente como contedor de libros. Paréceme que non é o seu caso. Explíquenme a súa visión.

A diferenza de Groucho Marx, nós non temos outros principios éticos que ofrecer nin estamos no sector editorial porque nos interese publicar calquera xénero de libros. Desde o comezo tiñamos moi claro que iamos saltar por riba desa máxima do oficio de editor qe esixe que non publiques unicamente os libros que a ti che gustan, porque fracasarás. Nós tomamos o noso traballo como unha proxección da nosa visión do mundo e da vida, de modo que ofrecemos aquilo que a nós nos parece imprescindible para seguir a levantarnos cada mañá: boa literatura que resista o paso do tempo e ferramentas de coñecemento que inviten á reflexión para superar esta sociedade de clases na que vivimos.

Falando de narrativa, tamén se denota unha aposta por unha literatura específica, ía definila como comprometida pero non sei se o termo está moi gasto. Que opinan?

Tentamos ofrecer boa literatura non tan específica como poida parecer a priori, pero o certo é que sempre acabamos apostando por autoras e autores que pisaron forte no seu momento. Parándonos a pensar en que era o que tiñan en común os nosos escritores, chegamos á conclusión de que máis ca unha ou outra tendencia política, máis ca “comprometidos” ou “sociais”, os nosos autores manteñen unha postura vitalista, activa, optimista ou cando menos, esperanzada. Son persoas que non se resignaron ao que se esperaba deles na vida senón que, chegado o caso, crebaron normas e trazaron o seu propio camiño. Iso é o que poden ter en común persoas como Xosé Luís Méndez Ferrín, Marcello Fois ou Elinore Pruitt Stewart.

Refírome ao compromiso cunha visión crítica da sociedade, tanto entre autores vivos actuais, como na recuperación de clásicos modernos: Malaquais, Upton Sinclair… O fácil para vender libros, di o tópico, é darlle ao lector aquilo que o reconforta, o faga sentir cómodo. No seu caso, diríase que queren atopar eses lectores que xustamente desexan que os sacudan, que os saquen da súa zona de confort. É correcto?

Totalmente. Incluso as novelas máis aparentemente bondadosas e cándidas de entre o noso catálogo (que tamén as hai) teñen un compoñente iconoclasta e irreverente, quizais menos explícito, pero presente sen dúbida ningunha. Outras son manifestamente ásperas e contundentes, coma un gancho á mandíbula. En cada un está optar polo que lle apetece ler en cada intre, claro está. Mais para que este proxecto funcione e así saber se o estamos a facer ben como editores, logo de acabr un dos nosos libros terías que pararte a pensar, non só no que acabas de ler senón tamén en ti mesmo.

Cuantitativamente, os títulos que máis éxito tiveron foron Cartas de una pionera, de Elinore Pruitt Stewart e Unha triloxía palestina, de Gasán Kanafani.

Como reacciona o lector á súa aposta? Están chegando ao seu público obxectivo? Houbo algún título ou títulos que conseguiran atraer lectores e incluso fidelizalos á súa marca?

Estamos moi contentes co desenvolvemento da nosa editorial, chegando paso a paso ao noso público e facéndonos un oco nas librarías. Con cada títulos tivemos reaccións positivas, sexa dun lector ou de mil, pero con todos os nosos libros tivemos públicco que nos dixo: “Grazas por publicalo”, e iso é o que máis nos reconforta. Como, ademais, a comunicación en Hoja de Lata se fai de ti a ti, de lector a lector (considerámonos lectores por riba de todo), as bases para que se cree unha relación fiel e de confianza están postas. Cuantitativamente, os títulos que máis éxito tiveron foron Cartas de una pionera, de Elinore Pruitt Stewart e Unha triloxía palestina, de Gasán Kanafani.

É interesante o caso de Diecisiete instantes de una primavera, de Iulian Semionov. Este libro vendeu cen millóns de exemplares, está traducido a 25 idiomas, foi a orixe da serie de TV máis famosa da URSS. Non sei se explica os fluxos internacionais da cultura, a influencia que unha cultura pode ter sobre as demais no mundo de hoxe ou non dependendo da súa nacionalidade. Quero dicir, con todos os respectos, que se esas cifras respondesen a unha novela estadounidense ou británica coido que Hoja de Lata non podería acceder á publicación porque as grandes editoras se lles adiantarían.

Tes razón, sen dúbida. Mais aí está o oco polo que podemos coarnos as microeditoras: descubrir perlas, actuais ou pasadas, que se lles pasaran ou que desestimaran os grandes selos. No caso de Diecisiete instantes de una primavera a aposta era clara: a lectura que se fai no 2016 sobre a II Guerra Mundial é que os aliados occidentais derrotaron o nazismo. Practicamente, sabemos os nomes de cada soldado estadounidense que morreu no desembarco de Normandía, a historia dos rapaces que levantaron as barras e as estrelas nas areas de Iwo-Jima. Pero o certo é que no 1946 se lle preguntabas a calquera persoa do mundo, a inmensa maioría responderíache que a guerra a gañou a URSS, coa axuda dos EUA e Gran Bretaña. Máis de tres cuartas partes dos soldados alemáns mortos caeron na fronte oriental; a ofensiva aliada definitiva contra o nazismo se fixo apenas uns meses antes do final da guerra, cando viron que se non apertaban, o Exército Vermello chegaría a Berlín antes ca eles e Alemaña se rendería diante da URSS en vez que diante deles. Interesábanos sobre todo amosar a outra versión da historia, a que durante décadas foi hexemónica e que co paso do tempo quedou sepultada polo canon occidental e polo cinema de Hollywood. E, por fortuna, a ningún grande se lle ocorreu publicar a novelaza de Semionov.

Neste momento son moitas as pequenas editoriais que apareceron e seguen aparecendo en castelán con novas propostas. Pensan que comparten todas certas señas de identidade? Non me refiro unicamente ao tamaño senón sobre todo ao compromiso lector e a unha reformulación crítica da figura do editor como descubridor da diversidade literaria do mundo.

Case todas as pequenas editoriais compartimos a mesma filosofía de facer as cousas, de amor polo oficio e paixón polos libros, sen dúbida. Incluso nos atreveriamos a dicir que compartimos certo grao de freakismo, de obsesión pola literatura e polo libro como obxecto. Por regra xeral, tamén son comúns certas incapacidades para xestionar un proxecto empresarial seguindo os parámetros do que se entende por sensato actualmente, o cal non é necesariamente negativo pero si é significativo.

Con tanta diversificación, non faría falta quizais un proceso de sinerxía e concentración de certos servizos para conseguir mellores custos ou unha mellor difusión do seu traballo?

Máis ca un proceso de concentración, supoño que se dará un de selección natural: os menos interesantes para o público ou con xestores menos hábiles no financeiro irán ficando polo camiño e sobrevivirán aqueles que saiban comunicar mellor as bondades do seu catálogo e os que teñan á fronte un editor que, ademais de entender de libros, saiba optimizar o rendemento económico do seu selo. Alén de na confluencia puntual, para publicar un título especialmente custoso ou inviable, non cremos na unificación ou absorción de microeditoriais porque sería como falar de concentración de oleiros ou de pintores. Cada un entendemos o noso proxecto como algo tremendamente persoal e intransferible, case artesanal. Se non funciona con nós ao temón, mellor dedícarse a outra cousa.

Como é posible que xusto cando os medios de comunicación anunciaban o ocaso do papel en beneficio do formato dixital, existe esta eclosión da que vostedes tamén participan? Como xustamente agora saen tantas e con tanta calidade editorial?

Os grandes grupos confundiron desexos con realidades, insospeitadas realidades, todo hai que dicilo. O final do libro en papel agoirouse porque determinadas grandes corporacións apostárono todo á creación dun novo nicho de mercado: o dixital. O mundo púxose patas arriba, pensaban que todo o mundo ía tragar con ler nun trebello dixital. Un negocio redondo para os seus impulsores porque ían liquidar os intermediarios (distribuidores e libreiros) e ían vender eles mesmos o soporte, que, ademais, coma todo o tecnolóxico, teriamos que renovar cada dous ou tres anos por térense quedado obsoletos. Pero vai o público e pasa da mercadotecnia e segue a comprar libros en papel. Inconcibible! A explosión do fenómeno das microeditoriais en España supoñemos que ten a ver cun público con ganas de descubrir, coa aparición dun distribuidor que creu no potencial económico dos pequenos selos (o que compartimos a maioría das pequenas editoras e ao que nunca estaremos o suficientemente agradecidos) e ao cansazo que sentimos uns cantos novos (ou xa non tanto) profesionais coa forma de facer as cousas que teñen as grandes compañías.

O sector editorial está a repuntar, como parece que avalan as cifras.

Por onde consideran que vai o mercado? Tiraxes curtas ou incluso impresión baixo demanda? Diversificación de títulos para captar todos os públicos dos diferentes segmentos?

O sector editorial está a repuntar, como parece que avalan as cifras. Pero máis alá do volume de vendas, o que a nós nos parece máis prometedor é certo repunte do hábito cultural como algo socialmente valorado. Recorrendo ao xenial eslogan de Gallo Nero, parece que ler e ter inquedanzas culturais volve ser sexi. O cal é sumamente interesante para todo, non só para quen nos dedicamos a publicar títulos senón para o avance da sociedade, para a educación das persoas no espírito reflexivo e libre. Se a icona do éxito dunha persoa nova en España é o tronista dun programa do telelixo, é evidente que a nosa sociedade está a crear borregos analfabetos funcionais. E esa parece ser a aposta do goberno: especificación técnica para converterte nun profesional bo no teu ramo, pero que non estudou filosofía ou non se cuestiona por que ter que pagar unha hipoteca a 40 anos é un suicidio colectivo. Agora parece, en cambio, que unha parte das xeracións máis novas volve a vista cara á lectura e reivindica o feito de ler como algo importante, incluso socialmente ben visto nos seus círculos. Un exemplo: é gratificante a cantidade de rapazada que se interesa pola poesía, que organiza timbas poéticas ou outras actividades culturais fóra dos circuítos oficiais.

No técnico, a nós non nos interesa a impresión baixo demanda. Ao contrario, apostamos polos libros feitos con agarimo, con cartolinas con texturas, sen plastificar, polos papeis bos que resistan o paso do tempo, polas traducións ben feitas.

portada_arraianos_imprenta

Capa da edición castelá de ‘Arraianos’.

Aínda que hoxe cambiou moito a xeografía industrial do libro, como viven publicar en castelán desde as marxes? É posible influír nos mercados literarios desde Asturies? Sería máis doado o seu traballo se vivisen en Madrid ou Barcelona?

Sería moito máis doado se estivésemeos nalgún dos dous polos do sector. Mais sería moito menos meritorio, non si? Editar desde “provincias” (como nos teñen dito) conta coa gran desavantaxe de que non vives no fermento do teu sector, non tes acceso inmediato aos xornalistas culturais dos grandes medios, non podes asistir facilmente aos saraos editoriais, non podes visitar con tanta frecuencia os libreiros das grandes cidades. Pero por contra, vives a outro ritmo e non te deixas levar tanto pola psicose das grandes urbes. Tamén ten un certo exotismo iso de publicar “tras os montes” por aquilo de que hai quen descobre que á periferia tamén chegan as correntes literarias contemporáneas, así coma o ADSL e incluso a auga corrente. É esperanzador ver a calidade da produción editorial que se fai nas marxes: Pepitas de Calabaza en Logroño, Menoscuarto en Palencia, Tropo en Huesca, Ediciones del Viento na Coruña, La Uña Rota en Segovia, Satori tamén en Xixón.

A súa relación con Galicia e a súa literatura é moi importante, non só porque a sede de Hoja de Lata estea na Avenida de Galicia de Xixón. Se obviamos a Prudencio de Pereda, Teresa Moure e Xosé Luís Méndez Ferrín son os únicos autores “peninsulares” do seu catálogo. Dous autores moi diferentes en canto a estilo e públicos obxectivos. De onde nace o seu interese por eles?

Tanto Ferrín coma Moure chegaron ao catálogo de Hoja de Lata porque eran autores totémicos para nós, polo seu valor literario e pola traxectoria persoal de ambos autores. A ambos traiámolos na nosa bagaxe previa como lectores. De xeito que cando decidimos botar a rodar co proxecto, tiñamos claro que dous dos autores que queriamos publicar eran eles.

Ferrín é o grande autor vivo da literatura galega pero case nunca foi exportado porque non é un autor comercial en ningún sentido. Pensan que o seu paso a outras linguas tivo outros atrancos?

Ferrín paga a peaxe das súas posturas políticas para triunfar entre o público lector en castelán. España tenlles pavor aos intelectuais, aos auténticos intelectuais, aos que se preocuparon de verdade por atoparen as respostas do seu momento histórico. En lugar diso, e sempre segundo a nosa opinión, poténciase o papel de palmero do oficialismo como figura de falso intelectual. E así nos vai. Da periferia, España sempre importou só unha cultura amable, étnica, incluso folclórica chegado o momento.  

Antes de que remate o ano publicaremos un novo libro traducido do galego.

No caso de Moure interésame un factor un tanto académico: o concepto de autotradución, moi estudado por autoras como Rexina Vega ou Giada Giacomel. No seu catálogo o libro A intervención (publicado por Xerais no 2010) pasa a ser Artes subversivas para cultivar jardines. Non sei se vostedes tiveron en conta isto e se teñen unha opinión sobre o tema.

Coidamos que Galicia xa hai décadas que se zafou dos seus complexos como grupo social, en todo, incluído no cultural. De aí que non esteamos demasiado de acordo con que se tendera a reescribir para facilitar a súa asimilación polo público español. No caso do título de Teresa Moure, o cambio débese exclusivamente ao pouco afortunado que nos parecía o orixinal, dado que non transmitía a forza do formulamento que ten a novela. Así llo expuxemos a Teresa e foi ela mesma quen encontrou ese novo e impresionante título. Pero os textos tanto dela coma de Ferrín son a tradución exacta da versión en galego, sen tamices para encaixar entre os castelanfalantes.

Que opinan sobre a situación literaria en galego?

A forza da literatura en galego reside nos seus autores, moitos dos cales toman a súa creación coma un acto militante, como compromiso persoal coa súa terra e a súa cultura, o que nos parece encomiable. A partir de aí, sabemos que da cantidade sae inevitablemente a calidade, e esa calidade literaria é a que nós seguimos de perto.

Polo tanto, hai previsión de ver máis nomes galegos no catálogo de Hoja de Lata?

Así é. Antes de que remate o ano publicaremos un novo libro traducido do galego.

cubierta_Diecisiete_reimpresiónA súa novidade máis recente é Lluvia d’agostu, de Francisco Álvarez González, a súa primeira obra publicada en asturiano. Significa esta publicación o inicio dunha nova colección nesta lingua?

Así é, estrea unha colección propia, ‘Albentestate’ (que significa “sen teito”, “sen protección”, “á intemperie”). Así é como nos sentimos moitas veces as persoas con sensibilidade cara á nosa cultura e a nosa identidade como pobo, como sociedade. Se até agora non publicaramos nada en asturiano debíase a que a produción literaria é reducida e a que había de calidade estaba ben atendida polos selos máis clásicos que publican narrativa en asturiano. Foi Paco Álvarez quen nos propuxo que désemos o salto e publicásemos a súa novela, que gañou o Premio Xosefa Xovellanos no 2015, o principal certame literario en asturiano. A idea entusiasmounos e decidimos optar á súa publicación, de xeito que agora abrimos unha nova fiestra que ha ter continuidade. A nosa idea é publicar as dúas mellores novelas que se escriban en asturiano cada ano, coa idea de contribuír á dinamización da escrita na nosa lingua.

Existe en Asturies algún tipo de apoio á produción cultural en lingua propia? Existe algún mercado, por reducido que sexa, para publicacións nese idioma?

O asturiano non é cooficial, polo que os escolares non se alfabetizan nesa lingua nin aprender a ler o que talvez escoitan na casa. E por iso o consumo cultural en asturiano é un acto militante, despois de “aprender” a ler na lingua que fala. En Asturies hai unha diglosia galopante, moito máis acentuada ca en Galicia, por exemplo, co que asistimos á lenta morte dese piar fundamental da nosa identidade. As políticas gobernamentais para protexer e e vitalizar o asturiano como lingua foron historicamente mornas se non timoratas. Hai certas axudas á promoción da cultura asturiana, outorgadas polo mesmo Goberno que impide que o asturiano se converta en lingua oficial, de xeito que se está a dar un tratamento paliativo a un moribundo, falando claro. Na nosa terra sufrimos sempre o complexo das nosas elites, avergoñadas sempre das súas orixes ou con aspiracións exclusivamente “mesetarias”. De aí que sempre sufriramos unha caste de cosmopaletismo no que o propio ficaba reducido ao ámbito do folclórico ou do chistoso, descartándoo como rexistro culto. En Galicia, pola contra, houbo desde hai décadas quen se preocuparon por reivindicar a valía da identidade propia como algo cualitativamente respectable. Non as grandes elites senón máis ben persoas recoñecidas en determinados círculos, moi vinculados cos movementos populares. E esa é a diferenza entre os “primos irmáns”. Até que non nos desfagamos das elites provincianas, no peor sentido da palabra, non saberemos quen somos verdadeiramente.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s