Literatura e audiovisual, camiño de poucas encrucilladas

Sabela Arán interpretando a Socorrito en 'A esmorga', de Ignacio Vilar. VÍA LÁCTEA FILMES.

Sabela Arán interpretando a Socorrito en ‘A esmorga’, de Ignacio Vilar. VÍA LÁCTEA FILMES.

César Lorenzo Gil.

Cal foi a última adaptación dun libro galego ao formato audiovisual? A praia dos afogados, de Domingos Villar, foi levada ao cinema por Gerardo Herrero hai uns meses; un pouco antes, Ignacio Vilar utilizou A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, como materia prima para un filme. Son excepcións. De feito, pódense contar cos dedos as veces que as palabras traspasaron o valado das pantallas. Manuel Rivas é autor dos textos nos que se basean dúas películas de José Luis Cuerda: A lingua das bolboretas, que reúne varios relatos, e Todo é silencio. Ademais, Antón Reixa escolleu O lapis do carpinteiro para debutar na dirección cinematográfica. Rafael Dieste e Álvaro Cunqueiro tamén foron autores levados á pantalla. O caso do segundo é moi ilustrativo do que puido ser e non foi.

No 1989, Xosé Cermeño dirixe a miniserie Os outros feirantes. Foi o primeiro proxecto de ficción propia da TVG (que nacera só catro anos antes) e desde a cabeceira vinculaba a produción televisiva á figura de Álvaro Cunqueiro. Esta unión tiña sentido. O escritor de Mondoñedo era unha figura popular, recoñecida e simbólica da cultura galega e a adaptación á pantalla case se contemplaba como unha homenaxe. Unha homenaxe pero tamén unha invitación á lectura.

Non é ningún misterio que o audiovisual e o editorial son dous sectores que se retroalimentan cando atopan encrucilladas. Por citar só exemplos recentes, podemos fixarnos en Xogo de tronosThe Walking DeadCincuenta sombras de cinza.

A serie da HBO baseada nos libros de George R. R. Martin converteu unha saga para fanáticos da narrativa fantástica nun fenómeno editorial extraordinario. En España, a editora que posúe os dereitos da serie de novelas, Gigamesh, quedou literalmente sen papel para reeditar os libros. Foi tanta a demanda de exemplares que durante varias semanas as librarías quedaron desabastecidas. Nalgunhas chegaron a colocar cartaces que dicían: “Hoxe non temos os libros de Canción de xeo e lume. Mañá case seguro que tampouco”.

Sen a espectacularidade deste caso, os cómics dos que xurdiu The Walking Dead tamén recibiron novos lectores. Durante unha tempada houbo unha guerra subterránea entre lectores e espectadores das dúas series (a adaptación da AMC é libre e cambia moitos termos, personaxes e situacións do argumento de papel). Os early adopters (ou consumidores temperáns, é dicir, aqueles que lían o cómic cando era minoritario) abominaban da serie. Pola contra, os seguidores da historia na tele consumiron con gran curiosidade a arte nihilista en alto contraste de Robert Kirkman, Tony Moore e Charlie Adlard. Hoxe ambos mundos permanecen en funcionamento e xa consolidaron un universo que se ramificou nunha nova serie televisiva Fear the Walking Dead.

O caso de Cincuenta sombras de cinza é interesante para comprobar o poder que a edición aínda ten sobre os hábitos de consumo cultural. A primeira onda de espectadores da película baseada no best-seller eran lectores que desexaban ver como se plasmara en imaxes a relación dos personaxes protagonistas. Eran uns espectadores “condenados á frustración”, sabedores no íntimo de que fose cal fose o resultado da adaptación sempre estaría por debaixo das súas arelas. Esta expectación repetiuse noutros casos, quizais o máis sonado foi o da saga d’O Señor dos Aneis, triloxía de J. R. R. Tolkien levada ao cinema por Peter Jackson. Di a lenda que o director de cinema neocelandés convenceu os seus investidores cun argumento irrebatible: “Mírenme. Lin os libros de Tolkien unha ducia de veces. Gastei medio salario do mes en bonecos, xogos de rol, no bestiario, nos seus demais libros. Pensan que non estaría disposto a pagar unhas poucas entradas de cine? Pois agora imaxinen 200 millóns de individuos idénticos a min”. O orzamento dos tres filmes non chegou aos 300 millóns de dólares. Recadaron perto de 3.000 millóns de dólares. A obra de Tolkien é un long-seller ininterrompido desde a década do 1980 mais a versión audiovisual ampliou as vendas exponencialmente. Minotauro, o selo propiedade de Planeta cos dereitos sobre o autor británico en castelán, ten 104 referencias, é dicir, títulos, relacionados con el. Non está mal para un escritor que en vida publicou dúas historias: O hobbitt e a súa continuación, O Señor dos Aneis. A partir do 1977 foi o seu fillo Christopher Tolkien o responsable do baleirado, peneira e edición dos seus manuscritos, unha teta que leva dando leite 40 anos.

No ámbito español, houbo varios casos destacados de retroalimentación, un deles cun autor de orixe galega. Los gozos y las sombras foi unha das obras (unha triloxía) das que Gonzalo Torrente Ballester se sentía máis orgulloso pero non foi até que a TVE adaptou ao texto á televisión que a obra se converteu nun éxito de vendas. As novelas foron as máis vendidas do Círculo de Lectores durante un ano e a popularidade á par que o prestixio de Torrente medraron grazas á chulería de Carlos Larrañaga e aos ollos de Charo López. As historias de Celia, de Elena Fortún, Cañas y barro, de Vicente Blasco Ibáñez ou o Pepe Carvalho que inventara Vázquez Montalbán, foron series moi vistas que serviron para revitalizar ou levar a unha nova dimensión as obras literarias das que naceran.

Mais a cultura galega non viviu fenómenos semellantes. A pesar da habitual popularidade das series de produción propia da TVG, a relación entre ficción televisiva e ficción literaria foi escasa. Antón Dobao intentou unir ambos mundos mais os resultados foron dispares. A serie Un mundo de historias fracasou por defectos propios, non porque non gustasen os argumentos tomados de grandes clásicos das nosas letras. En cambio, a serie de películas para a TV do propio Dobao (tamén catalogadas baixo o mesmo epígrafe de “Un mundo de historias”) teñen unha moi boa factura e se non son máis populares é polo uso litúrxico que a canle galega fixo sempre dos seus títulos: programalas en datas sensibles, como o 17 de maio ou o 25 de xullo, días festivos nos que, loxicamente, baixa a audiencia televisiva.

Hai anos, Filmanova creara un depósito de títulos editoriais susceptibles de se converteren en proxectos audiovisuais. Novelas e contos entraran nunha especie de preselección por se no futuro había diñeiro e vontade de levedar con esas historias guións para cinema ou televisión. E mentres no cinema o peso da literatura sobre o total da produción nestes anos pode considerarse baixo pero nun rango normal, a ausencia de referencias literarias na televisión é digno de estudo. En tempos, o esquecemento podía deberse a problemas orzamentarios, ausencia de determinadas temáticas nos libros galegos ou ao peso totémico de determinados autores ou libros de difícil representación fóra da linguaxe literaria. Hoxe as cousas non son así. Poderiamos ter unha serie xuvenil baseada no Tintimán, de Jaureguizar; a nosa Downtown Abbey mediante unha recreación do universo de Otero Pedrayo, unha historia de soños, liberdade e represión con Amor de tango, de María Xosé Queizán, algo en plan New girl seguindo o testemuño autobiográfico de Inma López Silva. Será por ideas!

Advertisements

Un comentario en “Literatura e audiovisual, camiño de poucas encrucilladas

  1. Pingback: Libros que se volveron películas. Exemplos recentes - Libraría Aira das Letras

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s