A necesidade de coñecer a historia en tempos de crise (do nacionalismo)

Petróglifo en Viascón, Cotobade.

Petróglifo en Viascón, Cotobade.

Manuel Veiga Taboada.

Dise, aínda que non estou cento por cento seguro de que sexa certo, que a historia é un dos recursos que temos para orientármonos en tempos de crise. Habería, realmente, que saber que número de libros e de que tipo se editan, en relación cos momentos de auxe e de declive social. En todo o caso, aceptando esa lóxica, e a maiores da crise económica que comezou no 2008, a actual crise do nacionalismo galego debería suscitar unha floración de libros de historia sobre Galiza e o subseguinte debate. Algo diso hai, pero non moito. Vexamos.

Nos últimos meses, veñen de publicarse dúas obras que teñen, a maiores do propio, o interese de presentarnos dúas ópticas, en parte, contrapostas. Unha máis relativista, Historia das historia de Galicia (Xerais) e outra moi próxima ao galeguismo tradicional, Galicia, raíces e compromiso (Ir Indo).

A primeira é unha colección de traballos de diversos autores que coordina Isidro Dubert. A segunda saíu da pluma de Manuel Cabada Castro. Todos os asinantes son universitarios. Cabada Castro, profesor de Comillas e da Complutense, xa xubilado, realizou a súa tese en Alemaña e defínese como filósofo e humanista. Os doce autores que coordina Dubert traballan case todos eles na Universidade de Santiago e, na súa maior parte, son historiadores, aínda que Henrique Monteagudo proceda do campo da lingua, Edelmiro López Iglesias do da economía e Manuel Gago sexa un comunicador, dedicado ultimamente a investigar e divulgar a cultura castrexa.

Historia das historias de Galicia comeza cun prólogo de Dubert, moi marcado por afirmacións discutíbeis e apaixonadas pero que poderían ser altamente produtivas, se se toman como unha incitación ao debate.

A historia, como todas as demais ciencias, sempre está necesitada de discusión e a historia de Galiza, pola súa situación tradicionalmente inestábel e dependente dos seus escasos recursos, probabelmente máis.

A isto aínda se lle poderían engadir dous apuntamentos. O primeiro é que o propio debate debería ser considerado como un claro sinal de vitalidade dunha cultura. E o segundo, ampliando o foco, que o noso modo de argumentar é herdeiro, en parte, do dos pensadores xudeus de Centroeuropa que, nas últimas décadas do XIX e primeiras do XX, achegaron unha longa serie de novidades á cultura occidental, atribuíbeis quizais á tradición polemista da súa educación relixiosa (véxase: Os xudeus e as palabras, de Amos Oz e Fania Oz-Salzberger).

A necesidade de consensuar un novo relato

Castelo de Soutomaior.

Castelo de Soutomaior.

Unha crise o primeiro que pon en cuestión é o tipo de relato (por usar a terminoloxía ao uso) que a sociedade se conta a si mesma sobre o seu pasado ou que os seus líderes de opinión contan e a sociedade asume.

En Historia das historias de Galicia, Edelmiro López Iglesias é o que formula máis de cara esta cuestión ao ofrecernos a imaxe da evolución da economía galega durante os últimos cincuenta anos, para afirmar acto seguido que este novo tempo histórico está aínda á espera “dun relato aceptado”, para o que el dispón tan só “os vimbios”.

López Iglesias afirma, e demostra con números, que Galiza deixou de ser unha economía rexional, especializada na produción de alimentos que se vendían no resto do Estado, para converterse nunha economía moderna, aceptabelmente internacionalizada, cun goberno autónomo que administra un orzamento que supón o 20% do PIB, é dicir dotado de certa capacidade para dirixir a economía.

López Iglesias lembra tamén que, entre 1960 e 2010, tanto o PIB galego como a renda per capita dos galegos multiplicáronse por cinco. A razón hai que buscala na redución vertixinosa da economía campesiña (un proceso que noutros países levou 150 anos e que aquí se realizou en 30) e no conseguinte aumento da produtividade.

Galiza achegou a súa renda á media estatal e europea pero a costa de reducir notoriamente o seu peso poboacional e, consecuentemente, político. Xa non somos un país de pequenos propietarios senón de asalariados e, sobre todo, de pensionistas. En poucas palabras, mellorou moito o noso nivel de vida pero estamos máis perto de desaparecer como país.

O traballo de López Iglesias parece difícil de discutir pero talvez deixa a impresión de que faltan aínda algunhas claves que explicarían mellor a nosa situación.

O celtismo como identificador positivo

Outra contribución importante deste libro é a que realiza Manuel Gago, sobre unha época e unha polémica ben diferente: a existencia ou non de celtas en Galiza. Gago que en Vento e chuvia mostrara aínda un insuficiente dominio da narrativa literaria, déixanos aquí, en cambio, un texto documentado e lúcido, un deses dos que case se pode dicir que pechan o debate.

Gago mostra que o concepto de “celta” varía segundo os países e as épocas e que en Galiza, se non é moi demostrábel a súa existencia segundo os parámetros internacionais da arqueoloxía, si o é desde outros enfoques analíticos, como o da lingüística histórica ou a toponimia. En todo o caso, vén concluír, Galiza non tería por que considerarse nin máis nin menos celta que outros territorios aos que non se lles discute tal identificación.

Gago demostra tamén que o celtismo galego é ben anterior ao XIX e que a súa permanencia, contra vento e marea, ao longo de varios séculos, debe ser tomada cando menos como indicativa.

Finalmente, pregúntase, que sentido tería renunciar a unha marca tan poderosa e aceptada (máis no exterior que dentro, curiosamente), que nos distingue neste mundo globalizado? En base a qué, suxire Gago, os habitantes do Perú son latinos porque foron educados en castelán e nós non poderiamos considerarnos celtas, a maiores doutras cousas, por suposto. Gago apunta tamén que o concepto de país atlántico, igualmente apropiado, actúa case como sinónimo, cando non nos atrevemos a designarnos como celtas.

Monumento de lembranza aos Mártires de Carral.

Monumento de lembranza aos Mártires de Carral.

Unha recompilación da óptica galeguista clásica

O libro de Cabada Castro xira sobre os aspectos que tradicionalmente distinguirían o carácter galego, desde a cautela até o humor. Nútrese dunha morea de textos clásicos, moitos xa coñecidos, co engadido de referencias a estudos actuais, como os de Marcial Gondar, Monteagudo, Miguel Anxo Murado, etc.

Trátase dunha obra que, pola adscrición profesional do autor, se centra na antropoloxía, a psicoloxía e a cultura, sempre sobre o pano de fondo da nosa historia política.

É un libro que, en definitiva, ben podería operar como recompilación actualizada da visión galeguista, con moitas citas que seguen tendo interese e cunha perspectiva crítica do hexemonismo hispano que historiadores como Dubert farán ben en contradicir cando corresponda, pero sen caer no menosprezo daquel que, ao seu pesar, sempre foi o débil nesta historia.

Na procura dunha nova síntese

Parecería necesario superar a Cabada Castro cando utiliza conceptos algunhas veces inaprensíbeis  (“a tenrura da alma galaica”) ou datos hoxe discutidos (así, por exemplo, a simpatía do conxunto dos nobres galegos pola Beltranexa é precisamente matizada no outro libro). De igual modo que parece excesiva, poñamos por caso, a “execución” que Isidro Dubert fai de Emilio González López.

Ese punto xusto de aproximación é o que podería ter encontrado xa Miguel Anxo Murado en Outra idea de Galicia, un libro citado con frecuencia ultimamente. Pero, claro está, quedan aínda moitos campos por desbrozar e moitos debates por resolver.

Advertisements

Un comentario en “A necesidade de coñecer a historia en tempos de crise (do nacionalismo)

  1. Moi de acordo co “linchamento” que se fai de Emilio Gzlez.López,,,eu hai anos buscaba con degaro os seus libros sobre historia de Galicia. Claro que hoxe estarán superados …pero iso mesmo pásalle a calquera outra obra humana. O que fai o sr Dubert é, vamolo dicir sen ambaxes, e soltar prexuízos revestidos de “cientificidade” emanada do Departamento de Historia Moderna. Si algo lle aprecio ós vellos libros de Don Emilio era que eran de lectura amena…probáchedes a ler artigos da escola á que pertence o Dubert ? Si llo dades a unha persoa da rúa, pasará de lelos por insoportablemente técnicos…Estarán ben fundamentados pero hai puntos de vista que pese a quen pese tamén, ollo digo tamén !, se poden ollar con outra lectura ademáis da historia social que tan ben cultivan. E si se lle reprocha que o Emilio non cita moitos documentos penso eu que xa facía bastante desde New York en escribir co que tiña ó seu alcance. Si un vive en Compostela e traballa na Universidade vai a ter dificultades de desprazarse uns metros para ter documentos históricos ó seu alcance… poderia facer o mesmo Don Emilio nun exilio todo dourado que se queira pero exilio por “rojo e republicano ” Un pouquiño de tacto ! Quizá o problema sexa chegar ó gran público ou como se dí hoxe “comunicar” .Ver o mesmo artigo do Gago na mesma obra. Parece aquí que a ilustre corporación de historiadores con título é a única lexitimada en dar a versión máis “científica” Hoxe non sei pero iso antes tiña un nome :Soberbia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s